A Xunta aposta polo emprendemento social para xerar emprego entre a mocidade e fixar poboación no rural

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, clausurou hoxe en Santiago a xornada Oportunidades para o emprendemento social en Galicia

Toca destacou que a Economía Social é un sector en auxe en Galicia, con máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas

Puxo en valor as ferramentas da Xunta a través da Axenda 20 para o Emprego para impulsar este sector como é o Fondo de Economía Social a través do que Xesgalicia achega financiamento ao sector con préstamos desde 30.000 euros
 

Santiago, 27 de outubro de 2016
  • whatsapp whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, clausurou hoxe en Santiago a xornada Oportunidades para o emprendemento social en Galicia, na que destacou a aposta da Xunta polo sector da Economía Social, en auxe na Comunidade con máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas. Toca indicou que a Administración autonómica está a darlle un pulo a esta fórmula empresarial facendo especial fincapé entre a mocidade, as mulleres e a poboación activa no rural como vía para crear máis emprego estable e de calidade.

A secretaria xeral puxo en valor o papel que xogan as cooperativas no tecido empresarial galego, contribuíndo a mellorar a competitividade das empresas da comunidade e a impulsar o emprendemento industrial e salientou que a Xunta está traballando para contar cada vez con cooperativas de maior tamaño, máis innovadoras e que busquen abrirse a novos mercados, o que favorecerá a internacionalización do tecido industrial galego.

A responsable de Emprego salientou as ferramentas coas que conta a Xunta para impulsar este sector como é o Fondo de Economía Social (FES), co que Xesgalicia achega financiamento ás compañías a través de préstamos desde 30.000 euros para realizar novos proxectos ou impulsar o crecemento dos que xa están en marcha.

Toca lembrou que existen tamén outros apoios, a través da Axenda 20 para o Emprego, para a posta en funcionamento de proxectos entre entidades de economía social e de colaboración empresarial que aposten polo I+D+i, a comercialización ou a internacionalización; un programa de microcréditos para microempresas ao que poden acceder as cooperativas galegas; e a Rede Eusumo para que participen na identificación de proxectos que sexan viables e que consoliden emprego con base na economía social.

Con respecto a esta Rede, creada polo Goberno galego para fomentar o cooperativismo, Toca indicou que a día de hoxe esta iniciativa conta con preto de 160 entidades adheridas, como son entidades locais, asociacións de empresas, universidades ou fundacións que contan con 14 viveiros de empresa.

A través desta Rede, a Xunta pon a disposición das cooperativas os medios necesarios para apoiar o emprendemento entre os que destacan as instalacións para albergar o inicio de proxectos empresariais, ao tempo que se impulsa este modelo no ámbito local a través de accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego cooperativo.

Entre as vantaxes de pertencer á Rede Eusumo resaltan, ademais, os beneficios propios dunha colaboración en rede, compartindo esforzos e resultados con outras entidades con intereses similares, e a utilización dos diferentes centros da Rede.

A secretaria xeral lembrou tamén que o Goberno galego aprobou este ano a Lei de Economía Social de Galicia que ten entre os seus obxectivos dotar ao sector da relevancia que merece polas súas achegas á sociedade.

Por último, Toca informou sobre outros instrumentos cos que conta a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar o emprendemento en xeral como son a Rede Galega de Aceleradoras; a Lei do Emprendemento que, entre outras vantaxes, ofrece mecanismos para facer máis doada a decisión de materializar un proxecto empresarial; deducións fiscais e apoios financeiros; a Unidade Galicia Emprende co compromiso de dar unha resposta en menos de 30 días ás ideas presentadas; e a Oficina Doing Business dirixida a estudar as suxestións dos emprendedores cara a reducir as trabas burocráticas á actividade empresarial.

Toca rematou a súa intervención animando ás empresas de Economía Social a seguir traballando para acadar “unha Galicia de progreso económico, sustentable e respectuosa co medio ambiente e de benestar social”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/10/2016