Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Xoves, 21 de marzo de 2019 Páx. 15334

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo da comisión paritaria do convenio colectivo da Comunidade Autónoma de Galicia para salóns de peiteado de donas, cabaleiros, unisex e salóns de beleza.

Visto o acordo da comisión paritaria do convenio colectivo da Comunidade Autónoma de Galicia para salóns de peiteado de donas, cabaleiros, unisex e salóns de beleza (código 82000535011994), que se subscribiu con data do 4 de febreiro de 2019 pola comisión paritaria conformada pola Federación de Empresarios de Peluquería y Estética de Galicia (Fepega) en representación da parte empresarial, e a CIG en representación da parte sindical, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, esta Secretaría Xeral de Emprego,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2019

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acta de xuntanza da comisión paritaria do convenio colectivo da Comunidade
Autónoma de Galicia para salóns de peiteado de donas, cabaleiros, unisex e
salóns de beleza

En Santiago de Compostela, sendo as 17.00 horas do día 4 de febreiro de 2019, reúnese na sede do Consello Galego de Relacións Laborais a comisión paritaria do convenio colectivo da Comunidade Autónoma de Galicia para salóns de peiteado de donas, cabaleiros, unisex e salóns de beleza, formada por catro persoas por cada parte da Federación de Empresarios de Peluquería y Estética de Galicia (Fepega) e a Confederación Intersindical Galega (CIG)

ACORDO:

Primeiro. O artigo 19 do convenio colectivo para salóns de peiteado de donas, cabaleiros, unisex e salóns de beleza establece literalmente que «no ano 2019 os salarios se incrementarán na porcentaxe que resulte de aplicar o IPC real do ano anterior». O IPC de 2018 foi o 1,2 %, porcentaxe en que procedería a actualización das táboas.

Segundo. O Decreto 1462/2018, do 21 de decembro, polo que se fixa o salario mínimo interprofesional para 2019 establece unha retribución que queda fixada en 30 euros/día ou 900 euros/mes, segundo que o salario estea fixado por días ou por meses.

Con base nos dous puntos anteriores procede actualizar o salario dos grupos tendo en conta que non é compensable ou absorbible o complemento de transporte. Acórdase que os tres primeiros grupos perciban os 900 euros/mes por 14 pagas e o grupo IV 930 euros/mes por 14 pagas. Para o grupo IV esta suba será efectiva a partir do mes de abril.

Grupo I: 900 €/mes.

Grupo II: 900 €/mes.

Grupo III: 900 €/mes.

Grupo IV: 930 €/mes.

Terceiro. A comisión paritaria, en aplicación da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aclara que son nulos os seguintes artigos: 10 (período de proba) 26 (faltas leves), 27 (faltas graves), 28 (faltas moi graves) e 34 (uniformes, vestiarios e aparencia externa do persoal) do convenio colectivo de salóns de peiteado de donas, cabaleiros, unisex e salóns de beleza da Comunidade Autónoma de Galicia publicado no DOG do 29 de agosto de 2017, nas indicadas materias será aplicable o convenio colectivo para salóns de peiteado, institutos de beleza e ximnasios de ámbito estatal.

Por último, a comisión paritaria delega en Ignacio Bouzada Gil, funcionario do Consello Galego de Relacións Laborais, para que realice os trámites e xestións oportunos, para proceder ao depósito, ao rexistro e á publicación no Diario Oficial de Galicia desta acta.

Sen máis asuntos que tratar, asinan os asistentes en proba de conformidade con canto antecede.