Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 16 de outubro de 2017 Páx. 48220

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 4 de outubro de 2017 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde pois, á Consellería de Economía, Emprego e Industria, para o exercicio orzamentario 2017, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego e de acordo coa Axenda 20 para o Emprego, e no eido da colaboración institucional e do diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

Con todo, tamén é preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas á atención de colectivos específicos con especiais dificultades de inserción. Para iso resulta necesario contar coa colaboración das entidades sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuír ao desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da nosa Comunidade Autónoma, á vez que favorecer a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.

Así, para 2017 implementarase un programa autonómico en e para Galicia que non é outra cousa que unha adaptación do programa estatal, coherente co momento actual e cos requirimentos específicos da realidade do noso mercado laboral, como instrumento a través do cal se lles ofrece ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunde na mellora da súa empregabilidade e que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

Esta nova regulamentación autonómica é posible á vista do novo enfoque que deu ao deseño e á xestión das políticas activas de emprego o número 2 da disposición derradeira décimo segunda da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, da que resulta que as comunidades autónomas están habilitadas para o deseño e a execución de novos programas e medidas de políticas activas de emprego adaptadas ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán dirixirse ao cumprimento dos obxectivos que se establezan no Plan anual de política de emprego (PAPE) de cada ano, requisitos e condicións que se cumpren no presente caso.

Mantense o uso e a aplicación, de maneira exclusiva, de medios telemáticos para tramitar e presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da Administración electrónica na Administración pública galega, como canle principal de relación do cidadán coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos.

Por outra banda, consolídase a novidade introducida en convocatorias anteriores co establecemento dunha serie de requisitos e condicionantes que tratan de obxectivar máis, se cabe, a tramitación e concesión das axudas. Así, introdúcense uns requisitos obxectivos, a partir de cuxo cumprimento se presume que as entidades solicitantes dispoñen da capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos.

Mantense tamén, nesta convocatoria, a prioridade para aquelas entidades prestadoras de servizos sociais, especialmente no ámbito da discapacidade e do risco de exclusión social. O obxectivo fundamental desta medida é facilitar a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición de experiencia profesional, obxectivo que non se desvirtúa, senón que se potencia ao concentrar os servizos que se van desenvolver e, por tanto, as contratacións, nun sector potencialmente xerador de emprego como é o dos servizos sociais, cada vez máis demandados pola sociedade e que precisan de profesionais con experiencia para cubrir as necesidades cada vez maiores neste ámbito.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse polo importe global de 8.100.000 euros con cargo á aplicación 09.40.322C.481.7, contida na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero para a realización de servizos de interese xeral e social (procedemento TR352A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destes programas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, a través dos créditos consignados na aplicación 09.40.322C.481.7 (código de proxecto 2015 00489), polo importe global de 8.100.000 euros.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na data de publicación da presente convocatoria, que establezan accións específicas, de conformidade coa súa escritura pública e/ou cos seus estatutos, para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para ser beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.

b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

3. Para os efectos do disposto na alínea b) do parágrafo anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:

a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgaran a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

b) Que teñan conexión telématica.

c) Que tivesen contratado por conta allea por máis de seis meses algún traballador ou traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar as persoas contratadas, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.

Artigo 4. Requisitos dos servizos que se vaian prestar

Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade dos traballadores e traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, preferentemente, no ámbito da discapacidade e/ou en risco de exclusión social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favorezan a formación e a práctica profesionais das persoas desempregadas que se vaian contratar.

c) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos non supere os nove meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 ou do 75 %, esta duración máxima poderá estenderse ata os doce meses.

e) En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria, tal como exixe a alínea h) do artigo 19 desta orde.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

1. A subvención cobre os gastos salariais e de Seguridade Social das persoas traballadoras contratadas.

2. En ningún caso serán subvencionables os seguintes conceptos:

a) A indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores.

b) Os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

c) As vacacións pagadas, pero non desfrutadas.

d) As horas extras ou traballos realizados fóra da xornada habitual de traballo.

3. No suposto de baixas por incapacidade temporal ou maternidade:

– No caso de substitución da persoa traballadora titular, só serán subvencionables os custos que ocasiona a persoa traballadora substituta. A entidade beneficiaria da subvención deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións leven consigo.

– No caso de que non se substitúa a persona traballadora titular, deberán reintegrarse os gastos salariais correspondentes ao período de baixa.

Artigo 6. Subvención: contía

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizar as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas que se van contratar, nos termos previstos no parágrafo seguinte.

2. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social, conforme a seguinte escala:

• Para o grupo de cotización 1: 2.175 €.

• Para o grupo de cotización 2: 1.963 €.

• Para o grupo de cotización 3: 1.935 €.

• Para o grupo de cotización 4: 1.875 €.

• Para o grupo de cotización 5: 1.756 €.

• Para o grupo de cotización 6: 1.732 €.

• Para o grupo de cotización 7: 1.637 €.

• Para o grupo de cotización 8: 1.576 €.

• Para o grupo de cotización 9: 1.512 €.

• Para o grupo de cotización 10: 1.488 €.

3. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 ou do 75 %, a contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada.

4. Para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, a subvención será de 180 euros mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratada que reúna os requisitos para percibilo.

5. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

6. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. Para poder ser entidade beneficiaria das axudas reguladas nesta orde, deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo I desta orde, que irá acompañada da documentación a que se fai referencia no artigo 9 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de formalización electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, xls, docx, xisx, jpg, jpeg, png, tiff e bmp).

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

4. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

6. Cada entidade poderá presentar unha solicitude. En caso de presentar varias, só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Xunto co formulario de solicitude (anexo I) deberá anexarse a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación.

b) Copia da escritura pública e/ou dos estatutos vixentes da entidade solicitante en que resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro.

c) Memoria global dos servizos que se van realizar co detalle do perfil das persoas desempregadas que se pretenden contratar, no modelo que se publica como anexo II.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, especificamente, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) A ausencia de ánimo de lucro.

c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

d) O cumprimento dos requisitos previstos para obter a condición de entidade beneficiaria da subvención a que se refire o número 2 do artigo 3 da convocatoria, relativos á súa capacidade técnica e de xestión.

e) A disposición de financiamento suficiente para financiar os custos do proxecto que terán que ser asumidos pola entidade, de ser o caso.

f) O nivel de inserción laboral dos participantes en exercicios anteriores a que se refire o artigo 13.4. b).

g) Que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego, logo de petición, a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a declaración responsable.

h) Que as copias dos documentos sinalados na letra b) do punto 1 anterior coinciden cos orixinais, e se poñan á disposición da Administración actuante para os achegar cando se lle requira.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, e sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electrónicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para emendala a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Artigo 13. Procedemento

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Cooperación da Secretaría Xeral de Emprego.

3. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda a súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes sobre os cales nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación, non se considerarán desestimados e o órgano instrutor teraos en consideración en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da comisión de valoración.

Para estes efectos, a comisión de valoración estará composta pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá e, como vogais, pola persoa responsable da Xefatura de Servizo de Programas de Cooperación e unha persoa adscrita ao dito servizo, que realizará as funcións de secretaría.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

4. Dos proxectos presentados polas entidades que cumpran os requisitos sinalados no artigo 4 farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) Os servizos de maior interese xeral e social, segundo os fins da entidade solicitante recollidos na súa escritura pública e/ou nos seus estatutos e en relación co contido do servizo que se vai realizar. Ata 30 puntos.

– Entidades prestadoras de servizos en materia de discapacidade: 30 puntos.

– Entidades prestadoras de servizos en risco de exclusión social: 20 puntos.

– Entidades prestadoras doutros servizos de interese xeral e social, tales como maiores, familia e infancia, mulleres e outros: ata 15 puntos.

b) Maior nivel de inserción laboral. Ata 30 puntos. Entenderase como «inserción laboral» aquela que supoña a contratación por conta allea pola entidade solicitante da subvención, dos traballadores e das traballadoras que participaron en servizos aprobados nos 6 exercicios inmediatamente anteriores, durante un período mínimo de seis meses, nos dous anos seguintes á finalización do contrato subvencionado.

c) Que teñan un ámbito de actuación superior ao municipal. Ata 5 puntos:

– As entidades de ámbito autonómico: 5 puntos.

– As entidades de ámbito pluriprovincial: 4 puntos.

– As entidades de ámbito provincial: 3 puntos.

– As entidades de ámbito comarcal: 2 puntos.

– As entidades de ámbito municipal: 1 punto.

d) Que correspondan a entidades cunha mellor valoración en relación coas actuacións levadas a cabo ao abeiro das axudas e subvencións para o fomento do emprego, en anos anteriores. Ata 10 puntos. Valorarase a antigüidade de constitución da entidade en máis de 3 anos á data de publicación da convocatoria, así como a eficacia na xestión e execución dos proxectos daquelas entidades que participaron en convocatorias anteriores. Puntuará negativamente unha mala xestión por parte da entidade que poderá restar ata 5 puntos.

Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

5. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 75 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración anteriores e adxudicar, co límite fixado na disposición adicional primeira dentro do crédito dispoñible sinalado no artigo 2.1, aquelas que obteñan maior valoración en aplicación dos citados criterios e tendo en conta os seguintes números máximos de prazas, establecidos en función do seu ámbito territorial de actuación:

a) Municipal: ata un máximo de 3.

b) Comarcal: ata un máximo de 5.

c) Provincial: ata un máximo de 7.

d) Pluriprovincial: ata un máximo de 10.

e) Autonómico: ata un máximo de 15.

A aplicación destes límites máximos poderá exceptuarse no caso de solicitudes de entidades que presten atención a persoas con discapacidade, por razóns de interese xeral e social, e deberá motivarse e xustificarse expresamente na acta da comisión de valoración.

6. O órgano instrutor poderá modificar á baixa na proposta de resolución o número máximo de persoas traballadoras e o tempo que se vai subvencionar, segundo entenda xustificados adecuadamente o obxecto e a necesidade do proxecto, así como as funcións que levarán a cabo os traballadores ou traballadoras e o número de persoas e colectivos beneficiarios.

7. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada por delegación da persoa responsable da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir do remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola cal se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, a data de inicio dos servizos, entendida esta como a data límite de realización de todas as contratacións, o tempo de realización do servizo, a contía da subvención que se vai outorgar e os demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

4. A determinación da contía da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero que reúnan os requisitos para percibilo, previsto na Orde do 2 de maio de 2006 pola que se regula o programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia (DOG nº 89, do 10 de maio), realizarase, se é o caso, mediante resolución complementaria da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes computado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. Os incrementos de crédito, así coma o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, destinarase á concesión de subvencións, se é o caso, daqueles servizos que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

7. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, da contía e da finalidade, no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no Rexistro de Subvencións, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras

1. As persoas traballadoras que sexan contratadas para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que, no momento do inicio da relación laboral, a persoa seleccionada estea inscrita na oficina de emprego como demandante non ocupado dispoñible para o emprego.

2. Os traballadores e traballadoras que fosen contratados, por un período igual ou superior a seis meses, con cargo ás axudas concedidas no ano 2016 polas ordes da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 29 de decembro de 2015 e do 5 de agosto de 2016, no ámbito de colaboración coas entidades locais e coas entidades sen ánimo de lucro, en materia de políticas activas de emprego, para a contratación de persoas traballadoras desempregadas, non poderán ser contratados con cargo ás axudas previstas nesta orde.

3. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores e as traballadoras que se necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na oficina pública de emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e ás características que deben reunir os traballadores e traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados. Haberá que presentar unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións –CNO– a 8 díxitos, de conformidade cos seguintes principios xerais:

a) A oferta, na súa formulación, non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios preferenciais establecidos no parágrafo quinto ou que trate de favorecer os colectivos enumerados nel.

b) En ningún caso poderá incluírse nin admitirse como criterio de emparellamento a posesión de experiencia laboral.

c) Poderán admitirse como criterios de emparellamento os relativos a titulación, formación e outro tipo de coñecementos, sempre que estean xustificados no expediente de solicitude e sexan coherentes coa resolución de concesión, para o cal deberán achegar á oficina de emprego a solicitude, a resolución e os anexos de concesión da subvención.

d) As ofertas deberán presentarse necesariamente na oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado. Cando unha entidade dispoña de centros de traballo que se correspondan co ámbito territorial de máis dunha oficina de emprego, excepcionalmente e coa autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego, logo de solicitude debidamente argumentada, poderá concentrar a tramitación de todas as ofertas na oficina a cal lle correspondan máis postos de traballo ofertados.

e) A ocupación ou ocupacións solicitadas deberán corresponder á mesma familia que as ocupacións indicadas no expediente de solicitude.

f) Con carácter xeral, as entidades deberán presentar as ofertas cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data prevista para realizar as correspondentes contratacións. Presentaranse en todo caso, coa suficiente antelación para que as oficinas de emprego poidan tramitalas.

4. Unha vez recibida a oferta, realizarase unha sondaxe de demandantes en función das súas características, atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado. De ser posible, proporcionarase o número de persoas candidatas por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que non poderá ser inferior a dúas nin superior a dez.

A remisión de novas persoas candidatas só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario ou incomparecencia dos remitidos.

5. Terán preferencia, en todo caso, os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral e, se é o caso, aqueles que teñan previsto a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción profesional, tales como:

a) Mulleres e, en especial, aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero.

b) Menores de 30 anos, en especial, as persoas demandantes do primeiro emprego ou aqueles e aquelas sen cualificación profesional.

c) Persoas en paro de longa duración.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas desempregadas maiores de 45 anos.

f) Integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia.

Así mesmo, terase en conta o menor nivel de protección por desemprego das posibles persoas beneficiarias, así como a existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate o/a cónxuxe ou parella de feito, fillos e fillas menores de vinte e seis anos ou maiores con discapacidade, persoas maiores incapacitadas ou menores en acollemento.

6. Excepcionalmente, logo de solicitude debidamente xustificada por parte da entidade solicitante e logo de autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, condición que se acreditará mediante as correspondentes certificacións ou informes elaborados por traballadoras ou traballadores sociais, se é o caso. As persoas seleccionadas polo procedemento descrito neste punto, deberán, en todo caso, cumprir os requisitos establecidos nos números 1 e 2 deste artigo.

7. As persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.

Artigo 16. Contratación dos traballadores e traballadoras

1. Efectuada a selección das persoas traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria contrataraas utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, tendo en conta que os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2017.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Emprego poderá autorizar o inicio dos servizos con posterioridade ao devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

4. Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativo CONTRAT@, agás no caso de entidades de menos de 5 traballadores/as, que poderán facelo a través deste aplicativo ou ben por escrito.

5. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego deberán terse en conta os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas cumpran, no momento da contratación, os requisitos para seren beneficiarios destes programas.

b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro das axudas, de conformidade co disposto no artigo 21.

Artigo 17. Substitución de persoas traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais por maternidade ou por outras causas que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días, a substitución só será posible logo de autorización expresa da Secretaría Xeral de Emprego, logo de solicitude fundamentada da entidade contratante.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada á Secretaría Xeral de Emprego, con indicación da causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación. Na notificación a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:

– Copia do parte de baixa na Seguridade Social da persoa substituída.

– Copia do parte de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC) e contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social da persoa substituta, formalizado e debidamente comunicado.

– Copia do certificado de selección da persoa substituta, no modelo publicado na web institucional da Xunta de Galicia, agás que se trate dunha candidata que quedase en lista de espera na primeira selección e continúe en desemprego no momento de formalizar a contratación.

– Copia do documento de información da subvención, en que conste o recibín da persoa traballadora.

4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección do novo traballador deberá levarse a cabo logo de solicitude á correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, salvo que se trate de candidatos remitidos por este na oferta inicial e cumpran a condición de demandante de emprego inscrito e desempregado no momento da súa contratación.

5. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, devolverase o remanente da subvención polo importe correspondente. En ningún caso poderá producirse un incremento da subvención concedida, e a entidade beneficiaria deberase facer cargo dos sobrecustos que estas substitucións leven consigo.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención para a contratación das persoas traballadoras desempregadas farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión:

a) Contratos de traballo, na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, formalizados e debidamente comunicados.

b) Copias dos partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).

c) Un certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, en que conste:

• A formulación da correspondente oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, que especifique o número identificador desta e a relación nominal das persoas traballadoras desempregadas facilitadas por aquel, así como das persoas candidatas finalmente seleccionadas e contratadas.

• As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

d) Unha declaración responsable da entidade solicitante do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, no modelo que se publica como anexo III.

e) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 20.1.a).

f) Documentos de información ás persoas traballadoras da subvención, debidamente asinados.

g) A declaración responsable da entidade beneficiaria da subvención de que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas está destinada á prestación de servizos de interese xeral e social, de conformidade cos fins recollidos na escritura pública e/ou estatutos de constitución da entidade e en relación co contido do servizo que se vai realizar, nos termos sinalados no artigo 19.h) da orde de convocatoria.

Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego

2. O aboamento da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das traballadoras contratadas beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero farase efectivo unha vez comprobado que reúnen os requisitos para acceder a el e unha vez ditada a correspondente resolución complementaria de concesión de subvención, logo de fiscalización da proposta pola Intervención.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer no momento do seu vencemento e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e á distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

f) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, nun prazo de 5 días, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras e traballadores contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

h) Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo establecido na resolución concedente da subvención, unha declaración responsable de que a actividade que van desenvolver as persoas traballadoras contratadas non está afecta ao desenvolvemento dunha actividade económica e ten como obxecto a prestación de servizos de interese xeral e social, de conformidade cos fins recollidos na escritura pública e/ou estatutos de constitución da entidade beneficiaria da subvención e en relación co contido do servizo que se vai realizar.

i) Realizar, cando proceda e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global en que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados nesta orde.

Artigo 20. Seguimento

1. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) No lugar onde se realicen os servizos deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo, no modelo normalizado establecido e publicado pola Secretaría Xeral de Emprego na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego, no cal constará o cofinanciamento por parte dos servizos públicos de emprego.

b) Utilizar os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia no enlace:
http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego

2. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma, as entidades beneficiarias das axudas deberán:

a) Manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo de dous meses, unha vez que teña finalizado a execución dos proxectos subvencionados, a seguinte documentación:

• Unha memoria final sobre as actividades realizadas e práctica profesional adquirida polas persoas traballadoras contratadas.

• Certificación acreditativa de recepción de fondos, de acordo co modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego

• Copia do extracto bancario xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

• Un certificado de fin de servizo e anexos correspondentes, segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace:

http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-emprego

• Nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nóminal de traballadores, ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias, imprescindibles no caso das nóminas) e mais o modelo 190 (retencións e ingresos á conta do IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111) correspondente ao período en que se desenvolveu o proxecto, unha vez que se dispoñan deles.

• Documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada a que se refire o punto 2.a) deste artigo.

d) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada segundo criterios baseados no risco, realice o persoal técnico da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 21. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 18.1: no caso de que o atraso sexa de ata o 30 % do prazo establecido, suporá unha perda do dereito ao cobramento do 2 % sobre o gasto subvencionado; cando o atraso sexa entre o 31 % e o 100 % do prazo establecido, a perda do dereito ao cobramento será do 10 % sobre o gasto subvencionado; e no suposto de que o atraso supere o 100 % do prazo establecido procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

d) Incumprimento da obriga de manter unha planificación permanentemente actualizada de conformidade co artigo 19.1.e): procederá o reintegro do 10 % da subvención.

e) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 20.2.c): no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se teña que reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

f) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial mensualmente: cando o importe salarial aboado fóra de prazo sexa inferior ao 50 % do gasto subvencionado, o importe que se deberá reintegrar será equivalente ao importe abonado fóra do prazo establecido; e no suposto de que o importe salarial aboado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50 %, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 20.1: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

h) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 20.2.a): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

i) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 20.2.b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 09.40.322C.481.7 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, de conformidade co réxime establecido na disposición adicional primeira do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional terceira

As subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero terán sempre unha duración de doce meses, e deberán iniciarse dentro do exercicio 2017.

Disposición adicional cuarta

Mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego e as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia e demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Disposición adicional quinta

Para os efectos de que poidan ser tidas en conta na valoración de solicitudes de exercicios posteriores, as oficinas de emprego comunicarán á Secretaría Xeral de Emprego as incidencias que se poidan producir nos procesos de selección, así como a relación de entidades que non lles comuniquen os resultados da selección, de conformidade co establecido no artigo 15.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file