100 investigadores predoutorais benefícianse das axudas da Xunta para iniciar a carreira científica

A Consellería destina máis de 7,2 millóns de euros para blindar o traballo dun centenar de científicos das universidades galegas ata 2020

Os contratos manteñen os mesmos niveis que na anterior convocatoria: oscilarán entre os 20.500 e os 23.500 euros anuais dependendo da modalidade

Inclúen estadías de tres meses de duración no estranxeiro cun importe máximo de 4.500 euros, en función do destino

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i.

A través desta liña de axudas –dotada con 7.248.000 euros–, a Xunta garante, un ano máis, a formación inicial de 100 investigadores desde 2017 ata 2020. O programa divídese en dúas modalidades. Na modalidade A, as axudas están enfocadas a potenciar as traxectorias de investigación vinculadas ás áreas estratéxicas segundo os obxectivos definidos na Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3, para mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sustentable a través da innovación, e que orientarán as políticas de cohesión da Unión Europea para o período 2014-2020. Nesta modalidade fináncianse 57 contratos predoutorais e o importe máximo de cada axuda ascende a 23.500 euros anuais.

Pola súa banda, coa modalidade B búscase garantir a representación de todas as ramas do coñecemento, establecendo un número de prazas para aquelas áreas que se atopan con máis dificultades de encaixe directo nos sectores produtivos, pero que resultan fundamentais para o crecemento sustentable dunha económica baseada no coñecemento. Deste xeito, garántese un mínimo de 10 axudas no ámbito das universidades para Artes e Humanidades, e outras 10 para Ciencias Sociais e Xurídicas, sempre que o número de solicitudes o permita. Nesta categoría benefícianse un total de 43 investigadores e o importe máximo de cada axuda é de 20.500 euros anuais.

A data de comezo dos contratos fixouse no 31 de xullo de 2017, agás para as persoas non comunitarias, que poderán asinar o contrato ata o 30 de setembro de 2017. En todo caso, todos os detalles da resolución, así como as persoas beneficiarias das axudas, poden consultarse no seguinte enlace.

Estadías no estranxeiro


Ámbalas dúas convocatorias inclúen estadías de tres meses de duración no estranxeiro cun importe máximo de 4.500 euros, en función do destino. Deste xeito, se o científico escolle a zona 1 –Portugal ou Andorra– recibirá 1.500 euros; se realiza a súa estancia na zona 2 –en Europa (salvo os dous países anteriores), África ou América (agás Estados Unidos e Canadá)– terá á súa disposición 3.000 euros; e se o destino é a zona 3 –Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía–, a achega será de 4.500 euros.

As estadías no estranxeiro son opcionais e terán que realizarse entre o 1 de marzo de 2018 e o 31 de outubro dese mesmo ano. Ademais, permitiranlles acadar a mención de doutor ou doutora internacional. En concreto, 69 persoas escolleron a zona 2, 17 optaron pola zona 3, e un investigador decantouse pola zona 1.

Apoio ao inicio da carreira científica


Cómpre lembrar que este programa fomenta a formación dos científicos desde etapas iniciais (preparación da tese doutoral), partindo da base de que, mediante procesos formativos estables, adquirirán as habilidades propias do persoal investigador. Ademais, permite lograr que o sistema alcance unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos. En concreto, hoxe hai 155 contratos predoutorais no Sistema Universitario de Galicia enmarcados dentro desta liña de apoio.

Máis de 16 millóns para fortalecer a masa investigadora


Esta liña de axudas súmase ao programa de apoio á etapa de formación posdoutoral –xa resolto e dotado con preto de 9 millóns para formalizar 71 novos contratos– que busca favorecer a internacionalización, a especialización e a consolidación nas universidades galegas do talento investigador.

Entre ámbalas dúas liñas de apoio, Educación e GAIN mobilizan máis de 16 millóns de euros ata 2020 co fin de financiar a tese e formar aos investigadores nunha primeira etapa, así como internacionalizar e reter aos científicos na fase posdoutoral.

Data de actualización: 09/08/2017