A Secretaría Xeral de Cultura difunde o Calendario do Libro e da Lectura 2017

O centenario do pasamento de Pondal, os 100 anos da publicación da obra de Cabanillas ‘Da terra asoballada’ e os días das Letras Galgas, da Poesía, da Edición e da Ilustración son algunhas das efemérides e das datas máis significativas do cartel, que se distribuíu nas librarías e nas principais bibliotecas de Galicia

  • whatsapp whatsapp

Santiago, 1 de xaneiro de 2017.- O centenario do pasamento de Eduardo Pondal, o 120º aniversario do nacemento de Eduardo Blanco Amor, os 100 anos da publicación da obra ‘Da terra asoballada’, de Ramón Cabanillas, os días da Ilustración, da Poesía, do Libro Infantil e Xuvenil, das Letras Galegas –dedicado a Carlos Casares–, da Edición e da Biblioteca son algunhas das datas máis significativas e efemérides do Calendario do Libro e da Lectura 2017, que a Secretaría Xeral de Cultura acaba de distribuír nas librarías e nos principais centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Elaborado anualmente en cumprimento do Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e a lectura de Galicia, o calendario de 2017 abre o ano coa celebración do Día do Usuario/a das Bibliotecas, o 11 de xaneiro, nun mes no que tamén se cumpren o 115º aniversario do nacemento de Plácido Castro (25 de xaneiro) e o 150º aniversario do nacemento de Manuel Portela Valladares (31 de xaneiro). Coincidindo coa data doutro nacemento, o de Castelao, Galicia celebra o 30 de xaneiro o Día da Ilustración, arredor do que as bibliotecas de xestión autonómica están a preparar un completo programa de actividades para todos os públicos durante as primeiras semanas do próximo ano.

Datas para Pondal, Blanco Amor e María Mariño
Outros acontecementos destacados vinculados con persoeiros ilustres das letras e da cultura galegas que se inclúen no cartel son o pasamento de Eduardo Pondal, do que se cumpren 100 anos o día 8 de marzo; o falecemento da escritora María Mariño, acontecido hai medio século (o 19 de maio), o centenario do pasamento de Fanny Garrido (11 de setembro), o 120º aniversario do nacemento de Eduardo Blanco Amor (14 de setembro), o 180º aniversario do nacemento do escritor e historiador Antón López Ferreiro (9 de novembro) e mais o 75º aniversario do pasamento do debuxante e escritor Cándido Fernández Mazas (15 de novembro).

Celebracións nos meses dos libros e das letras
O mes das letras está dedicado en 2017 a Carlos Casares, autor homenaxeado co 17 de maio. Xunto co Día das Letras Galegas, o calendario difunde outras datas significativas arredor do libro e da lectura. No mes de marzo celébranse os días da Narración Oral (8), da Poesía (21) e do Teatro (27), mentres que abril ten como protagonistas o Día do Libro Infantil e Xuvenil (2) e o Día do Libro (23). Xa nos últimos meses do ano destacan o Día da Biblioteca (24 de outubro), o Día das Librarías (10 de novembro) e o Día da Edición (17 de decembro), que coincide co aniversario do nacemento de Ánxel Casal.

O Día da Lingua Materna (21 de febreiro), a Semana da Prensa (6 de marzo), o Día das Artes Galegas, que este ano se lle dedica a Maruja Mallo (1 de abril), o Día dos Arquivos (9 de xuño), o Día da Comprensión Lectora (26 de xullo), o Día Europeo das Linguas (26 de setembro) e o Día da Tradución (30 de setembro) completan o Calendario do Libro e da Lectura 2017.

Promover o libro e fomentar a lectura
O departamento da Consellería de Cultura e Educación edita e difunde este recurso co que facilita a planificación anual de actividades arredor das principais datas vinculadas co libro e mais coa lectura, cos obxectivos de fomentar a lectura e de reforzar o interese da cidadanía polas letras e pola cultura galegas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/01/2017