Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 26 de outubro de 2017 Páx. 49854

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2017 pola que se actualizan os anteriores anuncios das resolucións do 25 de febreiro e do 28 de xuño de 2016 polas que se invitan as empresas para que manifesten o seu interese en acceder a unha liña de axudas para realizar en Galicia proxectos de investigación industrial e de desenvolvemento experimental dentro da iniciativa Industria 4.0-captación de investimentos no período 2016-2020.

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020), instrumento de financiamento da I+D+i na UE desde o ano 2014, define o marco xeral de actuación das políticas europeas fixando uns determinados modelos tendentes a conseguir un desenvolvemento intelixente, sustentable e integrador. Pola súa vez, a dita estratexia fixa un determinado nivel de gasto para acadar en I+D en 2020: o 3 %, incluíndo ademais como obxectivo incrementar a contribución privada para lograr alcanzalo.

Encamiñada á súa consecución, a UE definiu a iniciativa emblemática «Unión pola innovación» potenciando unha innovación enfocada a resultados que xere impacto na economía europea. A Unión pola innovación favorece unha nova orientación baseada na asociación dos actores rexionais, nacionais e europeos implicados en toda a cadea de desenvolvemento da innovación.

Neste contexto, a fabricación avanzada está incluída entre as prioridades das estratexias europeas e estatais para mellorar a competitividade e o posicionamento mundial da industria europea e, como tal, atópase recollida no programa H2020, instrumento de financiamento da I+D+i na UE desde o ano 2014.

A nivel nacional, a Estratexia Industria Conectada 4.0 prevé, como xeradores de importantes oportunidades e retos que a industria debería aproveitar, os novos desenvolvementos tecnolóxicos, a hiperconectividade e a globalización da economía; aspectos estes que permitirían á industria evolucionar e posicionarse como un sector forte, competitivo e de referencia internacional.

A Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013, define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020 estruturándose arredor de tres retos que orientarán a definición detallada da estratexia de actuación, asociando a cada un destes retos unhas prioridades e liñas de acción específicas aliñadas cos obxectivos e cos principais programas de innovación a nivel rexional, nacional e europeo, como é o caso das respectivas axendas dixitais ou o programa Horizonte 2020.

O segundo destes retos da RIS3 Galicia é conseguir un novo modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento e aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais. Para acadar unha industria intelixente en Galicia para 2020 cómpre renovar o tecido produtivo galego en liña coas tendencias internacionais de Fábrica do futuro e Industria 4.0 encadradas na chamada «cuarta revolución Industrial». As tecnoloxías ao abeiro destas tendencias internacionais xunto co uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras (TFE) son esenciais para obter ese novo modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento a través do cal fixar actividade e emprego de alto valor engadido en Galicia. Preténdese, desta forma, fomentar a innovación nos modelos produtivos dos principais sectores industriais galegos para acadar unha mellora da súa produtividade de forma sustentable como garantía da súa competitividade a nivel internacional.

Orientados á implementación desta segunda prioridade no marco da RIS3 defínense varios instrumentos de apoio agrupados dentro do programa Innova en Galicia. Este programa ten por obxectivo que o investimento público sexa un elemento tractor na mobilización e atracción de capital privado para os procesos de innovación galegos, xa que unhas das principais debilidades do Sistema galego de innovación é a baixa taxa de financiamento do sector privado.

A iniciativa industria 4.0-captación de investimentos e o programa Industrias do futuro 4.0, a través do cal se materializou a primeira das súas convocatorias, forman parte deste programa Innova en Galicia da RIS3 xunto con outras iniciativas como a Civil UAV Initiative ou o Programa de unidades mixtas, todas cun elevado potencial mobilizador do investimento privado para dar resposta aos retos do futuro a través de alianzas estratéxicas con empresas tractoras.

O citado programa Industrias do futuro 4.0 é unha aposta ambiciosa pola innovación como estratexia de desenvolvemento e defínese, igual que a iniciativa de Industria 4.0-captación de investimentos, de xeito coordinado co resto de políticas galegas en materia de desenvolvemento industrial en sintonía coa RIS3 Galicia, como sería o caso da Axenda de competitividade industrial de Galicia: Industria 4.0 e do Plan estratéxico de Galicia como ferramenta de planificación estratéxica que unifica todas as estratexias anteriores. O plan establece a posta en marcha de medidas aceleradoras do proceso de transformación do tecido industrial nun tecido avanzado, intelixente e aliñado coas tendencias internacionais da Fábrica intelixente e da Industria 4.0.

Tendo en conta o anteriormente exposto, a Axencia Galega de Innovación, pola Resolución do 25 de febreiro de 2016 (DOG núm. 43, do 3 de marzo), procedeu a invitar as grandes empresas para que manifestasen o seu interese para desenvolver proxectos estratéxicos para os intereses industriais galegos e cun impacto socioeconómico forte e de longo rendemento cunha contía mínima de 50.000.000 € .

Posteriormente, pola Resolución do 28 de xuño de 2016, da Axencia Galega de Innovación (DOG núm. 126, do 5 de xullo), actualízase o anterior anuncio perfeccionando algunhas das súas características para, sen abandonar os obxectivos iniciais da iniciativa, acadar unha maior eficiencia e eficacia dos fondos permitindo o apoio de proxectos de menor tamaño (20 millóns de euros) sempre que presentasen sinerxías e complementariedades orientadas á optimización do financiamento a través da colaboración entre axentes de I+D+i . Neste segundo anuncio incluíuse a posibilidade de participación de organismos de investigación.

Á vista das manifestacións de interese recibidas tras a publicación dos citados anuncios, a Axencia Galega de Innovación, pola Resolución do 29 de xuño de 2016 (DOG núm. 133, do 14 de xullo), estableceu, para a anualidade 2016, as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o programa Industrias do futuro 4.0, primeira convocatoria da Iniciativa.

Froito do diálogo aberto ata o momento co tecido empresarial a través dos respectivos anuncios e á vista das solicitudes presentadas á primeira convocatoria do programa Industrias do futuro 4.0, resulta conveniente actualizar algunhas das características do anuncio en vigor e realizar unha nova invitación ás empresas que potencialmente poidan estar interesadas neste novo contexto para traballar na definición de novas convocatorias de axudas do programa.

Esta nova actualización está orientada á adaptación do apoio público aos distintos requirimentos dos sectores tractores galegos. Resultado do diálogo co tecido empresarial ao abeiro desta iniciativa concluíuse que, soamente a través dun enfoque máis aberto que permita a adaptación ás especificidades de cada un dos sectores, se poderá acadar unha adecuada integración da Industria 4.0 nas principais cadeas de valor galegas. Desta forma revelouse como necesario:

a) Ampliar o alcance do apoio público: incluíndo, no caso das pemes, o financiamento de proxectos de innovación en materia de procesos e organización, así como a inclusión como potenciais beneficiarios as pequenas empresas.

b) Simplificar algunhas das características dos proxectos obxectivo: para aumentar a versatilidade da iniciativa e asegurar con iso o seu impacto na economía galega.

O obxectivo é seguir avanzando na optimización da captación de investimento privado para o desenvolvemento de procesos e produtos innovadores que melloren a competitividade de Galicia, sempre continuando co apoio a proxectos estratéxicos cun forte impacto socioeconómico grazas á súa elevada capacidade tractora do tecido industrial galego pero adaptando, cada vez dunha maneira máis eficiente, as características do apoio público utilizado como instrumento impulsor.

A través da incorporación progresiva das necesidades dos axentes do Sistema galego de innovación no marco da Industria 4.0 que se van materializando a través do diálogo sempre aberto que supón esta iniciativa, e que xa se traduciu nas actualizacións do seu anuncio, contribúese a avanzar con seguridade na consecución do Reto 2 da RIS3 Galicia ao contar coa participación de todos na definición dos seus apoios. Este reto está orientado a acadar un novo modelo industrial para Galicia, sustentado na competitividade e no coñecemento, que permitirá a creación de emprego cualificado e o incremento do peso da actividade industrial sobre o PIB galego.

Segundo o anterior, o presente anuncio previo ten por finalidade abrir un prazo para a presentación de manifestacións de interese, adaptadas ás novas condicións que se formulan nesta resolución, co obxectivo de permitir á Administración galega coñecer se existen empresas interesadas en participar nunha eventual segunda convocatoria do programa Industrias do futuro 4.0, así como traballar na definición das súas características concretas. Deste xeito, continúase avanzando na definición do mellor apoio público para propostas empresariais innovadoras de carácter estratéxico, permitindo ademais que as empresas planifiquen e periodifiquen adecuadamente os seus proxectos e investimentos garantindo sempre a máxima transparencia.

O mesmo que os anteriores anuncios, este anuncio encádrase, polo tanto, no disposto no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece o seguinte «A xestión das subvencións a que se refire esta lei realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos».

A invitación é aberta e diríxese ás empresas con capacidade tractora sobre o tecido industrial galego independentemente do seu tamaño, cun establecemento permanente legalmente constituído en Galicia, que estean interesadas en realizar proxectos que cumpran as características tendo en conta esta nova actualización. A participación nesta convocatoria non comporta por parte da Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de subvencións que se poidan efectuar ao abeiro do programa Industrias do futuro 4.0 virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia, nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos. A participación neste procedemento non outorgará dereito nin preferencia ningunha respecto da convocatoria de subvencións que se poida celebrar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Para os efectos da realización das manifestacións de interese terase en conta que a intensidade, se é o caso, da eventual axuda para cada futuro beneficiario, non excederá nunca os límites dispostos no Regulamento UE 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

As manifestacións de interese axustaranse ás condicións e aos contidos recollidos no anexo desta resolución.

En virtude do anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar que a Axencia Galega de Innovación está estudando a convocatoria de subvencións, ás pemes e grandes empresas, dirixidas a fomentar a realización en Galicia de proxectos de investigación industrial, ou de desenvolvemento experimental, aliñados coas tendencias internacionais da Fábrica do futuro, Fábrica intelixente e da Industria 4.0 aplicables a novos produtos ou novos procesos e con implicación no emprendemento innovador e a súa capacidade para xerar e axudar a un ecosistema innovador. No caso das pemes, poderán tamén formularse proxectos de innovación en materia de procesos e organización.

Segundo. Con carácter previo á adopción da decisión de convocatorias das axudas ábrese un prazo ata o ano 2020 desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia para que os operadores económicos que así o desexen poidan manifestar as súas intencións de investimento no desenvolvemento e explotación de resultados en Galicia dos aludidos proxectos, indicando o seu importe previsible, sectores involucrados, efectos que se pretenden conseguir e consecuencias para a economía de Galicia.

A dimensión mínima dos proxectos de I+D+i que se recollen neste anuncio previo debe ser superior aos 4 millóns de euros. Os orzamentos dos organismos de investigación nos proxectos non deberán ser inferiores ao 20 % do custo do proxecto.

As manifestacións de interese dirixiranse á Axencia Galega de Innovación (praza de Europa, nº 10-A/6º B, 15707 Santiago de Compostela) e poderanse presentar en calquera dos lugares indicados na lexislación de procedemento administrativo.

Terceiro. A participación neste proceso non comporta por parte da Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de subvencións que se poidan efectuar virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

Cuarto. A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia, nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos. A participación neste procedemento non outorgará dereito nin preferencia ningunha respecto da convocatoria de subvencións que se poidan celebrar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Quinto. Para os efectos da realización das manifestacións de interese terase en conta que a intensidade, se é o caso, da eventual axuda para cada futuro beneficiario, de acordo co disposto no artigo 25 do Regulamento UE 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, non excederá os límites máximos que nel se establecen para os custos subvencionables. Non obstante, a intensidade da axuda poderá incrementarse en 15 puntos porcentuais se o proxecto implica unha colaboración efectiva con un ou varios organismos de investigación e difusión de coñecementos, asumindo estes como mínimo o 20 % dos custos subvencionables e tendo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación.

Sexto. A Axencia Galega de innovación estudará as manifestacións de interese e proxectos que se presenten para os efectos do exercicio das súas competencias de deseño de futuras convocatorias de axudas. Xustificarase a recepción de cada manifestación de interese e contestarase, nun prazo máximo de tres meses desde a presentación de cada manifestación de interese, cunha orientación meramente para os efectos informativos da aptitude do proxecto para ser obxecto de subvención de acordo coa normativa comunitaria e axudas nesta materia. Durante este período, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar as empresas interesadas a entrevistas para solicitar aclaracións do contido da súas propostas.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2017

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO
Contido da manifestación de interese

Número máximo de páxinas excluíndo a portada e o índice: 40.

Tamaño de letra: 11 puntos.

Interliñado: 1,5 liñas.

A manifestación de interese deberá conter as seguintes epígrafes e deberá respectar a orde indicada:

1. Identificación da empresa e anuncio:

a) Datos da empresa responsable: razón social, NIF, enderezo, persoa/s de contacto, teléfono, correo electrónico.

b) Indicar que se trata dunha proposta presentada á resolución da Axencia Galega de Innovación dentro da Captación de investimentos 4.0.

2. Resumo.

3. Obxectivos tecnolóxicos do proxecto de investigación industrial, de desenvolvemento experimental ou de innovación (estes só para pemes) que se ten previsto realizar:

a) Establecer de forma explícita e concreta os obxectivos do proxecto.

b) Aliñamento coas tendencias internacionais da Fábrica intelixente e da Industria 4.0.

4. Descrición técnica e plan de traballo.

– Se se dispón delas poderase presentar unha descrición detallada, alcance e plan de traballo das actividades que se van realizar, organizadas como tarefas ou fitos e con referencia aos métodos e procedementos que se van utilizar.

5. Orzamento previsto do proxecto.

– Se se dispón desta información poderase presentar unha cuantificación, descrición e xustificación da necesidade das distintas partidas de gasto nas cales se distribúe o orzamento do proxecto atendendo ás distintas fases/actividades do proxecto.

6. Explotación de resultados.

a) Identificación do mercado obxectivo e previsión de comercialización a nivel nacional e internacional dos resultados do proxecto.

b) Definición da estratexia de comercialización dos produtos e servizos obtidos.

7. Impacto socioeconómico

a) Xustificación da repercusión do proxecto na actividade empresarial galega, contribución ao fortalecemento do tecido empresarial en Galicia. Capacidade de arrastre ou mobilización do investimento privado. Plan de reindustrialización e investimentos previstos derivados dos resultados do proxecto.

b) Impacto do proxecto en termos de mantemento e creación de emprego.

c) Implicacións ambientais do proxecto.