Cultura sanciona aos propietarios do Pazo de Meirás ao constatar problemas na xestión das visitas

A Consellería multa con 4.500 euros aos interesados e abre novas dilixencias informativas ante o anuncio da Fundación Francisco Franco de cancelar as visitas ao BIC

Lémbralle aos propietarios que, tal e como se recolle na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, é a súa obriga abrir o pazo ao público 4 días ao mes e xestionar o seu mantemento

O departamento cultural da Xunta de Galicia seguirá velando porque sempre se cumpra a lei dentro do seu marco competencial

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2017
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, vén de concluír o expediente sancionador aberto aos propietarios do Pazo de Meirás, que conleva unha multa de 4.500 euros tras constatar problemas na xestión das visitas ao Ben de Interese Cultural (BIC). O resultado do procedemento foille comunicado xa aos interesados, que agora dispoñen de quince días para presentar as alegacións que consideren oportunas.

Cómpre lembrar que o Pazo de Meirás é un BIC de titularidade privada. Como todos os BIC, o seu réxime de protección e acceso está regulado na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, que no seu artigo 48 recolle: “As persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día”. Pola súa banda, “o incumprimento da obriga de facilitar a visita pública” a este tipo de bens está tipificado como unha infracción leve, cuxa multa varía entre os 300 e os 6.000 euros.

Neste contexto, a Consellería informou reiteradamente aos propietarios que, tal e como figura na dita norma autonómica, é a súa obriga abrir o pazo ao público 4 días ao mes e xestionar, así mesmo, o seu mantemento. Para o suposto de que se detectara algunha anomalía, como ocorreu neste caso, o departamento cultural da Xunta de Galicia debía actuar –como así o fixo– dentro do seu marco competencial co fin último de velar porque sempre se cumpra a lei.

De feito, no día de onte abríronse novas dilixencias informativas ante o anuncio da Fundación Francisco Franco de cancelar as visitas ao ben. A Xunta, por tanto, actúa ante calquera posible incumprimento da Lei do Patrimonio Cultural e así o seguirá facendo.

Data de actualización: 09/09/2017