Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 25 de agosto de 2017 Páx. 40509

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 11 de agosto de 2017 pola que que se establecen as bases reguladoras dunha experiencia piloto para a creación dun programa a prol da contratación e formación de persoas mozas nos sectores vinculados á Industria 4.0 e ao sector agroalimentario, e se convocan incentivos para as empresas para formación e contratación de mozas e mozos neses sectores.

Os números 1 e 2 do artigo 29 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral e de fondos de ámbito nacional e de emprego.

Conforme a disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, esta é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponde o exercicio das competencias e funcións, entre outras, de proposta e execución das directrices xerais do Goberno no ámbito laboral, o que engloba as competencias en materia de políticas activas de emprego e política laboral, así como promoción laboral, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución.

Correspóndelle, pois, á Consellería de Economía, Emprego e Industria a xestión das subvencións que desenvolven as políticas activas de emprego, entre as cales se inclúen as medidas de apoio a favor da empregabilidade das persoas desempregadas mellorando as posibilidades destas para acceder ao mercado de traballo.

As recomendacións da UE en materia de emprego van dirixidas a que os Estados membros deben, para unha maior flexibilidade, descentralizar a xestión das políticas de emprego, de xeito que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio co fin de acadar unha estratexia de acción común. As directrices fan especial fincapé na importancia de que todas as persoas novas menores de 30 anos reciban unha oferta de emprego boa e unha educación continua que mellore as súas posibilidades de incorporación ao mercado de traballo tendo en conta os novos perfís profesionais e demandas das empresas.

A Xunta esta a implementar a Axenda 20 para o emprego, para impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento. Céntrase en tres retos: fomentar o emprego de calidade; reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral; e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas. O Goberno galego busca reforzar a atención especial que xa presta aos colectivos con maiores dificultades de acceso a un posto laboral por medio de diversas medidas.

Esta Axenda tamén pretende impulsar a RSE e a igualdade de oportunidades nas empresas galegas, incentivando especialmente as pemes para implementar medidas de igualdade laboral, de conciliación e flexibilidade. Promoverá o impulso de plans de inserción das persoas con discapacidade no emprego ordinario, e persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social. Así mesmo, vai instar un Acordo marco sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e promover na negociación colectiva a inclusión de medidas de RSE, igualdade e conciliación.

Outro dos retos que persegue é converter a formación, capacitación e especialización como pancas de cambio, e entre as súas medidas búscase reforzar e modernizar os centros de formación profesional para o emprego dependentes da Consellería desenvolvendo vínculos co seu contorno sectorial e local, así como creación de unidades de formación na empresa para impulsar dentro do tecido empresarial a especialización e capacitación con compromiso de contratación. Entre unha das súas liñas está o implantar novos sistemas de formación atendendo ás novas necesidades do mercado, especialmente pola Industria 4.0.

A política industrial debe prestar unha especial atención a aqueles sectores estratéxicos que, pola súa experiencia exportadora, a súa existencia como empresas tractoras con capacidade para xerar peme e con tradición empresarial e potencial de crecemento, veñen mostrando a súa capacidade de contribuír ao progreso da economía galega. Deste xeito, o mapa dos sectores prioritarios a que se aplicará o conxunto de medidas do plan é o seguinte:

a) Estratéxicos:

• Agroalimentación, produtos do mar e acuicultura

• Automoción

• Enerxías renovables

• Madeira/Forestal

• Naval/Industria marítima

• Pedra natural

• Téxtil-moda

b) Emerxentes e de alto potencial:

• Aeronáutico/aeroespacial

• Industria da saúde e do benestar

• Industrias creativas

• Biotecnoloxía

• Novos materiais

• Ecoindustria

• TIC

Como soporte da nova industria destácanse as tecnoloxías facilitadoras que posibilitan a Industria 4.0, caracterizada por ser flexible, automatizada, conectada, sustentable, intelixente e social, con espazos compartidos entre humanos e máquinas, con máis responsabilidades para as persoas ben formadas e máis cualificadas, capaces de xestionar eficientemente os novos contornos produtivos.

A Axenda destaca a necesidade de Galicia de contar cunha industria que se oriente á obtención dun maior valor engadido dos sectores tradicionais, ao tempo que saiba fomentar as actividades emerxentes ou de alto potencial de crecemento. Considérase a formación das persoas como un dos compoñentes necesarios do programa de reforzo das persoas e das organizacións, así como a necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria, de maneira que é necesario que se impartan accións formativas vinculadas con certificados de profesionalidade vinculados coa Industria 4.0.

Para a Xunta de Galicia a situación de desemprego xuvenil constitúe unha das principais preocupacións e o centro de atención de diversas medidas postas en marcha en materia de políticas activas de emprego. Froito destas nos últimos anos acadáronse bos resultados que validan a adecuación das iniciativas de apoio á mellora da situación laboral do colectivo de mozos e mozas.

Sobre a base da experiencia e dos bos resultados logrados grazas a anteriores iniciativas e programas, considérase de grande importancia combinar incentivos á contratación das mozas e dos mozos participantes, así como medidas de apoio á mellora das capacidades das novas persoas empregadas que se incorporan aos centros de traballo. Deste xeito satisfaise a necesidade das empresas de contar con persoas traballadoras cuns perfís axeitados aos postos de traballo e á forma de produción, incluíndo as liñas máis innovadoras e as novas tecnoloxías ao servizo da produción. Permite, dunha banda, contar con profesionais máis preparados en sectores que precisan cualificación altamente especializada, como os vinculados á Industria 4.0, facilitando atender a demanda de recursos humanos que se axusten ás novas habilidades requiridas. E, doutra banda, perséguese consolidar un emprego estable, de calidade e con futuro, especialmente entre os galegos e galegas de menos de 30 anos sen experiencia laboral, contribuíndo a fixar poboación xuvenil na Comunidade.

Sobre a base de este marco de planificación impúlsase unha experiencia piloto para a creación dun programa a prol da contratación das persoas mozas nos sectores vinculados á Industria 4.0 e ao sector agroalimentario que inclúe a través desta orde de convocatoria incentivos para as empresas neses sectores co obxectivo de formar e contratar persoas mozas.

Outro dos obxectivos a longo prazo do programa é poder vincular as demandas de persoal cualificado polos sectores prioritarios coa oferta dos programas formativos do Sistema de formación profesional ocupacional galego e os seus 13 centros de formación. Os efectos positivos que se perseguen para o sistema son:

• Identificar aqueles coñecementos e habilidades máis demandados polas empresas nos sectores estratéxicos da nosa economía e satisfacer as demandas do mercado de traballo non cubertas.

• Axudar ás empresas a dispor de capital humano con novas habilidades e coñecementos, mellorando na súa competitividade e innovación.

• Mellorar a vinculación entre o Sistema FPO e os sectores produtivos estratéxicos e innovadores da economía galega.

• Integración de boas prácticas que saian desta experiencia piloto e modernización do Sistema FPO.

Deste xeito preténdese, dunha banda, mellorar a oferta formativa dos centros dependentes da Consellería para prover aqueles coñecementos e habilidades máis demandados polas empresas e, doutra banda, ter efectos positivos na mellora de empregabilidade nestes sectores. Nesta primeira convocatoria elixíronse os sectores estratéxicos en Galicia, como é o agroalimentario así como naqueles vinculados á innovación tecnolóxica da Industria 4.0, redundando na súa competitividade e innovación.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece no seu artigo 5.2 que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se axusta esta disposición.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa nesta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

As bases que rexen este programa establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Consecuentemente con todo o anterior, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, autorizado polo Consello da Xunta de Galicia o compromiso plurianual e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a experiencia piloto dun programa de contratación xuvenil nos sectores de actividade vinculados á Industria 4.0 e no sector agroalimentario, e procédese á convocatoria pública de axudas correspondente ao ano 2017 (procedemento TR349T).

Por medio de esta convocatoria as empresas que soliciten participar nesta experiencia piloto terán a posibilidade de obter axudas para a formación e contratación por conta allea de persoas mozas como parte deste programa piloto de contratación xuvenil.

2. Este programa incluirá dous tipos de axuda compatibles:

a) Bono de contratación: por medio desta liña proporcionarase unha subvención para a contratación laboral de mozos e mozas nas empresas de sectores e liñas de negocio empresarial vinculados á innovación tecnolóxica industrial ou no sector agroalimentario a que vai dirixida a presente orde.

b) Bono de formación: por medio desta liña de axudas económicas proporcionarase unha subvención ás empresas admitidas no programa que, ademais da contratación laboral de mozos e mozas nos sectores a que vai dirixida a presente orde, leven a cabo accións formativas a impartir nas súas instalacións polas cales as mozas e mozos participantes melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión.

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, non concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Para as vindeiras anualidades poderase efectuar unha nova convocatoria do programa no relativo ás súas dúas liñas de axuda baixo as mesmas bases reguladoras.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. Se o orzamento establecido para esta axuda non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase de acordo co establecido no artigo 7 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas en rexistros diferentes, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

2. Tendo en conta o prazo de xustificación establecido no artigo 27 desta orde, para presentar os documentos de pagamento, as axudas que subvencionan contratos formalizados desde a entrada en vigor desta orde de convocatoria ata o 30 de setembro de 2017 aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria: 09.40.322C.470.3 2016 00 308, cunha contía de 1.500.000 €.

Tendo en conta o prazo de xustificación establecido no artigo 27 desta orde, para presentar os documentos de pagamento, as axudas que subvencionan contratos formalizados desde o 1 de outubro de 2017 ata o 15 de decembro de 2017 aboaranse con cargo ao orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para ano 2018 por un importe de 2.000.000 €. Estas contías estarán suxeitas á existencia crédito orzamentario dispoñible para o correspondente ano.

3. Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos desta orde, entenderase por:

a) Persoa desempregada: aquela que estea inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación vinculada ao programa e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

b) Experiencia piloto dun programa de contratación e formación xuvenil: liña de incentivos á contratación por conta allea dunha duración mínima de 12 meses, así como á formación da persoa traballadora contratada no mesmo posto de traballo dirixida ás empresas dos sectores de actividade vinculados á Industria 4.0 e ao sector agroalimentario que amosan interese en participar nesta experiencia.

c) Acción formativa no centro de traballo: formación para impartir no centro de traballo, ben con medios propios da entidade beneficiaria ou ben a través dunha entidade externa ou expertos, co obxecto de que a persoa traballadora participante adquira coñecementos e habilidades en relación co posto de traballo que se vai desenvolver na empresa participante no marco do programa.

d) Taxa de estabilidade: a porcentaxe de persoal traballador fixo sobre o total do cadro de persoal no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

e) Sectores priorizados da Industria 4.0: por tales sectores entenderanse aqueles identificados na Axenda da competitividade Galicia Industria 4.0 como sectores estratéxicos e sectores emerxentes ou de alto potencial ou vinculados á “nova industria”. Para o obxecto da presente orde considéranse as seguintes fontes para a identificación da actividade empresarial:

• Se a empresa pertence a algunha/s das divisións da Clasificación nacional de actividades económicas CNAE-2009, segundo consta na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria http://emprego.ceei.xunta.gal.

• A clasificación da actividade económica da empresa segundo o código do imposto de actividades económicas (IAE).

• O obxecto social da empresa segundo conste nas súas escrituras.

f) Sector agroalimentario: para o obxecto da presente orde considéranse as actividades económicas comprendidas ligadas ao sector de transformación dos produtos agrarios. Para a identificación da actividade empresarial empregaranse as seguintes fontes:

• Se a empresa pertence a algunha/s das divisións da Clasificación nacional de actividades económicas CNAE-2009, segundo consta na páxina web da consellería de Economía, Emprego e Industria http://emprego.ceei.xunta.gal.

• A clasificación da actividade económica da empresa segundo o código do imposto de actividades económicas (IAE).

• O obxecto social da empresa segundo conste nas súas escrituras.

Artigo 6. Entidades beneficiarias colaboradoras do programa

1. Por medio desta experiencia piloto as empresas pertencentes aos sectores da Industria 4.0 e agroalimentario e que estean interesadas en colaborar coa dita experiencia poderanse acoller a unha liña de axuda de contratación e formación no mesmo posto de traballo. A conformidade de participación manifestarase no anexo I da solicitude.

2. Estas empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, deben contar con centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

3. No caso das empresas que estean interesadas en participar no programa de contratación xuvenil nos sectores priorizados da Industria 4.0, as empresas deben desenvolver actividades económicas nalgunha das divisións CNAE 09 que constan na páxina web da consellería ou ben acreditar polo obxecto social das escrituras ou clasificación do imposto de actividades económicas o tipo de actividade empresarial.

4. No caso das empresas que estean interesadas en participar no programa de contratación xuvenil no sector agroalimentario, as empresas deben desenvolver actividades económicas nalgunha das divisións CNAE 09 que constan na páxina web da consellería ou ben acreditar polo obxecto social das escrituras ou clasificación do imposto de actividades económicas o tipo de actividade empresarial.

5. Para participar no programa as empresas, ademais, deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Contar cun mínimo de 5 persoas traballadoras na data da presentación da solicitude de participación na experiencia piloto.

b) Unha estabilidade laboral que deberá ser dun mínimo dun 60 % no mes anterior ao da solicitude. Neste cálculo non se computarán as persoas traballadoras fixas cuxo contrato de traballo se extinga por causas obxectivas ou por despedimento disciplinario que non sexan declarados improcedentes ou cuxas baixas se produzan por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba. No caso de que no mes anterior á contratación pola cal se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

6. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, nin as entidades de formación.

7. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ter sido condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Ter solicitado a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, atoparse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ter sido sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por se atoparen indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.

8. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

9. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 7 e 8 anteriores para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable que forma parte da solicitude electrónica e que a título informativo figura como anexo I-A destas bases.

Artigo 7. Solicitudes e prazos

1. En relación coa presentación de solicitudes, as entidades beneficiarias a que vai dirixida esta orde de subvencións son as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas e as sociedades civís. O artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación recolle a posibilidade da obriga de relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración para determinados procedementos. Nos procedementos para a concesión de axudas e subvencións as correspondentes bases reguladoras poderán establecer a indicada obriga. Polo tanto, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para garantir que as persoas solicitantes que carezan de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.

As solicitudes de participación neste programa piloto, así como os bonos de contratación e formación, deberanse presentar no prazo dun mes desde a data de formalización do contrato.

O prazo de presentación rematará o 15 de decembro 2017, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior, de acordo co anexo I-A da convocatoria. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria: http://emprego.ceei.xunta.gal e na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

Artigo 8. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións firmes que, como consecuencia delas, puideren imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 35/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídas nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable de ambos ficheiros é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria.@xunta.gal.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego por Conta Allea da Secretaría Xeral de Emprego.

3. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola cal se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o cal solicitou a axuda.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal (https://notifica.xunta.gal), dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención da proposta emitida polo servizo instrutor, a resolución ditaraa o órgano competente por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria e seralle notificada á persoa interesada. As resolucións de concesión ou denegación serán sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Unha vez que o órgano competente notifique a resolución, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia

1. As subvencións previstas no programa de Bono de formación son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das horas de formación procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. As axudas previstas no programa de Bono de contratación son incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, pero sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites do 80% establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, por medios propios ou alleos, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos, tal e como establece o artigo 11.d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

d) Dispor de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

e) Excepto aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de levar unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os ingresos da subvención.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos por un prazo de 5 anos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente, desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos termos do disposto especificamente para cada programa nos capítulos II e III da presente orde.

2. As obrigas de reintegro establecidas nos capítulos desta orde entenderanse sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, que aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 18. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 19. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídos outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados, tanto no relativo aos contratos realizados como durante o plan formativo na empresa. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e nas resolucións de concesión.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios propios como alleos estean ao dispor da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 20. Réxime de axudas

As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (UE) 1379/2013 do Consello.

b) As axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

i) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

ii) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela se repercuta aos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

CAPÍTULO II

Programa de bonos de contratación-Liña de axudas para incentivar a contratación no sector agroalimentario e nos sectores priorizados da Industria 4.0

Artigo 21. Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables

Os incentivos previstos neste programa serán de aplicación ás contratacións cunha duración inicial mínima dun ano que se formalicen desde a entrada en vigor da orde de convocatoria ata o 15 de decembro do ano 2017 con persoas desempregadas que cumpran os requisitos que se establecen no artigo 22.

No caso de solicitar unha axuda do Programa de bonos de contratación-sectores priorizados da Industria 4.0, os postos de traballo destas novas contratacións deben estar vinculados á nova industria. Para acreditar a súa vinculación, así como a necesidade da contratación, a empresa solicitante deberá presentar unha memoria con información sobre as actividades e/ou tecnoloxías facilitadoras que implementen a competitividade das empresas atendendo ás necesidades do mercado e especialmente pola Industria 4.0, para o cal precisa novo persoal.

Artigo 22. Requisitos

1. A persoa desempregada pola cal se solicita a subvención á contratación ten que cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser menor de 30 anos.

b) Estar en situación de desemprego no momento da contratación vinculada ao presente programa.

c) Non ter traballado previamente nos últimos 6 meses por medio dun contrato de traballo nin para a empresa que solicita directamente as axudas nin para outra empresa que pertenza ao mesmo grupo empresarial de que forme parte a empresa solicitante ou que estea vinculada dalgunha maneira con esta última.

2. A empresa pode solicitar a axuda ata un máximo de 5 novos contratos, o que daría dereito a un bono por cada nova colocación.

3. Como consecuencia da contratación temporal que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto aos tres meses anteriores ao mes da contratación. Para o cálculo do incremento do cadro de persoal neto non se computarán as persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por propia vontade da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba. No caso de que no mes anterior á contratación pola cal se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

4. A xornada da contratación será a tempo completo segundo o establecido no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada máxima legal.

5. O contrato laboral será dunha duración mínima inicial de doce meses.

6. As contratacións polas cales se solicita subvención deberanse formalizar e comunicar á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 23. Contías dos incentivos

Estas novas contratacións obxecto da orde incentivaranse cunha axuda de 5.000 euros por cada persoa desempregada contratada que cumpran os requisitos mencionados no artigo 22.

Artigo 24. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados neste programa:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con ela, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 30 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que traballasen previamente para a empresa que solicita as axudas nin tampouco para outra empresa que pertenza ao mesmo grupo empresarial de que forme parte a empresa solicitante con que estean vinculadas nos últimos 6 meses por medio de contrato temporal.

Artigo 25. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, esta atribución expresa acreditarase por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, e deberase achegar declaración ante un notario ou secretario municipal, adquirindo esta a categoría de documento público. Poderá ser substituída por declaración en comparecencia persoal do representado ante o órgano xestor.

b) Informe de vida laboral dun código conta de cotización correspondente aos tres meses anteriores ao mes en que se realiza a contratación cunha duración mínima de 12 meses, máis o do correspondente ao do mes en que se realiza a dita contratación.

c) No caso de contratación temporal, declaración do cadro de persoal neto de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada, anexo I-B.

De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras contratadas que causaron baixa polas causas previstas no artigo 22.3 da orde de convocatoria.

d) Relación nominal das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención, de estaren xa contratadas no momento da presentación da solicitude, na cal se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora por quen se solicita subvención e a nómina do mes de contratación, anexo I-C.

e) Comprobación de datos da persoa traballadora contratada, anexo I-D.

f) No caso de tratarse de incentivos vinculados á Industria 4.0, a empresa presentará unha memoria da empresa que inclúa a descrición sobre as actividades e/ou tecnoloxías facilitadoras que implementen a competitividade das empresas atendendo ás necesidades do mercado, especialmente pola Industria 4.0, para o que precisa novo persoal. No suposto de industria agroalimentaria, achegará unha memoria descritiva sobre a vinculación do posto incentivado coa actividade.

g) Nos casos en que a empresa conte con medidas en prol da igualdade de oportunidades ou de responsabilidade social empresarial, unha memoria descritiva delas.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 26. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

f) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

g) Informe da vida laboral da persoa traballadora contratada.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro indicado no formulario de solicitude, como figura no anexo I-A e anexo I-D, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 27. Xustificación, pagamentos e informe final

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa nos 15 días hábiles seguintes ao cumprimento dos tres meses contados desde o inicio do contrato de traballo. No caso de que a empresa solicite bonos por contratos iniciados en distintos momentos temporais, presentará a documentación tantas veces como corresponda a medida que se vaian cumprindo os tres meses por cada persoa contratada.

2. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

3. A documentación que se deberá presentar é a seguinte:

Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude, anexo I-E.

4. Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Son obrigas das entidades beneficiarias:

– Manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada polo período de duración do contrato obxecto de subvención.

– No suposto de extinción da relación laboral dunha persoa traballadora por quen se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación temporal, polo menos en tempo de dedicación igual ao anterior, e a nova persoa traballadora deberá pertencer ao colectivo de persoas beneficiarias deste programa. Esta substitución deberase realizar ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

– Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora por quen se solicita subvención cause baixa na empresa dentro dos tres meses seguintes ao inicio do contrato e logo do pagamento da axuda, sen que isto supoña ningunha obriga para a entidade solicitante. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

2. Transcorridos 12 meses desde o inicio do primeiro dos contratos vinculados ao programa presentará a empresa un informe final de participación no programa piloto de contratación xuvenil. Neste informe achegarase, entre outra información e documentos, copia de:

• As 12 primeiras nóminas correspondentes aos 12 primeiros meses da contratación da/das persoa/s traballadora/s pola/s que se solicita o incentivo.

• Informe de vida laboral da empresa correspondente aos 12 primeiros meses de traballo en que figure unha relación da/das persoa/s traballadora/s pola/s que se solicita o incentivo.

3. Unha vez finalizado o período de cumprimento desta obriga, corresponderalle á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa.

Artigo 29. Incumprimento de obrigas e reintegro

Entenderase que se produce un incumprimento parcial e, polo tanto, procederá o reintegro parcial das axudas, cando a persoa traballadora non sexa substituída pola empresa unha vez que transcorrese a duración mínima do contrato para que este poida ser subvencionado. O cálculo da contía que se reintegrará farase en función dos meses en que a persoa traballadora estivo na empresa en relación coa duración total do contrato obxecto de subvención.

Entenderase que se produce un incumprimento total e, polo tanto, procederá o reintegro total dos incentivos cando a persoa traballadora subvencionada cese na súa relación laboral antes de que transcorra o período mínimo de subvención e a empresa non proceda a substituíla.

CAPÍTULO III

Programa de financiamento de accións formativas no centro de traballo
(Programa de bonos de formación)

Artigo 30. Accións subvencionables e requisitos

As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dunha subvención para formación no centro de traballo ás persoas contratadas por medio do Programa de bonos de formación, no sector agroalimentario ou nos sectores priorizados da Industria 4.0. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar no capítulo II.

b) Ten que ofrecerse unha acción formativa, que terá lugar dentro dos tres primeiros meses de formalización do contrato.

c) A acción formativa deberá ter unha duración mínima de 50 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo ás cales asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.

Artigo 31. Execución das accións formativas

As entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou poderán recorrer á súa contratación, dentro dos tres primeiros meses da formalización do contrato.

Artigo 32. Lugar de impartición das accións formativas

As entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas exclusivamente nas súas instalacións.

Artigo 33. Contías dos incentivos e condicións da percepción

Esta formación incentivarase cunha axuda de 2.000 euros por cada persoa moza contratada que a reciba na súa integridade e que cumpra os requisitos establecidos no artigo 22 da presente orde.

Artigo 34. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa nos 15 días hábiles seguintes ao remate da acción formativa.

2. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberáselles notificar ás persoas ou entidades beneficiarias.

3. A documentación que se deberá presentar é a seguinte:

– Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude, anexo I-E.

– Plan formativo xustificativo da formación.

– Copia dos partes de sinaturas asinados pola persoa titora e pola persoa traballadora por cada sesión diaria de formación.

– Informe de aproveitamento asinado pola persoa titora e pola persoa traballadora en que se detalle:

• Os contidos do plan formativo na empresa, con descrición dos contidos, programa de actividades e servizos que a empresa puxese á disposición do formando para familiarizarse coa empresa, os seus coñecementos e habilidades melloradas.

• As tarefas desenvolvidas pola persoa titora e estimación horaria por cada unha.

4. Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 35. Incumprimento de obrigas e reintegro

O incumprimento das obrigas establecidas na presente orde e demais normas aplicables, así como das condicións que se establecesen na correspondente resolución de concesión, dará lugar á perda total do dereito ao cobramento ou subvención ou, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obriga de devolver totalmente a subvención percibida e os xuros de demora correspondentes.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego no ámbito das súas respectivas competencias, para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a súa concesión, denegación, modificación, reintegro ou outras incidencias das citadas subvencións.

Disposición adicional segunda. Información sobre a xestión de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición adicional terceira. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file