Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 29 de setembro de 2017 Páx. 44527

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 27 de setembro de 2017 pola que se modifica a Orde do 12 de maio de 2017 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional).

A Orde do 12 de maio de 2017 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), establece o réxime de concesión de axudas ás ditas entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, levan a cabo a atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e desenvolven programas e/ou prestan servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

No seu artigo 19 referido ao pagamento das subvencións, establece a posibilidade de realizar anticipos de pagamentos en relación coas actuacións comprendidas no artigo 4.1.b).2 e 4.1.b).3 e que teñan que xustificarse en 2017. No seu punto segundo determina o prazo de solicitude antes do 30 de setembro de 2017.

Os prazos estimados para resolver esta convocatoria de subvencións fan necesaria unha ampliación do prazo para solicitar anticipos. Por tal motivo resulta necesario realizar unha modificación da Orde do 12 de maio.

Por isto, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e en aplicación das competencias atribuídas no Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 12 de maio de 2017 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional)

O número 2 do artigo 19 queda redactado do seguinte modo:

«2. Non se poderán realizar pagamentos anticipados para as actuacións incluídas no artigo 4.1.a), 4.1.b).1 e 4.1.c).

Calquera dos anticipos deberá ser solicitado, necesariamente, antes do 20 de outubro de 2017».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social