Fernando Benzo e Román Rodríguez visitan a Colexiata de Santa María do Sar

Representantes do Goberno central, da Xunta de Galicia e da Arquidiócese de Santiago participaron hoxe nunha visita ao Ben de Interese Cultural máis antigo de Galicia, a Colexiata do Sar

Román Rodríguez afirmou que se están a avaliar todas as posibilidades para que “o mellor exemplo da arte románica en Compostela estea a punto para a celebración do vindeiro Ano Xacobeo”

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2017
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o secretario de estado de Cultura, Fernando Benzo Sáinz, percorreron esta mañá as dependencias da Colexiata de Santa María do Sar. Na visita, Román Rodríguez lembrou que se trata do Ben de Interese Cultural máis antigo de Galicia, declarado por Alfonso XIII o 14 de agosto de 1895, e explicou que estanse avaliando todas as posibilidades para que “o mellor exemplo da arte románica en Compostela estea a punto para a celebración do vindeiro Ano Xacobeo”.

Canda o secretario de estado e do conselleiro participaron na visita o director general de Bellas Artes y Patrimonio Cultural, Luis Lafuente Batanero; o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva Álvarez; o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo; o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Jesús Oitavén; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Ínsua; o director técnico do Museo da Catedral de Santiago, Ramón Yzquierdo Peiró; e o párroco de Sar, José Porto Buceta.

Preto de 900 anos de historia


A Colexiata de Santa María do Sar é un antigo convento de cóengos regulares de Santo Agustín construída á beira do río Sar. Foi fundado por Diego Xelmírez en 1136 como concesión aos cóengos que se retirasen baixo a regra agostiña conservando os seus privilexios na catedral. No ano 1548 secularizouse e converteuse en colexiata. Hoxe é unha parroquia dependente da Diocese de Santiago.

Tipoloxicamente, trátase dunha igrexa de planta basilical con tres naves separadas por piares que soportan a bóveda de canón. Na cabeceira da igrexa, as naves laterais finalizan con ábsidas semicirculares, mentres que na nave central usarase unha ábsida poligonal.

No século XVIII, co fin de evitar o derrubamento dos seus muros setentrionais, construíronse unha serie de arcobotantes laterais, que dotan á igrexa da súa actual imaxe característica. O claustro do mosteiro é o único que posúe a cidade en estilo románico. Data do século XII, aínda que só conserva desas datas unha das súas alas. As restantes reconstruíronse nos séculos XVII e XVIII.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2017