Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 25 de outubro de 2017 Páx. 49593

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 9 de outubro do 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas a centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2017/18.

O capítulo I do título II, relativo ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as administracións educativas disporán os medios necesarios para que todo o alumnado acade o máximo desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional, así como os obxectivos establecidos con carácter xeral nesta lei. De igual maneira, especifica a igualdade de criterios para a determinación de recursos entre os centros públicos e os centros privados concertados.

De conformidade co Decreto 254/2012, do 13 de decembro, que regula a admisión do alumnado en centros sostidos con fondos públicos e co Decreto 229/2011, do 7 de decembro, que regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, garántese unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais e asegúrase a calidade educativa para todos, a cohesión social e a igualdade de oportunidades.

Unha novidade importante desta convocatoria, reflectida no artigo 11.2, é a ampliación dos gastos subvencionables, en atención ás necesidades do centro, para adquirir equipamento e material específico inventariable, necesario para atender o alumnado que presenta necesidades específicas de apoio educativo.

Por isto, de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer os criterios, os requisitos e o procedemento (código ED301I) para a concesión de axudas económicas aos centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nas correspondentes unidades concertadas, naqueles aspectos que non estean xa cubertos polo concerto educativo, ao longo do curso escolar 2017/18.

2. Enténdese por alumnado que presenta necesidades específicas de apoio educativo aquel que requira por un período da súa escolarización, ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións específicas derivadas de discapacidade motor, sensorial, intelectual ou trastornos xeneralizados do desenvolvemento e a conduta.

Artigo 2. Vixencia

Esta orde terá vixencia temporal para o curso académico 2017/18, desde o día 1 de setembro de 2017 ata o 31 de agosto de 2018.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Os centros docentes privados que teñan concerto vixente coa Comunidade Autónoma de Galicia para as ensinanzas do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio e superior.

2. Exclúense desta convocatoria de axudas os centros concertados específicos de educación especial e os centros con unidades concertadas de educación especial.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 13 de xuño).

4. Para obter estas axudas, os solicitantes terán que estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social e da Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Concorrencia con outras axudas

A presente axuda é compatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, tendo en conta o disposto nos artigos 11.d) e 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Solicitudes

1. Lugar de presentación:

a) As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

b) As solicitudes estarán asinadas polas persoas representantes dos centros educativos.

2. Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes computado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude formulada conforme o modelo anexo I desta orde, achegarase a seguinte documentación:

a) Unha memoria explicativa en que consten as necesidades específicas do centro para atender o alumnado que requira apoio educativo.

b) A certificación en que se detalle o alumnado segundo o tipo de discapacidade a que se refire o punto 2 do artigo primeiro desta orde e, se é o caso, o grao recoñecido polo organismo competente.

c) No caso de que solicite outras axudas para o mesmo proxecto ou actividade, achegará unha declaración responsable do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos e a súa contía. No caso contrario, declaración de non telas solicitado.

d) Declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, de conformidade co artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o compromiso de manter o cumprimento do mencionado requisito durante o período de tempo de xestión e xustificación da subvención.

As declaracións, se é o caso, das epígrafes c) e d) faranas no modelo do anexo I.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, o interesado deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Os interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requerir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificación que debe emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Certificación que debe emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Certificación que debe emitir a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa página web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Datos de carácter persoal

De conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico á sxcentros@edu.xunta.es

Artigo 11. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde poderán empregarse, en atención das necesidades do centro, para os seguintes fins:

1. Por unha contía máxima de 300.000 euros (artigo 17.1 e 17.2) para:

a) Contratación de persoal complementario: logopeda, fisioterapeuta, axudante técnico/a educativo/a, psicólogo/a, pedagogo/a, traballador/a social, educador/a social, intérprete de lingua de signos e coidador/a.

b) Reparacións, mantemento e obras ou instalacións menores de contía non superior ao 15 % da axuda.

c) Compra de material específico ordinario non inventariable.

2. Por unha contía máxima de 60.000 euros (artigo 17.3 e 17.4) para:

– Compra de material inventariable específico para a atención de alumnado con necesidades de apoio educativo.

Artigo 12. Criterios de valoración

Para a asignación das contías seguiranse os seguintes criterios:

a) Alumnado matriculado no curso 2017/18 que reúna os requisitos establecidos no artigo 73 da Lei orgánica de educación, debidamente xustificados. Por cada alumno ou alumna contabilizaranse 8 puntos.

b) Alumnado cos mesmos requisitos da letra a) deste artigo matriculado no curso 2016/17. Por cada alumno ou alumna contabilizaranse 4 puntos.

c) Proporción entre o alumnado total do centro e o que reúna os requisitos desta convocatoria, con exclusión das etapas non concertadas. Calcularase a porcentaxe á que se aplicará a seguinte puntuación:

%

Puntos

Menor ou igual a 0,1

0

Máis do 0,1 e ata o 0,3

4

Máis do 0,3 e ata o 0,5

8

Máis do 0,5 e ata o 1

12

Máis do 1

16

d) Grao de discapacidade do alumnado:

%

Puntos por alumno/a

Ata o 33

8

Máis do 33 e ata o 66

12

Máis do 66

16

Artigo 13. Distribución das axudas

1. Unha vez sumadas as puntuacións obtidas por cada centro, segundo o artigo anterior, o importe da axuda concedida a cada un será proporcional á puntuación deste con respecto á suma das puntuacións de todos os centros.

2. A distribución das axudas farase por niveis educativos, cos límites establecidos no artigo 17 desta convocatoria, agrupados do seguinte xeito:

a) Educación infantil, primaria e ESO.

b) Formación profesional e formación profesional básica.

3. A asignación que recibirá cada centro será, como máximo, de 12.000,00 €.

Artigo 14. Comisión de valoración

Baixo a presidencia da persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou en quen delegue, constituirase unha comisión que se encargará de valorar as solicitudes, integrada polas persoas que desempeñen os seguintes postos de traballo:

– Subdirección Xeral de Centros.

– Servizo de Centros.

– Servizo de Xestión de Programas Educativos.

– Un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que actuará como secretario/a, con voz pero sen voto.

As persoas integrantes desta comisión deberán absterse de intervir cando concorran nelas as circunstancias de abstención previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 15. Resolución

1. Unha vez rematada a valoración das solicitudes, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publicará no portal educativo http://www.edu.xunta.es a proposta de resolución provisional, que incluirá a cantidade asignada a cada centro e os que son excluídos, contra a que os/as interesados/as poderán formular as alegacións que consideren oportunas nun prazo de dez días naturais, e achegar os documentos que se consideren pertinentes. Esta resolución provisional tamén será comunicada aos/ás solicitantes a través do correo electrónico.

2. Logo de estudar e valorar as reclamacións presentadas contra a proposta de resolución provisional, o director xeral de Centros e Recursos Humanos elevará ao conselleiro a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación motivada das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daquelas entidades que non reúnan algúns dos requisitos da convocatoria.

3. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses contados desde a publicación desta convocatoria.

Contra a dita resolución poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo primeiro deste punto sen que se publique a resolución definitiva, os/as solicitantes poderán entender desestimadas por silencio administrativo as súas solicitudes para os efectos de interpoñer os recursos que procedan.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas sexan obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medio electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produzca efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Orzamento

A dotación total de axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2017/18 ascende a un máximo de 360.000 € e tramitarase con cargo ás seguintes partidas orzamentarias:

1. 10.60.422A.482.3, para os niveis de educación infantil, de primaria e de educación secundaria obrigatoria, por unha contía total máxima de 95.845 € para o período setembro-decembro do ano 2017 e de 191.689 € para o período xaneiro-agosto de 2018.

2.10.60.422M.482.3, para o nivel de formación profesional, incluída a formación profesional básica, por unha contía total máxima de 4.155 € para o período setembro-decembro do ano 2017 e de 8.311 € para o período xaneiro-agosto de 2018.

Ambas as dúas partidas irán destinadas a:

– Contratación de persoal complementario: logopeda, fisioterapeuta, axudante técnico/a educativo/a, psicólogo/a, pedagogo/a, traballador/a social, educador/a social, intérprete de lingua de signos e coidador/a.

– Reparacións, mantemento e obras ou instalacións menores de contía non superior ao 15 % da axuda.

– Compra de material específico ordinario non inventariable.

3. 10.60.422A.780.0, para os niveis de educación infantil, de primaria, e de educación secundaria obrigatoria, por unha contía total máxima de 19.169 € para o período setembro-decembro do ano 2017 e de 38.338 € para o período xaneiro-agosto de 2018.

4. 10.60.422M.780.0, para o nivel de formación profesional, incluída a formación profesional básica, unha contía total máxima de 831 € para o período setembro-decembro do ano 2017 e de 1.662 € para o período xaneiro-agosto de 2018.

As dotacións dos números 3 e 4 destinaranse, exclusivamente, á adquisición de material inventariable específico para a atención de alumnado con necesidades de apoio educativo.

Artigo 18. Xustificación e pagamento das axudas

1. Os beneficiarios das axudas presentarán a seguinte documentación xustificativa dos gastos realizados, para o que terán en conta que a que presenten, en relación co importe anticipado, deberá corresponder ao ano 2017:

a) Facturas expedidas a nome do centro, nóminas e outros documentos acreditativos dos gastos derivados da execución das actividades subvencionadas, así como xustificante de que o pagamento do seu importe foi efectuado. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida que sexa xustificada de forma correcta.

b) Memoria das actividades realizadas, asinada pola persoa representante legal do centro, conforme a memoria presentada coa solicitude, que permita asegurar a relación directa dela cos xustificantes de gasto que se acheguen.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, en que se especifique a clave do expediente ou ben o concepto subvencionado. Se é concedida a subvención, deberá expresar os importes e a súa procedencia, e xuntar facturas ou xustificantes de gasto por unha contía equivalente á suma do total das subvencións para idéntico obxecto, segundo o modelo do anexo II.

d) Para o suposto de que a persoa solicitante tivese denegada a autorización a que se fai mención no artigo 8 desta orde, deberá achegar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Prazo.

A xustificación achegarase, coa data límite do 31 de agosto de 2018, á Subdirección Xeral de Centros da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Edificio Administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela.

3. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 25 de xuño), polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento das subvencións.

4. O pagamento das axudas concedidas será realizado do seguinte xeito:

a) Por tratarse de entidades sen fins de lucro e para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas, unha vez resolto o expediente, farase un anticipo que será proporcional ao importe da axuda concedida a cada centro segundo o establecido no artigo 12 desta orde e pola contía consignada para o exercicio de 2017, que suporá a entrega de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención. Isto realizarase de oficio e, en ningún caso, excederá o 80 % da subvención concedida, sen que se supere a anualidade prevista para cada exercicio orzamentario, segundo establece o artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Réxime de garantías en pagamentos anticipados.

Consonte co establecido no artigo 65.4.f) e i) do antedito Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.

c) O resto do importe ou parte do total da subvención concedida para o curso 2017/18 librarase logo da completa xustificación do cumprimento das condicións e da finalidade para a cal se concedeu.

Artigo 19. Fiscalización e control

1. Os beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar, en calquera momento ata transcorridos tres anos desde a resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os beneficiarios darán adecuada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 20. Perda total ou parcial do dereito ao cobramento da axuda

1. O centro perderá de forma total ou parcial o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificar de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprir os fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario/a de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concedérselle outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicarllo á Administración, segundo dispón o artigo 11 d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer un recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo competente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data, conforme o establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Delegación de competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas que sexan necesarios para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file