Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 6 de novembro de 2017 Páx. 51139

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2017 pola que se convoca o curso monográfico A nova configuración xurídica do urbanismo e do patrimonio cultural en Galicia.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico A nova configuración xurídica do urbanismo e do patrimonio cultural en Galicia, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

O curso ten como finalidade analizar os cambios normativos producidos coa aprobación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, unida ao seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, e coa aprobación da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Do mesmo xeito, inclúese o estudo de aspectos novos como o enerxético, a contaminación luminosa, o aspecto penal e o relacionado coas exixencias derivadas da Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, en relación coa contaminación electromagnética.

Este curso resulta esencial para todo o persoal ao servizo de calquera das administracións públicas encargado do estudo e aprobación de plans urbanísticos, en especial para o persoal ao servizo da Administración local encargado da elaboración do planeamento municipal, da tramitación das licenzas urbanísticas, da súa concesión, ao persoal dos seus servizos xurídicos, aos membros das súas escalas de arquitectos/as, enxeñeiros/as, arqueólogos/as ou membros dos colexios profesionais de arquitectos/as, avogados/as e enxeñeiros/as.

2. Contidos.

Neste curso trataranse, entre outros, os seguintes temas:

– As novidades da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro.

– O planeamento urbanístico. A xurisprudencia ao día no urbanismo.

– As novidades da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. A xurisprudencia protectora do patrimonio cultural. Relevancia técnica no ámbito local da normativa en materia do patrimonio cultural.

– Contaminación electromagnética. Contaminación luminosa, un reto para o século XXI.

– Responsabilidade patrimonial da Administración en materia urbanística. Delitos en materia de patrimonio cultural e urbanismo. Procedemento sancionador en materia urbanística e do patrimonio cultural.

– Incidencia enerxética no urbanismo: expropiacións, servidumes e ocupación do dominio público por razóns das actividades enerxéticas.

– Estratexia europea 2020 en enerxía e clima. Directiva 2012/27/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro do 2012, relativa á eficiencia enerxética e medidas para o cumprimento de obxectivos de reducións de G.E.I. (gases de efecto invernadoiro) mediante a xestión enerxética.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma, das universidades do Sistema universitario de Galicia, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: martes, 21 de novembro de 2017.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 8 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 13 de novembro de 2017.

Excepto as persoas que pertenzan á Administración autonómica ou á Administración de xustiza, todos/as os/as solicitantes deberán enviar un correo a novas.egap@xunta.gal e achegar, se é o caso, a certificación acreditativa da súa condición de persoal empregado público e do grupo e/ou categoría a que pertencen. Esta certificación será expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que preste os seus servizos. Serán excluídas aquelas solicitudes de persoal empregado público que non xunten a devandita certificación ou que sexan recibidas con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, o 13 de novembro de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

Terá preferencia na selección o persoal empregado das administracións públicas de Galicia e o número de orde establecerase de acordo coa data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde a súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/) a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. Asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

c.2) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

11. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas cuxa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública