Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 25 de agosto de 2017 Páx. 40506

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 14 de agosto de 2017 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Mediante a Orde do 30 de decembro de 2016 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (DOG núm. 14, do 20 de xaneiro de 2017).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e consonte co establecido no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 2 de decembro de 2016, na cal se acordou a remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

No seu artigo 4, a orde prevé a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

A Orde do 30 de decembro de 2016, logo da modificación realizada a través da Orde do 12 de xuño de 2017 (DOG núm. 115, do 19 de xuño), destina un total de 3.542.992,69 € ao financiamento desta liña de subvencións. Ao terse producido unha transferencia de crédito á aplicación que custea estas subvencións, co fin de poder amparar un maior número de solicitudes presentadas a Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo a fondos propios libres, asignará 65.831,00 € para ampliar a dotación orzamentaria de referencia a través do suposto previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, recollido expresamente no artigo 4.1 da Orde do 30 de decembro de 2016.

Esta ampliación da dotación orzamentaria da orde, con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.760.2 (C.P. 2016 00023) do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, deixa establecida en 3.608.823,69 € a contía máxima das subvencións que se concedan.

En consecuencia co exposto, de acordo co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, e co disposto na Orde do 30 de decembro de 2016, modificada pola Orde do 12 de xuño de 2017,

Dispoño:

Artigo único

1. Amplíase a dotación orzamentaria determinada na Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

2. O incremento da dotación será de 65.831,00 €, que achega adicionalmente a Comunidade Autónoma de Galicia con cargo a fondos propios libres, consignados na aplicación orzamentaria 05.23.141A.760.2 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, quedando establecida en 3.608.823,69 € a contía máxima das subvencións que se concedan.

3. Esta ampliación de crédito non afecta o prazo establecido no artigo 5 da Orde do 30 de decembro de 2016 para a presentación de solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza