A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou aos voluntarios e voluntarias que toman parte nesta acción da campaña de verán
A Xunta participa na recuperación do patrimonio arqueolóxico e natural do Courel a través dun campo de traballo

Un total de 13 mozos e mozas realizan estes días labores de conservación e mellora dos contornos ademais de colaborar en intervencións arqueolóxicas nos castros e xacementos da zona

Folgoso do Courel (Lugo), 17 de xullo de 2017
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, realizou esta mañá unha visita ao campo de traballo “O Courel”, la localidade lucense de Folgoso do Courel, onde 13 mozos e mozas participan estes días en tarefas de recuperación e conservación do patrimonio arqueolóxico e natural da zona.

Cecilia Vázquez explicaba logo da visita que este campo de traballo ten como obxectivo a conservación e a mellora dos contornos onde se sitúa o campo, ademais de colaborar en intervencións arqueolóxicas nos castros e xacementos de importante valor patrimonial e turístico existentes na zona. Así mesmo, os participantes nesta actividade realizarán tarefas de limpeza do Castro de Vilar, un castro emblemático do concello que está situado ao pé dunha ruta de sendeirismo moi usada. Nesta liña, a directora xeral subliñaba que esta iniciativa engloba experiencias de participación, voluntariado e mobilidade que axudan a dinamizar a vida xuvenil nos concellos galegos onde teñen lugar.

O de Folgoso do Courel é un dos 5 campos de traballo que a Consellería de Política Social vai levar a cabo ao longo da época estival en Lugo no marco da campaña de verán 2017 e que atraerá a esta provincia a preto de 110 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de diferentes nacionalidades. Trátase dunha actividade incluída no programa da Xunta de Galicia O teu verán colle nunha mochila, na que poderán tomar parte 9.572 persoas, 526 máis que en 2016. As actividades que conforman esta campaña están dirixidas a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.


Na programación estival inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

O departamento autonómico inviste 2,9 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 1000 persoas entre monitores e directores de tempo libre.

Data de actualización: 17/07/2017