Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Mércores, 14 de agosto de 2019 Páx. 36826

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 2 de agosto de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG638A).

BDNS (Identif.): 470018.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

1. Empresas que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, e que teñan como proxecto iniciar ou consolidar o seu proceso de internacionalización.

2. Asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2016 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009). Todos deben ter o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

Estas axudas teñen como obxectivo facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior, priorizando os mozos sen ou con pouca experiencia e os sénior experimentados maiores de 45 anos en situación de desemprego, ao mesmo tempo que se apoia ss pemes galegas no seu proceso de internacionalización, poñendo á disposición das pemes e dos organismos empresariais información sobre profesionais con formación especializada e unha subvención a fondo perdido para a súa contratación.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de agosto de 2019 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG638A).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes con cargo aos seguintes exercicios:

Aplicación orzamentaria 09.A1.741A.4705: 280.000 € con cargo ao ano 2019 e 320.000 € para o ano 2020.

Aplicación orzamentaria 09.A1.741A.4814: 150.000 € con cargo ao ano 2019 e 250.000 € para o ano 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte á publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 29 de novembro de 2019, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2019

A Xerencia do Instituto Galego de Promoción Económica
P.S. (Resolución do 15.7.2019)
Norberto Penedo Rey
Director da Área de Competitividade