Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Xoves, 27 de setembro de 2018 Páx. 43728

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Enel Green Power España, S.L.U. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a infraestrutura eléctrica correspondente ao entroncamento na subestación Chantada da LAT 220 kV Serra das Penas-Chantada, no concello de Chantada (expediente IN407A 2011/113-2, 7949 AT).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Enel Green Power España, S.L.U., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Fernando Casas Novoa, nº 35, portal B, 2º andar, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 25.10.2011 a empresa Enel Green Power España, S.L.U. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura eléctrica correspondente ao entroncamento na subestación Chantada da LAT 220 kV Serra das Penas-Chantada, acompañada do proxecto de execución e das separatas técnicas para as entidades afectadas.

A infraestrutura eléctrica proxectada permitirá o entroncamento da LAT 220 kV Serra das Penas-Chantada, na subestación eléctrica existente de Chantada, dispoñendo das seguintes características técnicas: está comprendida no termo municipal de Chantada (Lugo), con orixe no apoio de fin de liña (incluído illamento e conexión) e final nos terminais do módulo GIS da subestación Chantada (incluídas botellas terminais e conexión).

Segundo. O 11.11.2011 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización da infraestrutura eléctrica correspondente ao entroncamento na subestación Chantada da LAT 220 kV Serra das Penas-Chantada, promovida por Enel Green Power España, S.L.U. (expediente IN407A 2011/113-2, 7949 AT).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 31 de xaneiro de 2012 e no Boletín Oficial da provincia do 16 de decembro de 2011. Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Terceiro. A xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades con bens ou dereitos afectados: Concello de Chantada, Red Eléctrica de España, S.A.U. e Unión Fenosa Distribución, S.A.

A empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. mostrou a súa desconformidade co proxecto mediante o condicionado presentado o 14.12.2011, e reiterado mediante escrito presentado o 20.2.2012, por entender que non figuraban incluídas as instalacións de conexión que se realizarán entre o apoio 82 (fin de liña) da LAT 220 kV SE Serra das Penas-Chantada e a nova posición.

Cuarto. O 21.2.2018 a empresa Enel Green Power España, S.L.U. presentou un modificado ao proxecto inicial da infraestrutura eléctrica correspondente ao entroncamento na subestación Chantada da LAT 220 kV Serra das Penas-Chantada, co obxecto de atender o exixido no seu día pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Esta modificación prevé a recolocación e redeseño do pórtico de entrada inicialmente proxectado, dispoñendo das seguintes características:

• A conexión proxéctase agora mediante un tramo soterrado que enlazará o derradeiro apoio da liña aérea (apoio nº 82) coa posición de entrada de liña (cela GIS) existente na subestación Chantada 220 kV.

• Proxéctase tamén instalar no apoio nº 82 un paso aéreo-soterrado (PAS) a aparellaxe necesaria para o establecemento dun punto de medida tipo 1 asociada á nova posición de entrada de liña, incluíndo tres transformadores de intensidade e tres transformadores de tensión, así como autoválvulas en cada fase da liña de entrada e terminais de exterior para a conexión dos cables illados.

O 20.4.2018 a empresa Enel Green Power España, S.L.U., en contestación a un requirimento da xefatura territorial, completou o modificado presentado, coa seguinte documentación:

• Declaración responsable do técnico proxectista, exixida polo artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Cálculos mecánicos no apoio do entroncamento, estudo de campos electromagnéticos e relación de normas de aplicación.

Quinto. O 18.3.2018 os servizos técnicos da xefatura territorial trasladaron a Unión Fenosa Distribución, S.A. a separata técnica do modificado ao proxecto inicial da infraestrutura eléctrica correspondente ao entroncamento na subestación Chantada da LAT 220 kV Serra das Penas-Chantada, para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

Esta empresa non contestou á esta petición inicial, nin á súa reiteración, polo que se entende a súa conformidade coa autorización da infraestrutura eléctrica proxectada, de acordo co disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Sexto. O 12.6.2018 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre o modificado ao proxecto inicial da infraestrutura eléctrica correspondente ao entroncamento na subestación Chantada da LAT 220 kV Serra das Penas-Chantada.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

• Outorgar a Enel Green Power España, S.L.U. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica correspondente ao entroncamento na subestación Chantada da LAT 220 kV Serra das Penas-Chantada.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución presentado pola empresa promotora, Enel Green Power España, S.L.U., denominado Modificado do proxecto entroncamento LAT Serra das Penas en subestación Chantada 220 kV, datado en decembro de 2017, asinado polo enxeñeiro industrial Enrique Fernández Olea (colexiado nº 573 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio con nº 20180358 o 15.2.2018, e no que figura un orzamento total de 415.820,17 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que consideren oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas