O presidente da Xunta e a ministra de Emprego e Seguridade Social encabezaron a presentación do proxecto para o antigo hospital Xeral
Feijóo anuncia que en outubro se licitarán os proxectos básico e de execución para comezar a dotación do Novo Barrio da Residencia en Lugo

Estes proxectos perfilarán o Centro Integral de Saúde, o centro de formación e emprego, o centro de emprendemento vinculado ao sector aeronáutico e a planta de distribución de biomasa

Recalca que un proxecto así, de “enorme calado urbanístico, social, económico e para os servizos públicos”, só é posible grazas a que “a economía cambiou o seu signo”

Agradece o “máximo compromiso” de Fátima Báñez e dos responsables da Seguridade Social, organismo que ten a titularidade dos terreos

Este espazo contará tamén cunha nova residencia de maiores con 120 prazas públicas e que xerará 75 novos postos de traballo

Lugo, 19 de xullo de 2017
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que en outubro se licitarán os proxectos básico e de execución para o Centro Integral de Saúde, o centro de formación e emprego, o centro de emprendemento vinculado ao sector aeronáutico e a planta de distribución de biomasa, algunhas das instalacións coas que contará o Novo Barrio da Residencia de Lugo.

En total, o proxecto contará cun investimento inicial de 21 millóns de euros. Ademais, deixa a porta aberta e reserva un espazo para a instalación dunha nova comisaría de policía, para o que se está dialogando co Ministerio do Interior. O presidente recalcou que un proxecto así, de “enorme calado urbanístico, social, económico e para os servizos públicos”, só é posible grazas a que “a economía cambiou o seu signo”.

Feijóo asinou xunto á ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, un protocolo para a reasignación dos usos do antigo hospital Xeral, que é da titularidade da Seguridade Social, cuxos máximos responsables se desprazaron tamén ata Galicia. Por iso, o presidente da Xunta agradeceu o “máximo compromiso” da ministra e do seu equipo e destacou que este proxecto é froito da colaboración entre as administracións estatal e autonómica.

O presidente describiu “algún dos aspectos máis innovadores” do proxecto, que inclúe servizos sociosanitarios, un pulmón verde e servizos de fomento do emprendemento e do emprego. Respecto ás dotacións de uso sanitario e social, puxo en valor os servizos do futuro Centro Integral de Saúde, que contará cun moderno centro de atención primaria, servizos de fisioterapia e atención á muller, un Punto de Atención Continuada, atención á saúde mental e a base do 061. Ademais, o Novo Barrio da Residencia incluirá unha nova residencia de maiores con 120 prazas públicas e que xerará 75 novos postos de traballo, en cumprimento dun dos compromisos electorais coa cidade de Lugo.

Pulmón verde, innovación e formación


Feijóo referiuse ao novo parque público que se situará neste recinto e que fará desaparecer a “muralla” que antes supuña o recinto onde estaba o Xeral e que dividía en dous o barrio da Residencia. Ademais, o Novo Barrio da Residencia contará tamén cunha “planta de distribución de enerxía limpa con petróleo galego: con biomasa”. Grazas a esta instalación, todos os edificios poderán cumprir cos estándares europeos de emisións cero á atmosfera.

Por último, o espazo do vello Xeral tamén acollerá un Centro Público de Innovación e unha Oficina de Emprego e Formación. O primeiro, outro dos compromisos electorais para a cidade, estará vinculado ao sector aeronáutico e buscará sinerxías co polo de avións non tripulados de Rozas. O segundo concentrará os servizos que ofrecían todas as oficinas de emprego de Lugo, converténdose nun “centro de creación de oportunidades laborais”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/07/2017