O Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de configuración de áreas de servizo compartido en estruturas hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, estableceu como criterio básico de xestión no ámbito da sanidade pública procurar a integración de recursos asistenciais co obxecto de lograr unha atención integral, continuada e eficiente.
En cumprimento da dita previsión ditouse a Resolución do 10 de abril de 2002 (DOG nº 82, do 29 de abril) pola que tivo lugar a constitución da Área de Servizo Compartido de Medicina Nuclear do Hospital do Meixoeiro, que unificou os recursos do Servizo de Medicina Nuclear e da Unidade de Medicina Nuclear que naquel momento xestionaba o Instituto Galego de Medicina Técnica, posteriormente integrado na actual Galaria.
O citado Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de configuración de áreas de servizo compartido en estruturas hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, establece nos seus artigos 6 e 7 que a estrutura da área de servizo compartido contará, polo menos, cun coordinador asistencial, proposto pola Xerencia do centro hospitalario público e designado pola Xerencia do organismo autónomo, que promova o desenvolvemento da área, que supervise, coordine e avalíe o seu funcionamento, e que impulse o desenvolvemento dos programas de garantía de calidade.
Mediante a Resolución do 10 de abril de 2002 procedeuse ao nomeamento como coordinadora asistencial da área da persoa titular da Dirección Médica do Hospital do Meixoeiro, polo que resulta necesario modificar a dita resolución co obxecto de actualizar a designación ás actuais necesidades operativas da propia Área de Servizo Compartido.
Por todo isto, ao abeiro do disposto no artigo 7 do Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de configuración de áreas de servizo compartido en estruturas hospitalarias do Servizo Galego de Saúde,
RESOLVO:
Modificar a Resolución do 10 de abril de 2002 no que atinxe ao nomeamento da persoa que vai ocupar o posto de coordinador asistencial da Área de Servizo Compartido de Medicina Nuclear do Hospital do Meixoeiro, designando para tal efecto o actual director técnico da Unidade de Medicina Nuclear de Galaria, Ramón Guitián Iglesias.
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2018
Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde