A Xunta impulsa melloras na Casa da Cultura de Valga con achegas que suman máis de 105.000 euros

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, visitou a localidade para comprobar as actuacións feitas a prol da eficiencia enerxética desta infraestrutura

Renováronse a cuberta e as carpinterías para garantir un mellor illamento e maior confort

Nos últimos anos o Goberno galego investiu máis de un millón de euros no concello a través de diferentes liñas de apoio ás administracións locais

Valga (Pontevedra), 11 de marzo de 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello de Valga para comprobar as actuacións a prol da eficiencia enerxética realizadas na casa da cultura co apoio da Xunta. O Goberno galego destinou máis de 105.000 euros a obras para a renovación da cuberta e das carpinterías para garantir un mellor illamento e maior confort para as persoas usuarias.

A meirande parte do investimento destinouse á substitución das chapas metálicas que formaban a cobertura do tellado por paneis de aceiro de chapa pregada e acabado prelacado, coa colocación de canlóns e illamento. Esta actuación contou cunha achega de 70.000 euros do Goberno galego a través dun convenio de colaboración.

Por outra banda, o concello recibiu máis de 35.500 euros a través da Orde de infraestruturas de uso público para cambiar a carpintería existente por outra de aluminio anodizado, oscilobatentes con perfilería de rotura de ponte térmica e dobre acristalamento.

Segundo explicou Diego Calvo, as actuacións realizadas teñen como obxectivo resolver os problemas de humidades provocados polas filtracións de auga e que derivaron en perda de calor e mal funcionamento da calefacción, así como na imposibilidade de utilizar certos espazos obrigando mesmo a cancelar eventos programados. Con estas obras “evítase o deterioro deste edificio e garántese que preste un servizo cultural óptimo á cidadanía nos seus 700.000 metros cadrados, que inclúen un auditorio con cabida para máis de 100 persoas e diversas aulas polivalentes”, apuntou.

Apoio ás entidades locais

O vicepresidente primeiro en funcións enmarcou esta colaboración no compromiso do Goberno galego coas administracións locais que, no caso de Valga, supuxo un investimento superior ao millón de euros nos últimos anos a través de convenios e distintas liñas de axudas, como a Orde de infraestruturas de uso público ou o Fondo de Compensación Ambiental. O apoio dos últimos exercicios permitiu melloras en pavillóns municipais, no edificio multiúsos e na rede de abastecemento, entre outras.

A través destas liñas de axudas específicas, ao longo de 2023 distribuíronse en todo a comunidade máis de 27,2 millóns de euros para a execución de máis de 600 proxectos municipais. O vicepresidente primeiro lembrou que xa se lanzaron as novas convocatorias da Orde de infraestruturas de uso público, con 3,5 millóns de euros, do Fondo de Compensación Ambiental, con máis de 11 millóns de euros, e do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, con 5 millóns de euros. A elas sumouse este ano como novidade  a nova orde plurianual destinada a obras de mellora enerxética, cun orzamento de 5,3 millóns de euros cofinanciados con Fondos Feder para o período 2024-2025.

Data de actualización: 11/03/2024