Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 8 de agosto de 2017 Páx. 38091

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 21 de xullo de 2017 pola que se convoca a concesión de subvencións complementarias da Comunidade Autónoma de Galicia para as persoas promotoras de aloxamentos protexidos acollidos ao Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, establece as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

O seu artigo 4.2 establece que as subvencións deste decreto, con cargo a fondos finalistas do Estado xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como as que se financian con fondos propios da Comunidade Autónoma, estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás disposicións que a desenvolvan.

Ademais, o artigo 4.3 dispón que o importe das axudas se establecerán mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (hoxe, Consellería de Infraestruturas e Vivenda).

De conformidade co disposto no artigo 4.3 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, e no artigo 4 do Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar, para a anualidade 2017, a través dun procedemento en réxime de concorrencia non competitiva, subvencións destinadas a favorecer a construción de aloxamentos protexidos (código do procedemento VI481A).

Artigo 2. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas subvencións foron aprobadas polo Decreto 402/2009, do 22 do outubro, no cal se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012 (Diario Oficial de Galicia número 217, do 5 de novembro).

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións que se convocan mediante esta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.770.0, do orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para o ano 2017, por importe de 82.000 euros.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas físicas ou xurídicas promotoras de aloxamentos protexidos que reúnan os requisitos establecidos nos artigos 35 e seguintes do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012, e no Decreto 402/2009, do 22 de outubro. A promoción terá que contar con cualificación definitiva emitida con anterioridade ao 31 de decembro de 2012.

2. Para resolver sobre estas subvencións teranse en conta as circunstancias acreditadas no expediente de cualificación.

Artigo 5. Contía das subvencións

A contía será de 200 euros por cada metro cadrado de superficie útil protexida do aloxamento e de superficie útil protexida destinada a servizos comúns, a cal non poderá exceder o 30 % do total da superficie útil dos aloxamentos. As axudas fraccionaranse en función do número de aloxamentos alugados.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, que estará dispoñible tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a promoción.

2. As persoas xurídicas e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No suposto de que presentasen a súa solicitude presencialmente, serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No modelo de solicitude, a persoa ou entidade interesada realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido outras axudas, deberá indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

e) Declaración responsable sobre a veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á conta bancaria en que desexe que se realice o pagamento.

f) Declaración de que todos os datos da solicitude e documentos que se acheguen son certos.

Artigo 8. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación da persoa que actúe en nome da persoa solicitante, de ser o caso.

b) Nota simple ou certificación rexistral da anotación no Rexistro da Propiedade da cualificación definitiva dos aloxamentos protexidos, para o suposto de non a ter presentado con anterioridade no mesmo expediente de cualificación.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa solicitante deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirir a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Artigo 9. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As persoas xurídicas e as súas persoas representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No suposto de que presentasen a documentación complementaria presencialmente, serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. As persoas ou as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que os documentos que se presenten superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, seguiranse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: (https://sede.xunta.gal/documentacion-de-gran-tamano).

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro ou, de ser o caso, número de identificación fiscal da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, da persoa representante.

b) Certificados da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia acreditativos do cumprimento pola persoa ou entidade solicitante das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No suposto de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3. No caso de que as persoas indicadas se opoñan á consulta prevista no número 1, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os devanditos documentos.

Artigo 11. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A tramitación, instrución e formulación da proposta de resolución da axuda corresponderá á área provincial do IGVS onde estea situada a promoción.

2. A competencia para resolver corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 12. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da presente convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos no artigo 7 e/ou non fose acompañada da documentación relacionada no artigo 8, requirirase a persoa ou a entidade solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles emende a falta e/ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 3 desta orde, resolverá o que conforme dereito proceda.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas ou das entidades interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa ou da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous (2) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, a persoa ou a entidade solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. O prazo para a interposición deste recurso será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 15. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude de subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será o da maior antigüidade na data da cualificación definitiva. No caso de igualdade da data da cualificación definitiva, atenderase á orde cronolóxica de entrada da solicitude completa no Rexistro da Área Provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quede validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e xuntando a totalidade dos documentos exixidos nesta orde.

Artigo 16. Xustificación e pagamento das subvencións

1. De conformidade co artigo 33 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, a subvención xustificarase unha vez obtida a cualificación definitiva e asinados os correspondentes contratos de arrendamento ou ocupación dos aloxamentos, que deberán estar visados polo IGVS.

2. O pagamento das subvencións ás persoas beneficiarias realizarase, unha vez concedida a subvención, mediante transferencia bancaria na conta que sinalen para o efecto.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias, ademais de cumpriren coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Así mesmo, as persoas beneficiarias deberán subministrar ao IGVS, logo dun requirimento para o efecto, de conformidade co establecido no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Desde o momento da presentación da solicitude, o IGVS poderá realizar as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Artigo 18. Compatibilidade e incompatibilidade

Esta subvención é compatible con outras axudas ou subvencións que a persoa beneficiaria poida obter de calquera Administración ou entidade pública ou privada.

Non obstante, a suma das axudas financeiras estatais e as que lle corresponden nesta orde, así como as doutras administracións ou organismos públicos, outorgadas para a mesma finalidade, non poderá superar o prezo, custo ou orzamento protexido das actuacións comprendidas nesta convocatoria.

Artigo 19. Notificacións

1. As persoas xurídicas e as súas persoas representantes están obrigadas a recibir as notificacións das resolucións e demais actos administrativos só por medios electrónicos. Para estes efectos, no anexo I deberán optar pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida unha opción diferente.

2. No caso das persoas físicas, as notificacións das resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante, deberán manifestar expresamente, no anexo I a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Sen prexuízo do anterior, poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada na sede electrónica da Xunta de Galicia para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas e ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e enténdense rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a este.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño; co artigo 17 da Lei 1/2016, do 8 de xaneiro, e co Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, as sancións que como consecuencia delas puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a planificacion.igvs@xunta.gal.

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, e no Decreto 402/2009, do 22 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión desta axuda.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file