Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 10 de agosto de 2017 Páx. 38581

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2017 pola que se modifica a Resolución do 12 de maio de 2015 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións de contido cultural galego e se convocan para o ano 2015.

No DOG núm. 93, do 20 de maio de 2015, publicouse a Resolución do 12 de maio de 2015 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións de contido cultural galego e se convocan para o ano 2015. Na cláusula décimo cuarta establécese o pagamento e xustificación das subvencións e establécense os prazos máximos de entrega da xustificación. Recibidas varias solicitudes de ampliación do prazo máximo, e coa finalidade de proporcionar as mesmas opcións a todos os subvencionados, procédese á modificación do punto cuarto da cláusula décimo cuarta, incluíndose a posibilidade de xustificar ata o 15 de xullo de 2018.

Artigo 1

Modifícase a cláusula décimo cuarta, punto 4, da Resolución do 12 de maio de 2015 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións de contido cultural galego e se convocan para o ano 2015.

«4. Os prazos de xustificación da subvención son os seguintes:

– Ata o 15 de xullo de 2016 para a modalidade de curtametraxes (modalidade D),

– Ata o 15 de setembro de 2017 para o resto das modalidades, con carácter xeral.

– Ata o 30 de xuño de 2018, logo de solicitude da entidade subvencionada e resolución por parte da Agadic, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

– Que se solicite antes do día 31 de agosto de 2017.

– Que se presente a garantía establecida no punto dous desta cláusula.

No suposto de que se acepte, a Agadic poderá pagar ata un máximo do 50 % da axuda concedida, incluíndo os pagamentos feitos en anualidades anteriores.

A modificación da repartición entre anualidades exixirá a tramitación da correspondente modificación do expediente de gasto, de acordo co establecido no artigo 35 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Transcorridos estes prazos sen que se presente a xustificación ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia».

Artigo 2

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2017

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais