Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 5 de outubro de 2017 Páx. 47013

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas para o inicio de estudos universitarios no curso académico 2017/18 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

O Real decreto 1000/2012, do 29 de xuño, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2012/13, e se modifica parcialmente o Real decreto 1721/2007, do 21 de decembro (BOE núm. 160, do 5 de xullo), cambiou os requisitos académicos xerais para poder acceder ás bolsas de carácter xeral para ensinanzas universitarias convocadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

O cambio de requisitos académicos afectou, entre outros, o alumnado de inicio de estudos universitarios que ten que acreditar para recibir a bolsa do Ministerio unha nota media igual ou superior a 5,5 puntos nas probas de acceso á universidade ou noutras ensinanzas que permiten o acceso, excluíndo a fase específica, que é superior á nota media de 5 que se exixía ata ese momento.

Neste contexto, no marco da súa competencia a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve anualmente diversas liñas de axuda coa finalidade de cubrir, na medida do posible, as necesidades do alumnado universitario, liñas que, en prol da súa eficacia e eficiencia, deben adaptarse ás cambiantes circunstancias do contorno socioeconómico actual e ás variacións normativas producidas no ámbito estatal.

Na súa consecuencia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considera prioritario continuar coa súa política de apoio económico ao alumnado universitario a través desta orde de axudas destinada a facer fronte aos gastos derivados da matrícula dos/as alumnos/as que inician estudos universitarios que cumpran os requisitos establecidos na presente convocatoria.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula universitaria do alumnado que inicie estudos universitarios no curso 2017/18 no Sistema universitario de Galicia conducentes á obtención dun título oficial de grao (código do procedemento ED441C).

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, cunha contía global de 200.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, de conformidade cos supostos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderán solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Acreditar unha cualificación na proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) ou noutras ensinanzas que lle permita o acceso cunha nota media igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos, excluíndo a cualificación da parte voluntaria.

b) Posuír a nacionalidade española, ou doutro país da Unión Europea ou de terceiros países, cando se acredite a condición de residente en España, quedando excluídos os que se atopen en situación de estadía.

c) Estar matriculado por primeira vez en primeiro curso nunha universidade do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2017/18 dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes á obtención dun título oficial de grao.

d) Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os que solicita a axuda.

e) Non estar incluídos nos casos de exención total de matrícula previstos no artigo 12 do Decreto 65/2017, do 6 de xullo (DOG núm. 134, do 14 de xullo), polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2017/18.

f) Que a renda da unidade familiar non supere os seguintes limiares:

– Familias de 1 membro: 14.112,00 euros.

– Familias de 2 membros: 24.089,00 euros.

– Familias de 3 membros: 32.697,00 euros.

– Familias de 4 membros: 38.831,00 euros.

– Familias de 5 membros: 43.402,00 euros.

– Familias de 6 membros:46.853,00 euros.

– Familias de 7 membros: 50.267,00 euros.

– Familias de 8 membros: 53.665,00 euros.

A partir do oitavo membro engadiranse 3.391,00 euros por cada novo membro computable da familia.

g) Non ter recibido esta axuda en convocatorias anteriores.

Artigo 4. Contía da axuda

1. A dotación asignada a cada beneficiario/a será a do importe total da matrícula, incluídas as taxas de apertura de expediente e a expedición e mantemento de tarxeta de identidade, sendo dun máximo de 862,90 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura e grao en Belas Artes, e dun máximo de 618,10 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, tal e como se recolle no Decreto 65/2017, do 6 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2017/18 (DOG núm. 134, do 14 de xullo).

2. A axuda só alcanzará os créditos dunha única titulación e especialidade.

3. Quedan excluídas do importe da axuda as exencións e bonificacións do pagamento das taxas a que tiver dereito o/a beneficiario/a.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED441C (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ao ter as persoas incluídas no ámbito subxectivo as competencias técnicas e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos necesarios para formalizar as solicitudes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes serán subscritas electronicamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación dos estudos que permitan o acceso á universidade ou a tarxeta da ABAU que inclúan a nota media.

b) Documento acreditativo de matrícula na universidade en que deberá de figurar o importe da matrícula, as materias e o número de créditos en que está matriculado/a no curso 2017/18.

c) Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá presentar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en alugamento e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos.

d) Anexo II de comprobación de datos de terceiras personas interesadas para a consulta de datos dos membros da unidade familiar distintos da persoa solicitante.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

1. Copia do DNI ou do NIE da persoa solicitante 1 e dos demais membros computables da unidade familiar maiores de idade.

2. Certificado de residencia da persoa solicitante e de todos os membros computables da unidade familiar con data de efectos 31 de decembro de 2016.

3. Certificado da renda da persoa solicitante e de todos os membros computables da unidade familiar relativo ao exercicio fiscal 2016.

4. Autorización da estadía ou residencia legal cando a persoa solicitante sexa extracomunitaria.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a listaxe definitiva das persoas beneficiarias das axudas e a contía destas e a listaxe das solicitudes denegadas.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.gal tanto as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas como as listaxes definitivas.

Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e unha vez examinadas estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión, na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.gal/ na epígrafe de Ensinanza/Universidade.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días e, durante ese prazo, poderán emendar erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaría Xeral de Universidades.

Secretario/a: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de expertos/as na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que, para o efecto, se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 12. Criterios de avaliación

A comisión avaliadora levará a cabo a selección ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos nesta orde en función da renda familiar establecida no artigo 3.f).

1. Terán prioridade as solicitudes que teñan a menor renda per cápita empezando polas rendas máis baixas, de acordo coa renda individual familiar resultante de dividir a renda da unidade familiar entre o número de membros.

2. A renda da unidade familiar obterase pola suma das rendas do exercicio 2016 de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculadas segundo se indica nos parágrafos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

3. Para a determinación da renda dos membros computables que presenten declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas procederase do seguinte xeito:

– Primeiro: sumarase a base impoñible xeral coa base impoñible de aforro.

– Segundo: deste resultado restarase a cota resultante da autoliquidación.

4. Para a determinación da renda dos membros computables que obteñan ingresos propios e non presentasen declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas, procederase do seguinte xeito:

– Primeiro: sumarase a base impoñible xeral coa base impoñible de aforro.

– Segundo: deste resultado restaranse os pagamentos á conta efectuados.

5. Para os efectos previstos nesta orde, e con referencia á situación familiar en 31 de decembro de 2016 considérase que:

a) Conforman a unidade familiar:

– A persoa solicitante.

– Os pais non separados legalmente e, se é o caso, o titor ou titora, ou a persoa encargada da garda e protección do menor.

– Os irmáns solteiros menores de vinte e cinco anos e que convivan no domicilio familiar ou os maiores de idade cando se trate de persoas con discapacidade

– Os ascendentes que convivan no domicilio familiar

b) Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os descendentes e ascendentes que convivan con eles.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa nai ou co pai do solicitante.

d) No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos pais non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co solicitante da axuda.

e) No caso de separación ou divorcio dos proxenitores con custodia compartida acreditada mediante sentenza xudicial, as rendas de ambos os proxenitores incluiranse dentro do cómputo da renda familiar.

f) Nos casos en que o solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá probar que conta con medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia. Se os ingresos acreditados resultan inferiores aos gastos soportados considerados indispensables (vivenda, manutención, etc.) entenderase non probada a independencia, polo que, para o cálculo da renda para os efectos desta axuda, se computarán os ingresos correspondentes aos membros computables da familia aos cales se refire este artigo.

6. Para os efectos previstos nesta orde deducirase da renda familiar o 50 % dos ingresos achegados por calquera membro computable da familia distinto dos sustentadores principais.

7. En caso de empate entre dous ou máis solicitantes procederase ao desempate tendo en conta as notas da certificación dos estudos que permitan o acceso á universidade ou as incluídas na tarxeta da ABAU.

Artigo 13. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución.

Artigo 14. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe de persoas beneficiarias das axudas.

b) Listaxe de solicitudes denegadas por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, e comezará a contar desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, os interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.gal pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Pagamento

O aboamento das axudas farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

d) Seguir con aproveitamento durante o curso académico con carácter presencial os estudos en que se atope matriculado e non anular a matrícula.

Artigo 17. Incompatibilidades, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

Non será admisible a percepción de máis dunha axuda para o aboamento dos prezos por servizos académicos das previstas nesta convocatoria, aínda que se solicite para estudos diferentes.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puideran corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1, á cal se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxu@edu.xunta.es

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file