Xunta de Galicia

Galicia e Asturias reforzan a súa colaboración en emerxencias

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Presidencia asturiano, Guillermo Martínez, asinaron hoxe un convenio para coordinar as emerxencias nos 14 concellos da fronteira galego-asturiana

Rueda destacou que desde hai anos Galicia aposta pola colaboración e a cooperación entre administracións como a fórmula idónea para ofrecer mellores servizos aos cidadáns

O texto asinado polos dous conselleiros permitirá realizar accións conxuntas para optimizar os medios, a planificación e os protocolos de ambas administracións

Tamén se colaborará na elaboración de procedementos de intervención, actividades de formación e simulacros, o primeiro deles esta mesma mañá

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Presidencia asturiano, Guillermo Martínez, asinaron hoxe un convenio para coordinar as emerxencias nos 14 concellos da fronteira galego-asturiana
  • Rueda destacou que desde hai anos Galicia aposta pola colaboración e a cooperación entre administracións como a fórmula idónea para ofrecer mellores servizos aos cidadáns
  • O texto asinado polos dous conselleiros permitirá realizar accións conxuntas para optimizar os medios, a planificación e os protocolos de ambas administracións

Trabada (Lugo), 6 de maio de 2016.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Presidencia e Participación Cidadá do Principado de Asturias, Guillermo Martínez, asinaron hoxe en Trabada, Lugo, un convenio de colaboración para reforzar a xestión das emerxencias entre ambas comunidades.

Rueda destacou que desde hai anos Galicia aposta pola colaboración e pola cooperación entre administracións como a fórmula idónea para ofrecer mellores servizos aos cidadáns. Unha cooperación entre a Xunta e os concellos e entre os propios municipios entre si, que se estende a todos os ámbitos e onde as emerxencias son un auténtico exemplo.

Galicia conta cunha rede de parques comarcais de bombeiros, seis deles na provincia de Lugo, que son froito da suma de esforzos da Xunta, deputacións e concellos. A esta hai que engadirlle os Grupos de Emerxencia Supramunicipal, GES, postos en marcha polas tres administracións e que están a dar probadas mostras da súa eficacia e profesionalidade.

A cooperación entre administracións non só se limita ao noso ámbito xeográfico, senón que se estende ás zonas fronteirizas, cun ambicioso proxecto que foi premiado e recoñecido pola Unión Europea: o Ariem 112. Neste proxecto, Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal colaboran para ofrecer aos cidadáns a mellor resposta ante unha emerxencia, independentemente da zona na que se atopen.

Impulso a unha colaboración antiga
Agora é a quenda de Asturias, unha rexión na que xa se tiña moito andado en canto á xestión das emerxencias -especialmente na loita contra o lume- pero que requiría dun impulso. Así desde hoxe, coa sinatura do convenio, redobrarase o traballo conxunto e a coordinación para atender as incidencias que se poidan producir nos 14 concellos que se atopan a ambos lados da fronteira que marca o río Eo.

O texto asinado esta mañá polos dous conselleiros permitirá seguir avanzando, con accións conxuntas para optimizar os medios, a planificación e os protocolos de ambas administracións. Ademais, haberá intercambio de información entre ambos servizos de atención ás emerxencias, e elaboración conxunta de procedementos de intervención, actividades de formación e simulacros, cuxo primeiro exemplo puido verse hoxe.
Como no caso portugués, o obxectivo é perfeccionar o sistema de emerxencias para que, no caso de que se produza unha incidencia en calquera dos concellos da fronteira galego-asturiana, actúen como un só e se ofreza aos seus veciños a mellor atención por parte dos medios dunha e outra comunidade.

Rueda afirmou que o de hoxe en Trabada é un paso fundamental nesa dirección e asegurou que non será o último. Galicia e Asturias seguirán compartindo experiencias, sumando esforzos e xerando sinerxías que beneficien aos seus cidadáns, como xa vén facendo noutros moitos ámbitos, como a sanidade, o medio ambiente ou o turismo, a través de iniciativas como a marca ‘España Verde’.
 

  • whatsapp