Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 25 de setembro de 2019 Páx. 42398

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 19 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación do Sistema universitario de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2019 (código de procedemento ED431G).

BDNS (Identif.): 473959.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index):

Primeiro. Beneficiarios

As universidades do SUG que as destinarán aos centros de investigación do SUG que obteñan a acreditación como tales nesta convocatoria.

Segundo. Obxecto

Axudas para a estruturación e mellora de unidades de investigación supragrupais, para acreditalas como centros de investigación do SUG, entendidas como estruturas organizativas de investigación que integran recursos, capacidades e obxectivos para mellorar a súa eficiencia.

Estas axudas pretenden dous obxectivos:

a) A acreditación de unidades de investigación como «centros de investigación do SUG» segundo as súas capacidades e o resultado do proceso de avaliación en concorrencia competitiva que se desenvolva ao abeiro desta convocatoria.

b) O financiamento dos seus proxectos estratéxicos de investigación, durante o período 2019-2022, para fortalecer as súas capacidades científicas; potenciar o liderado internacional da investigación feita en Galicia; impulsar a agregación de capacidades científico-técnicas, incluíndo a colaboración con outros centros, unidades e co tecido empresarial; mellorar a xeración de resultados de alto impacto científico, social e económico; contribuír á formación, atracción e incorporación de talento; incrementar a masa crítica de persoal investigador; e actuar como axentes tractores no Sistema galego de I+D+i.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 20.480.000 €.

As axudas serán de aplicación por un período de 4 anualidades.

Nas anualidades de 2020, 2021 e 2022 a contía mínima da axuda que se concederá será de 400.000 €, dos que polo menos 320.000 € serán fondos Feder, e a máxima de 1.000.000 € dos que polo menos 800.000 € serán fondos Feder. Na anualidade 2019 aplicarase o mesmo criterio en función da puntuación obtida tendo en conta que a cantidade mínima será de 5.000 € e a máxima de 10.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional