Medio Ambiente organiza mañá en San Sadurniño un obradoiro participativo para a elaboración das directrices da paisaxe

Terá lugar ás 18,00 horas, na aula CeMIT da Casa da Cultura

Os participantes poderán expresar as súas aspiracións en canto aos obxectivos de calidade paisaxística, así como a súa opinión sobre as posibles medidas de protección, planificación e xestión da paisaxe
 

Santiago, 28 de febreiro de 2016
  • whatsapp whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organizará mañá en San Sadurniño un obradoiro participativo de cara á elaboración das Directrices da Paisaxe. Terá lugar ás 18,00 horas, na aula CeMIT da Casa da Cultura.

Os participantes que se acheguen ata esta actividade poderán expresar as súas aspiracións en canto aos obxectivos de calidade paisaxística, é dicir, as súas preferencias en canto ás características paisaxísticas da súa contorna, así como a súa opinión sobre as posibles medidas de protección, planificación e xestión da paisaxe.

Tamén traballarán coa plataforma web (no enderezo https://sixot.es/Paisaxe), a través da que os participantes -e calquera persoa dende a súa casa- poderán valorar os principais tipos de paisaxe da súa comarca paisaxística e elixir os tipos de paisaxe preferidos de cara á súa planificación futura. Así mesmo, a través desta web os usuarios poderán localizar puntos relevantes dende o punto de vista paisaxístico e asignarlles unha valoración, determinar os elementos que os compoñen e propoñer medidas de actuación para os mesmos.

Os participantes, tanto nestes obradoiros como nos restantes, comprenderán tanto axentes convidados polo seu coñecemento da área paisaxística ou a súa actividade vinculada á xestión da paisaxe, como calquera persoa que desexe asistir e se inscriba na dirección secretaria.iet@xunta.es ou chamando aos teléfonos 981541755/981541756.
Estas actividades forman parte dos 50 talleres públicos que o departamento autonómico organizará en total en toda Galicia, un por cada unha das 50 comarcas paisaxísticas nas que se divide o noso territorio. Esta distribución pretende garantir unha maior equidade espacial no proceso de participación, facilitando á poboación de todos os ámbitos territoriais o acceso a este proceso dun xeito presencial.

As Directrices
Cabe destacar que a Consellería de Medio Ambiente xa seguiu un proceso de participación cidadá para a elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia, que agora se atopa en proceso de exposición pública. Agora abe ese mesmo procedemento para a elaboración destas directrices, que xunto co Catálogo, conformarán o Atlas das Paisaxes de Galicia.

A Lei de Protección da Paisaxe da Galicia establece que as Directrices de Paisaxe deben recoller os obxectivos de calidade paisaxística, que “deben expresar as aspiracións da cidadanía en canto á valoración e o grado de compromiso da colectividade na protección das nosas paisaxes, polo que a determinación destes obxectivos farase mediante un proceso de participación pública”. O mesmo Convenio Europeo da Paisaxe afirma que, unha vez identificados e valorados os diferentes tipos de paisaxes (proceso xa realizado no Catálogo), deben definirse os obxectivos de calidade paisaxística para os mesmos, despois dunha consulta pública.

Data de actualización: 28/02/2016