Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 20 de xullo de 2017 Páx. 34971

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de xullo de 2017 pola que se convocan prazas de residencia para persoas colaboradoras bolseiras nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2017/18.

Os centros residenciais prestan un servizo que contribúe eficazmente a facilitar o acceso ao ensino postobrigatorio non universitario do alumnado que debe realizar os seus estudos en localidade distinta á do domicilio habitual. E o normal funcionamento deste tipo de centros, tanto en aspectos relacionados coa orde interna e a convivencia como nos relativos ao desenvolvemento de accións formativas complementarias, exixe que o persoal profesional que traballa na residencia conte co reforzo de colaboradores, alumnos universitarios que compatibilizan os seus estudos co labor de apoio na residencia.

A disposición derradeira primeira do Decreto 43/1989, do 2 de marzo, polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional en centros residenciais docentes (DOG núm. 62, do 31 de marzo), faculta a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o seu desenvolvemento.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Condicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto regular o procedemento (ED308A) para adxudicar prazas de residencia a persoas colaboradoras bolseiras nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2017/18.

2. O número de prazas ofertadas é o seguinte:

Centro Residencial Docente da Coruña: 18 prazas.

Centro Residencial Docente de Ourense: 6 prazas.

Centro Residencial Docente de Vigo: 6 prazas.

3. As persoas adxudicatarias de prazas de colaborador bolseiro utilizarán os servizos da residencia de forma gratuíta durante o período de funcionamento en que estea aberta aos residentes.

Artigo 2. Requisitos persoais e dispoñibilidade

1. A persoa solicitante deberá ter os seguintes requisitos:

a) Dezaoito anos cumpridos, ou acadar esta idade dentro do ano natural 2017.

b) Posuír a capacidade funcional para o desempeño do labor de apoio no desenvolvemento da actividade diaria da residencia.

2. A distancia entre o centro universitario onde curse os estudos e o centro residencial docente, así como os medios de comunicación existentes, deberán garantir a dispoñibilidade no horario en que teñan que realizar o devandito labor de apoio.

Artigo 3. Requisitos académicos

1. A persoa solicitante deberá estar inscrita ou matriculada en ensinanzas universitarias de grao, máster oficial, primeiro, segundo ou terceiro ciclo nunha facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario no curso 2017/18.

2. Considéranse estudantes en réxime de dedicación académica a tempo completo os matriculados no número de créditos indicado a seguir:

a) Estudos de grao: 60 créditos.

b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o número de créditos que resulte de dividir o total dos que integran o plan de estudos (agás os de libre elección) entre o número de anos que o compoñan.

Estes solicitantes terán preferencia na adxudicación de prazas.

3. Non obstante, os/as solicitantes en situación de matrícula parcial poderán obter praza cando estean matriculados no número mínimo indicado a seguir:

a) Estudos de grao: entre 30 e 59 créditos.

b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o 50 % do créditos indicados no punto 2.b).

Artigo 4. Incompatibilidades

1. As persoas beneficiarias da praza de colaboradora bolseira non poderán realizar, mentres gocen desta, ningún tipo de traballo remunerado.

2. Así mesmo, será incompatible con estar en posesión ou reunir os requisitos necesarios para obter un título académico de nivel igual ou superior ao dos estudos que pretende realizar.

3. A condición de beneficiario será compatible coa obtención de axudas na convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia.

CAPÍTULO II
Criterios de baremo: económicos, académicos e outros méritos

Sección 1ª. Valoración de criterios económicos: renda e deducións

Artigo 5. Membros computables da unidade familiar

1. A persoa solicitante deberá indicar os membros computables da unidade familiar na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia cubrindo o anexo II desta orde.

2. Terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) A persoa solicitante.

b) Os pais non separados legalmente ou divorciados.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa nai ou co pai da persoa solicitante.

d) Os irmáns solteiros menores de 25 anos que dependan dos proxenitores, sempre que convivan no domicilio familiar.

e) Os irmáns maiores de 18 anos discapacitados sempre que convivan no domicilio familiar.

3. Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá achegar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en alugamento e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos. Se a residencia independente e os medios económicos propios non quedan convenientemente xustificados, a solicitude será denegada.

4. Non terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) O/a proxenitor/a que non conviva habitualmente coa persoa solicitante, no caso de separación legal ou divorcio.

b) O agresor, nos casos de violencia de xénero constatada de acordo co artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Artigo 6. Renda da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, a renda da unidade familiar obterase pola suma das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculados segundo indican os números seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas; computaranse as rendas do exercicio fiscal 2015.

2. Cando o membro computable presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, a renda da unidade familiar será a suma da base impoñible xeral (recadro 380) e a base impoñible do aforro (recadro 395). Cando non presentase a dita declaración, sumaranse todos os ingresos netos obtidos durante o exercicio, agás as bolsas de estudo concedidas polas administracións públicas, que non computarán como ingreso.

3. Nos casos de separación legal ou divorcio, a achega económica que realice o proxenitor que non conviva habitualmente co solicitante, en concepto de pensión compensatoria ou pensión de alimentos, computarase para os efectos de calcular a renda da unidade familiar.

4. Os ingresos obtidos polo novo cónxuxe ou parella de feito do proxenitor con que conviva habitualmente a persoa solicitante compútanse para calcular a renda da unidade familiar.

5. Nos casos de violencia de xénero quedan excluídos do cómputo os ingresos do agresor (artigo 38 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).

Artigo 7. Deducións da renda familiar

Calculada a renda familiar segundo o indicado, aplicaranse as deducións seguintes:

1. 500 € por cada irmán, incluída a persoa solicitante, cando se trate de familias numerosas de categoría xeral; e 750 € para familias numerosas de categoría especial, en ambos os casos, sempre que convivan no domicilio familiar.

2. 1.800 € por cada irmán, incluída a persoa solicitante, que estea afectado de discapacidade legalmente cualificada de grao igual ou superior ao 33 %; e 2.900 € cando a discapacidade sexa de grao igual ou superior ao 65 %.

3. 1.200 € por cada irmán, incluída a persoa solicitante, que curse estudos postobrigatorios, universitarios ou non, sempre que resida fóra do domicilio familiar por razón dos estudos.

Artigo 8. Limiar de renda e baremo

1. Terase en conta o limiar 2 fixado no Real decreto 293/2016, do 15 de xullo, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2016/17 (Boletín Oficial do Estado núm. 171, do 16 de xullo).

Cando a persoa solicitante sexa orfa absoluta e menor de 25 anos, o limiar da renda familiar incrementarase no 20 %.

2. Atendendo á porcentaxe que represente a renda da unidade familiar respecto dos limiares calculados segundo o punto anterior, atribuiranse as seguintes puntuacións:

a) Ata o 50 %: 6 puntos.

b) Ata o 60 %: 5 puntos.

c) Ata o 70 %: 4 puntos.

d) Ata o 80 %: 3 puntos.

e) Ata o 90 %: 2 puntos.

f) Ata o 100 %: 1 punto.

g) A partir do 100 %: 0 puntos.

Sección 2ª. Valoración do rendemento académico

Artigo 9. Valoración do rendemento académico

1. O rendemento académico acadado no curso 2016/17 valorarase numericamente en función da nota media que resulte de aplicar os criterios indicados a seguir.

2. Para os estudantes que se matriculen por primeira vez en estudos de grao:

a) Se accederon á universidade mediante proba de acceso estando en posesión do título de bacharel, atenderase á nota de acceso, é dicir, ao resultado da media ponderada do 60 % da nota media de bacharel (NMB) máis o 40 % da cualificación da fase (CFG), sempre que nesta última obtivese unha cualificación mínima de 4 puntos, que se calculará de acordo coa seguinte fórmula: 0,6 NMB + 0,4 CFG.

b) Nas demais vías de acceso á universidade, atenderase á nota obtida na proba ou ensinanza que permita o acceso á universidade.

3. Para os estudantes matriculados en ensinanzas universitarias teranse en conta:

a) As cualificacións numéricas finais do curso na escala de 0 a 10.

b) Cando non existan cualificacións numéricas, aplicarase a seguinte táboa:

– Matrícula de honra = 10 puntos.

– Sobresaliente = 9 puntos.

– Notable = 7,5 puntos.

– Aprobado ou apto = 5,5 puntos.

c) Nos plans de estudos organizados por materias, a nota media calcularase dividindo o total de puntos obtidos entre o número total de materias.

d) Nos plans de estudos organizados por créditos, a puntuación obtida en cada materia pondérase en función do número de créditos que a integran, de acordo coa seguinte fór-mula: V= P × NCa/NCt.

V: resultado da ponderación da nota obtida en cada materia.

P: puntuación de cada materia.

NCa: número de créditos que integran a materia.

NCt: número de créditos cursados computables.

A nota media final é a suma dos valores resultantes da ponderación da nota obtida en cada materia.

Sección 3ª. Outros méritos: experiencia e coñecementos

Artigo 10. Experiencia e coñecementos

1. Para asegurar a maior idoneidade dos solicitantes no desenvolvemento do labor de apoio na actividade da residencia, a comisión realizaralles unha entrevista que versará sobre: a) experiencia derivada da participación en cursos e/ou actividades educativas ou formativas; b) coñecemento de linguas estranxeiras e/ou de ofimática, coa finalidade de avaliar a aptitude ou capacidade do solicitante para o bo desempeño ou exercicio da actividade de apoio na residencia, así como a súa actitude persoal ou disposición de ánimo (responsable, organizativo, conciliador, solidario...).

2. Os méritos das letras a) e b) acreditaranse documentalmente. O resultado da entrevista e a ponderación dos méritos reflectirase nun informe.

3. A puntuación máxima que se poderá outorgar a estes méritos é de 3 puntos.

CAPÍTULO III
Procedemento para a adxudicación de praza en período ordinario

Artigo 11. Competencias

Na tramitación do procedemento de adxudicación de prazas de residencia a persoas colaboradoras bolseiras corresponderá a instrución ao respectivo centro residencial docente, e a valoración dos criterios de baremo, a resolución e publicación, á comisión de valoración que para tal efecto se constituirá en cada centro residencial.

Sección 1ª. Solicitude, prazo e documentación

Artigo 12. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse presencialmente no centro residencial docente ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. Estes formularios normalizados de solicitude (anexo I e II) ademais estarán dispoñibles:

a) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.gal

b) Nas dependencias dos centros residenciais docentes.

3. A solicitude deberá estar asinada pola persoa solicitante e implicará: que acepta as bases da convocatoria, que reúne os requisitos exixidos nela e que son certos todos os datos que constan na solicitude.

Artigo 13. Prazo de presentación de solicitudes en período ordinario

O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria ata o 4 de agosto de 2017.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE do/da representante da persoa solicitante.

c) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na súa falta, certificado tributario de imputacións do exercicio 2015.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Grao de discapacidade recoñecido pola Xunta de Galicia.

b) Percepción de pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou de pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade (equivalente a unha discapacidade igual ao 33 %).

c) Falecemento dun membro computable da familia.

2. No caso de que as persoas interesadas (solicitante ou membro computable da familia) se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude:

a) O anexo II Comprobación de datos de terceiras persoas, de ser o caso.

b) Xustificante da inscrición ou matrícula para o curso académico 2017/18.

1º. As persoas que se matriculen por primeira vez en estudos de grao, se proceden de bacharelato, presentarán orixinal ou copia cotexada do certificado oficial da nota media do bacharelato e da cualificación da fase xeral; nos demais casos, o certificado oficial da nota obtida na proba que permita o acceso, de acordo co previsto no artigo 9.2 desta orde.

2º. As persoas xa matriculadas en ensinanzas universitarias, o certificado oficial das notas obtidas no curso 2016/17, de acordo co previsto no artigo 9.3 desta orde.

c) Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables. Se non ten libro de familia ou este non reflicte a situación na data de referencia indicada no número 4, poderá xustificala utilizando, entre outros, os seguintes medios:

1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio ou convenio regulador.

2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

d) Certificado de convivencia da persoa solicitante e dos demais membros computables da familia no mesmo domicilio na data de referencia indicada no número 4.

e) Certificado do grao de discapacidade da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.

f) Documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en alugamento e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos gastos, en caso de alegar independencia familiar e económica.

2. A documentación complementaria presentarase presencialmente no centro residencial ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. Os documentos achegados deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación e reflectir a situación persoal e familiar na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, agás a renda da unidade familiar, que será a correspondente ao exercicio fiscal 2015.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Os trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes deberán realizarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Falta de xustificación de requisitos e/ou de criterios de baremo

A Comisión de Valoración poderá requirir a documentación complementaria que considere necesaria para constatar a concorrencia dos requisitos e dos criterios de baremo. A falta ou insuficiente xustificación dun requisito impedirá obter a praza e, cando a omisión ou deficiente xustificación afecte un criterio de baremo, atribuiránselle neste 0 puntos.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o respectivo centro residencial docente publicará na súa páxina web oficial e/ou no taboleiro de anuncios a relación das persoas beneficiarias. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Sección 2ª. Comisión de Valoración

Artigo 19. Comisión de Valoración: composición e funcións

1. A Comisión de Valoración constituirase en cada centro residencial docente e estará formada por:

a) Presidente/a: a persoa titular da Dirección do centro residencial.

b) Vogais: o/a xefe/a de residencia; un/unha educador/a ou profesor/a de actividades.

c) Secretario/a: un/unha funcionario/a do centro.

2. Á Comisión corresponderalle valorar os criterios de baremo e asignar as puntuacións e as demais funcións atribuídas nesta orde.

Sección 3ª. Listaxes provisionais, definitivas, adxudicación de prazas
e listaxe de suplentes

Artigo 20. Publicación das listaxes de puntuacións provisionais das persoas admitidas e relación das excluídas

1. Antes do 31 de agosto de 2017, a Comisión de Valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do respectivo centro: a listaxe de puntuacións provisionais das persoas admitidas (a total por orde descendente e a desagregada correspondente a criterios económicos, rendemento académico e outros méritos) e a relación provisional de persoas excluídas, e indicará a causa.

2. As persoas solicitantes poderán formular reclamación ante a Comisión de Valoración no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

3. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación das listaxes definitivas.

Artigo 21. Publicación das listaxes das puntuacións definitivas, da relación de persoas excluídas, da adxudicación de prazas e da listaxe de suplentes

1. Antes do 15 de setembro de 2017, a Comisión de Valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do centro: a listaxe de puntuacións definitivas das persoas admitidas (a total por orde descendente e a desagregada correspondente a criterios económicos, rendemento académico e outros méritos), a relación definitiva de persoas excluídas e a relación de suplentes.

Así mesmo, publicará a relación de persoas adxudicatarias, que remitirá á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para os efectos de expedir a correspondente credencial.

2. Fronte a estas resolucións da Comisión de Valoración, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación na páxina web do centro residencial.

CAPÍTULO IV
Procedemento de adxudicación de praza en período extraordinario

Artigo 22. Solicitudes e tramitación

Cando, feita a adxudicación de prazas en período ordinario, existisen prazas vacantes, o centro residencial abrirá un período extraordinario de presentación de solicitudes que se tramitará segundo o previsto no capítulo V da Orde do 31 de maio de 2017, de convocatoria de prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso académico 2017/18 (DOG núm. 109, do 9 de xuño).

CAPÍTULO V
Obrigas das persoas colaboradoras bolseiras e causas de perda da praza

Artigo 23. Obrigas das persoas colaboradoras bolseiras

As persoas colaboradoras bolseiras teñen as seguintes obrigas:

1. Residir no centro residencial docente.

2. Colaborar no desenvolvemento das tarefas e actividades relacionadas con accións formativas complementarias.

3. Na súa condición de colaboradora ante o resto das persoas residentes, teñen a obriga de cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno, as normas de convivencia e os horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial.

Artigo 24. Causas de perda da praza

1. As persoas colaboradoras bolseiras poderán perder a praza:

a) Por non incorporarse ao centro residencial na data de inicio da súa actividade, agás causa de forza maior debidamente xustificada.

b) Por non residir os días lectivos no centro residencial, agás causas debidamente xustificadas.

c) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada, cando afecte a concorrencia de requisitos exixidos na convocatoria.

d) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada cando, afectando criterios de baremo, a puntuación outorgada nese criterio fose determinante da adxudicación da praza.

e) Por incumprimento das normas de réxime interno do centro residencial, ou do deber de vixiar o cumprimento por parte dos residentes, cando se trate de condutas gravemente prexudiciais para a convivencia ou condutas leves contrarias á convivencia, descritas respectivamente nos artigos 15 e 16 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.

Artigo 25. Procedemento

1. Ante un incumprimento das indicadas obrigas, a Dirección do centro residencial daralle audiencia á persoa interesada e advertiralle expresamente por escrito que, en caso de reiteración, se incoará o procedemento.

2. Se o/a colaborador/a incorre de novo en incumprimento das indicadas obrigas, a Dirección do centro iniciará o procedemento e concederalle un prazo de cinco (5) días hábiles para que presente as alegacións, documentos ou xustificacións que considere convenientes. Á vista destas, ou transcorrido o prazo concedido, solicitará informe motivado á xunta de residencia.

3. A continuación, a persoa titular da Dirección do centro ditará resolución.

4. Fronte a esta resolución, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

CAPÍTULO VI
Recurso

Artigo 26. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Así mesmo, contra a presente orde poderase recorrer potestativamente en reposición no prazo dun mes ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional primeira. Período de funcionamento dos centros residenciais docentes

1. O período de funcionamento dos centros residenciais docentes coincidirá co calendario escolar que a consellería competente en materia de educación aprobe e publique no Diario Oficial de Galicia para o curso 2017/18. En todo caso, o centro residencial permanecerá pechado a partir do 30 de xuño de 2018.

2. Así mesmo, permanecerán pechados os fins de semana (desde o venres pola tarde ao domingo pola noite), tal e como establezan as normas de réxime interno do centro.

Disposición adicional segunda. Deber de confidencialidade

O persoal que preste servizos nos centros residencias docentes que, con motivo do desenvolvemento das súas funcións, acceda a datos persoais e económicos do alumnado e das familias, quedará suxeito ao deber de confidencialidade e á lexislación sobre protección de datos.

Disposición adicional terceira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de educación. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderán exercerse ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela; ou ao correo electrónico sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file