Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 19 de xullo de 2017 Páx. 34772

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 11 xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2017 e 2018.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, a esta consellería para o exercicio de 2017 a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de teformas, do respectivo plan anual de política de emprego (PAPE) e no eido da colaboración institucional e o dialogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

Mantendo os elementos nucleares que caracterizan desde a súa orixe os programas integrados para o emprego, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, desenvolveu unha adaptación do Programa estatal de programas experimentais en materia de emprego, introducindo unha serie de modificacións tendentes a reducir os custos dos proxectos, a posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias, a establecer colectivos de actuación específicos e garantir a prestación ás persoas participantes de medidas de mellora da empregabilidade. Desta maneira, configúrase un programa autonómico nesta materia que a Xunta de Galicia incluíu no Plan anual de política de emprego (PAPE) para 2017.

Esta nova regulamentación autonómica é posible á vista do novo enfoque que dá ao deseño e á xestión das políticas activas de emprego o número 3 do artigo 36 do texto refundido da Lei de emprego, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, do que resulta que as comunidades autónomas están habilitadas para o deseño e execución de novos programas e servizos de políticas activas de emprego adaptadas ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán preverse no respectivo plan anual de política e emprego (PAPE) e integrarse nalgún dos eixes establecidos no artigo 10.4 do texto refundido da Lei de emprego. Estes requisitos e condicións cúmprense no presente caso, posto que este programa está incluído no PAPE 2017 no eixo 2.

O desemprego é un importante factor de vulnerabilidade das persoas, xa que un período continuado nesta situación pode dar lugar non só á exclusión do mercado laboral senón tamén que pode supoñer un elevado risco de exclusión social das persoas pertencentes aos colectivos máis desfavorecidos.

Na actualidade resulta esencial a colaboración entre o Servizo Público de Emprego de Galicia, as corporacións locais e as entidades sen ánimo de lucro, co fin de mellorar a posta en marcha de accións e medidas de políticas activas de emprego para lograr unha maior empregabilidade das persoas en situación de desemprego.

Por outra banda, e de conformidade co Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013 polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da comunidade autónoma, para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, esta orde establece criterios de valoración específicos para aqueles proxectos de xestión compartida ou fusión municipal que representen un aforro de custos e unha xestión máis eficaz no desenvolvemento dos programas integrados para o emprego.

Dáse tamén cumprimento con esta orde ao programa Emprega en feminino do Goberno galego, elevado ao Consello da Xunta de Galicia do 8 de xuño de 2017 e que ten como obxectivo básico incrementar a taxa de emprego feminino e a mellora da empregabilidade das mulleres. Así, resérvanse especificamente 2.000.000 euros do total do importe convocado para o financiamento de programas integrados dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas co obxecto de que reciban atención específica para súa incorporación ao mercado laboral.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

O financiamento das axudas farase con cargo aos créditos das aplicacións 09.41.322A.460.3 e 09.41.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, polos importes de 1.921.000 euros e 1.880.000 euros, respectivamente, na anualidade de 2017 e 2.881.500 euros e 2.820.000 euros, respectivamente, na anualidade de 2018, correspondentes a fondos finalistas transferidos.

Consultados o Consello Galego de Relacións Laborais, a Federación Galega de Municipios e Provincias e obtidos os informes favorables preceptivos na súa tramitación, por proposta da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e en uso das facultades que me son conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. As subvencións reguladas na presente orde terán por obxecto o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego (procedemento TR332A) con intermediación laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e durante un período de 12 meses.

2. Enténdese por programas integrados de emprego con intermediación laboral aqueles proxectos que desenvolvan con carácter obrigatorio as seguintes accións:

a) Información, orientación e asesoramento.

b) Formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas.

c) Técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.

d) Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista.

e) Fomento da capacidade emprendedora.

f) Prospección empresarial.

g) Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.

h) Formación para o emprego, distinta á prevista na letra b).

O total de horas de formación do programa deberá ser como mínimo de 300 horas.

i) Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctico das accións formativas.

j) Talleres sobre mobilidade laboral que proporcionen información dos recursos dispoñibles de mobilidade transnacional no territorio da Unión Europea (rede Eures), así como outros que informen os usuarios das posibilidades de inserción laboral ao ampliar o ámbito xeográfico de busca de emprego fóra do concello de residencia.

De non desenvolver algunha das accións anteriores deberá xustificarse de xeito motivado.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos das aplicacións: 09.41.322A.460.3 e 09.41.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, polos importes de 1.921.000 euros e 1.880.000 euros, respectivamente, na anualidade 2017, e 2.881.500 euros e 2.820.000 euros, respectivamente, na anualidade 2018, correspondentes a fondos finalistas transferidos.

2. A contía máxima así como a distribución entre créditos orzamentarios poderán ser obxecto de modificación nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As modificacións que, de ser o caso, se produzan por aplicación deste punto serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Características dos programas integrados de Galicia

1. Todas as persoas participantes neste tipo de programas deberán ser persoas en situación de desemprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

O número de persoas que se atenderán será de 85. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 30 por cento das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.

2. O Servizo Público de Emprego de Galicia seleccionará, coa participación da entidade beneficiaria e mediante un procedemento de selección específico para estes programas regulado mediante instrución, as persoas demandantes de emprego dispoñibles para a súa incorporación a eles, tendo en conta que non poderán ser seleccionadas aquelas persoas que xa participasen nun programa integrado de emprego ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017, ou nunha Lanzadeira de emprego de Galicia ao abeiro da Orde do 18 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017.

As persoas finalmente seleccionadas serán identificadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia e non poderán participar noutras medidas activas de emprego que se consideren incompatibles coa participación no programa integrado.

3. Con carácter xeral, consideraranse persoas atendidas aquelas en que se acredite a súa participación en, cando menos, cinco sesións individuais (sesións de orientación, información, asesoramento e preparacións de entrevistas), e outras tres accións de distinta natureza, das previstas no proxecto. As ditas sesións deberán ser distribuídas regularmente ao longo do período de desenvolvemento das accións do programa.

4. De xeito xenérico, considerarase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de 12 meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses ou inicien, durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socios/as traballadores/as ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, por unha duración non inferior a seis meses.

5. Non computarán como inserción laboral:

a) As contratacións que se produzan en calquera Administración pública ou empresa pública, con cargo a subvencións de programas de políticas activas de emprego.

b) A contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención.

c) As bolsas ou prácticas non laborais, aínda que sexan remuneradas e dean lugar a unha alta na Seguridade Social.

d) Contratos de interese social subvencionados a través de programas de cooperación con entidades locais ou entidades sen ánimo de lucro nin os contratos para a formación e a aprendizaxe subvencionados a través dun programa mixto de formación e emprego (escolas obradoiro ou obradoiros de emprego).

e) Contratación en empresas públicas ou privadas en que a retribución da persoa estea financiada mediante subvencións públicas.

f) A contratación en calquera empresa mediante a modalidade de contrato indefinido fixo descontinuo con data de inicio anterior ao comezo do programa, así como os sucesivos chamamentos que derivasen del.

g) Contratos que se produzan no mes seguinte á selección da persoa demandante.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde:

a) As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, cuxa titularidade corresponda integramente a esta, sempre que por si soas ou asociadas teñan unha media de paro rexistrado no ano 2016 superior a 500 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).

b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

c) Das entidades mencionadas nos parágrafos anteriores, non poderán ser beneficiarias das axudas recollidas nesta orde as que teñan a condición de axencia de colocación e perciban axudas dos servizos públicos de emprego (estatal e/ou autonómico) destinadas á inserción laboral no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para os efectos de lograr unha mellor e máis ampla distribución do importe da convocatoria, unha mesma entidade non poderá presentar máis dunha solicitude.

3. Todas elas deberán acreditar experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

4. Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das causas expresadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo I a esta orde, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os seguintes aspectos:

Cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, incluído o de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

A declaración do emprego da lingua galega na realización da totalidade das accións do Programa integrado para o emprego, no caso de marcar esta epígrafe no anexo I da solicitude.

A veracidade da documentación presentada xunto coa solicitude. A entidade solicitante terá a obriga de presentar ante a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a declaración responsable se se lle solicitase.

Xunto co formulario de solicitude deberá anexarse a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto, no modelo que se publica como anexo II, que constará dun máximo de 50 páxinas e que deberá facer referencia, de xeito obrigatorio, aos seguintes aspectos:

No suposto de que o programa estea dirixido exclusivamente a mulleres (artigo 9.6), deberá aparecer reflectido na primeira liña da memoria, especificando textualmente: «PROGRAMA INTEGRADO DIRIXIDO EXCLUSIVAMENTE A MULLERES».

Descrición do proxecto, que inclúa unha enumeración detallada de cada unha das accións que o compoñen.

Cronograma completo do proxecto con indicación da data de inicio e fin prevista de cada unha das accións propostas.

Actividades, sectores e ámbito territorial en que se pretende actuar. Para o caso de que o programa inclúa a atención de colectivos procedentes de expedientes de regulación de emprego de carácter extintivo, deberán detallarse as empresas afectadas e a forma de selección e o perfil do colectivo que se vai atender.

Relación actual de medios materiais e recursos humanos propios de que dispón a entidade solicitante en que se especifiquen as condicións daqueles, o seu historial formativo e laboral e as súas capacidades, con indicación dos que se van afectar para levar a cabo as accións propostas.

Cando os medios materiais destinados ao proxecto non sexan propiedade da entidade promotora, deberá acreditarse, no momento de formalizar a solicitude, a súa disposición de uso.

Experiencia da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade das persoas demandantes de emprego.

b) Copia da escritura de constitución e dos estatutos da entidade solicitante, onde conste que dispón de personalidade xurídica e carece de fins lucrativos. Quedan exceptuadas da presentación destes documentos as entidades locais, agás que concorran en agrupación de concellos constituída a través dun convenio de colaboración, suposto en que deberán achegar copia do devandito convenio.

c) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou acta, onde se determine a dita representación.

d) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración, memoria explicativa da realización conxunta do proxecto con indicación das achegas económicas e doutra índole dos concellos agrupados, o importe da subvención que se aplicará a cada un deles, así como o nomeamento do representante ou apoderado único da agrupación, de acordo co esixido no artigo 8.3 in fine da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere o tamaño límite establecido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizadas electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaren automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificacións de estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

2. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

3. Coas solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal.

Artigo 9. Procedemento, competencia e resolución

1. Para a concesión das axudas teranse en conta os principios de publicidade, igualdade, concorrencia competitiva, non discriminación e obxectividade, regulándose conforme a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas Mixtos da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

3. Se do exame do expediente, segundo o procedemento establecido no artigo 11, se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende o erro ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21, da Lei 39/2015 de 1 de outubro, de conformidade co establecido no artigo 68 da mesma lei.

4. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes.

Para estes efectos a comisión de valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Orientación Laboral, a persoa titular da xefatura do Servizo de Programas Mixtos e unha persoa funcionaria adscrita ao dito servizo, que actuará como secretaria.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

5. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A notificación da resolución favorable comportará a aceptación da axuda, agás que nos 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación a entidade beneficiaria manifeste expresamente a súa renuncia.

6. Do importe total máximo convocado destinaranse prioritariamente os importes de 1.000.000 euros do subconcepto orzamentario 460.3 (entidades locais), e 1.000.000 euros do subconcepto orzamentario 481.3 (entidades sen ánimo de lucro) para o financiamento de programas integrados dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas. Se as solicitudes presentadas que acaden a puntuación mínima non esgotan o crédito reservado nesta epígrafe, o credito sobrante aplicarase á concorrencia competitiva entre o resto de solicitudes. No caso de que o crédito reservado non fose abondo para atender todas as solicitudes presentadas que reúnan as características recollidas na presente epígrafe, adxudicaríase o crédito reservado por orde de puntuación e as non atendidas pasarían a concorrer co resto de solicitudes de acordo coa puntuación acadada.

7. A resolución e a notificación deberanse producir nun prazo de tres meses, que se contará desde o día seguinte ao do remate do prazo para a presentación de solicitudes. Deberase ter en conta o disposto nos artigos 40 e 42 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

8. A resolución que finaliza os procedementos regulados na presente orde esgota a vía administrativa, polo que contra ela se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da disposición impugnada ou a da notificación ou publicación do acto que poña fin á vía administrativa, se for expreso. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, conforme o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, con anterioridade á interposición do dito recurso contencioso-administrativo, e de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, poderase interpoñer recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo no prazo dun mes se o dito acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

9. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria e nos rexistros de subvencións, de acordo co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro; no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

10. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10. Notificacións electrónicas

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal. Este sistema estará dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

3. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite, e o procedemento seguirá, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

4. Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 11. Criterios de valoración dos programas

1. A concesión das subvencións previstas na presente orde realizarase conforme os seguintes criterios:

A. Para todas as solicitudes:

a) As características dos colectivos que hai que atender, tendo en conta as especiais dificultades da súa inserción laboral (puntuación máxima 20 puntos):

a.1) Os colectivos que hai que atender valoraranse segundo a pertenza aos seguintes grupos de persoas desempregadas:

Grupo A:

– Persoas con discapacidade.

– Persoas en risco de exclusión social (incluídas as persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia).

– Mulleres coa condición de vítimas de violencia de xénero.

– Menores de 30 anos con baixa cualificación.

Grupo B:

– Menores de 30 anos (non incluídos no grupo A).

– Persoas desempregadas maiores de 45 anos.

– Persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción.

– Persoas desempregadas beneficiarias da axuda do programa de recualificación profesional (Prepara).

– Persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo, presentado nos doce meses anteriores á publicación desta orde.

Grupo C:

– Mulleres (non incluídas no grupo A).

– Persoas desempregadas de longa duración.

– Persoas inmigrantes.

Grupo D:

– Persoas desempregadas non incluídas en ningún dos grupos anteriores.

A puntuación nesta epígrafe obterase da seguinte forma:

No suposto de que todas as persoas usuarias do programa pertenzan a colectivos salientados nun mesmo grupo dos sinalados anteriormente:

– Colectivos grupo A: 20 puntos. Colectivos grupo B: 15 puntos. Colectivos grupo C: 10 puntos. Colectivos grupo D: 0 puntos.

No suposto de que as persoas usuarias do programa pertenzan a colectivos salientados en distintos grupos dos sinalado: obterán, en primeiro lugar, a puntuación parcial que lles corresponde proporcionalmente, as persoas usuarias pertencentes aos colectivos de cada un dos grupos. Sumaranse as puntuacións parciais resultantes da aplicación da regra proporcional en cada grupo e obterase, desta forma, a puntuación total definitiva nesta epígrafe.

No suposto de que o programa estea dirixido, exclusivamente, a mulleres (artigo 9.6) obterase a puntuación total tendo en conta o colectivo a que pertence cada unha delas, de acordo coa puntuación explicitada nos colectivos mencionados neste artigo.

b) O ámbito xeográfico de actuación do programa integrado (puntuación máxima 14 puntos):

A puntuación nesta epígrafe obterase da seguinte forma:

– Programas integrados localizados en concellos cunha media de paro no ano 2016 superior ás 2.000 persoas: 14 puntos.

– Programas integrados localizados en concellos cunha media de paro no ano 2016 superior ás 1.000 persoas: 7 puntos.

– Programas integrados localizados en concellos cunha media de paro no ano 2016 igual ou inferior ás 1.000 persoas: 0 puntos.

No suposto de que no ámbito xeográfico de actuación do programa convivan concellos dos diferentes grupos a puntuación obterase de xeito proporcional.

c) A participación no proxecto do tecido empresarial existente no territorio en que se implantará o plan. Para tal efecto, acreditarase documentalmente a participación de empresas no plan mediante cartas de compromisos dos seus representantes legais e xustificarase na memoria explicativa do proxecto que as accións propostas e a finalidade do plan se axustan ás necesidades das empresas participantes (puntuación máxima 20 puntos).

d) Recursos humanos e materiais, propios, axeitados para a atención aos colectivos correspondentes e accións propostas para a execución do programa (puntuación máxima 15 puntos):

d.1) Nos recursos humanos, valorarase ata un máximo de 5 puntos a ratio resultante de dividir o número de persoas demandantes para atender entre o persoal propio da entidade dedicado ao programa, sempre que a dita dedicación sexa superior ao 50 por cento da xornada (número de demandantes/nº persoas dedicadas ao proxecto):

– 10 ou menos: 5 puntos.

– Entre 11 e 15: 4 puntos.

– Entre 16-20: 3 puntos.

– Entre 21-30: 2 puntos.

– Entre 31-40: 1 punto.

– Máis de 40: 0 puntos.

O límite máximo de persoas imputadas economicamente ao Programa integrado de emprego será de 15 (persoal propio ou contratado especificamente para o programa).

d.2) Nos recursos materiais, valorarase ata un máximo de 10 puntos a calidade das instalacións, medios e sistemas propios da entidade para o desenvolvemento do programa (non se computaran recursos en réxime de alugamento).

e) Os obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes para atender, sempre que sexan superiores aos mínimos establecidos no artigo 3 (puntuación máxima 15 puntos):

e.1) A puntuación obterase tendo en conta a seguinte escala:

– 31 %: 1 puntos.

– 32 %: 2 puntos.

– 33 %: 3 puntos.

– 34 %: 4 puntos.

– 35 %: 5 puntos.

– 36 %: 6 puntos.

– 37 %: 7 puntos.

– 38 %: 8 puntos.

– 39 %: 9 puntos.

– 40 %: 10 puntos.

– 41 %: 11 puntos.

– 42 %: 12 puntos.

– 43 %: 13 puntos.

– 44 %: 14 puntos.

– 45 % ou máis: 15 puntos.

Exclusivamente para o caso en que a totalidade dos colectivos que se atenderán no programa solicitado pertenzan ao grupo A do punto 1 deste artigo e en atención ás maiores dificultades de inserción laboral destes, a escala será a seguinte:

– 30 %: 5 puntos.

– 31 %: 6 puntos.

– 32 %: 7 puntos.

– 33 %: 8 puntos.

– 34 %: 9 puntos.

– 35 %: 10 puntos.

– 36 %: 11 puntos.

– 37 %: 12 puntos.

– 38 %: 13 puntos.

– 39 %: 14 puntos.

– 40 % ou máis: 15 puntos.

f) O maior esforzo investidor da entidade solicitante no financiamento total do proxecto, sempre que o cofinanciamento sexa superior ao 10 % (puntuación máxima 10 puntos):

– 11 %: 1 punto.

– 12 %: 2 puntos.

– 13 %: 3 puntos.

– 14 %: 4 puntos.

– 15 %: 5 puntos.

– 16 %: 6 puntos.

– 17 %: 7 puntos.

– 18 %: 8 puntos.

– 19 %: 9 puntos.

– 20 % ou máis: 10 puntos.

g) A experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego ou Lanzadeiras de emprego de Galicia (Orde do 18 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016 e 2017) subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia: ata un máximo de 15 puntos se a valoración é positiva e ata -15 se é negativa.

– Valoraranse os resultados de inserción acadados pola entidade en relación coas porcentaxes previamente comprometidas.

– Puntuarase o resultado das visitas de seguimento realizadas.

h) Características técnicas do programa integrado que se vai desenvolver (puntuación máxima 30 puntos), en que se valorarán os seguintes aspectos:

Metodoloxía que se vai aplicar e relación cos resultados de inserción previstos: será valorado cun máximo de 10 puntos.

Existencia de sistemas adecuados de seguimento das persoas participantes. Puntuarase a descrición dos perfís profesionais das persoas demandantes e o deseño do itinerario de inserción laboral en función do perfil. Valorarase a utilización dunha aplicación informática en que consten todas as actuacións que se fagan coas persoas usuarias ao longo do programa: sesións de orientación realizadas, talleres, cursos e obradoiros nos que participaron, entrevistas de selección en que participaron, contactos con empresas para o envío de CV, etc. Así mesmo, puntuarase a realización de cuestionarios de avaliación cubertos por todas as persoas participantes que recollan a súa opinión sobre as seguintes accións do programa: orientación (1 por cada sesión), prospección de empresas (1 cuestionario), formación (1 por cada curso ou taller) e prácticas profesionais (1 por cada período de prácticas sempre que sexa en distintas empresas). Será valorado cun máximo de 10 puntos.

Existencia de sistemas de avaliación da calidade das accións que se van desenvolver. Só se terán en conta os seguintes certificados, que serán valorados cun máximo de 10 puntos, no caso de posuír os tres. Cada un deles puntuará de xeito equitativo.

– Certificado do Sistema de xestión de calidade UNE-EN ISO 9001 para a actividade de prestación de servizos para o emprego (orientación profesional, intermediación ou programas de inserción) ou o certificado EFQM. O certificado que se presente deberá estar en vigor e ser emitido por unha entidade acreditada.

– Certificado do Sistema de xestión de responsabilidade social corporativa. O certificado que se presente deberá estar en vigor e ser emitido por unha entidade acreditada.

– Distintivo de Igualdade na Empresa cuxa concesión e utilización se regula no Real decreto 1615/2009, do 26 de outubro. Deberá presentarse o logotipo e representación gráfica do distintivo Igualdade na empresa en vigor, así como o documento acreditativo da súa concesión.

i) Carácter innovador do programa (puntuación máxima 20 puntos), en que se valorarán os seguintes aspectos:

A utilización das novas tecnoloxías: puntuarase cun máximo de 5 puntos.

Existencia de medidas de conciliación da vida familiar e laboral. No caso de que a entidade se comprometa a implementar estas medidas deberá achegar un texto informativo detallando os seus pormenores que será entregado debidamente asinado ás persoas demandantes no momento da selección. Puntuarse cun máximo de 5 puntos.

Presentación dun proxecto innovador en relación co perfil dos colectivos que se atenderán ou as características das accións que se desenvolverán no proxecto presentado. Puntuarase cun máximo de 5 puntos.

A impartición de formación certificable: máximo 5 puntos.

j) O emprego da lingua galega na realización en todas as accións do programa integrado debidamente declarado pola persoa representante legal da entidade beneficiaria (puntuación máxima 5 puntos).

B. Para as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local:

a) Proxectos presentados por agrupacións de concellos baixo calquera fórmula (asociación, mancomunidade...) agás a fusión de concellos: ata 51 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

– Pola presentación da solicitude, sempre que resulte acreditada, na memoria presentada, a redución de custos e a xestión máis eficaz do programa integrado de emprego, en virtude das achegas económicas ou doutra índole da totalidade dos concellos asociados no proxecto: 17 puntos.

– Polo número de concellos asociados e a poboación total de persoas desempregadas do seu ámbito territorial conxunto: ata 17 puntos.

– Pola porcentaxe de aforro da prestación conxunta do programa integrado de emprego con respecto á prestación de forma individual: ata 17 puntos.

b) Proxectos presentados por entidades locais resultantes dun proceso de fusión municipal de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia: 51 puntos.

c) Serán rexeitadas aquelas solicitudes conxuntas en que non resulte acreditada a realización conxunta do programa integrado de emprego e que supoñan actuacións independentes de cada entidade local.

2. A valoración mínima para a consecución da condición de entidade beneficiaria debe ser de 70 puntos, dos cales 30 deberán corresponder as epígrafes de características técnicas e carácter innovador.

Artigo 12. Contía das subvencións

1. A contía máxima da subvención que se concederá será de 2.400 euros por cada persoa desempregada participante.

Ademais, establecerase na resolución de concesión unha redución no importe total da subvención se non se conseguen os obxectivos previstos. Esta redución calcularase en función das persoas demandantes de emprego inseridas e atendidas, de acordo coa seguinte fórmula:

– Factor inseridos: 0,70 (70 % do total da subvención).

– Factor atendidos: 0,30 (30 % do total da subvención).

Importe total da subvención = (custo persoa inserida * número persoas inseridas) + (custo persoa atendida * número de persoas atendidas).

2. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

Artigo 13. Gastos imputables

1. Serán gastos imputables unicamente os producidos en centros situados na Comunidade Autónoma de Galicia. A subvención determinada na resolución destinarase a cubrir os gastos efectivamente realizados pola entidade relativos a:

a) Gastos de persoal directos: os custos salariais e de Seguridade Social do persoal de xestión e/ou formación necesarios para a formación das persoas demandantes de emprego, tanto persoal propio da entidade como aqueloutro que se contrate especificamente para a execución do programa. O número máximo de persoas que se poderán imputar economicamente será de 15 persoas. No caso de persoal propio da entidade, esta imputación computará as partes proporcionais do tempo efectivamente dedicado ao proxecto, tendo en conta que a citada imputación non poderá superar o 80 %, agás autorización expresa da persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, cando concorran causas debidamente xustificadas e logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria. Terán, así mesmo, a consideración de gastos directos de persoal as retribucións correspondentes a persoas traballadoras por conta propia contratadas polo beneficiario como formadores. En ambos os dous casos deberá quedar xustificación documental abonda da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación á dita actuación.

b) Outros gastos directos (gastos xerais necesarios para a execución das accións na parte correspondente á dita execución):

– As pólizas de seguros para a formación técnica e prácticas ocupacionais deles que teñen o carácter de obrigatorias, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

– Gastos de axudas de custo e desprazamento do persoal incluído na alínea a) anterior e das persoas demandantes que participen no plan (a entidade beneficiaria ten a obriga de aboar, como mínimo, os custos de desprazamento das persoas demandantes que teñan un domicilio de residencia situado nun concello distinto a aquel onde se desenvolva o programa integrado, coa forma de acreditación e pagamento que esta determine).

– Gastos de execución de material técnico (guías, documentación para a persoa participante...) e de execución en material de oficina específicos para a execución do programa.

– Gastos de gardaría e/ou atención a persoas dependentes das persoas participantes que lles faciliten a asistencia ás distintas accións do programa.

c) Gastos indirectos:

Gastos de amortización de materiais e equipamentos técnicos necesarios para impartir a formación, co límite do 10 % do custo total final do proxecto.

Arrendamento (leasing excluído): edificios, mobiliario, efectos e equipamentos de arrendamento. Cando no expediente de solicitude da subvención a entidade poña á disposición do programa integrado locais e medios materiais propios que se tivesen en conta no momento da valoración da solicitude en ningún caso se poderán imputar os seus gastos de arrendamento.

Mantemento (se non está incluído no arrendamento).

Subministración de enerxía eléctrica, auga, combustible para calefacción (se non está incluído no arrendamento), comunicacións (teléfono, correos...), limpeza, seguridade e vixilancia.

Seguros, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

Gastos indirectos de persoal (xestión administrativa e tarefas auxiliares).

Establécese un tope máximo do cal non poderá exceder a suma dos gastos das alíneas a), b) e c) igual ao resultado de multiplicar as horas efectivas de traballo do persoal da alínea a) por un módulo de 29,28 euros no caso dos titulados superiores e de 24,69 euros no caso dos titulados medios.

Os módulos anteriores obtivéronse calculando o custo unitario por hora de traballo efectivo cunha xornada de 1.720 horas para 12 meses e de acordo coas retribucións salariais establecidas na Lei 12/2015 de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2016 relativas ao persoal laboral das citadas titulacións e de acordo coa Orde do 14 de xaneiro de 2016 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2016. Sobre os custos anteriores engadiuse un 40 % en concepto doutros gastos directos e de gastos indirectos derivados da acción formativa, e tendo en conta a especial dedicación e gastos de apoio complementario que afectan o programa.

d) Gastos derivados da contratación de medios externos dirixidos á formación das persoas desempregadas participantes no plan. Cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación, deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 25 % do custo total final da actividade subvencionada. O custo subvencionado por formación subcontratada deberá axustarse ás condicións normais de mercado e nunca poderá exceder o tope máximo de 8 euros por alumno/a por hora de formación presencial ou 5 euros por alumno/a por hora de formación a distancia ou teleformación. Se o contrato que vincula a entidade coa persoa que impartirá as accións formativas é de carácter laboral, con independencia de se esta relación existía con anterioridade ou é nova e específica para o desenvolvemento das accións do programa integrado, non terá a consideración de subcontratación. Excepcionalmente, os gastos desta epígrafe poderán xustificarse de acordo cos custos reais con documentación soporte de gasto e pagamento, sen que lles afecte o límite establecido nesta orde para o resto de gastos directos e indirectos.

2. A acreditación dos diferentes conceptos de gastos subvencionables realizarase presentando a seguinte documentación:

a) Retribucións de persoal:

– Copia cotexada dos xustificantes das cotizacións á Seguridade Social (RLC e RNT) correspondentes aos meses imputados.

– Copia cotexada das nóminas correspondentes aos meses imputados.

– Copia cotexada do impreso de liquidación nominal do IRPF.

Todos os documentos anteriores deberán ir acompañados polo xustificante da transferencia ou cargo bancario correspondente que acredite a realización do seu pagamento.

b) Gastos imputables ás accións realizadas en concepto de axudas de custo e desprazamentos non incluídos nas nóminas, contratación de medios externos, gastos de amortización de materiais ou equipos e gastos xerais, materiais e técnicos necesarios: facturas correspondentes, que deberán observar os requisitos formais establecidos no artigo 6 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, orixinais, formato electrónico admisible legalmente ou copias cotexadas, e xustificación do pagamento destas a través de transferencia ou cargo bancario, tendo en conta que todas as facturas achegadas como xustificantes deberán estar referidas de forma inequívoca á entidade subvencionada e ao período que abrangue a subvención e deberán incluír a denominación do programa integrado e o número de expediente.

Artigo 14. Inicio e período de execución

1. Na resolución de concesión dos programas integrados especificaranse as seguintes datas:

Data de inicio do programa: determinará o comezo do programa e do cómputo do prazo máximo dun mes para o remate do proceso de selección das persoas participantes, agás autorización de prórroga expresa da persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, cando concorran causas debidamente xustificadas e logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

Prazo de execución: abranguerá 12 meses contados desde a data de inicio establecida no anexo á resolución. Esta data tamén determinará o período computable para os efectos do cálculo das persoas demandantes atendidas no programa integrado para o emprego. No caso da inserción, o prazo empezará a computar a partir do mes seguinte á data de inicio das accións.

2. As instrucións para a posta en marcha dos programas integrados e a correcta liquidación da subvención así como os modelos en que deberán presentarse necesariamente os certificados exixidos estarán ao seu dispor na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-integrados).

3. No prazo de 10 días hábiles contados desde o remate do proceso de selección das persoas participantes, as entidades beneficiarias deberán remitir a seguinte documentación:

a) Certificado de inicio do programa e solicitude, de ser o caso, do pagamento do anticipo da subvención nos termos establecidos no artigo seguinte, segundo o modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-integrados), en que conste:

– Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

– A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

b) Copia do contrato ou contratos do persoal que realizará as accións.

c) Certificado de alta na Seguridade Social do dito persoal.

d) Ficheiro informático, en formato de folla de cálculo, en que figure o nome, apelidos e o NIF de cada unha das persoas que van participar nas accións.

e) Fichas de control de accións, correspondentes ao inicio, asinadas por cada unha das persoas desempregadas participantes no programa, que incluirán a autorización á Consellería de Economía, Emprego e Industria, para que esta comprobe os seus datos persoais a través do Sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) e de residencia (SVDR).

f) Unha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 16.1.

g) A solicitude, se procede, do pagamento do anticipo da subvención nos termos establecidos no artigo seguinte.

h) Copia das pólizas de seguros para a formación técnica, prácticas ocupacionais ou calquera outra actividade que se leve a cabo coas persoas demandantes dentro do programa integrado, así como o correspondente seguro de responsabilidade civil, que teñan, cando menos, as características e contías previstas no artigo 18, alínea f).

Artigo 15. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención realizarase en dúas fases do seguinte xeito:

a) Anticipo da subvención:

A entidade beneficiaria poderá solicitar un pagamento do 40 por cento do importe total da subvención, sempre que a devandita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2017, en concepto de anticipo á conta da xustificación, no prazo e xunto coa documentación establecida no artigo anterior para o inicio das accións.

b) Liquidación final:

As entidades beneficiarias terán un prazo máximo de dous meses desde a finalización do prazo de 12 meses de execución do programa, para a presentación da liquidación final conforme o establecido neste artigo. En todo caso, a data límite para a presentación da liquidación final será o 15 de decembro de 2018.

Xunto coa solicitude de liquidación presentarase a seguinte documentación:

b.1) Certificado final do órgano competente da entidade beneficiaria dos gastos realizados con cargo á subvención referidos ao período de execución do programa, no modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-integrados), no cal consten declaracións responsables do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

b.2) Documentación xustificativa dos gastos imputados conforme o establecido no artigo 13, entre os que deberan figurar os correspondentes ao anticipo previsto na letra anterior. Se o importe dos gastos xustificados é inferior ao importe do anticipo, procederase ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas.

b.3) Memoria final, no modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-integrados), onde se faga constar unha descrición do desenvolvemento do programa, a relación de persoas atendidas especificando as accións realizadas con cada unha delas e a identificación das persoas inseridas no mercado de traballo.

O Servizo de Programas Mixtos verificará o nivel de atención e de inserción efectivo que a entidade beneficiaria certifica de acordo cos termos establecidos na resolución. Se nesa verificación se comproba que a porcentaxe de atención ou inserción laboral é menor do obxectivo previsto no programa, procederá a realizar o desconto correspondente, de tal xeito que as cantidades resultantes, segundo corresponda, ben deixarán de ser aboadas ou ben serán reintegradas pola entidade beneficiaria, consonte o disposto no artigo 18 desta orde.

2. En todo caso, as certificacións e xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias deberanse axustar ao disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Publicidade

1. Para os efectos de difusión pública, nos lugares onde se realicen as accións, deberán figurar, de forma visible, carteis informativos, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral na páxina web institucional da Xunta de Galicia, en que constará o financiamento pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

2. Todos os proxectos e produtos que se elaboren con cargo ás subvencións concedidas deberán utilizar axeitadamente as identificacións que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e, en todo caso, incluír en toda a documentación o logotipo da Xunta de Galicia de acordo co Manual de identidade corporativa (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual).

3. Os dereitos de explotación dos proxectos e produtos financiados cederanse á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, que será a garante da súa difusión e transferibilidade.

Neste sentido, e sempre que lle sexa requirido, a persoa representante legal da entidade solicitante da subvención comprometerase por escrito a realizar esa cesión, de acordo cos requisitos establecidos no texto refundido da Lei de propiedade intelectual aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril.

Quedan excluídas da previsión establecida neste artigo as actuacións sometidas ao ámbito de aplicación do réxime xurídico das contratacións coas administracións públicas.

Artigo 17. Seguimento das accións

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria realizará comprobacións e verificacións, presenciais e aleatorias co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamente o desenvolvemento das accións previstas na presente orde en calquera das entidades beneficiarias da subvención.

Nas visitas de seguimento por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, as entidades beneficiarias facilitarán o acceso ás instalacións en que se realizan as accións, así como a toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

2. Transcorridos nove meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos programas comprobarase a correspondencia da inserción laboral co acreditado na liquidación da subvención e, no caso contrario, exixirase a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida de acordo co previsto no artigo seguinte.

Realizada a citada comprobación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria fará públicos na súa páxina web oficial os datos de inserción das persoas beneficiarias destas subvencións.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias. Reintegro da subvención

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención de acordo co previsto nesta orde e nos documentos de instrucións operativas que se porán á disposición das entidades beneficiarias na páxina web institucional da Xunta de Galicia no enlace (http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-integrados).

b) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas. Neste sentido deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións realizadas, para garantir a rastrexabilidade dos pagamentos e o seguimento da pista de auditoría. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

e) Comunicar á Consellería de Economía, Emprego e Industria e á oficina de emprego correspondente os datos básicos das persoas desempregadas que se incorporan ao programa integrado, así como as baixas e as novas incorporacións a esta, de acordo coas instrucións para a posta en marcha dos programas publicadas na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-integrados).

f) Asegurar os participantes contra accidentes, tanto para as accións formativas como no caso de realización de prácticas profesionais non laborais, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto. Será sempre sen franquía ou, na súa falta, a carta de garantías deste, e terá polo menos a seguinte cobertura:

– Asistencia médica, farmacéutica e hospitalaria para calquera accidente acontecido durante o horario de desenvolvemento da formación ou das prácticas, incluíndo o tempo necesario para o desprazamento da persoa participante desde a súa residencia habitual ao lugar de impartición ou desenvolvemento (o desprazamento deberá cubrir calquera medio de locomoción).

– Indemnización mínima de 30.000 euros por falecemento e mínima de 60.000 euros por invalidez permanente, derivadas ambas as dúas situacións dun accidente na empresa onde se realicen as prácticas e no desprazamento.

g) Entregarlles ás persoas usuarias no momento da selección un resumo detallado de todos os aspectos da memoria que lles afectan: lista das accións que teñen previsto levar a cabo, aspectos innovadores do programa, existencia de medidas de conciliación se as houber, obrigatoriedade da realización de cuestionarios de satisfacción de todas as accións, etc. Este resumo coincidirá co exposto na memoria explicativa e incluirá os datos de contacto tanto da entidade coma do Servizo de Programas Mixtos. Deberá ir asinado polo responsable do programa e ser achegado xunto coa memoria explicativa.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde, así como a falsidade comprobada en relación cos datos achegados para a súa obtención, orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento, a perda do dereito ao cobramento ou o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no título II (artigos 32 e seguintes) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do establecido no título IV (artigos 50 e seguintes) da citada lei, e no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación do desconto, ante posibles incumprimentos, que resultarán de aplicación para determinar a cantidade que finalmente deba percibir a entidade beneficiaria ou, se é o caso, o importe que debe reintegrar, serán os seguintes:

a) Non acadar a porcentaxe de inserción a que se comprometeu: desconto ou reintegro variable resultante dos cálculos realizados sobre a base da porcentaxe de inserción real.

b) Non levar a cabo as seguintes accións de carácter obrigatorio que figuran no artigo 1:

1. Información, orientación e asesoramento: 1 % do gasto subvencionado.

2. Formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas: 1 % do gasto subvencionado.

3. Técnicas de coaching, intelixencia emocional, e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea: 1 % do gasto subvencionado.

4. Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista: 1 % do gasto subvencionado.

5. Fomento da capacidade emprendedora: 1 % do gasto subvencionado.

6. Prospección empresarial: 1 % do gasto subvencionado.

7. Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes: 1 % do gasto subvencionado.

8. Formación para o emprego, que deberá ser como mínimo de 300 horas: 2 % do gasto subvencionado.

9. Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctico das accións formativas: 2 % do gasto subvencionado.

10. Mobilidade laboral: 1 % do importe do gasto subvencionado.

c) Impedir ou obstaculizar as actuacións de comprobación da Consellería de Economía, Emprego e Industria ou outros órganos de control debidamente autorizados: 100 % do gasto subvencionado.

d) Incumprimento da realización dos cuestionarios de avaliación das accións cando se fixera constar na Memoria: 10 % do gasto subvencionado.

e) Inexistencia da descrición dos perfiles profesionais dos demandantes cando se fixera constar na memoria : 5 % do gasto subvencionado.

f) Deseño do itinerario de inserción laboral cando se fixese constar na memoria: 5 % do gasto subvencionado.

g) Inexistencia de aplicación informática de seguimento en que consten todas as actuacións que se fagan cos usuarios ao longo do programa, cando se fixese constar na memoria: 10 % do gasto subvencionado.

h) Inexistencia dos sistemas de avaliación da calidade cando se fixese constar na memoria: 5 % do gasto subvencionado.

i) Incumprimento das medidas de conciliación da vida familiar e laboral cando estivera recollido expresamente na memoria e no documento entregado aos usuarios do programa: 5 % do gasto subvencionado.

j) Non empregar as novas tecnoloxías e/ou non desenvolver un proxecto innovador cando estivese expresamente recollido na memoria: 5 % do gasto subvencionado.

k) Non impartir formación certificable cando non houbese impedimento para levala a cabo e estivese recollida expresamente na memoria: 5 % do gasto subvencionado.

l) Non empregar a lingua galega na realización das accións cando existise declaración do representante legal acadando ese compromiso: 5 % do gasto subvencionado.

m) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 15: no caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se reintegrará será proporcional ao gasto non xustificado.

n) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 16: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

ñ) Incumprimento dalgunha das obrigas previstas nas letras c), d), e) e g) do parágrafo primeiro deste artigo: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado, en cada caso.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para conceder, autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para exixir da entidade beneficiaria o reintegro da subvención cando aprecie a existencia dalgún dos supostos de reintegro de cantidades percibidas establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego ou, na súa falta, de conformidade co disposto no decreto de estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional segunda

En todo o non previsto na presente disposición será de aplicación a Orde TAS/2643/2003, do 18 de setembro, a Orde TAS 816/2005, do 21 de marzo, pola que se adecuan ao réxime xurídico establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as normas reguladoras de subvencións que conceda o Servizo Público de Emprego Estatal nos ámbitos do emprego e de formación profesional ocupacional, así como o establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file