O evento celebrouse tamén o pasado 21 de outubro no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar clausura as xornadas sobre a Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020 dirixidas ao persoal técnico

Abordáronse distintos aspectos relacionados coa inclusión social como poden ser a Historia Social Única Electrónica (HSUE), a protección de menores, o emprego, a vivenda, a saúde e a igualdade

Santiago, 28 de outubro de 2016
  • whatsapp whatsapp

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, clausurou na mañá de hoxe as Xornadas sobre a Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020 que serviron para avanzar na actualización e perfeccionamento dos coñecementos e ferramentas do persoal técnico de inclusión. As xornadas foron inauguradas o pasado 21 de outubro polo director xeral de Inclusión Social en funcións, Arturo Parrado.

Nestas xornadas, que se celebraron no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, abordáronse distintos aspectos relacionados coa inclusión social como poden ser a Historia Social Única Electrónica (HSUE), a protección de menores, o emprego, a vivenda, a saúde e a igualdade. Tamén se levaron a cabo dous obradoiros sobre a loita contra a violencia de xénero e a Lei de inclusión social.

Os temas foron elixidos tendo en conta as peticións realizadas polos profesionais dos equipos de inclusión sociolaboral, quen amosaron especial interese en afondar nunha serie de programas sectoriais que teñen unha grande incidencia no fomento da inclusión activa.

O persoal dos equipos de inclusión sociolaboral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar foi o principal colectivo destinatario destas xornadas que aumentaron o coñecemento e actualizaron a información sobre recursos e programas de carácter sectorial, que resultan clave para a promoción da inclusión activa, así como facilitar o intercambio de puntos de vista e experiencias dos profesionais dos equipos de inclusión sociolaboral.

EIS 2014-2020
A Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020 -impulsada e cofinanciada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo- constitúe a folla de ruta que se está a aplicar en Galicia para promover a inclusión social das persoas e grupos en situación de vulnerabilidade neste período, e dirixe os seus esforzos cara os aspectos considerados clave na abordaxe das diferentes dimensións da pobreza e a exclusión social. Estes aspectos teñen un carácter multidimensional, sendo necesario abordalos con actuacións de tipoloxía moi diversa.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/10/2016