Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2017 Páx. 48118

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 26 de setembro de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre a revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal de Pedrouzos ou Contomil, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Nantes, no concello de Sanxenxo.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, do 10 de xullo de 2017, ao respecto da revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal de Pedrouzos ou Contomil, da CMVMC de Nantes, concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Feitos:

Primeiro. O monte Pedrouzos ou Contomil clasificouse por resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra o 13 de xaneiro de 1987, segundo os límites descritos no expediente de investigación realizado pola Administración forestal no concello de Sanxenxo, cunha cabida de 7,1350 ha e uns límites xerais.

– Norte: propiedades particulares Campiños e Revoltas.

– Sur: propiedades particulares Gramaliños.

– Leste: propiedades particulares Fontacovo, monte de Carballo e Gramales.

– Oeste: propiedades particulares Pedrouzos e Pinal do Rei.

Na investigación citada inclúese un esbozo sobre cartografía que non permite a práctica de medicións e que se xunta a este informe.

Segundo. O 16 de febreiro de 2015 recíbese escrito do Concello de Sanxenxo en que solicita á antiga Consellería do Medio Rural e do Mar a comprobación e corrección do esbozo do monte Pedrouzos ou Contomil sito na parroquia de Nantes, Sanxenxo (Pontevedra), alegando, entre outras, o seguinte:

1. En sesión celebrada o 30.8.1974 a corporación municipal en pleno acordou iniciar o expediente de deslindamento do citado monte, do cal se elaborou a cabo a correspondente acta de apeo e o levantamento topográfico con data 15.9.1975.

Resultado do anterior, con data 27.9.1975, o enxeñeiro encargado dos traballos, Ricardo García Borregón, emite un informe en que refire:

«As estremas que propoñemos para o monte son as seguintes:

– N: os predios Revolta e Campiños.

– E: os montes particulares denominados Fontacovo o Fontacón, Carballo e Gramales.

– S: o monte Gramaliños.

– O: os montes denominados Pedrouzos e Pinal do Rei.

O encravado Pedrouzos está todo rodeado de muro rudimentario e ten unha superficie de 3.460 m². Por tanto, a superficie de terreos municipal será:

– Superficie total: 74.810 m².

– Superficie do encravado: 3.460 m².

– Diferenza: 71.350 m²».

Finalmente, en sesión ordinaria celebrada o día 26.12.1975, a corporación municipal en pleno adoptou o seguinte acordo literal:

«Deslindamentos administrativos. Deslindamento do monte Contomil ou Pedrouzos. Deuse conta á corporación municipal do expediente tramitado neste concello co motivo do deslindamento do monte de libre disposición denominado Contomil ou Pedrouzos, na parroquia de Nantes do concello de Sanxenxo, que figura debidamente inscrito no Rexistro da Propiedade e no Inventario de bens municipais, da acta de apeo do dito monte elaborada o día 15 de setembro de 1975, así como do informe e plano levantado do enxeñeiro operador das ditas estremas, polo que resulta o dito monte, unha vez deslindado, cunha superficie de 71.350 m² e que linda ao norte, predio Revolta e Campiñas; sur, monte Gramaliños; leste, os montes particulares denominados Fonta-Covo, Carballo e Gramales, e oeste, os montes denominados Pedrouzos e Pinal do Rei; a corporación, por unanimidade e despois dunha ampla deliberación, acorda prestar aprobación ao deslindamento efectuado de conformidade co disposto no Regulamento de bens das corporacións locais do 27.5.1955, e facultar o alcalde para os trámites sucesivos do dito expediente».

E con data 28.1.1976 publícase o correspondente anuncio no Boletín Oficial da provincia da aprobación do deslindamento.

De todo o anterior o concello de Sanxenxo achega documentación, incluída memoria, acta, informe e plano de deslindamento.

Terceiro. O 14.1.2015, Manuel Otero Pombo, representante da comunidade de Contumil-Pedrouzos (Nantes), achega documentación ante o Concello de Sanxenxo onde fai constar:

«– Segundo consta nos arquivos da CMVMC de Contomil-Pedrouzos, os terreos pertencentes a esta comunidade de montes, logo do deslindamento e aprobación polo Xurado Provincial de Montes, correspóndese co plano levantado para o efecto que se achega (presenta plano de deslindamento realizado polo concello o 27.9.1975).

– Que o monte se atopa perfectamente deslindado e delimitado con poste de formigón.

– Os terreos do comunal en parte polo seu vento oeste, estremaban co centro cultural e deportivo de Sanxenxo, estes terreos tamén están perfectamente delimitados e pechados con tubos de arame. Ao longo desta linde e, en terreo comunal, construíuse unha estrada que dá servizo ao colexio de Nantes e comunica os lugares de Pedrouzos e Revolta. Actualmente o círculo cultural e deportivo de Sanxenxo, estrema con esta estrada de titularidade municipal, polo que xa non linda con monte comunal.

– Nunca existiu ningún tipo de conflito na estrema co círculo cultural e deportivo de Sanxenxo, que veñen utilizando e gozando da súa propiedade desde hai moitos anos de forma pacífica».

Cuarto. Revisada toda a documentación, compróbase que o esbozo que acompaña o estudo previo da clasificación do monte veciñal de Pedrouzos ou Contomil e o plano de deslindamento realizado polo Concello o 27.9.1975 teñen a mesma forma pero un está xirado respecto ao outro, incluso o encravado que hai nel.

Que o monte veciñal de Pedrouzos ou Contomil foi clasificado polo Xurado Provincial de MVMC en 1987 coas mesmas estremas e cabida que o deslindamento aprobado e anunciado polo Concello o 28.1.1986.

Que os terreos que a Comunidade de Pedrouzos ou Contomil consideran como monte veciñal é o referido no plano de deslindamento do monte polo Concello o 27.9.1975.

Quinto. Como consecuencia de todo isto, o 25.2.2015 o Servizo de Montes de Pontevedra realiza un levantamento topográfico da liña do monte veciñal de Nantes que linda co círculo cultural de Sanxenxo.

Sexto. Paralelamente compróbase in situ o erro do esbozo da carpeta ficha, e que este monte sufriu o paso da autovía AG-41 (autovía do Salnés), acto de disposición que non se encontra recollido no Rexistro Provincial de MVMC de Pontevedra. O Servizo de Montes realiza o levantamento topográfico de todo o monte veciñal de Pedrouzos ou Contomil, acompañado por representantes da comunidade.

Como consecuencia deste levantamento topográfico, o monte queda descrito da seguinte maneira:

O monte Pedrouzos ou Contomil, polo paso da autovía AG-41 e por un camiño asfaltado queda dividido en 4 parcelas de cabidas:

– Parcela 1: 1,46 ha despois de descontado o encravado A de 0,33 ha.

– Parcela 2: 1,12 ha.

– Parcela 3: 0,84 ha.

– Parcela 4: 0,89 ha

Polo que a cabida total é de 4,31 ha, descontando o encravado A de 0,33 ha, situado na parcela 1.

As estremas xerais, considerando que o monte é un couto redondo e que a dita continuidade non se ve interrompida por estremas naturais, artificiais (vías de comunicación, etc.) nin administrativas, segundo recolle o punto 10 do artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, son: norte, sur, leste e oeste, propiedades particulares.

Sétimo. O 14.12.2016 o Xurado de MVMC de Pontevedra acorda, por unanimidade dos seus membros, iniciar de oficio a revisión do esbozo de clasificación do monte Pedrouzos ou Contomil.

Oitavo. O 16.1.2017, o presidente do Xurado de MVMC de Pontevedra solicita ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Nantes (Sanxenxo) coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. O 9.6.2017 a xefa da Área Técnica de MVMC do Servizo de Montes da Xefatura Territorial do Medio Rural de Pontevedra presenta un informe favorable á revisión do esbozo do monte Pedrouzos ou Contomil, sito en Nantes, do concello de Sanxenxo, de acordo coa descrición do punto sexto dos feitos e os planos en soporte papel e dixital.

Vista a proposta de revisión presentada pola antedita xefa da Área Técnica sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal de Pedrouzos ou Contomil, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado provincial, por unanimidade dos seus membros, acorda:

Aprobar a proposta de adaptación de esbozo do monte veciñal de Pedrouzos ou Contomil, da CMVMC de Nantes, concello de Sanxenxo (Pontevedra), segundo o informe técnico do 9.6.2017 e a planimetría que o acompaña, co que o monte queda coas características que se describen no antecedente de feito sexto.

Pontevedra, 26 de setembro de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra