Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 25 de outubro de 2017 Páx. 49610

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 9 de outubro do 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas a centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2017/18.

BDNS (Identif.): 367276.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Os centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, agás os centros concertados específicos de educación especial e os centros ordinarios con unidades concertadas de educación especial.

Segundo. Obxecto

As axudas teñen como obxecto atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nas correspondentes unidades concertadas, entendendo por este aquel alumnado que requira determinados apoios e atencións específicas derivadas de discapacidade motora, sensorial, intelectual ou trastornos xeneralizados do desenvolvemento e da conduta, naqueles aspectos que non estean xa cubertos polo concerto educativo, ao longo do curso escolar 2017/18.

As axudas poderán empregarse para os fins de contratación de persoal complementario, reparacións, mantemento e obras ou instalacións menores de contía non superior ao 15 % da axuda, compra de material específico ordinario non inventariable e adquisición de material específico inventariable.

Terceiro. Bases reguladoras

Están aprobadas pola Orde do 9 de outubro de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas para centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2017/18.

Cuarto. Importe

As axudas económicas para os niveis de educación infantil, de primaria e de educación secundaria obrigatoria tramitaranse con cargo á partida orzamentaria 10.60.422A.482.3, por unha contía total máxima de 95.845 euros para o período setembro-decembro do ano 2017 e de 191.689 euros para o período xaneiro-agosto de 2018.

Para o nivel de formación profesional, incluída a formación profesional básica, tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.60.422M.482.3, por unha contía total máxima de 4.155 euros para o período setembro-decembro do ano 2017 e de 8.311 euros para o período xaneiro-agosto de 2018.

Ambas as dúas partidas irán destinadas a:

– Contratación de persoal complementario: logopeda, fisioterapeuta, axudante/a técnico/a educativo/a, psicólogo/a, pedagogo/a, traballador/a social, educador/a social, intérprete de lingua de signos e coidador/a.

– Reparacións, mantemento e obras ou instalacións menores, de contía non superior ao 15 % da axuda.

– Compra de material específico ordinario non inventariable.

A adquisición de material inventariable específico para a atención de alumnado con necesidades de apoio educativo tramitarase con cargo ás partidas orzamentarias:

10.60.422A.780.0, para os niveis de educación infantil, de primaria e de educación secundaria obrigatoria, por unha contía total máxima de 19.169 euros para o período setembro-decembro do ano 2017 e de 38.338 euros para o período xaneiro-agosto de 2018.

10.60.422M.780.0, para o nivel de formación profesional, incluída a formación profesional básica, unha contía total máxima de 831 euros para o período setembro-decembro do ano 2017 e de 1662 euros para o período xaneiro-agosto de 2018.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria