Xunta de Galicia

Cultura e Educación presenta en concerto o disco ‘Cantares Gallegos. Músicas para o 150.º aniversario da súa publicación’

O CGAC acollerá mañá a estrea deste proxecto musical, no que o tenor Joaquín Pixán e o pianista Alejandro Zabala recuperan poemas rosalianos musicados por recoñecidos compositores, como García Abril, Gaos e Joaquín Rodrigo

O concerto, de entrada libre e gratuíta, contará tamén coa participación da soprano galega Teresa Novoa e ofrecerá a estrea absoluta dunha peza de Octavio Vázquez

  • O tenor Joaquín Pixán e o pianista Alejandro Zabala

Santiago, 15 de outubro de 2013.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove unha nova iniciativa musical para celebrar os 150 anos da publicación de ‘Cantares gallegos’. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, acollerá mañá o concerto de presentación de ‘Cantares gallegos. Músicas para o 150.º aniversario da súa publicación’, un traballo no que o tenor Joaquín Pixán e o pianista Alejandro Zabala recuperan as cancións que diversos compositores do século XX, galegos e doutras procedencias, crearon sobre algúns poemas da obra de Rosalía de Castro. Cómpre destacar que o recital é de entrada libre e gratuíta ata completar as localidades do auditorio.

A estrea deste disco, editado por Andante Producciones coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, terá lugar no CGAC ás 20:00 horas e contará tamén coa participación da soprano galega Teresa Novoa. Os mestres García Abril, Joaquín Rodrigo, Jesús García Leoz, Andrés Gaos, Jesús Legido, Juan Durán, Tomás Marco e Octavio Vázquez, este último cunha composición creada especificamente para esta gravación, mergulláronse na musicalidade dos textos rosalianos para construíren as 11 obras que conforman o disco e que serán interpretadas mañá por Joaquín Pixán, Alejandro Zabala e Teresa Novoa.

Un novo referente da Rosalía cantada
“Rosa de abril”, de Andrés Gaos; “Como chove miudiño”, de Octavio Paz; “Un repoludo gaiteiro”, de Juan Durán; “Cando a luniña aparece”, de Tomás Marco; “Cando vos oio tocar” e “Has de cantar, meniña gaiteira”, de Antón García Abril; “O meu corasón che mando”, de Jesús García Leoz; “Un home San Antonio”, “Adiós ríos, adiós fontes” e “Cantarte hei Galicia”, de Joaquín Rodrigo; xunto con “Alborada”, “Mañanciña”, “Atardecer”, “Noite” e “Soidades”, do compositor Jesús Legido, conforman este novo referente da Rosalía cantada e da mellor música nacida ao servizo da poesía.

A colaboración na edición deste traballo discográfico e a realización do concerto enmárcase na completa programación de iniciativas que a Consellería de Cultura e Educación vén promovendo durante 2013 a prol do estudo e da difusión de ‘Cantares gallegos’, o ano no que se celebra o 150.º aniversario da súa publicación.

Documentos relacionados

  • whatsapp