A Xunta aposta por un modelo de orientación laboral aberto e apoiado nas novas tecnoloxías

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, asistiu á inauguración do Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia esta iniciativa formativa na que os 60 alumnos coñecerán os conceptos e metodoloxías máis novidosas nesta materia
 

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2017
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, destacou hoxe a aposta da Xunta por contar cun modelo de orientación laboral aberto e apoiado nas novas tecnoloxías durante a inauguración do Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, que se realizou no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia esta iniciativa formativa dentro do escenario da Axenda 20 para o Emprego en Galicia co obxectivo de impulsar unha mellora da orientación e os servizos para as persoas demandantes de emprego e as empresas. Trátase de ir cara a un modelo de orientación laboral aberta, moi centrada no uso das TIC como ferramenta esencial tanto para o traballo en rede do persoal como para a interacción coas persoas orientadas na súa procura de novas oportunidade de emprego. Tal e como explicou Marnotes, a Xunta potenciará tamén a atención personalizada a empresas e a formación continua do persoal técnico.

Durante este curso, impulsado polo Consorcio para o desenvolvemento de aplicación de xestión universitaria, as 60 persoas matriculadas accederán a 650 horas de formación tanto presencial como teleformación nas que coñecerán os conceptos e metodoloxías de traballo máis importantes e novidosos aplicables á orientación laboral.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/09/2017