Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 14 de agosto de 2019 Páx. 36783

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG638A).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 28 de marzo de 2019, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización e facultou o director xeral para a súa convocatoria para os exercicios 2019 e 2020 a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas á contratación de xestores de internacionalización e convocar para os anos 2019 e 2020 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG638A).

A presente convocatoria está cofinanciada nun 80 % polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020. En particular:

Obxectivo temático 08: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

Prioridade de investimento 08.01: o acceso ao emprego por parte das persoas demandantes de emprego e das persoas inactivas, incluídos os desempregados e desempregadas de longa duración e as persoas afastadas do mercado laboral, así como as iniciativas de emprego locais e o fomento da mobilidade laboral. Facilitar o acceso ao emprego dos desempregados e persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral.

Obxectivo específico 08.01.05: mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou inactivas, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, por medio da adquisición de experiencia profesional, incluídas as iniciativas locais de emprego.

Liña de actuación 103: adquisición de competencias profesionais.

Campo de intervención 102: acceso ao emprego dos solicitantes de emprego e persoas inactivas, incluídos desempregados de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e o apoio á mobilidade laboral.

Así mesmo, de acordo co previsto no artigo 106 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficacia, esta orde recolle medidas de apoio ao colectivo de mozos que estean inscritos na lista única de demanda do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 29 de novembro de 2019, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Terceiro. Créditos

O crédito dispoñible para concesión nesta convocatoria aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Empresas

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2019

Ano 2020

Total

Convocatoria 2019

2016 00018

09.A1.741A.4705

280.000

320.000

600.000

Organismos

empresariais

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2019

Ano 2020

Total

Convocatoria 2019

2016 00018

09.A1.741A.4814

150.000

250.000

400.000

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos e logo de informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos), nos supostos e termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 4 meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Subvenciónanse contratos formalizados a partir da data de solicitude de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de outubro de 2020 e o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento, como máis tarde, o 17 de novembro de 2020.

O período de contratación subvencionable deberá iniciarse entre a data de solicitude da axuda e ata un máximo de dous meses a partir da notificación da resolución de concesión e, en todo caso, debe estar comprendido dentro do prazo de execución.

O contrato de traballo do xestor deberá ter unha duración mínima ata a data de remate do proxecto de comercio exterior, estimada polo solicitante e que este fará constar no formulario de solicitude da axuda. En todo caso, a duración do contrato non será, en ningún caso, inferior a 6 meses.

O beneficiario deberá presentar a primeira solicitude de cobramento no prazo máximo de 5 días hábiles, contados a partir da data en que quede executado o 50 % do prazo de vixencia do contrato, sendo a data límite para a súa presentación o 30 de novembro de 2019.

Quinto

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sexto

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, para os anos 2019 e 2020

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en liña coas funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, está levando a cabo unha serie de accións no ámbito exterior desde o apoio á formación de capital humano especialista no eido internacional, o apoio ás empresas galegas no seu proceso de expansión exterior e a captación de investimentos estranxeiros cara a Galicia.

Na actual situación de forte índice de desemprego é necesario aproveitar as oportunidades que xorden das accións de promoción económica para, ao mesmo tempo, impactar sobre o emprego. Por outro lado, as pemes galegas necesitan incorporar profesionais cualificados.

Por este motivo cómpre crear programas orientados a apoiar a peme que carece de infraestrutura necesaria para acometer un proceso de internacionalización pero que conta con potencial e produto ou servizo exportables. Para iso débese crear e fomentar a figura do xestor a tempo completo.

O programa de adquisición de competencias profesionais en que se encadran estas axudas achega coñecemento ás empresas e organismos empresariais en que se integran os profesionais e mellora a empregabilidade destes.

Un dos eixos da estratexia do Igape no ámbito da internacionalización da empresa galega 2020 é o de promover unha cultura de internacionalización. E son obxectivos deste eixo: a formación de capital humano en internacionalización, proporcionarlle ao tecido empresarial recursos altamente especializados –con coñecemento dos mercados exteriores e de aspectos clave do comercio exterior– e impulsar a súa contratación como apoio aos directivos e mandos intermedios de empresas e organismos empresariais en proceso de expansión internacional.

O obxectivo específico 08.01.05 do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 é o de mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou inactivas especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, por medio da adquisición de competencias profesionais. As empresas que contraten estes profesionais desempregados e/ou sen experiencia laboral xogan un papel importante na súa formación e benefícianse tamén da súa participación nos diversos proxectos.

O Igape vén desenvolvendo diversos programas de formación de especialistas no comercio internacional. Ademais, co fin de facilitarlle ao empresariado galego información sobre persoal con formación orientada á internacionalización empresarial, o Igape dispón dunha bolsa de xestores de internacionalización –publicada na súa web–, aberta a este tipo de especialistas.

O obxectivo destas bases é facilitar a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais titulados con formación e/ou experiencia en comercio exterior, ao mesmo tempo que se apoian as pemes galegas no seu proceso de internacionalización.

Estas bases compleméntanse, ademais, con outros programas coa mesma finalidade financiados con fondos propios do Igape: formación teórica de xestores de internacionalización (para efectos de ampliar a oferta de profesionais formados nesta materia) e formación práctica a través de bolsas de promoción exterior en organismos de Galicia e do estranxeiro.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da Dirección Xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Estas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa consecuencia, serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, sen necesidade de establecer comparacións entre os proxectos nin unha orde de prelación entre eles, tendo en conta, ademais, a oportunidade de que a tramitación dos expedientes sexa rápida e con prazos de solicitude abertos, pola dificultade de planificar as accións subvencionadas e a urxencia de implementación destas, a medida que xurda a necesidade.

Artigo 1. Obxecto

Estas axudas teñen como obxectivo facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior, priorizando os mozos sen ou con pouca experiencia e os sénior experimentados maiores de 45 anos en situación de desemprego, ao mesmo tempo que se apoian as pemes galegas no seu proceso de internacionalización, poñendo á disposición das pemes e dos organismos empresariais información sobre profesionais con formación especializada e unha subvención a fondo perdido para a súa contratación.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior a que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos).

3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro); no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51 do 22 de febreiro de 2019).

4. As subvencións previstas nestas bases estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 dentro do obxectivo temático 8: «Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral», Prioridade de investimento 8.1: «O acceso ao emprego por parte das persoas demandantes de emprego e das persoas inactivas, incluídos os desempregados e desempregadas de longa duración e as persoas afastadas do mercado laboral, así como as iniciativas de emprego locais e o fomento da mobilidade laboral. Facilitar o acceso ao emprego dos desempregados e persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral», Obxectivo específico 8.1.5: «Mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou inactivas, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, por medio da adquisición de experiencia profesional, incluídas as iniciativas locais de emprego», Liña de actuación 103: «Adquisición de competencias profesionais» e Campo de intervención 102: «Acceso ao emprego dos solicitantes de emprego e persoas inactivas, incluídos desempregados de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e o apoio á mobilidade laboral».

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do gasto subvencionable. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE, EURATOM) nº 2018/1046, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun Fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, conforme o documento en que se establezan as condicións da axuda.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das accións realizadas. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas e organismos empresariais os que cumpran os seguintes requisitos:

1. Empresas, que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, e que teñan como proxecto iniciar ou consolidar o seu proceso de internacionalización.

2. Asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2016 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009). Todos deber ter o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Enténdese por clúster empresarial para os efectos destas bases as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan plans de internacionalización en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación clúster.

As empresas terán que dispor do informe de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización realizado a través de programas do Igape a partir de 2013. De non dispor do citado informe de alta, debe solicitalo a través da oficina virtual do Igape (procedemento IG192) dentro do prazo de presentación de solicitudes.

3. Os solicitantes terán o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Os solicitantes acreditarán ter un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior.

5. Os solicitantes deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e non ser consideradas empresas en crise. Para os efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Artigo 5. Modalidades de contratación, custo subvencionable, contía e límites de axuda

1. Será subvencionable o custo dos contratos laborais por conta allea a tempo completo de xestores de internacionalización, baixo calquera das modalidades previstas na lexislación laboral vixente no momento da contratación, acordes á finalidade de axuda, excepto contratos de alta dirección.

Os solicitantes que o desexen teñen ao seu dispor a base de datos do Igape de xestores de internacionalización. Desta bolsa de traballo forman parte profesionais co perfil e formación orientados á internacionalización empresarial. Esta bolsa de xestores de internacionalización está aberta, indefinidamente, ás novas incorporacións de persoal que reúna os requisitos exixidos. O Igape non se fai responsable da veracidade da información subministrada polos integrantes desta bolsa e o beneficiario ten a obriga de comprobala. En todo caso, se o beneficiario da axuda contrata un xestor que non pertenza á citada base de datos do Igape, o xestor deberase dar de alta nela antes de presentar a primeira solicitude de cobramento da subvención e, no caso de non acreditarse o dito feito, seralle requirido.

2. A solicitude de axuda virá referida ao desenvolvemento dun proxecto de comercio exterior que o solicitante deberá describir en detalle no formulario de solicitude da axuda.

Se o solicitante ten previsto desenvolver máis dun proxecto, pode solicitar ata un máximo de dous xestores. Nese caso, debe cubrir no formulario electrónico de solicitude a descrición en detalle de cada un dos proxectos, delimitando e diferenciando o proxecto que desenvolverá cada xestor.

O Igape valorará en función do detalle descritivo, se se identifican dous proxectos diferenciados ou non.

3. Os contratos laborais subvencionables deben ser indefinidos ou temporais por un período mínimo de duración ata a data de remate do proxecto de comercio exterior estimado polo beneficiario e que fixese constar na solicitude da axuda, ou polo tempo restante desde a contratación ata o remate do proxecto referido, no caso de contratos de xestores substitutos dos iniciais. En todo caso, o período mínimo do contrato será de 6 meses.

4. O período de contratación subvencionable (máximo 15 meses) deberá iniciarse entre a data de solicitude da axuda e ata un máximo de dous meses a partir da notificación da resolución de concesión e, en todo caso, debe estar comprendido dentro do prazo de execución.

5. Para determinar o custo subvencionable tómase como referencia o salario medio mensual bruto para a tipoloxía de contratos temporais no ano 2017, publicado polo INE (https://www.ine.es/jaxiT3/Tabla.htm?t=13941&L=0), que ascende a 1.602,08 euros. Partindo deste dato, será custo subvencionable o salario mensual neto correspondente ao período de contratación, sobre o que se aplicará a porcentaxe de subvención prevista no artigo seguinte.

6. Acorde co disposto no artigo 5.c) da Orde ESS/1924/2016 pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020, para calcular o custo subvencionable terase en conta só o tempo efectivo dedicado ao proxecto de internacionalización. Non se subvencionará ningún día de baixa laboral do xestor nin días de permisos e doutras ausencias ao traballo distintos das vacacións e días de asuntos propios establecidos por contrato.

7. O importe de salario mensual neto subvencionable con pro rateo de pagas extra segundo o perfil o que pertenza o xestor será o seguinte:

a) Mozos/as profesionais nacidos/as a partir do 1 de xaneiro de 1984: o importe do salario mensual neto subvencionable con rateo de pagas extra é de 1.358,89 €.

b) Profesionais nacidos despois do 1 de xaneiro de 1974 e antes do 1 de xaneiro de 1984: o importe do salario mensual neto subvencionable con pro rateo de pagas extra é de 1.698,61 € (un 25 % de incremento sobre o perfil de mozos profesionais).

c) Profesionais sénior en paro de difícil reinserción laboral de idade igual ou superior a 45 anos (nacidos antes do 1 de xaneiro de 1974): o importe do salario mensual neto subvencionable con rateo de pagas extra é de 2.038,34 € (un 50 % de incremento sobre o perfil de mozos profesionais).

Artigo 6. Intensidade de axuda e criterios de avaliación e selección de solicitudes

1. A contía da axuda calcúlase aplicando as seguintes porcentaxes sobre o custo subvencionable indicado no punto 7 do artigo anterior:

a) 80 % no caso de contratación de mulleres ou mozos de calquera xénero inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil.

b) 70 % no resto dos casos.

2. As solicitudes que cumpran cos requisitos establecidos nestas bases, que se deberán acreditar mediante declaración no formulario electrónico de solicitude, serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

2.1. Para empresas:

a) Dificultade para acometer o proceso de internacionalización en termos de tamaño da empresa e, polo tanto, maior necesidade do xestor, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado. Microempresa: 15 puntos; pequena empresa: 10 puntos; mediana empresa: 5 puntos.

b) Experiencia previa da empresa en internacionalización de xeito que teña máis posibilidades de formar o xestor. Cifra de exportación do exercicio 2016 igual ou menor de 20.000 €: 5 puntos. Maior de 20.000 € e igual ou menor de 50.000 €: 10 puntos. Maior de 50.000 € e igual ou menor de 100.000 €: 15 puntos. Maior de 100.000 € e igual ou menor de 200.000 €: 20 puntos. Maior de 200.000 €: 25 puntos.

c) Tipo de proxecto. Implantación no estranxeiro: 25 puntos. Prospección de mercado exterior: 15 puntos. Inicio á internacionalización: 5 puntos. O proxecto deberá ser descrito en detalle no formulario de solicitude.

d) Incentivo a novos solicitantes: non ter sido beneficiario desta axuda en anteriores convocatorias: 10 puntos.

2.2. Para organismos empresariais:

a) Dificultade para acometer o proceso de internacionalización en termos de tamaño do OOII e, polo tanto, maior necesidade do xestor, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado. Menos de 15 asociados: 25 puntos; entre 16 e 49 asociados: 20 puntos; máis de 50 asociados: 15 puntos.

b) Tipo de proxecto. Implantación no estranxeiro: 30 puntos. Prospección de mercado exterior: 20 puntos. Inicio á internacionalización: 10 puntos. O proxecto deberá ser descrito en detalle no formulario de solicitude e resto de información do cuestionario de solicitude.

c) Incentivo a novos solicitantes: non ter sido beneficiario desta axuda en anteriores convocatorias: 20 puntos.

Artigo 7. Condicións da contratación

1. Relativas ao xestor de exportación:

a) Os xestores deben contar con titulación universitaria ou coa titulación de formación profesional de técnico superior en Comercio Internacional ou con certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional.

b) En todo caso, deberán estar dados de alta como demandantes de emprego (ou demandantes de mellora de emprego) no Servizo Público de Emprego de Galicia.

c) Establécense tres perfís de xestor, con base na idade e experiencia acadados, e nos cales a intensidade da axuda irá acorde co dito perfil:

I) Mozos/as profesionais nacidos/as a partir do 1 de xaneiro de 1984.

1º. En caso de titulación universitaria que non sexa específica de comercio internacional, deberán acreditar formación específica de posgrao en comercio internacional:

i) Bolsa de prácticas de posgrao en internacionalización empresarial por un período igual ou superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial ou

ii) Mestrado de comercio exterior ou

iii) Certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional ou

iv) Curso completo de comercio exterior de duración igual ou superior a 140 horas.

2º. Non teren desempeñado en España con anterioridade, antes da contratación obxecto destas bases, traballos por conta allea dados de alta no grupo de cotización 1 ou 2 (no caso dos titulados universitarios) ou outro grupo de cotización (no caso dos técnicos de FP) por un período total superior a 185 días (experiencia laboral en España distinta a bolsas de formación ou prácticas), nin ter estado dado de alta como autónomo en España con anterioridade –antes da contratación obxecto destas bases– por un período superior a 185 días, nun CNAE relacionado con comercio por xunto, intermediarios do comercio ou con actividades profesionais de consultoría (CNAE 46 e 70).

3º. No caso de estaren inscritos/as no Sistema nacional de garantía xuvenil, a contía da axuda incrementarase segundo o establecido no artigo 6.1.

II) Profesionais nacidos despois do 1 de xaneiro de 1974 e antes de 1 de xaneiro de 1984.

i) Bolsa de prácticas de posgrao en internacionalización empresarial por un período igual ou superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial ou

ii) Máster de comercio exterior ou

iii) Certificado de profesionalidad de comercio exterior ou comercio internacional ou

iv) Curso completo de comercio exterior de duración igual ou superior a 140 horas.

v) Experiencia laboral menor a 365 días na categoría profesional que corresponda coa titulación exixida e relacionada coa internacionalización empresarial.

III) Profesionais sénior en paro de difícil reinserción laboral de idade igual ou superior a 45 anos (nacidos antes do 1 de xaneiro de 1974).

En caso de titulación universitaria que non sexa específica de comercio internacional, deberán acreditar formación ou experiencia laboral relacionada coa internacionalización empresarial:

i) Bolsa de prácticas de posgrao en internacionalización empresarial por un período igual ou superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial ou

ii) Máster de comercio exterior ou

iii) Certificado de profesionalidad ou

iv) Curso completo de comercio exterior de duración igual ou superior a 140 horas.

v) Experiencia laboral igual ou superior a 365 días na categoría profesional que corresponda coa titulación exixida e relacionada coa internacionalización empresarial.

2. Relativos o contrato:

a) O obxecto do contrato é a realización de actividades relacionadas co proxecto de comercio exterior detallado polo beneficiario na súa solicitude de axuda, que se desenvolverá en Galicia ou no país destino obxecto do proxecto.

b) A modalidade do contrato poderá ser calquera das previstas na lexislación laboral vixente no momento de contratación, excepto contratos de alta dirección.

3. Exclusións:

a) Exclúese das axudas establecidas neste programa a contratación dun xestor con vínculos de parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante ou das súas empresas vinculadas.

b) Exclúense os contratos con persoas que tivesen algunha relación laboral co solicitante ou con outras empresas vinculadas nos 3 últimos anos antes da solicitude de axuda (ser bolseiro non se entende como relación laboral).

A non concorrencia destas exclusións demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

Enténdese por vinculación entre empresas as que cumpran os requisitos establecidos no artigo 42 do Código de comercio.

Artigo 8. Solicitudes e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante, do proxecto de internacionalización para o que se require contratar un especialista en comercio exterior, dos obxectivos xerais e do orzamento do proxecto, así como de declaracións relativas ao condicionado nestas bases, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

No formulario electrónico o solicitante deberá cubrir unha memoria xustificativa do proxecto de internacionalización que pretende afrontar coa contratación do xestor de internacionalización.

No devandito formulario realizaranse as seguintes declaracións:

a) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

e) Que a entidade solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), pola que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

f) Que a entidade solicitante se obriga a manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

g) Conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación (art. 140.1 do Regulamento 1303/2013).

h) Axudas de minimis solicitadas e recibidas nos 2 exercicios fiscais anteriores e no exercicio fiscal en curso.

A solicitude presentarase mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se considerarán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Considérase que todos os solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento e, ademais, deben declarar a súa capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios, polo que a única vía de presentación de solicitude de axuda será a electrónica.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá ao solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación con que se actúa.

b) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

c) No caso de entidades obrigadas a formular e aprobar contas anuais, contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de obriga de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a entidade estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Achegaranse, igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da entidade solicitante.

d) Documentación relativa ao emprego: informe de traballadores en alta (ITA) emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social á data de solicitude de axuda.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Así mesmo, de conformidade co citado artigo 28 da Lei 39/2015, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no presente punto do artigo 8. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Para achegar os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

3. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) NIF da entidade solicitante.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

h) Informes da vida laboral necesarios para a comprobación do emprego.

i) Vida laboral do xestor completa e solicitada con data posterior á publicación destas bases no DOG.

j) Copia da tarxeta ou documento que acredite que o xestor estaba dado de alta como demandante de emprego (ou de mellora de emprego) ou, se é o caso, estar inscrito no Sistema nacional de garantía xuvenil, antes da contratación obxecto destas bases.

k) DNI do xestor.

l) Titulación universitaria en comercio internacional do xestor.

m) Titulación de formación profesional de técnico superior en Comercio Internacional do xestor ou certificado de profesionalidade en comercio exterior ou comercio internacional.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e no formulario de datos de terceiras persoas interesadas (anexo IV) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Órganos competentes

A Área de Internacionalización será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e dos datos declarados na solicitude de axuda e no cuestionario.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

3. A Área de Internacionalización ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e a elevaraa ao director xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan ao beneficiario, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro.

Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución da convocatoria. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución definitiva, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras produza o acto presunto.

Artigo 13. Xustificación da contratación

1. O beneficiario disporá dun prazo máximo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión para presentar a seguinte documentación acreditativa da contratación dun xestor que cumpra os requisitos destas bases:

a) Contrato laboral asinado entre as partes e acreditación da súa comunicación ao Servizo Público de Emprego.

O dito contrato debe recoller as medidas de difusión da concesión da axuda establecidas no artigo 15.j) ou, se é o caso, acreditación de ter realizado a empresa a comunicación ao xestor do financiamento público.

Así mesmo, debe incluír especificamente:

1º. Que o xestor se contrata para tarefas de internacionalización.

2º. Importe mensual do salario bruto e importe mensual do salario neto que se vai aboar ao traballador.

3º. Número de pagas que se van realizar segundo a duración do contrato.

4º. Que as pagas extras se aboan rateadas con cada mensualidade.

5º. Que o xestor consta de alta no grupo 01 ou 02 de cotización á Seguridade Social, no caso de ter titulación universitaria e FP e no grupo 04 no caso dos xestores que conten con certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional.

6º. Período de proba establecido.

7º. Convenio colectivo aplicable, se é o caso.

8º. Duración do contrato.

b) Vida laboral do xestor completa e solicitada con data posterior á publicación destas bases no DOG, só no caso de opoñerse á súa consulta segundo o modelo do anexo IV.

c) Copia da tarxeta ou documento que acredite que estaba dado de alta como demandante de emprego (ou de mellora de emprego) ou, se é o caso, estar inscrito no Sistema nacional de garantía xuvenil, antes da contratación obxecto destas bases, só no caso de opoñerse á súa consulta segundo o modelo do anexo IV.

d) DNI do xestor, só no caso de opoñerse á súa consulta segundo o modelo do anexo IV.

e) Titulación universitaria en comercio internacional, só no caso de opoñerse á súa consulta segundo o modelo do anexo IV.

f) Titulación de formación profesional de técnico superior en Comercio Internacional do xestor ou certificado de profesionalidade en comercio exterior ou comercio internacional, só no caso de opoñerse á súa consulta segundo o modelo do anexo IV.

g) En caso de titulación universitaria que non sexa específica de comercio internacional, deberá acreditar formación específica de posgrao en comercio internacional: bolsa de prácticas de posgrao en internacionalización empresarial por un período igual ou superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial; ou mestrado de comercio exterior ou curso completo de comercio exterior de duración igual ou superior a 140 horas.

h) En caso de posuír experiencia laboral, deberá acreditala mediante escrito de anteriores empregadores ou declaración responsable do xestor do tipo de experiencia e duración.

O beneficiario deberá presentar a documentación mediante copia dixitalizada a través do enderezo da internet http://tramita.igape.es.

2. Se no prazo sinalado non achega a documentación, ou se a achegada non cumpre co establecido nestas bases, requirirase o interesado para que achegue ou emende a documentación exixida nun prazo máximo e improrrogable de dez días, con indicación de que, se non o fixese, se considerará que renunciou á axuda concedida e procederase ao arquivo do expediente.

Artigo 14. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e admitiranse, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ás datas de execución do proxecto, á localización do xestor, perfil do xestor e o cambio de xestor contratado, sempre e cando este cambio non sexa imputable á empresa ou ao organismo intermedio.

No caso de cambio de xestor, o beneficiario deberá achegar a documentación do novo contrato e do novo xestor, xunto coa vida laboral da empresa en que figuren a baixa do anterior xestor e a alta do novo.

Na contratación do novo xestor teranse en conta os requisitos establecidos no artigo 7.

Se, como consecuencia da modificación solicitada, correspondese un importe de subvención diferente á inicialmente concedida, o Igape procederá a unha modificación da resolución tendo en conta que o prazo de execución subvencionable máximo da contratación é o indicado na resolución de convocatoria e que a modificación da subvención non poderá dar lugar en ningún caso a un aumento do seu importe.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Formalizar co xestor un contrato de traballo a partir da data de solicitude da axuda e antes da data indicada na resolución de concesión para a presentación de documentación acreditativa da contratación. A contratación será a risco e ventura dos beneficiarios, para o caso, que o xestor contratado non cumpra as condicións establecidas no artigo 7 destas bases.

b) Comprobar que o xestor contratado cumpre os requisitos establecidos no artigo 7 destas bases.

c) Dedicar o xestor a tarefas de internacionalización concretadas nun plan de traballo indicado polo solicitante no formulario de solicitude e que vinculará o beneficiario.

O Igape poderá contrastar co xestor a realización das ditas tarefas de internacionalización mediante cuestionarios periódicos descritivos das tarefas encomendadas.

d) Dar de alta o xestor na Seguridade Social nun grupo de cotización 01 ou 02 ou grupo 04 no caso dos xestores que conten con certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional e comunicar a contratación ao Servizo Público de Emprego (Sepe).

e) O beneficiario está obrigado a aboarlle ao xestor, como mínimo, o salario neto subvencionable a que fai referencia o artigo 5.7 destas bases, sen prexuízo de que lle corresponda aboar un salario superior acorde coa súa categoría profesional e titulación, e debe asumir a diferenza coa cantidade subvencionada. O contrato debe establecer a liquidación de nóminas ao xestor co rateo de pagas extras.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, que incorporarán visitas ao lugar de traballo, con base en técnicas de mostraxe; o Igape comprobará, para estes efectos, un mínimo do 10 % dos expedientes, así como facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro. Someterse a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello, modificado polo Regulamento (UE, EURATOM) nº 2018/1046, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo.

g) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

h) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

i) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

j) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o PO FSE Galicia 2014-2020, segundo o establecido no anexo III a estas bases.

k) O beneficiario deberá facilitar a información que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e os de resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento 1304/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo.

Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Así mesmo, nos casos en que se produza a substitución do xestor ou xestora, o beneficiario deberá presentar os indicadores de produtividade e de resultado inmediato respecto de cada unha das persoas polas que se percibiu a subvención.

l) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

m) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

n) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se solicita a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza de non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

ñ) Acreditar que o xestor estea dado de alta na Base de xestores de internacionalización do Igape, no caso de que se opoña á súa consulta no anexo V.

o) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento no prazo indicado na resolución de convocatoria.

Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

Será obrigatorio cubrir os seguintes campos do formulario:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas, tarefas realizadas polo xestor, os resultados obtidos e a previsión de prórroga ou continuación do contrato co xestor.

b) Memoria económica xustificativa cos aspectos recollidos no artigo 48.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, agás a exixencia da presentación de tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario.

c) Ficha resumo de nóminas, cubrindo os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados, para acreditar a obriga establecida no artigo 15.j) número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

2. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque teñen un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 7.1 das bases reguladoras.

4. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, o beneficiario deberá achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 16.6. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo beneficiario, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Exceptúanse do anterior os documentos que, de conformidade co artigo 16.6, deban ser orixinais (orixinal en formato electrónico ou copia auténtica). No caso de que o documento orixinal estea en formato papel, o beneficiario deberá obter unha copia auténtica, segundo os requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 39/2015, con carácter previo a súa presentación electrónica.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Vida laboral actualizada ao final do período de contratación e declaración do responsable da empresa en que se recollan as situacións e días que supoñen a non execución da actividade polo xestor (baixas por IT, permisos e outras ausencias ao traballo distintos das vacacións e días de asuntos propios establecidos por contrato), acorde co disposto no artigo 5.c) da Orde ESS/1924/2016 pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE durante o período de programación 2014-2020, que fai referencia aos descontos que se aplicarán aos custos de persoal.

b) A copia –que permita a súa lectura– de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de comunicación do financiamento público citada no artigo 15.j) destas bases.

c) Información de indicadores de produtividade e de resultado da operación que se cubrirá a través da aplicación do organismo intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 Participa 1420, á cal se accederá desde http://tramita.igape.es. No momento que corresponda cubrir os ditos datos, o Igape enviará unha comunicación ao beneficiario informándolle como proceder para que o xestor poida cubrir os datos e xuntar ao expediente o xustificante de habelos cuberto.

7. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, para seren beneficiarios da axuda. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou deixar sen efecto a concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 17. Aboamento das axudas

O aboamento da axuda realizarase, unha vez que o Igape considere xustificado o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

O importe dos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. Os beneficiarios están exentos de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título IV do seu regulamento.

Artigo 18. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) As rescisións do contrato antes da finalización do período de contratación subvencionable serán causa de redución do gasto subvencionable proporcional ao número de días deixados de realizar. Neste suposto, o beneficiario poderá contratar un novo xestor que cumpra os requisitos destas bases solicitando a modificación da resolución.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida:

1º. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

2º. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados polo PO FSE Galicia 2014-2020 (artigo 15.i) destas bases).

3º. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 15. j) destas bases.

4º. Por tratarse de subvencións compatibles con outras axudas, conforme o establecido no artigo 3 destas bases:

– Reintegro 5 % por incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.

– Reintegro exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo sancións que puidesen corresponder: incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas.

4. Será causa de incumprimento total e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador:

a) Non aboarlle ao xestor as contías establecidas no artigo 5 destas bases ou non xustificar, polo menos 50 % do período de contratación subvencionable.

b) Obter para o mesmo concepto subvencionable outras subvencións ou axudas.

c) Non dedicar o xestor a tarefas de internacionalización.

d) Non formalizar o contrato cun xestor que cumpra as condicións das bases no prazo establecido na resolución de concesión.

e) Non dar de alta na Seguridade Social o xestor contratado nun grupo de cotización 01 ou 02 ou o que corresponda no caso dos titulados en FP, e/ou non comunicar ao SEPE o contrato de traballo.

f) Non permitir as actuacións de comprobación do Igape.

Artigo 19. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento das accións aprobadas e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello, modificado polo Regulamento (UE, EURATOM) nº 2018/1046, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Artigo 21. Comprobación de subvencións

1. Previamente ao seu aboamento, o órgano concedente comprobará a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O comezo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 22. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape (www.igape.es) e no Diario Oficial de Galicia, expresando a norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 23. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, punto 2, artigo 140, puntos 3 a 5, e anexo XIII, punto 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladoras a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Artigo 24. Remisión normativa

1. Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto:

a) Na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) No Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) No Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) No Regulamento (CE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro).

f) No Regulamento (CE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro de 2019).

g) No Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño).

h) No Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1081/2006, do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

i) No Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

j) Na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

k) Regulamento (UE,Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se deroga o Reglamento (UE, Euratom) nº 966/2012.

l) No resto da normativa que resulte de aplicación.

2. En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file