O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe unha xuntanza en San Caetano co alcalde do municipio lucense, Luis Fernández Guitián
A Xunta de Galicia reforza o servizo de axuda no fogar en Sober e supera as 19.000 horas de atención ao ano

Ambos mandatarios comprometéronse a seguir colaborando en materia social

Santiago, 10 de xaneiro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, continúa a manter encontros periódicos cos rexedores e rexedoras de Galicia para avanzar, dende o consenso e a colaboración, nas liñas de actuación en materia social encamiñadas a atender ás persoas e familias máis vulnerables e que máis precisan da axuda das administracións públicas. Na xornada de hoxe Rey Varela entrevistouse no seu despacho de San Caetano co alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, con quen abordou asuntos de índole social que afectan a esta localidade lucense, entre outros a ampliación do número de beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Neste sentido, o responsable da área social do Goberno galego informou do incremento de 240 horas ao mes na prestación de SAF Dependencia para sumar un total de 19.104 horas anuais de servizo e acadar así unha cobertura de atención a persoas con autonomía limitada superior ao 94% neste municipio. “O obxectivo é conseguir todas as melloras posibles na calidade de vida das familias e das persoas dependentes, para o que continuamos a incorporar de maneira progresiva a máis persoas aos diferentes servizos que integran o sistema autonómico de atención”, indicou Rey Varela.

Como nos anteriores encontros que o titular da carteira autonómica de Política Social vén mantendo dende outubro de 2015 cos alcaldes de Galicia, no que tivo lugar hoxe, o conselleiro e o primeiro edil de Sober abordaron outros temas de índole social. “O obxectivo – como lembrou Rey Varela esta mañá – pasa por ir coordinando unha estratexia a nivel autonómico e local que supoña unha mellor optimización e dinamización dos recursos dos que dispoñen as administracións coa finalidade de acadar todas as melloras posibles na calidade de vida dos galegos e galegas”. “Deste xeito, a Xunta de Galicia e as entidades locais adquirimos o compromiso de unir esforzos a prol dunha política social axeitada que se adapte ás necesidades actuais de cada municipio”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/01/2017