Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Xoves, 21 de marzo de 2019 Páx. 15343

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2019 pola que se dá publicidade ao Acordo de colaboración entre o Consello de Contas e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para a formación e sensibilización en materia de integridade e comportamento ético.

Con data do 3 de decembro de 2018 asinouse o Acordo de colaboración entre o Consello de Contas e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para a formación e sensibilización en materia de integridade e comportamento ético.

Para o seu coñecemento xeral e ao abeiro das competencias que me corresponden conforme o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas,

RESOLVO:

Publicar no Diario Oficial de Galicia o Acordo de colaboración entre o Consello de Contas e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para a formación e sensibilización en materia de integridade e comportamento ético, que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2019

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Acordo de colaboración entre o Consello de Contas e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para a formación e sensibilización en materia de integridade e comportamento ético

Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil dezaoito.

Reunidos:

Dunha parte, José Antonio Redondo López, na súa calidade de conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, actuando en nome e representación deste en virtude das atribucións que lle confire o artigo 8 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia.

Doutra parte, Carmen Pomar Tojo, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional (en diante, a Consellería), en representación desta, e de conformidade coas atribucións conferidas no artigo 34.1 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

Interveñen en función dos seus respectivos cargos e no exercicio das facultades que, en nome das entidades que representan, teñen conferidas e

Expoñen:

Primeiro. Que o Consello de Contas ten atribuídas competencias en materia de prevención da corrupción polo artigo 5 bis da Lei 8/2015, do 7 de agosto, de reforma da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, e polo Regulamento de réxime interior do Consello, aprobado por acordo da Comisión permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas do 23 de febreiro de 2017 (DOG núm. 46, do 7 de marzo). Entre outras actuacións, prevese a realización por parte do Consello de actividades para o fomento da conciencia e participación cidadá a favor da transparencia e o comportamento ético no sector público.

Segundo. Que a Consellería é consciente da importancia do fortalecemento da educación en valores éticos e da necesidade de formar o alumnado en materia de integridade e prevención da corrupción, favorecendo o desenvolvemento das competencias clave relacionadas coa cidadanía activa e responsable, así como o fortalecemento dos valores democráticos europeos, tal e como se pon de manifesto no Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, que inclúen este tipo de coñecementos como elemento curricular.

Terceiro. Que o Consello de Contas e a Consellería coinciden en considerar que a formación da cidadanía en idade escolar nestes contidos constitúe unha das estratexias máis efectivas para o fomento da integridade e a prevención da corrupción.

En consecuencia, as entidades, de conformidade co exposto, formalizan este acordo de colaboración no campo da formación e da aprendizaxe, de acordo coas seguintes

Cláusulas:

Primeira. Obxecto do acordo

O presente acordo ten por obxecto fixar un marco de colaboración institucional entre as institucións asinantes coa finalidade de concienciar e sensibilizar a poboación en idade escolar na cultura da integridade e o comportamento e os valores éticos.

Segunda. Actuacións que se desenvolverán

Para estes efectos, facilitarase ao alumnado escolarizado nos centros docentes dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional unha unidade didáctica sobre a cultura da integridade e o comportamento ético da sociedade civil nas súas relacións cos poderes públicos, que se incluirá nas seguintes materias: Valores Democráticos Europeos de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria (ESO); Economía de 4º curso de ESO; Economía de 1º curso de bacharelato e Economía da Empresa de 2° de bacharelato.

Terceira. Elaboración e impartición de unidades didácticas

As unidades didácticas a que fai referencia a cláusula anterior serán elaboradas por persoal do Consello de Contas baixo a tutela didáctica de profesionais da Consellería, e recollerán todos aqueles contidos, criterios de avaliación e estándares de aprendizaxe que se consideren necesarios para acadar os obxectivos do presente convenio, así como os obxectivos e desenvolvemento das competencias clave das correspondentes etapas educativas. Incluirán unha guía didáctica completa con mención expresa á súa integración curricular e integrarán a perspectiva de xénero e os principios da accesibilidade universal e o deseño para todos. Así mesmo, incluirán material didáctico para a formación do profesorado tanto na implementación das unidades didácticas como naqueloutros aspectos de carácter transversal para incorporar a cultura do comportamento ético, a integridade e a prevención educativa como parte integral dos proxectos educativos dos centros e, en particular, en materias de libre configuración autonómica como Valores Democráticos Europeos.

A Rede de formación do profesorado asumirá a organización das correspondentes accións para a formación do profesorado, e encargarase, entre outras, de cuestións como a inscrición e certificación do profesorado, os medios materiais e recursos necesarios, a xestión de espazos e a difusión de boas prácticas.

Cuarta. Premio de investigación

Como actuación complementaria, o Consello de Contas impulsará un premio de investigación sobre algunha materia obxecto do contido do presente acordo. O premio estará dirixido ao alumnado de ESO e bacharelato que curse as materias incluídas na cláusula segunda, e a súa entrega farase en datas próximas ao Día Internacional contra a Corrupción (9 de decembro).

O contido do premio será determinado polo Consello de Contas, que tamén aprobará as bases da convocatoria coa supervisión pedagóxica da Consellería e asumirá o financiamento con cargo aos seus créditos orzamentarios, tramitando o correspondente expediente de gasto.

Quinta. Vixencia do acordo

O presente acordo produce efectos desde a súa sinatura e ten unha vixencia de catro anos. Poderá ser denunciado por ambas as dúas partes en calquera momento unha vez transcorrido o primeiro ano de vixencia, mediante comunicación escrita á outra parte. A extinción producirá efectos unha vez transcorridos tres meses desde a dita denuncia, sen prexuízo de finalizar aquelas actuacións xa iniciadas e que, por razóns de interese público, se deban levar a cabo.

Sexta. Comisión de seguimento

Para o seguimento da execución e do desenvolvemento do presente acordo crearase unha comisión mixta, composta por dous representantes de cada unha das institucións asinantes e unha persoa funcionaria da Consellería, que actuará como secretario/a. Corresponderá á comisión de seguimento velar polo correcto cumprimento do acordo, impulsando a realización de cantas actuacións sexan necesarias para o seu desenvolvemento e execución.

A comisión reunirase cantas veces sexa preciso para a boa marcha da execución do protocolo a petición de calquera das partes.

Sétima. Modificación do acordo

O presente protocolo poderá modificarse por mutuo acordo das partes asinantes.

Oitava. Protección de datos

O cumprimento das obrigas deste protocolo axustarase ás exixencias derivadas da normativa reguladora en materia de protección de datos de carácter persoal, no que corresponde á confidencialidade da información e dos resultados, aplicando as medidas de carácter técnico, administrativo, informático e organizativo que resulten necesarias para cumprir cos requisitos legais e, en particular, garantindo a seguridade e integridade dos datos e a súa protección fronte a alteracións, perda, tratamentos ou accesos non autorizados.

Novena. Publicidade e transparencia

En cumprimento do establecido na normativa de aplicación, o presente acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia, e ambas as partes farán a difusión que corresponda nas súas respectivas sedes electrónicas.

A sinatura deste acordo suporá o consentimento expreso das partes para incluír e facer públicos os datos referidos ao acordo, de conformidade co artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia.

E, en proba de conformidade, asínano por duplicado exemplar os intervenientes no lugar e na data sinalados no encabezamento.

Carmen Pomar Tojo, conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional; José Antonio Redondo López, conselleiro maior do Consello de Contas.