A Xunta activa mañá a alerta laranxa por neve no interior das catro provincias e por temporal no litoral da Coruña

Agárdase unha acumulación de máis de 5 centímetros en cotas superiores aos 500 metros

Haberá mar combinada do noroeste de ata 6 metros, que afectará o litoral oeste e noroeste da provincia da Coruña

A Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.axega112.gal
 

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2017
  • whatsapp

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar para mañá a alerta laranxa por neve en zonas do interior das catro provincias, e por temporal no litoral da Coruña.

As nevaradas, que se prolongarán mércores e xoves, afectarán o sur de Ourense a partir das 8,00 horas; a partir das 12,00 estenderanse ao interior da provincia da Coruña, centro de Lugo, noroeste de Ourense e interior de Pontevedra; e desde as 18,00 horas chegarán ao sur de Lugo. Agárdase unha acumulación de máis de 5 centímetros en cotas superiores aos 500 metros, e ata 4 centímetros por riba dos 300 metros. Nas zonas de montaña de Lugo e Ourense activarase o nivel amarelo, con acumulacións de máis de 15 centímetros a partir dos 500 ou 600 metros.

Cabe recordar tamén que a Comisión Escolar de Alertas acordou suspender mañá e pasado mañá as actividades no exterior e parte do transporte escolar nalgunhas zonas afectadas pola alerta laranxa e amarela de neve. Aínda que non se suspende a actividade docente, se as circunstancias meteorolóxicas da localidade onde se atopa o centro de ensino supuxesen un risco superior ao declarado, os directores poderán adoptar as decisións oportunas respecto das actividades no exterior ou extraescolares.

En canto ao temporal costeiro, segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir das 12 horas da mañá espérase mar combinada do noroeste de ata 6 metros no litoral oeste e noroeste da provincia da Coruña.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección ante a neve, como evitar as viaxes sempre que non sexan necesarias ou revisar o estado das estradas asegurándose de saír con cadeas e os depósitos de combustible e líquido anticonxelante cheos. Na Coruña, e debido ao temporal costeiro, recoméndase evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Permanecer lonxe da costa, praias, rompentes, paseos marítimos, espigóns, peiraos ou todas aquelas zonas que podan ser varridas polo mar.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.