Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 23 de outubro de 2017 Páx. 49145

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2017 pola que se convoca o curso O concurso de acredores: aspectos teóricos, xurídicos e prácticos, para empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito con data do 14 de decembro de 2016, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local da Coruña (Cosital A Coruña) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso para empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia.

RESOLVO:

Convocar o curso denominado O concurso de acredores: aspectos teóricos, xurídicos e prácticos, que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia e interesados/as en xeral.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como ás súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Pagamento de matrícula

O importe da matrícula é de cento oitenta euros (180 €) salvo o disposto nos puntos seguintes:

1. Estarán exentos de pagar a matrícula o persoal colexiado no Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local da Coruña (Cosital A Coruña) e os empregados/as públicos/as das entidades locais da provincia da Coruña.

2. Terán un réxime bonificado, polo cal deberán pagar o importe da matrícula de cento trinta euros (130 €), os/as funcionarios/as con habilitación de carácter nacional non colexiados/as no Cosital A Coruña.

Farase unha transferencia bancaria polo importe correspondente á conta titularidade do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local de A Coruña (Cosital A Coruña) ES03 0182 2200 1600 0001 8355 e enviarase o xustificante da operación a administracion@cositalcoruna.org. antes de que remate o prazo de matrícula.

As dúbidas ou peticións de información referentes ao pagamento da matrícula serán atendidas a través deste enderezo de correo electrónico e no número de teléfono 981 22 12 20.

Quinta. Criterios de selección

Criterios xerais da EGAP, segundo a Resolución do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro), tendo en conta a preferencia do persoal funcionario con habilitación de carácter nacional, empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante a persoa responsable da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de aproveitamento na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Realización de probas

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final dela.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e Cosital A Coruña poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Cosital A Coruña reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Cosital A Coruña garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV17035.

Área de coñecemento: réxime xurídico e xestión das entidades locais.

Nome do curso: O concurso de acredores: aspectos teóricos, xurídicos e prácticos.

1. Obxectivos.

Neste curso preténdese afondar nunha materia altamente especializada, relacionada coa actividade desenvolta nos departamentos de recadación das entidades locais naqueles casos en que o/a debedor/a do crédito tributario é declarado en situación de concurso.

2. Destinatarios/as.

Funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia e interesados/as en xeral.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 18 horas.

Edicións: unha.

Lugar: aula 2 da EGAP, rúa Madrid, nº 2-4.

Datas e horario: 9, 16, 22 e 30 de novembro, das 16.00 ás 20.30 horas.

Proba final presencial: o día 30 de novembro, ás 19.30 horas.

Prazas: 50.

4. Contido.

1ª xornada.

– 1º relatorio: o concurso de acredores: presupostos do concurso, xurisdición, competencia, declaración e fases do concurso

– 2º relatorio: efectos da declaración de concurso: efectos sobre o/a debedor/a, sobre os/as acredores/as e sobre os contratos.

2ª xornada.

– 3º relatorio: informe da administración concursal, inventario da masa activa, composición da masa pasiva, comunicación e clasificación de créditos e publicidade e impugnación do informe. Especial referencia ao crédito público.

– 4º relatorio: a débeda pública nas fases de convenio e liquidación.

3ª xornada.

– 5º relatorio: aspectos prácticos do procedemento concursal.

– Caso práctico.

4ª xornada.

– 6º relatorio: aspectos prácticos do procedemento concursal (II).

– Caso práctico.

– Exame.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro) e corrección no BOE núm. 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as administracións públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,50 puntos.