Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2018 Páx. 10949

V. Administración de xustiza

Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO polo que se publica a Sentenza firme 50/2016, que anulou unha subepígrafe da Orde do 16 de outubro de 2013, da Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convocou un concurso de traslados entre persoal docente.

Procedemento: PA procedemento abreviado 713/2013 sobre Administración autonómica

De: María Cristina Rodríguez Álvarez, Elena Vázquez Arias, Isabel María Prol Vázquez, María do Carmen Iglesias González, Sandra López Gómez, Noelia Maceda Gallego, Inés Arnaiz Villafranca, Diana Gómez Fernández e José Pino Vázquez

Avogado: Óscar José Sánchez García

Contra: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Cabezudo Moreno, José Manuel Puente Rey, María Luisa Pampín González, María Antonieta Herrera Hernández, Margarita Santiago Pazos, María Victoria García Abalo, Ceferino Castro Paz, María Monserrat García-Lastra Merino, Beatriz Eugenia Seoane Tarrío, Jesús Piñeiro Vázquez, María Victoria Calvo Güimil, José María López Gómez, Rosa Mª de las Nieves González Prieto, Xosé Barreiro Otero, Paz González Villamor, María Beatriz Vázquez Agilda, María del Carmen Ferreño Feal, Ana María Casal Segade, María Josefa Morillas Casas, Anxo Manuel Mellid Gándara

Avogado: letrado da Comunidade, Carme Rodríguez Rey, Daniel Pereiro Cachaza

Neste órgano xudicial tramitouse procedemento abreviado 713/2013, no cal interveñen como demandantes MCRA e outras oito persoas e como demandados a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como JMCM e dezanove persoas máis, interesadas no expediente administrativo. A través dese procedemento xudicial substanciouse o recurso contencioso-administrativo interposto polos demandantes contra a Orde do 16 de outubro de 2013 pola que se convocou concurso de traslados entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación. Este recurso contencioso-administrativo resolveuse definitivamente en primeira instancia a través da Sentenza 50/2016 deste xulgado, do 26 de febreiro de 2016. Esta sentenza foi confirmada integramente pola Sentenza 463/2017 (Sección Primeira) da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ditada en segunda instancia e que desestimou o recurso de apelación.

A Sentenza 50/2016 deste xulgado, firme de dereito, é do teor literal seguinte:

«Sentenza.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2016

Vistos por Juan Carlos Fernández López, maxistrado xuíz comisionado ao servizo do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela, os autos do recurso número 713/2013, seguido polos trámites do procedemento abreviado, interposto polo letrado de (…), contra a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sobre concurso de traslados.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 19.12.2013, o letrado de (…) interpón, mediante demanda, recurso contencioso-administrativo contra a Orde do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 16 de outubro de 2013, na cal se convocou un concurso de traslados entre o persoal funcionario docente de diversos corpos educativos.

Segundo. Admitido a trámite o recurso, requiríuselle ao departamento autonómico demandado que remita o expediente administrativo e sinalouse a celebración da vista oral para o día 25.2.2016, coas demais formalidades procesuais. Así, acreditouse o emprazamento dos interesados, e compareceu nestes autos (…) e (…) e outros 18 docentes, debidamente representados.

Terceiro. Unha vez recibido o expediente administrativo, e posto de manifesto ao letrado da parte demandante, celebrouse a vista oral o día sinalado coa súa presenza e a dos letrados das adversas, salvo o do señor Puente Rey, que sostiveron as súas respectivas pretensións e remitíronse aos documentos que alí figuran; seguidamente formularon as súas conclusións e declarouse finalizado o debate procesual, que foi gravado por medios técnicos, sen prexuízo de expedirse a acta subscrita para o efecto.

Cuarto. A contía do presente recurso puntualízase como indeterminada.

Quinto. Na tramitación dos presentes autos observáronse todas as formalidades procesuais.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Co obxecto de convocar un concurso de traslados para o persoal docente de diversos corpos educativos, reúnese o 15 de outubro de 2013 a mesa sectorial para examinar as bases, tras o cal se aproban mediante a Orde do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 16 de outubro de 2013, á cal segue a aprobación da Circular 11/2013, polo director xeral de Centros e Recursos Humanos.

Fronte a esa orde álzase o presente recurso, interposto por nove docentes, todos eles funcionarios de carreira, coa pretensión de que se anulen as subepígrafes 1.1.1, 1.1.2, 1.2.1, 1.2.2, 1.2.3 e o número 4, último parágrafo, do anexo de méritos XIV, en canto que computan de forma idéntica todos os servizos prestados como “persoal funcionario”, que segundo a circular interpretativa comprende por igual aos de carreira e aos interinos, o que se aparta do disposto no Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, que regula o concurso de traslados de funcionarios docentes do ámbito estatal; finalmente, engade que a isto non se opón a normativa comunitaria e que contemplar unha igualdade de trato vulnera o artigo 14 da Constitución española, ao no contemplar as situacións diferenciadas. Con posterioridade propón ao xulgador que formule unha cuestión prexudicial.

Á pretensión anulatoria e aos seus motivos oponse a letrada autonómica, que se remite ao acordado en sentenzas similares que deron resposta ao asunto.

Tamén se opón o letrado do grupo de codemandados, que comeza por formular a inadmisibilidade do recurso, por existir cousa xulgada e, en canto ao fondo, a súa completa desestimación, non só porque así o viron outras sentenzas, senón tamén porque a parte do baremo referida á situación de provisionalidade tamén debe alcanzar os interinos. Tamén se suma á formulación dunha cuestión prexudicial.

Nada alega o letrado do docente que acude a título individual, ao non ter comparecido á vista.

Segundo. Antes de analizar o fondo do debate procede, en primeiro lugar, referirse á causa de inadmisibilidade que se alega con fundamento en que existe xa cousa xulgada ao ter sido resolta en toda a súa extensión a pretensión que agora se formula.

Pois ben, o exame do motivo de inadmisibilidade alegado ao abeiro do disposto no artigo 69.e) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, debe ser examinado co grao de razoabilidade con que deben ser consideradas as exixencias impostas polas normas procesuais para o acceso aos órganos xudiciais (STS do 30.1.2001); e é que, como refiren as SsTC 188/2003 ou 3/2004, unha decisión xudicial que declare a inadmisión dun proceso como consecuencia dun erro patente ou cando se basee nunha fundamentación irrazoable ou arbitraria pode vulnerar o dereito á tutela xudicial efectiva que proclama o artigo 24.1 da Constitución española, o cal tamén se produce cando se utilicen criterios interpretativos que polo seu rigorismo, formalismo excesivo ou calquera outra razón se revelen desfavorables para a tutela xudicial efectiva ou resulten desproporcionados entre os fins que se pretenden preservar e a consecuencia de peche do proceso. Non obstante, se tras realizar unha interpretación razoable das normas xurídicas existe un motivo formal para declarar a inadmisión do recurso, é lícito que os órganos xulgadores non entren no exame da cuestión de fondo, como así se preconiza nas SsTC 19/1983, 93/1984, 62/1989 ou 32/1991 e nas SsTS do 19.9.1996 ou 7.12.2000.

De modo singular sobre a cousa xulgada como límite de acceso á xurisdición manifestan as SsTS do 10.5.1977, 3.10.1989, 23.7.1991, 21.12.1995, 26.1.1998, 3.12.1999, 10.10.2000, 1.2.2001, 25.11.2000, 27.4.2006 e 11.11.2010, que debe existir unha completa identidade nos suxeitos litigantes, a calidade en que o foron e o título ou causa de pedir, o cal aquí non é o caso, pois os litigantes non son os mesmos, e de aí que se deba rexeitar o motivo alegado e de que teña que entrar a coñecer o fondo do debate.

Terceiro. Sobre este mesmo asunto xa se promoveu un recurso xurisdicional idéntico no cal recaeu a STSX de Galicia do 11 de febreiro de 2015, que se apartou da STS do 9.6.2014, para indicar que nesta se mencionaba tan só a normativa nacional, pero non a comunitaria de preferente aplicación, en concreto a Directiva 1999/70/CE do Consello, do 28 de xuño de 1999, relativa ao Acordo marco da CES, a UNICE e o CEEP sobre o traballo de duración determinada, sobre a cal se pronunciaran varias sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea; así, aquela sentenza declarou que os servizos prestados como interinos polos funcionarios docentes de carreira se tiñan que valorar exactamente igual que os que prestaron os propios funcionarios de carreira, co matiz de que non se podían valorar os, denominados, “servizos provisionais” prestados polos interinos, por seren propios dos que prestaban os funcionarios de carreira con destino provisional. Todo isto o comparte este xulgador.

En efecto, sobre esa directiva pronunciouse a STXUE do 22.12.2010, nos asuntos acumulados C-444/09 e C-456/09, ditada con ocasión de sendas cuestións pre-xudiciais, formulada a propósito de se procedía aplicar efectos retroactivos aos trienios que se lles recoñecían aos interinos a partir da entrada en vigor da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público; pero tamén se pronunciou a STSXUE do 8.9.2011, no asunto 177/2010, igualmente ditada con ocasión doutra cuestión prexudicial, esta vez formulada a propósito de se procedía valorar os servizos prestados como interinos a aqueles que pretendían acceder á función pública.

Na primeira daquelas sentenzas examinábase se o límite temporal dos trienios do persoal interino vulneraba a cláusula 4 do Acordo marco sobre o trato igual nas condicións de traballo e, en particular, da antigüidade, a salvo de que se xustificara un trato diferente “por razóns obxectivas”, ao cal respondeu o alto tribunal indicando que tal complemento retributivo estaba incluído no concepto de “condicións de traballo” (número 50) e que o concepto de razóns obxectivas “non permite xustificar unha diferenza de trato entre traballadores cun contrato de duración determinada e traballadores fixos polo feito de que aquela estea prevista nunha norma nacional xeral e abstracta, como unha lei ou un convenio colectivo” (número 54), ao cal engade o punto seguinte que “o referido concepto require que a desigualdade de trato controvertida estea xustificada pola existencia de elementos precisos e concretos, que caracterizan a condición de traballo de que se trata, no contexto específico en que se enmarca e de acordo con criterios obxectivos e transparentes, co fin de verificar se a dita desigualdade responde a unha necesidade auténtica, se permite alcanzar o obxectivo perseguido e se resulta indispensable para o efecto”; singularmente pon como exemplo a especial natureza das tarefas, as características inherentes que presentan ou a persecución de lexítimos obxectivos sociais, para concluír que “o recurso á simple natureza temporal da relación de servizo de persoal da Administración pública non é conforme estes requisitos e, polo tanto, non pode constituír unha razón obxectiva” (número 56), e de aí que se teña que dispensar o mesmo trato aos traballadores temporais e fixos, sempre que se encontren “nunha situación comparable” (punto 2 da súa parte declarativa).

Eses pronunciamentos reproducíronse na segunda sentenza referida, en cuxo número 64 se indicou que a prohibición de tratar os traballadores cun contrato de duración determinada de forma diferente que os fixos comparables, derivada do deber de non tratar aqueles de forma menos favorable, a menos que se xustificase que merecían un trato diferente por razóns obxectivas, ao cal engadiron os números 68, 69 e 75 que a situación comparable supoñía examinar se realizaban funcións diferentes, polo que se tiñan que ter en conta requisitos obxectivos, tales como os relativos ás características da praza que se vai prover (número 79), e de aí que o punto 2 da súa parte declarativa indicase que a cláusula 4 da directiva de aplicación se debía interpretar no sentido de que “se opón a que os períodos de servizo cumpridos por un funcionario interino dunha Administración pública non sexan tidos en conta para o acceso deste” e que, sobre as razóns obxectivas que xustifican unha diferenza de trato, “o simple feito de que o funcionario interino cumprise os ditos períodos de servizo de duración determinada non constitúe tal razón obxectiva”.

Pois ben, neste caso os períodos traballados como docente interino valóranse igual que os prestados polos que xa eran funcionarios de carreira, o que para este xulgador é correcto, segundo o antes razoado; en especial, débese ter en conta que o primeiro dos obxectos que persegue o acordo marco é, segundo a súa cláusula 1.a), “mellorar a calidade do traballo de duración determinada garantindo o respecto ao principio de non discriminación”, do que resulta que se teña que atender a se existen ou non razóns obxectivas que permitan xustificar unha diferenza de trato entre esas diferentes tipoloxías de persoal, o cal non se acredita acudindo a normas xerais e abstractas, senón á real existencia de elementos indispensables, precisos e concretos que caracterizan os seus respectivos traballos, isto é, as súas tarefas ou funcións, ou as características dos postos de traballo que se convocan ao concurso, en relación cos prestados polos interinos, o que deberá valorar o tribunal que bareme os méritos, sen que, “prima facie”, se aprecien das bases da convocatoria tales diferenzas cando do que se trata é de valorar por igual as funcións desempeñadas como empregados públicos, máis alá de acudir “á sempre natureza temporal da relación de servizo” que prestou o persoal docente, xa sexa funcionario de carreira ou interino, o que, segundo as repetidas SsTXUE do 22.12.2010 e 8.9.2011, non pode constituír unha razón obxectiva que permita a diferenza de trato cando a situación comparable é idéntica.

É verdade que a convocatoria estatal previra outra baremación e que foi avalada pola STS do 9.6.2014, pero isto non determina que os seus efectos sexan trasladables ao presente caso, singularmente porque tal sentenza non chegou a analizar o declarado nas que resolveron as cuestións prexudiciais antes sinaladas.

Finalmente, como xa declarou a STSX de Galicia do 11.2.2015, o que aquí se ten que ratificar son os méritos a que se refiren os números 1.1, 1.2 e 4 do anexo IV da convocatoria, pero non o subepígrafe 1.1.2 sobre a situación de provisionalidade que, loxicamente, só se pode referir á que tiñan na respectiva data os que xa eran funcionarios de carreira e non os interinos, que son sempre provisionais, pois entendelo doutro modo supoñía valorar estes dúas veces, e de aí que o presente recurso deba ser estimado en parte, sen necesidade de que se formule a cuestión prexudicial que solicitan as representacións da parte demandante e da codemandada, e sen que isto vulnere a tutela xudicial efectiva (STC 212/2014).

Cuarto. A estimación parcial do recurso comporta que non se impoñan custas a ningunha parte litigante (artigo 139.1 da LRXCA).

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decido:

Estimo en parte o recurso contencioso-administrativo interposto polo letrado de (…), contra a Orde do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 16 de outubro de 2013, sobre convocatoria de concurso de traslados entre o persoal funcionario docente de diversos corpos educativos; en consecuencia, anulo o subepígrafe 1.1.2 do anexo IV, sen impoñer custas (…)».

No que se omite nada modifica, restrinxe o limita o transcrito.

Para que conste e publicar no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do previsto no artigo 107.2 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, expido e asino o presente edicto.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2018

José Miguel Formoso Sobrado
Letrado da Administración de xustiza