Exposición de motivos
I
Os orzamentos requiren, para a súa completa aplicación, a adopción de diferentes medidas, unhas de carácter puramente executivo e outras de carácter normativo, que, pola súa natureza, deben adoptar rango de lei e que, como precisou o Tribunal Constitucional, non deben integrarse nas leis anuais de orzamentos xerais, senón en leis específicas. O debate doutrinal acerca da natureza das chamadas leis de acompañamento foi resolto polo Tribunal Constitucional, que configurou este tipo de normas como leis ordinarias cuxo contido está plenamente amparado pola liberdade de configuración normativa de que goza o lexislador e que permiten unha mellor e máis eficaz execución do programa do Goberno nos distintos ámbitos en que desenvolve a súa acción. Desde esta perspectiva, tendo presente a actividade que desenvolve a Comunidade Autónoma de Galicia, cuxos obxectivos se expoñen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2025, e co obxecto de contribuír a unha maior eficacia e eficiencia destes, esta lei contén un conxunto de medidas referidas a diferentes áreas de actividade que, con vocación de permanencia no tempo, contribúan á consecución de determinados obxectivos de orientación plurianual perseguidos pola Comunidade Autónoma a través da execución orzamentaria. Este é o fin dunha norma cuxo contido esencial o constitúen as medidas de natureza tributaria, aínda que se incorporan outras de carácter administrativo.
II
A estrutura desta lei divídese en dous títulos: o primeiro, dedicado ás medidas fiscais e o segundo, ás de carácter administrativo.
O título I, relativo ás medidas fiscais, está dividido en dous capítulos.
O capítulo I introduce medidas en materia de tributos cedidos.
Na liña xa iniciada no ano 2016 co obxecto de alixeirar a carga tributaria nas sucesións entre persoas parentes directas e a de 2019, que a estendera aos irmáns e irmás, modifícase a redución aplicable no imposto sobre sucesións ás persoas parentes do grupo III mediante a elevación e unificación do importe da redución para todas as persoas parentes deste grupo (irmás e irmáns, tías e tíos, sobriñas e sobriños, sogras e sogros, cuñadas e cuñados e noras e xenros), aumentándoo ata 25.000 euros, de xeito que calquera sucesión entre estas persoas parentes de ata ese importe non vai tributar polo imposto sobre sucesións, o que favorece a transmisión entre xeracións.
Recóllense seis medidas fiscais en materia de vivenda, dirixidas a incentivar a posta no mercado de vivendas e a posibilitar a promoción de 2.300 vivendas de promoción pública, en execución do compromiso do Goberno galego de duplicar o parque público de vivenda.
Así, en primeiro lugar, equipárase a adquisición de locais comerciais con destino final de uso como vivenda co propio concepto de vivenda, para os efectos da aplicación dos tipos bonificados aplicables á súa adquisición sempre que se presente, nun prazo máximo de catro anos, a comunicación previa de primeira ocupación.
En segundo lugar, introdúcense dúas medidas no imposto sobre a renda das persoas físicas coas cales se pretende estimular as persoas propietarias e/ou usufrutuarias de vivendas baleiras para que as poñan no mercado das vivendas en alugueiro. A primeira medida vai na liña de que aquelas persoas que teñan algunha vivenda baleira que, para a poñer en condicións de ser usada, precise determinadas obras poidan beneficiarse dunha dedución respecto do custo desas obras. A segunda consiste nunha medida de fomento en favor das persoas que conten cun número pequeno de vivendas e que non se decidan a poñelas en alugueiro por entenderen que non lles compensa asumir os riscos de as arrendar, para o cal se lles permitirá aplicar unha dedución o primeiro ano da posta no mercado do alugueiro.
En terceiro lugar, introdúcese unha bonificación na cota do 100 por cento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados para as operacións que realicen o Instituto Galego da Vivenda e Solo e as entidades participadas maioritariamente polo sector público autonómico, respecto aos actos e negocios que forman parte do proceso construtor das vivendas de promoción pública, como as adquisicións de solo residencial, os actos de agrupación, agregación, segregación e división, a declaración de obra nova e división horizontal, as vendas de solo público residencial, os actos relativos ás garantías pactadas en favor das ditas entidades, así como os préstamos hipotecarios que poidan solicitar. Esta modificación resulta fundamental para poder levar a cabo a promoción de vivenda de promoción pública reducindo os tributos que afectan os actos necesarios para a devandita promoción.
E, por último, en consonancia, igualmente, co compromiso do Goberno galego en materia de vivenda e co fin de incentivar a promoción e posta no mercado de vivendas en alugueiro, na modalidade de actos xurídicos documentados, amplíase o ámbito obxectivo da bonificación do 75 por cento para as operacións de adquisición, dereitos reais de garantía e rehabilitación de edificios destinados a vivendas de alugueiro.
Efectúanse tamén distintas precisións técnicas no texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, fundamentalmente coa finalidade de actualizar a súa redacción consonte a normativa vixente.
O capítulo II, relativo aos tributos propios, divídese, pola súa vez, en tres seccións.
A sección 1ª, denominada «Taxas», está integrada por só un precepto, sobre as taxas, no cal, por unha banda, se establece que os tipos das taxas de contía fixa non experimentarán ningunha actualización respecto ás contías exixibles no momento da entrada en vigor desta lei e, por outra banda, se introducen diversas modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, consistentes tanto na creación de novas taxas como na modificación ou eliminación dalgunhas vixentes.
Na sección 2ª, denominada «Imposto galego sobre as estadías turísticas na Comunidade Autónoma de Galicia», a lei prevé, como medida fiscal para impulsar o turismo sustentable, a creación do imposto sobre estadías turísticas na Comunidade Autónoma de Galicia, como tributo indirecto, instantáneo e propio da Comunidade Autónoma. O imposto gravará a especial capacidade económica das persoas físicas posta de manifesto pola súa estadía en calquera establecemento turístico situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
No sección 3ª, denominada «Recarga municipal sobre o imposto galego nas estadías turísticas na Comunidade Autónoma de Galicia», prevese que os concellos poderán establecer de forma voluntaria, en execución da súa autonomía municipal, unha recarga sobre o imposto autonómico ás estadías turísticas, cuxos ingresos estarán afectados, cando menos nun 80 por cento, a investimentos e a gastos vinculados á promoción, o impulso, a protección, o fomento e o desenvolvemento do turismo sustentable.
Pola súa banda, o título II divídese en quince capítulos.
No capítulo I, dedicado ás medidas en materia de telecomunicacións e audiovisuais de Galicia, suprímese o Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia. Este órgano, creado en 1995, ten actualmente escasa funcionalidade, debido, entre outras cousas, á súa configuración, cunha composición en canto aos seus membros hoxe superada, unido a que gran parte das materias sobre as cales se exercen as funcións asesora e consultiva ―audiovisual e, sobre todo, as telecomunicacións― foron evolucionando cara a outros sectores relacionados coa sociedade da información e as novas tecnoloxías, o que desaconsella o seu mantemento tal e como está conformado actualmente. En coherencia con esta medida e por seguridade xurídica, modifícanse e derróganse unha serie de normas xurídicas que contiñan referencias a el.
O capítulo II, dedicado á enerxía eólica, aborda unha modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Así, ademais doutras modificacións puntuais, actualízase a regulación do Plan sectorial eólico de Galicia, como instrumento de ordenación do territorio que ten por obxecto ordenar e regular a implantación territorial de todas as infraestruturas e instalacións necesarias para o aproveitamento da enerxía renovable eólica en Galicia.
O Plan sectorial pretende, entre outros aspectos, promover e impulsar o despregamento e desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia, como enerxía renovable, tendo en conta o seu papel esencial no cumprimento dos obxectivos de redución das emisións netas de gases de efecto invernadoiro e de neutralidade climática da Unión Europea.
Así mesmo, a súa finalidade é a de promover os beneficios sociais e económicos derivados do aproveitamento das enerxías renovables en Galicia, mediante a creación de novos postos de traballo sustentables, a modernización e o desenvolvemento económicos, o desenvolvemento de ecosistemas industriais e o fomento das industrias locais.
Outra das finalidades do plan é a de contribuír a reducir os custos da enerxía e a reducir a dependencia enerxética das persoas consumidoras locais e industriais das zonas situadas no ámbito de influencia dos proxectos, fomentando a constitución de comunidades de enerxías renovables e reducindo a dependencia e a pobreza enerxéticas, así como a garantir, en xeral, a dispoñibilidade dunha parte da enerxía xerada polos parques eólicos por parte das consumidoras e consumidores galegos con prezos estables a medio e longo prazo, evitando a variabilidade dos custos enerxéticos.
Dentro do contido do plan, recóllese a obriga dos e das titulares das autorizacións de cumpriren as condicións e os requisitos que foren en cada momento aplicables para reducir o impacto da implantación e o desenvolvemento das actividades no medio ambiente, de acordo coas normas de calidade ambiental exixibles.
En conexión con esta materia, introdúcese unha disposición adicional na Lei 8/2009, do 22 de decembro, que regula actuacións dirixidas á repotenciación de parques eólicos para reducir o seu impacto no territorio e no medio ambiente. Así, decláranse de interese público superior as actuacións de repotenciación de parques eólicos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia que consistan na redución do número de aeroxeradores e a súa substitución por outros máis capaces ou eficientes. As actuacións de repotenciación serán obrigatorias para todos os titulares das autorizacións existentes no momento da entrada en vigor desta disposición, de acordo co establecido na norma. As actuacións de repotenciación deberán efectuarse nunhas condicións e nuns prazos que se axustarán ao principio de proporcionalidade, e serán económica e tecnicamente viables. As actuacións de repotenciación buscarán a máxima redución posible do número de aeroxeradores en funcionamento, procurándose unha redución, como mínimo, á cuarta parte dos existentes, salvo que as condicións e os valores ambientais da localización desaconsellen a instalación de aeroxeradores do tamaño que permita alcanzar a devandita porcentaxe. A autorización do proxecto de repotenciación implicará a obriga de proceder ao desmantelamento dos aeroxeradores obsoletos nos termos que se determinen, así como á restitución ambiental dos terreos que non resulten necesarios para a explotación.
Igualmente, introdúcense na Lei 8/2009, do 22 de decembro, unhas determinadas disposicións co obxecto de dar cumprimento ás modificacións efectuadas na Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables. Estas disposicións refírense, en primeiro lugar, á elaboración dunha base de datos cartográfica relativa ao despregamento da enerxía renovable eólica, a fin de determinar o potencial doméstico e as zonas terrestres dispoñibles para a instalación de parques eólicos e as súas infraestruturas de evacuación e de rede. Así mesmo, regúlanse as zonas de aceleración renovable eólica, instrumentos específicos de planificación, para a designación de zonas terrestres nas que non se prevexa que o despregamento da enerxía eólica vaia ter un impacto ambiental significativo. A súa designación requirirá a tramitación dunha avaliación ambiental estratéxica. Tamén se prevé que será de aplicación o establecido na Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, en canto ao procedemento de concesión de autorizacións en zonas de aceleración renovable eólica.
Por outro lado, regúlase a opción voluntaria para os promotores de solicitaren unha nova tramitación de parques eólicos e de infraestruturas de evacuación que posibilita a súa adaptación ao establecido na Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
Por último, introdúcese un réxime transitorio aplicable mentres non entre en vigor o novo Plan sectorial eólico de Galicia, coa finalidade de ordenar e regular a implantación territorial dos parques eólicos, de forma compatible coas finalidades da planificación eólica recollidas na lei e, en particular, co obxecto de aplicar medidas provisionais que permitan a fixación de beneficios sociais e económicos no territorio, convertendo o despregamento da enerxía eólica nunha ferramenta ao servizo da cohesión territorial, e de favorecer as comunidades locais, así como a actividade económica de Galicia e o tecido industrial local, fomentando a competitividade da industria galega e minimizando o impacto sobre o medio ambiente e a paisaxe, achegando as instalacións de produción de enerxía aos puntos de consumo.
Tamén se introducen cambios na regulación do canon eólico establecido pola Lei 8/2009, tendo en conta as consecuencias das actuacións de repotenciación previstas nesta lei e a conformación dos parques eólicos derivada da evolución da tecnoloxía eólica, que mudou substancialmente nos anos transcorridos desde a súa entrada en vigor, cando se partía de parques compostos na súa maioría por moitas máquinas de reducida altura, fronte á configuración actual, en que o número de aeroxeradores se reduce pero estes son de máis tamaño.
Así pois, cómpre modificar a base impoñible e o tipo de gravame do canon atendendo á redución do número de aeroxeradores e, en especial, as afeccións visuais derivadas da súa altura, todo isto co obxectivo de contribuír a preservar o medio ambiente e de velar polo mantemento das necesarias actuacións de compensación e de reequilibrio ambiental e territorial a que están afectos os ingresos xerados por aquel.
Finalmente, en coherencia coas modificacións anteriores, introdúcese unha disposición adicional cuarta na Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, para fomentar a formalización de contratos de subministración de enerxía nos concursos públicos que se convoquen para a concesión de augas destinadas ao almacenamento hidráulico de enerxía ou a usos industriais para a produción de enerxía eléctrica.
No capítulo III, de mobilidade, procédese a unha modificación da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, no relativo á integración tarifaria e de información do sistema de transporte público de Galicia. Compleméntase esta regulación para amparar actuacións orientadas á implantación de sistemas baseados en conta (ABT), que achegan gran facilidade de uso ás persoas usuarias e unha flexibilidade á Administración e aos operadores de transporte á hora de establecer novas modalidades de pagamento. Habilítase así o órgano autonómico competente en materia de transportes para concretar as condicións de uso destes sistemas. Regúlase tamén un mecanismo de participación dos colectivos sociais, das empresas e das administracións, integrados todos eles no Consello Galego de Transportes.
O capítulo IV establece medidas en materia de medio ambiente.
Por unha banda, modifícase a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, fundamentalmente para introducir un coeficiente que gradúe a cota do canon da auga por perdas nas redes de abastecemento para os vindeiros anos 2025 a 2028.
A Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, creou un gravame ás perdas de auga que se produzan nas redes de abastecemento cando supoñan máis do vinte por cento da auga captada. Porén, as dificultades técnicas para identificar correctamente os puntos de perda de auga e administrativas e económicas para abordar en moitos casos os investimentos precisos, fan que a porcentaxe de perdas continúe de momento nun valor medio elevado e que os concellos máis afectados sexan os máis pequenos e con menos recursos. Para evitar incrementar os gastos que teñen estes concellos, prevese a exención do pagamento do gravame durante dous anos máis e a súa bonificación nun 50 por cento o ano seguinte, considerando que non están convenientemente compasadas as obrigas recollidas na lei e os prazos concedidos por esta para a súa implementación, tal e como se constata da experiencia da xestión do ciclo da auga por parte dos axentes interesados. Introdúcense, finalmente, dúas modificacións co obxecto de garantir a seguridade e a saúde das persoas, para o cal é esencial que as canles do dominio público hidráulico estean libres de obstáculos que, ademais de ocuparen a canle, ao seren arrastrados terminan creando tapóns que contribúen a que se poidan producir inundacións.
Igualmente, modifícase a Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, coa finalidade de reducir os efectos negativos da xeración e xestión dos residuos na saúde humana e no medio ambiente. Neste senso, poderase establecer un canon unitario de tratamento por tonelada de contía reducida de ata o 15 por cento respecto do vixente no ano anterior, co fin de favorecer a implantación de medidas orientadas a incentivar a recollida selectiva de residuos urbanos e a redución do lixo convencional, fomentando a reciclaxe de envases lixeiros e/ou biorresiduos.
Realízanse modificacións puntuais na Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. Así acontece no que atinxe o réxime de regulación aplicable nos terreos cinexéticos en que non estea aprobado o correspondente plan de ordenación ao comezo da tempada, garantindo a súa continuidade temporal en determinadas condicións. Igualmente, amplíase o período de vixencia da licenza de caza ao colectivo de persoas maiores de sesenta e cinco anos, que pasa a ser indefinido. E, finalmente, amplíase o prazo de duración dos procedementos administrativos sancionadores.
Introdúcense precisións na Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, para adaptala á recente normativa básica estatal, excluíndo os establecementos veterinarios da consideración de núcleos zoolóxicos de animais de compañía, para contribuír a garantir a homoxeneización e a seguridade xurídica na aplicación da norma, así como para simplificar o seu coñecemento por parte das persoas profesionais e da cidadanía.
Modifícase a Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, co obxecto de axilizar o procedemento de aprobación dos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos, mediante a simplificación dos trámites administrativos, substituíndo o preceptivo informe do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en determinados supostos por un envío da proposta para o seu coñecemento por parte deste órgano consultivo.
Na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, esténdese a vixencia das licenzas para persoas maiores de sesenta e cinco anos, con carácter indefinido, na mesma liña da disposición introducida respecto da caza. Proponse a gratuidade das licenzas ás persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, co obxectivo de lles facilitar o contacto coa natureza ás persoas que teñen deficiencias na realización de actividades da vida diaria, problemas nas funcións ou estruturas corporais ou limitacións nas actividades para levar a cabo os seus labores cotiáns, o cal constitúe unha medida para o fomento do carácter social da pesca deportiva no medio rural. Acórdase, igualmente, ampliar as actuacións dos propietarios de ribeira de protección, para os efectos de posibilitar cortas e retiradas de árbores que poidan favorecer o risco de inundacións. Ademais, para cumprir co principio de proporcionalidade, posibilítase, en determinadas circunstancias excepcionais, minorar as sancións previstas para as infraccións cometidas nesta materia, e redefínense as circunstancias atenuantes da responsabilidade.
Tamén se modifica a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, para dar seguridade xurídica aos operadores de todos os sectores cuxos proxectos teñen que ser sometidos a avaliación de impacto ambiental ordinaria e aclarar o prazo de vixencia do trámite de información pública e de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas previsto na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
No capítulo V, de educación e innovación, realízanse varias modificacións.
Por unha banda, introdúcense unhas medidas extraordinarias nesta materia relativas ás ratios do alumnado nas distintas etapas educativas. O Acordo do 11 de outubro de 2023, asinado entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as organizacións sindicais CC.OO., ANPE e UGT-SP Ensino, sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario docente da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, recolle un amplo abano de medidas para mellorar a calidade, a inclusión e a equidade do ensino.
Entre esas medidas salientan as relativas á redución progresiva de ratios nas distintas etapas educativas e a un cómputo diferenciado para a mellora da resposta educativa ao alumnado con necesidades educativas especiais.
Coa finalidade de dar seguridade xurídica no despregamento e na interpretación das medidas relativas á redución de ratios e de establecer un calendario que permita blindar no tempo o seu desenvolvemento, faise preciso unha determinación normativa do máximo rango.
Realízase unha modificación puntual na Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, que responde á necesidade de que a Xunta de Galicia conte cun grupo de expertos de primeiro nivel para colaborar no deseño da política de I+D+i, reforzando a gobernanza externa que exixe a Comisión Europea ás administracións públicas nesta materia, coa finalidade de que exista unha visión externa á propia entidade.
Por outra banda, modifícase a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, para establecer medidas para a promoción da excelencia de centros e unidades de I+D+i do Sistema universitario de Galicia, a través de procesos competitivos baseados en estándares internacionais, coa participación de comités científicos formados por persoal experto internacional, independente e de recoñecido prestixio. Con esta modificación preténdese non só simplificar e axilizar tales medidas, senón tamén adecualas á realidade do ámbito que regula, en constante cambio e evolución.
Ademais, modifícase o Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar, para, entre outras cuestións, acomodar a nova figura da persoa coordinadora de benestar e protección ao marco normativo do sistema educativo galego, recoller a regulación sobre o uso de móbiles e dispositivos electrónicos, delimitar os prazos temporais dos períodos de información previa nos casos de acoso ou ciberacoso escolar ou actualizar obxectivos xerais do plan de convivencia. A urxencia desta medida vén xustificada pola necesaria revisión e axuste regulatorio desta norma que dea resposta á nova realidade normativa e social.
No capítulo VI, correspondente á política social, engádese un título XI á Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que recolle unha nova regulación do procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, co obxecto de o simplificar e de axilizar a súa tramitación. Como principais novidades, destaca a posibilidade de tramitar conxuntamente nun mesmo procedemento o recoñecemento do grao de dependencia, o dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia e o recoñecemento do grao de discapacidade, cando así se pida na correspondente solicitude, atendendo á experiencia, que amosa que as situacións de dependencia adoitan levar asociado un determinado grao de discapacidade.
Refórzanse a información e o asesoramento das persoas solicitantes, prevéndose a posibilidade de que as persoas traballadoras sociais da Xunta de Galicia e das entidades locais actúen como profesionais de referencia, prestando a necesaria asistencia en relación cos trámites do procedemento e os recursos máis acaídos ás circunstancias daquelas. Tamén se reducen as cargas que ata este momento pesaban sobre a cidadanía. Así, no caso de o autorizar na solicitude, non será necesario achegar o informe de saúde en que se basea a valoración e que será obtido de oficio polo órgano competente en materia de dependencia.
A lei detalla o procedemento de valoración, o papel dos equipos técnicos de valoración e as súas funcións. Simplifícase o procedemento de revisión do grao de dependencia e do programa individual de atención e, paralelamente á regulación establecida para o seu recoñecemento, prevese a posibilidade de que, xunto coa revisión do grao de dependencia e do programa individual de atención, a persoa interesada solicite a revisión do grao de discapacidade, dando lugar á tramitación dun único procedemento que rematará cunha única resolución que se pronuncie sobre as ambas as circunstancias.
Por último, a lei prevé distintos mecanismos de coordinación, mediante comisións sectoriais específicas ou grupos de traballo no ámbito da propia Administración autonómica e a través da formalización dos correspondentes protocolos de coordinación entre o sistema público de servizos sociais e o sistema de saúde, para garantir unha efectiva atención ás persoas en situación de dependencia. Tamén se prevé expresamente a actualización dos sistemas de información que dan soporte á tramitación dos procedementos de recoñecemento da dependencia e da discapacidade e o desenvolvemento dun plan de formación coa finalidade de facilitar a adquisición das competencias e das habilidades necesarias para a xestión dos procedementos de dependencia e discapacidade.
Esta modificación implica as correlativas no Decreto 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación, por motivos de coherencia e seguridade xurídica; e no Decreto 142/2023, do 21 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.
No capítulo VII, de igualdade, modifícase a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. Así, precísanse as funcións atribuídas á unidade administrativa de igualdade dependente da consellaría con competencias en materia de emprego, en relación coa emisión de informes desde a perspectiva de xénero dos convenios colectivos que sexan obxecto de rexistro ante a autoridade laboral.
Así mesmo, respecto do Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar, mellórase a súa composición e a súa organización, ao concretar, por un lado, os perfís da representación da Administración e, por outro, ao incluír na súa composición tanto representantes do Consello Agrario Galego, que ten, entre outras, a función de impulsar a participación das mulleres do medio rural, como a representantes da Federación Galega de Confrarías, que integra, a través das confrarías, a maioría das mulleres profesionais dos ámbitos pesqueiro e marisqueiro.
No capítulo VIII, en materia de economía e industria, introdúcense medidas temporais e excepcionais, en liña coas actuacións dirixidas a incrementar as facilidades para a creación de solo empresarial, para habilitar a posibilidade de declarar e aprobar proxectos de interese autonómico de creación de solo empresarial en concellos de menos de 20.000 habitantes. Estas medidas teñen carácter de temporais e extraordinarias, e serán aplicables a aqueles proxectos cuxa tramitación sexa iniciada ata o 31 de decembro de 2029.
Por outra banda, inclúense outras medidas relativas a diversas disposicións. Así, modifícase a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, coa finalidade, por unha banda, de dar un pulo ao Consello da Minaría de Galicia e, por outra banda, de impulsar a declaración de municipios mineiros. En relación co primeiro, a experiencia acumulada no funcionamento do Consello Galego de Economía e Competitividade aconsella volver contar cun órgano consultivo especializado na materia para abordar todas as cuestións que afectan o sector. Por esta razón, efectúanse as correspondentes modificacións en relación co Consello Galego de Economía e Competitividade para volver activar e poñer en funcionamento o Consello da Minaría de Galicia. Estes cambios implican a modificación da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, e do Decreto 42/2015, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade.
No ámbito dos municipios mineiros, a modificación realizada concreta os requisitos e mais o procedemento dirixido a obter o recoñecemento de tal condición. Os efectos deste recoñecemento incluirán a posibilidade de que tales municipios sexan destinatarios de medidas específicas de colaboración e fomento artelladas polo sector público autonómico. Co obxecto de facilitar o seguimento desta medida créase o Rexistro de Municipios Mineiros de Galicia.
Por outra banda, tamén se introduce unha modificación relativa ás solicitudes de reclasificación de dereitos mineiros da sección A), para dar cumprimento ao Acordo do 3 de setembro de 2024 da Comisión Bilateral de Cooperación entre a Administración Xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei de Galicia 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e publicado mediante unha Resolución do 9 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.
Ademais, a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, tamén se modifica coa finalidade principal de atribuír á consellaría competente en materia de urbanismo as funcións relativas á autorización e rexistro das entidades de certificación de conformidade municipal (ECCOM), así como a competencia sancionadora. Por outra banda, equipárase o réxime e os efectos derivados da presentación dos títulos habilitantes exixidos pola Lei 9/2013, do 19 de decembro, acompañadas dun certificado de conformidade emitido por unha ECCOM, aos previstos no artigo 146 bis da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, para os actos de edificación e uso do solo e do subsolo.
Introdúcense modificacións no texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro. Estas modificacións establecen un novo procedemento que permitirá o desenvolvemento de solo empresarial de iniciativa privada dunha forma máis áxil naqueles lugares en que exista unha demanda real para a implantación de proxectos industriais estratéxicos. Nas novas áreas empresariais creadas a través do citado procedemento localizaranse instalacións de aproveitamento de enerxías renovables, de forma que unha porcentaxe da súa produción teña que dedicarse á subministración ás empresas localizadas no ámbito sobre o cal se pretende actuar, así como a outras empresas e persoas consumidoras da zona.
En consonancia coas medidas anteriores, inclúense unha serie de cambios na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.
No capítulo IX acláranse conceptos ou cuestións de procedemento na Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, postos de manifesto tras a súa aplicación, co obxecto de acadar unha maior seguridade xurídica para as persoas interesadas e as administracións implicadas. Así, concrétanse supostos de venda directa, aclárase o procedemento para a venda de bens obsoletos, perecedoiros ou deteriorados ou establécense infraccións relativas á obriga das entidades financeiras de comunicaren os saldos e depósitos abandonados, en consonancia co establecido na normativa estatal e en aplicación do previsto na propia norma autonómica.
Por outra parte, modifícase a Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia, para corrixir un erro material que afecta a numeración de determinados artigos aos que a norma se remite.
Así mesmo, en relación coas autorizacións de explotación de máquinas de xogo, inclúese unha modificación derivada da necesidade de aclarar os supostos en que se acudirá ao concurso público por existir unha cota máxima destas autorizacións, ben na lei ou ben na normativa de desenvolvemento. Finalmente, modifícase a norma co obxecto de que non se poidan instalar dúas máquinas do mesmo tipo en establecementos de restauración e de ocio e entretemento, atendendo ao carácter meramente marxinal e complementario da actividade de xogo en relación coa actividade principal desta clase de establecementos, co fin de que estes non se identifiquen cun tipo de xogo determinado. Como consecuencia desta medida, engádese unha nova disposición transitoria na devandita norma para os efectos de excluír da aplicación desta limitación as autorizacións de instalación e localización de máquinas de xogo de tipo B concedidas con anterioridade á entrada en vigor desta modificación.
O capítulo X introduce medidas en materia de vivenda e infraestruturas.
A sección relativa ás medidas extraordinarias e temporais en materia de vivenda ten por obxecto facer fronte á situación actual, caracterizada pola falta de vivenda a prezo accesible, tanto en venda como en alugueiro, e pola existencia constatada dunha forte demanda de vivenda por parte da cidadanía.
Neste escenario, as medidas propostas perseguen, fundamentalmente, facilitar a tramitación dos proxectos de interese autonómico para a planificación e proxección de actuacións de creación de solo residencial de promoción pública por parte da Xunta de Galicia, coa finalidade última de acadar unha maior axilidade na súa tramitación, simplificando o procedemento para a aprobación e modificación destes instrumentos sen menoscabar a seguridade xurídica.
Prevense, así mesmo, medidas para axilizar a construción de vivendas protexidas de promoción pública de titularidade autonómica, como a atribución aos correspondentes proxectos de construción da consideración de obras públicas de interese xeral, coas consecuencias que isto implica, ou a regulación da reserva de prazas de aparcadoiros de vehículos nas parcelas destinadas a este tipo de vivendas. Outra das finalidades desta regulación é favorecer e facilitar a utilización de edificacións xa existentes para o seu destino a vivenda, en concreto dos locais destinados a un uso terciario e das edificacións non acabadas que reúnan determinadas condicións.
Tamén se modifica a Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, para implantar os mecanismos que posibiliten a execución do xa mencionado obxectivo de duplicar o parque de vivenda pública nos vindeiros anos e de xestionar solo para a construción de 20.000 vivendas protexidas.
Co obxectivo principal de garantir que as persoas con menos ingresos poidan acceder a unha vivenda, prevese que os prezos finais de adxudicación das vivendas protexidas de promoción pública, así como os requisitos de ingresos para o seu acceso, se determinen a través dun acordo do Consello da Xunta de Galicia, o cal permitirá, ademais, a súa adaptación á situación cambiante do sector.
Búscase tamén axilizar a adxudicación destas vivendas, eliminando trámites para a inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, e recoñecendo a actividade do terceiro sector neste eido, o que posibilita a súa xestión con fins de inserción ou asistenciais, a través de entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan programas de carácter social no ámbito da vivenda, con acreditada experiencia na procura de vivenda e mediación social.
Garántese a duración permanente do seu réxime de protección, con independencia da data da súa cualificación, para que estas vivendas sirvan sempre para a finalidade para a cal se promoven, que é a de facilitar o acceso á vivenda das persoas con menos recursos, á vez que se consegue unha maior eficiencia na xestión dos recursos públicos. Con este mesmo obxectivo, establécense procedementos áxiles para xestionar as débedas das persoas adxudicatarias de vivendas públicas en favor da Administración pública.
Posibilítase a cesión gratuíta por parte dos concellos de solo residencial con destino á construción de vivendas protexidas. Neste suposto, poderá cedérselles aos concellos, como única contraprestación e sempre que así o solicitaren, a totalidade ou parte dos locais comerciais que, de ser o caso, se constrúan na devandita promoción pública, así como adxudicarlles directamente en venda ata un 20 por cento das vivendas protexidas de promoción pública resultantes e os seus anexos, para atender os casos de especial necesidade.
Para concluír, coa finalidade de facilitar a emancipación da mocidade, prevese a posibilidade de impulsar, en colaboración coa consellaría competente en materia de xuventude, a promoción pública e a xestión de aloxamentos compartidos, destinados a satisfacer necesidades transitorias de vivenda das persoas menores de 36 anos.
Por outra banda, modifícase a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, para dotar as administracións promotoras das obras de estradas de ferramentas legais máis efectivas para axilizar a retirada ou modificación dos bens ou instalacións para a prestación de servizos de interese xeral que impidan ou entorpezan a súa execución. Para iso, establécese a antedita obriga e regúlanse as súas condicións. Ademais, tipifícase como infracción o seu incumprimento, identificando como responsable a persoa titular do servizo, e establécese que a propia retirada ou modificación dos bens ou instalacións forma parte da obriga de reparación do dano causado, sen prexuízo da sanción que se impoña. Regúlase a posibilidade de impoñer multas coercitivas no caso do incumprimento do prazo máximo para a retirada ou modificación, sen necesidade de que recaese resolución do correspondente expediente de sanción e engadindo o seu importe ao da sanción que puider impoñerse.
Por outra parte, realízase unha clasificación máis completa e coherente de todo o réxime de usos no seu contorno, para adaptar a súa redacción á clasificación establecida.
Modifícase tamén a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Por un lado, e cun carácter fundamentalmente procedemental, para introducir aclaracións e precisións que contribúan a facilitar a súa aplicación, acurtar prazos de tramitación e disipar as dúbidas que vén suscitando a súa aplicación práctica; destacando, como reforzo da simplificación e axilización de trámites, a modificación da regulación relativa ás entidades de certificación de conformidade municipal ou ás modificacións non substanciais dos instrumentos de planeamento urbanístico. E, por outro lado, preténdese posibilitar a instalación de sistemas de depuración individual, cando non se trate de novas edificacións, naquelas parcelas que non dispoñen de superficie suficiente aos bordos das parcelas e que tampouco dispoñen dos servizos de saneamento municipal, garantindo en todo caso a salubridade da poboación.
A modificación da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, afecta as normas de aplicación directa a que están suxeitas as intervencións nos edificios incluídos no ámbito territorial das categorías de bens definidos na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e os ámbitos obxecto de planeamento especial de protección, mediante a introdución de aclaracións, precisións e puntualizacións que contribúen, en última instancia, a facilitar a súa aplicación e a disipar as dúbidas suscitadas no curso da súa vixencia.
Cómpre salientar a modificación introducida para permitir que, en ausencia dunha resolución de homoxeneización ditada por solicitude dos concellos, as persoas propietarias de edificios ou as promotoras de intervencións neles poidan solicitar, sempre a través desas entidades locais, a homoxeneización específica do nivel de protección da edificación sobre a cal teñan interese.
No capítulo XI, de sanidade, introdúcense modificacións puntuais en materia do emprego público do persoal estatutario.
A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, xa permite que, por razóns de interese xeral e necesidades obxectivas, poida eximirse do requisito da nacionalidade para o acceso á condición de persoal estatutario das categorías profesionais de persoal licenciado sanitario, na que se inclúe o persoal médico. Esténdese agora esta habilitación normativa, dirixida a incrementar o número de aspirantes ao emprego público nesas categorías e a facilitar, por tanto, o seu acceso, ao persoal diplomado sanitario.
Na Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, introdúcense A Barbanza e O Salnés entre os distritos sanitarios en que os servizos prestados computarán o triplo da puntuación que se estableza nos futuros procesos selectivos e concursos de traslados, de cara a facilitar a captación de profesionais sanitarios.
Por outra banda, modifícase o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, coa finalidade de axilizar a toma de posesión do persoal estatutario, o que resulta especialmente relevante de cara á vindeira estabilización de 5.000 persoas en 105 categorías, homoxeneizando este prazo co previsto para o persoal empregado público establecido de modo xeral.
No capítulo XII, dedicado ao patrimonio cultural, realízanse modificacións puntuais na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para establecer as condicións en que determinadas actuacións poderán ser realizadas sen a necesidade dun procedemento de autorización previa en materia de protección do patrimonio cultural, por non teren incidencia sobre os valores que se protexen, o que redundará nunha maior axilidade na tramitación administrativa e nunha maior seguridade xurídica para as persoas interesadas e as administracións implicadas.
No capítulo XIII, dedicado ao medio rural, introdúcense medidas en diversos ámbitos:
Modifícase a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, co obxectivo principal de fomentar o asociacionismo entre as persoas propietarias forestais, flexibilizando a figura de agrupación forestal de xestión conxunta e habilitando un tipo de asociación máis sinxela en canto ás súas finalidades e actividades. Para isto, establécese a posibilidade de crear asociacións sen base territorial con finalidades, entre outras, de representación, comercialización, loita integrada contra pragas ou enfermidades ou apoio técnico, sen o requisito de cesión das superficies á agrupación. Habilítase a posibilidade de empregar outros instrumentos ―distintos do proxecto de ordenación― máis simples para os montes que sexan obxecto dunha xestión pública de pequena superficie. E, co mesmo obxectivo de simplificación da xestión dos montes, prevese que a Administración forestal poida asumir a redacción do instrumento cando concorran determinadas circunstancias. En consonancia, e para achegar seguridade xurídica, adáptase a redacción do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia.
Na Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, abórdase a regulación de situacións non previstas inicialmente na norma, cuxa necesidade se puxo de manifesto tras a súa entrada en vigor, orientada a manter a eficacia e a eficiencia na xestión administrativa e a satisfacción do interese público.
Modifícase a Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que establecía medidas en materia de benestar animal nos animais de produción, para concretar, entre as medidas de corrección, seguridade e control que impidan a continuidade na produción do dano en materia de coidado dos animais, a inhabilitación da persoa titular da explotación ou responsable dos animais para o exercicio da profesión, oficio ou comercio relacionado cos animais, así como para a súa tenza. A súa implementación responde á crecente preocupación polos dereitos dos animais e ás exixencias de garantir prácticas sustentables e éticas na produción agropecuaria.
En materia de calidade alimentaria, adecúanse os órganos competentes para a imposición de sancións á nova estrutura orgánica da consellaría, para o cal se realiza unha modificación puntual na Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia, e, coherentemente, no Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural.
No capítulo XIV, de mar, modifícase a Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, de cara a establecer como recursos das confrarías as cantidades recadadas na primeira venda dos excedentes procedentes das cantidades de marisco obtido durante a actividade marisqueira. Deste xeito, lexitímanse as entidades titulares dos plans de xestión marisqueira para dispoñeren destes recursos económicos para facer fronte ás súas obrigas. Esta modificación reflíctese, por motivos de coherencia, tamén no Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións. Con todo, a efectividade deste novo ingreso condiciónase a un posterior desenvolvemento, que deberá acometer a consellaría con competencias en materia de mar, para concretar os requisitos e os límites para a recadación coas debidas garantías deste recurso.
Tamén se modifica a Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, coa finalidade de que, de modo excepcional, Portos de Galicia autorice prórrogas non previstas no título concesional naquelas concesións de interese estratéxico ou relevante para a explotación portuaria e para o desenvolvemento económico, social ou turístico da comunidade concentrada na súa zona de influencia, sempre que a entidade concesionaria se comprometa a realizar un investimento adicional, unha contribución económica ou unha combinación de ambos os supostos.
No capítulo XV, relativo ao emprego público e á organización e funcionamento da Administración autonómica, modifícanse distintas normas. Por unha banda, en materia de emprego público, acométese a modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para adaptar as funcións e a titulación da escala de letrados á Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, así como das titulacións da especialidade de educador/a social. Recóllese tamén a consecuencia no chamamento das listas para o persoal interino que non superou o período de proba para o desempeño dun posto de traballo. Por último, introdúcese a garantía das retribucións para o persoal laboral fixo posterior ao Estatuto básico do empregado público que se funcionarice, coa finalidade de equiparar as súas condicións retributivas co persoal xa funcionarizado.
Abórdase a modificación puntual do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, co obxecto de axilizar, de forma inmediata, os chamamentos para a cobertura de postos vacantes e de realizar unhas actualizacións técnicas no devandito decreto en relación co persoal dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais.
Lévanse a cabo diversas modificacións no Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, coa finalidade de adaptalo á Lei de emprego público de Galicia, de introducir algunhas modificacións e aclaracións na figura da adscrición provisional e para garantir a posibilidade de contar con persoal especializado nas comisións de valoración, de cara á resolución dos vindeiros concursos ordinarios.
Pola súa parte, en materia de organización e funcionamento, modifícase a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, coa finalidade de determinar o réxime aplicable ás persoas titulares dos departamentos territoriais.
Tamén se acomete a modificación da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, coa finalidade de que esta reflicta os cambios organizativos derivados da creación da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo.
Na mesma liña, este capítulo inclúe modificacións puntuais e organizativas do Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos.
A parte final da lei está composta por dez disposicións adicionais, cinco disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.
En primeiro lugar, dentro das disposicións adicionais, recóllense normas para o fomento do Polo de investigación e desenvolvemento da biotecnoloxía de Galicia, atendendo ao carácter estratéxico do sector para o desenvolvemento do sistema produtivo de Galicia e a súa transferencia de resultados de investigación e innovación nas fases temperás, así como ao seu carácter estratéxico para a mellora da saúde humana, a agricultura e a gandaría, a preservación da biodiversidade e a sustentabilidade ambiental. O Polo entenderase como o fomento e a coordinación de medios, recursos e infraestruturas que permitan desenvolver algunha ou todas as fases dos procesos de investigación e transferencia de resultados no eido da biotecnoloxía que se pretenden fomentar.
En materia de medios audiovisuais, a disposición adicional segunda establece un prazo de dous meses, a partir da entrada en vigor da lei, para comunicar á Administración as modificacións da programación levadas a cabo polos titulares dun servizo de comunicación audiovisual radiofónica, que poderán ser autorizadas logo de valorar a pluralidade radiofónica existente na localidade correspondente.
A disposición adicional terceira amplía os prazos en materia de licenzas dos servizos de comunicación audiovisual televisiva.
A disposición adicional cuarta, en materia de medio ambiente, prevé, de modo excepcional para os anos 2023 e 2024, a condonación do pagamento do canon por perdas nas redes de abastecemento establecido pola Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, con base na mesma xustificación que dá lugar á introdución na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, do coeficiente gradual para o período 2025-2028.
A disposición adicional quinta, en materia de medio ambiente, vai dirixida a aclarar como se emiten os informes de compatibilidade cos obxectivos de calidade e ambientais previstos na Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, segundo o tipo de proxectos que se queiran implantar en terreos de dominio público ou de servidume de protección marítimo-terrestre.
A disposición adicional sexta, en materia de educación e innovación, prevé a aplicación a aquelas iniciativas das entidades instrumentais do sector público autonómico que supoñan a implantación de infraestruturas ou instalacións dirixidas á investigación e á aplicación da computación e comunicacións de altas prestacións, así como, en xeral, doutros recursos facilitadores das tecnoloxías da información e da comunicación, o procedemento de declaración e de aprobación e efectos establecidos para os proxectos industriais estratéxicos do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.
A disposición adicional sétima, en materia de economía e industria, recolle diversas previsións sobre a constitución do Consello da Minaría de Galicia.
A disposición adicional oitava, en materia de emprego público, recolle medidas especiais relativas ás listas de contratación de persoal laboral ou de persoal funcionario interino durante o ano 2025.
A disposición adicional novena facilita a cobertura dos postos de persoal médico e de persoal de enfermaría ao eliminar o requisito de nacionalidade para o acceso á condición de persoal funcionario público nestas escalas. No mercado laboral actual a demanda de persoal médico e de enfermaría supera a oferta dispoñible. Para garantir a correcta atención sociosanitaria, resulta necesario ampliar o número de profesionais médicos e de enfermaría que poden acceder á función pública.
A disposición adicional décima recolle estipulacións respecto á cancelación e á devolución de garantías en promocións públicas de urbanización ou edificación.
As disposicións transitorias primeira e segunda conteñen determinacións temporais en materia de enerxía eólica.
A disposición transitoria terceira, en materia de economía e industria, establece o réxime transitorio previo á constitución do Consello da Minaría de Galicia.
A disposición transitoria cuarta recolle cuestións relativas á modificación da natureza das débedas das persoas adxudicatarias de vivendas de promoción pública de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
A disposición transitoria quinta establece aspectos respecto da reserva de prazas de aparcadoiros para vivendas.
A disposición derrogatoria única da lei prevé a derrogación das disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nela.
Por último, a disposición derradeira primeira recolle unha cláusula de salvagarda do rango regulamentario aplicable aos decretos modificados a través desta lei; a disposición derradeira segunda habilita o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento da lei, ademais doutras habilitacións específicas en relación co imposto galego sobre as estadías turísticas na Comunidade Autónoma de Galicia; e a disposición derradeira terceira establece a entrada en vigor da norma.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de medidas fiscais e administrativas.
TÍTULO I
Medidas fiscais
CAPÍTULO I
Tributos cedidos
Artigo 1. Conceptos xerais
Engádese un novo número ao artigo 3 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:
«Sete. Equiparación de local comercial a vivenda.
Para os efectos do previsto no capítulo IV do título II deste texto refundido, equipárase ao concepto de vivenda aquel local comercial adquirido para uso de vivenda, sempre que a adquisición se documente en escritura pública, na cal se fará constar expresamente a finalidade de a destinar a vivenda e sempre que, nun prazo máximo de catro anos desde a súa adquisición, se presente comunicación previa de primeira ocupación. Para os efectos de aplicar os beneficios fiscais asociados á vivenda nas operacións de locais comerciais, deberanse cumprir os requisitos regulados nos artigos correspondentes ao tipo ou dedución ou bonificación que se pretenda aplicar. No caso de que no prazo sinalado anteriormente non se presente a antedita comunicación previa de primeira ocupación, o suxeito pasivo deberá satisfacer, no prazo regulamentariamente establecido, o imposto que se deixase de ingresar como consecuencia da aplicación do correspondente beneficio fiscal e os xuros de mora».
Artigo 2. Deducións na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas
Modifícase o artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, do seguinte xeito:
Un. Modifícase o número seis do artigo 5, que queda redactado como segue:
«Seis. Dedución por suxeitos pasivos discapacitados, de idade igual ou superior a sesenta e cinco anos, que precisen axuda de terceiras persoas.
Os contribuíntes de idade igual ou superior a sesenta e cinco anos afectados por un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 % e que precisen axuda de terceiras persoas poderán deducir da cota íntegra autonómica o 10 % das cantidades satisfeitas aos terceiros, cun límite máximo de 600 euros, sempre que:
a) A base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar para efectos do IRPF non exceda de 22.000 euros en tributación individual ou de 31.000 euros en tributación conxunta.
b) Se acredite a necesidade da axuda de terceiras persoas.
c) O contribuínte non sexa usuario de residencias públicas ou concertadas da Comunidade Autónoma de Galicia».
Dous. Suprímense os números dezaseis e dezasete.
Tres. Engádense dous novos puntos coa seguinte redacción:
«Vinte e dous. Dedución por gastos derivados da adecuación dun inmoble baleiro con destino ao arrendamento como vivenda.
1. Os contribuíntes poderán deducir da cota autonómica o 15 % das cantidades satisfeitas polas obras de reparación e conservación, así como calquera outro gasto necesario para que un inmoble radicado en Galicia se atope en condicións de ser arrendado como vivenda, incluída a obtención do certificado de eficiencia enerxética e a formalización do contrato de arrendamento, no período impositivo en que se finalicen as obras. A data de finalización das obras acreditarase mediante a data da factura expedida polas obras. A aplicación da dedución non poderá dar como resultado unha cota autonómica negativa.
2. A base máxima desta dedución ascenderá a 9.000 euros por vivenda e estará constituída polas cantidades xustificadas con factura, que deberá cumprir todas as condicións establecidas no Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación aprobado polo Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro. A factura recibida polo contribuínte deberá conservarse durante o prazo de prescrición.
3. A base máxima anual desta dedución será de 3.000 euros por vivenda, tanto en tributación individual como en tributación conxunta. As cantidades satisfeitas non deducidas por exceder a base este máximo poderán deducirse co mesmo límite nos dous exercicios seguintes.
4. A dedución só resultará aplicable para os inmobles en que se constitúa o arrendamento de vivenda previsto no artigo 2 da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, e quedará suxeita ao cumprimento dos seguintes requisitos:
a) O ben inmoble deberá levar baleiro durante, polo menos, un ano anterior ao inicio das obras. Para estes efectos, entenderase que un inmoble se atopa baleiro cando non estea habitado, arrendado, en uso, nin afecto a actividades económicas.
b) O ben inmoble deberá estar arrendado nun prazo máximo de seis meses desde a data de finalización das obras.
c) O valor do ben inmoble non poderá superar os 250.000 euros. Para estes efectos, tomarase como valor do ben inmoble o valor de referencia previsto na normativa reguladora do catastro inmobiliario, na data de devindicación do imposto no período impositivo en que finalicen as obras. No caso de non existir o valor de referencia ou cando este non poida ser certificado pola Dirección Xeral do Catastro, tomarase como valor o valor de mercado.
d) A persoa arrendataria da vivenda non poderá ser o cónxuxe nin un parente, por consanguinidade ou por afinidade, ata o terceiro grao inclusive, do contribuínte.
e) O contribuínte deberá declarar o número de identificación fiscal da persoa ou persoas prestadoras dos servizos e o importe total satisfeito a cada unha delas.
f) Que o contribuínte sexa propietario dun máximo de tres vivendas, con independencia de onde estean estas radicadas, que poidan ser destinadas ao arrendamento, excluídos garaxes e rochos e sen ter en conta a súa vivenda habitual.
5. No caso de convivir no tempo a dedución regulada neste artigo para dúas ou para as tres vivendas, para os efectos do límite sinalado no número 3, elevarase ata 6.000 euros a base máxima total anual, e as cantidades satisfeitas non deducidas por exceder este importe poderanse deducir co mesmo límite nos catro exercicios seguintes.
6. Non se perderá o dereito á dedución no caso de que a duración do arrendamento sexa inferior a tres anos, sempre que a vivenda pase a estar en situación de expectativa de alugueiro e volva ser obxecto dun novo contrato de arrendamento de vivenda dentro do prazo máximo de seis meses desde a finalización do anterior contrato, e que a suma dos períodos de duración de ambos os contratos de arrendamento sexa igual ou superior a tres anos.
7. A aplicación da dedución non poderá dar como resultado unha cota autonómica negativa. Se, como consecuencia disto, o contribuínte non puider aplicar a dedución na súa totalidade, poderá deducir a cantidade non deducida nos catro exercicios seguintes ata o seu esgotamento, sempre que a vivenda continúe arrendada durante ese período cos mesmos requisitos do número 4, a excepción do recollido na alínea a).
Vinte e tres. Dedución polo arrendamento de vivendas baleiras.
1. Os contribuíntes propietarios ou usufrutuarios de vivendas baleiras poderán deducir 500 euros por vivenda da cota íntegra autonómica do primeiro período impositivo en que poñan en arrendamento a vivenda. A contía sinalada aplicarase por cada un dos bens inmobles radicados en Galicia que se destinen ao arrendamento de vivenda previsto no artigo 2 da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.
2. O importe da dedución ratearase en función da porcentaxe de participación na propiedade do inmoble.
3. A dedución só resultará aplicable para os inmobles en que se constitúa o arrendamento de vivenda previsto no artigo 2 da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, e quedará suxeita ao cumprimento dos seguintes requisitos:
a) O ben inmoble deberá levar baleiro durante, polo menos, un ano anterior á formalización do contrato de arrendamento de vivenda. Para estes efectos, entenderase que un inmoble se atopa baleiro cando non estea habitado, arrendado, en uso, nin afecto a actividades económicas.
b) Que o prezo mensual do alugueiro da vivenda, incluídos os seus anexos, non supere os 700 euros.
c) O arrendatario da vivenda non poderá ser o cónxuxe nin un parente, por consanguinidade ou por afinidade, ata o terceiro grao inclusive, do contribuínte.
d) Que o contribuínte sexa propietario ou usufrutuario dun máximo de tres vivendas, con independencia de onde estean estas radicadas, que poidan ser destinadas ao arrendamento, excluídos garaxes e rochos e sen ter en conta a súa vivenda habitual.
4. Non se perderá o dereito á dedución no caso de que o contrato de arrendamento teña unha duración inferior a tres anos, sempre que o devandito inmoble pase a estar en situación de expectativa de alugueiro e volva ser obxecto dun novo contrato de arrendamento de vivenda dentro do prazo de seis meses desde a finalización do anterior contrato, e que a suma dos períodos de duración de ambos os contratos de arrendamento sexa igual ou superior a tres anos.
5. A aplicación da dedución non poderá dar como resultado unha cota autonómica negativa. Se, como consecuencia disto, o contribuínte non puider aplicar a dedución na súa totalidade, poderá deducir a cantidade non deducida nos catro exercicios seguintes ata o seu esgotamento, sempre que a vivenda continúe arrendada durante ese período cos mesmos requisitos do número 3, a excepción do recollido na alínea a)».
Artigo 3. Reducións de carácter subxectivo
Modifícase o artigo 6 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, do seguinte xeito:
Modifícase a alínea c) do número dous do artigo 6, que pasa a ter a seguinte redacción:
«c) Grupo III: adquisicións por colaterais de segundo e terceiro grao e ascendentes e descendentes por afinidade: 25.000 euros».
Artigo 4. Tarifa
Modifícase o artigo 9 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, do seguinte xeito:
Un. Intégrase o contido actual da alínea c) na alínea b), que pasa a ter a seguinte redacción:
«b) No caso dos feitos impoñibles recollidos na alínea b) do artigo 3.1 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, e sempre que os suxeitos pasivos estean incluídos nos grupos I e II do artigo 6.dous deste texto refundido e a doazón se formalice en escritura pública, aplicarase a seguinte tarifa:
| Base liquidable – Ata euros |
Cota íntegra – Euros |
Resto base liquidable – Ata euros |
Tipo aplicable – Porcentaxe |
| 0 |
0 |
200.000 |
5 |
| 200.000 |
10.000 |
400.000 |
7 |
| 600.000 |
38.000 |
En diante |
9 |
No caso de non se cumpriren os requisitos establecidos nesta alíneas, aplicarase a tarifa sinalada na alínea anterior».
Dous. O contido da alínea d) pasa a ser o contido da alínea c).
Artigo 5. Dedución para a promoción de solo residencial con destino a vivenda protexida
Engádese un número once ao artigo 16 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:
«Once. Dedución para a promoción de solo residencial con destino a vivenda protexida de promoción pública.
Terán dereito a unha dedución do 100 % na cota as adquisicións de solo residencial ou de solo para a promoción de solo residencial con destino a vivenda protexida de promoción pública realizadas polas entidades participadas maioritariamente polo sector público autonómico».
Artigo 6. Deducións e bonificacións na cota íntegra na modalidade de actos xurídicos documentados
Modifícase o artigo 17 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, do seguinte xeito:
Un. Modifícase o número un do artigo 17, que queda redactado como segue:
«Un. Bonificación aplicable ás adquisicións, declaracións de obra nova, división horizontal e dereitos reais de garantía de edificios destinados a vivendas de alugueiro.
1. Establécese unha bonificación do 75 % da cota resultante de aplicar o gravame gradual de documentos notariais nas escrituras públicas outorgadas para formalizar a adquisición, declaración de obra nova, división horizontal, así como a constitución, modificación e cancelación de dereitos reais de garantía, na promoción, construción e rehabilitación de edificios destinados a alugueiro.
2. Para o recoñecemento desta bonificación deberá consignarse no documento que a persoa promotora da edificación vai dedicarse directamente á súa explotación no réxime de arrendamento e destinar a esta actividade a totalidade das vivendas existentes nela. A bonificación entenderase concedida con carácter provisional e estará condicionada a que, dentro dos dez anos seguintes á finalización da construción, non se produza calquera das seguintes circunstancias:
a) Que exista algunha vivenda que non estivese arrendada durante un período continuado de tres anos. Non se perderá o dereito á bonificación no caso de o arrendamento finalizar antes dos tres anos, sempre que a vivenda pase a estar en situación de expectativa de alugueiro e volva ser obxecto dun novo contrato de arrendamento de vivenda dentro do prazo máximo de seis meses desde a finalización do anterior contrato, e que a suma dos períodos de duración de ambos os contratos de arrendamento sexa igual ou superior a tres anos.
b) Que se realice a transmisión dalgunha das vivendas.
c) Que algún dos contratos de arrendamento se asine por un período inferior a catro meses.
d) Que algún dos contratos de arrendamento teña por obxecto unha vivenda amoblada e a persoa arrendadora se obrigue á prestación dalgún dos servizos complementarios propios da industria hostaleira, como restaurante, limpeza, lavado de roupa ou outros análogos.
e) Que algún dos contratos de arrendamento se subscriba a favor de persoas que teñan a condición de parentes, ata o terceiro grao inclusive, coa persoa ou persoas promotoras, se estas foren empresarios/as individuais, ou cos/coas socios/as, conselleiros/as ou administradores/as, se a persoa promotora for persoa xurídica.
Non se entenderá producida a circunstancia sinalada na alínea b) cando se transmita a totalidade da construción a unha ou varias persoas adquirentes que continúen coa explotación das vivendas do edificio en réxime de arrendamento. As persoas adquirentes subrogaranse na posición da persoa transmitente para a consolidación da bonificación e para as consecuencias derivadas do seu incumprimento.
3. No caso de se producir, dentro do indicado prazo, calquera das circunstancias anteriores, deberá satisfacerse, no prazo regulamentariamente establecido, o imposto que se deixase de ingresar como consecuencia da bonificación, xunto cos xuros de mora».
Dous. Modifícase a redacción do número 5 do punto cinco do artigo 17, que pasa a ter a seguinte redacción:
«5. O incumprimento dos requisitos e das condicións establecidas leva consigo a perda do beneficio fiscal, e o contribuínte deberá ingresar a cantidade derivada do beneficio fiscal xunto cos xuros de mora. Para estes efectos, o suxeito pasivo deberá practicar a correspondente autoliquidación e presentala no prazo regulamentariamente establecido».
Tres. Engádese un número trece ao artigo 17, coa seguinte redacción:
«Trece. Dedución aplicable nas operacións de vivenda protexida de promoción pública.
Terán dereito a unha dedución do 100 % na cota as seguintes operacións, sempre que sexan realizadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou polas entidades participadas maioritariamente polo sector público autonómico:
a) As adquisicións de solo residencial ou de solo para a promoción de solo residencial con destino a vivenda protexida de promoción pública.
b) Os actos de agrupación, agregación, segregación e división que se efectúen sobre o solo residencial.
c) A declaración de obra nova ou a división horizontal de edificios de vivendas protexidas de promoción pública.
d) As vendas de solo público residencial, así como a constitución e cancelación de condicións resolutorias, dereitos de adquisición preferente ou outras garantías pactadas en favor das devanditas entidades transmitentes para garantir as obrigas de promoción e cualificación e destino das vivendas protexidas ou outras que se impoñan ao adquirente, derivadas das vendas.
e) A constitución de préstamos hipotecarios destinados a financiar a construción e adquisición de vivendas protexidas de promoción pública promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou polas entidades participadas maioritariamente polo sector público autonómico, así como para a subrogación das persoas adquirentes no préstamo promotor subscrito polas citadas entidades, sempre que os préstamos teñan tipos de xuro efectivos mellorados respecto ao mercado».
Artigo 7. Terminoloxía
Introdúcese unha disposición adicional única no texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional única. Terminoloxía
As referencias que se realizan neste texto refundido a “persoa discapacitada”, “persoas discapacitadas” e “suxeitos pasivos discapacitados” entenderanse realizadas a “persoa con discapacidade”, “persoas con discapacidade” e “suxeitos pasivos con discapacidade”».
CAPÍTULO II
Tributos propios
Sección 1ª. Taxas
Artigo 8. Taxas
1. Os tipos das taxas de contía fixa vixentes na Comunidade Autónoma non experimentarán ningunha actualización respecto das contías exixibles no momento da entrada en vigor desta lei.
Considéranse taxas de contía fixa cando non están determinadas por unha porcentaxe sobre unha base ou esta non se valora en unidades monetarias.
2. A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase a alínea c) do artigo 40.2, que queda redactada como segue:
«c) Cando na instalación e na actividade obxecto de concesión ou autorización se implante un sistema de xestión medioambiental ou de xestión da calidade na prestación dos servizos e se acredite estar en posesión dunha certificación medioambiental ou de calidade, específica da concesión ou autorización, serán aplicables as seguintes bonificacións sobre o valor resultante da taxa de ocupación de terreos e augas do porto:
A) EMAS: a bonificación será do 1,75 %.
B) ISO 14001: a bonificación será do 1,5 %.
C) Bandeira azul: a bonificación será do 1,5 %.
D) Q de calidade: a bonificación será do 1,75 %.
E) Galicia Calidade: a bonificación será do 1,5 %.
F) S de Sustentabilidade: a bonificación será do 1,25 %.
A bonificación aplicarase anualmente logo da presentación da citada certificación.
A porcentaxe máxima de bonificación acumulada que se pode aplicar por estes apartados é dun 5 %».
Dous. Modifícase a alínea e) do artigo 40.2, que queda redactada como segue:
«e) Cando a ocupación do dominio público teña por destino a construción ou a explotación de fábricas de xeo ou lonxas, coas súas correspondentes cámaras de frío e outras instalacións necesarias para a preparación e conservación previa á primeira venda, así como a explotación de naves de titularidade da Administración destinadas total ou parcialmente a almacenaxe de caixas que se empreguen directamente na primeira venda en lonxa de peixe e/ou marisco fresco, as cámaras de frío e os vestiarios para o sector pesqueiro ou marisqueiro, a contía da taxa correspondente a esta ocupación para os usos mencionados terá unha bonificación do 90 %».
Tres. Modifícase a alínea a) do artigo 42.3, que queda redactada como segue:
«a) A base sobre a que se aplica o tipo de gravame establecido actualizarase anualmente aplicando o coeficiente de actualización aprobado nese exercicio para o conxunto das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia. A actualización será efectiva desde o día 1 de xaneiro de cada ano».
Catro. Elimínase a alínea 25 do anexo 1.
Cinco. Modifícase a alínea 59 do anexo 1, que queda redactada como segue:
| «Actuacións administrativas encamiñadas a resolver as solicitudes de acreditación no Sistema acreditador de formación continuada das profesións sanitarias na Comunidade Autónoma de Galicia. Por cada actividade formativa: |
119,77» |
Seis. Modifícase a alínea 29 do anexo 2, que queda redactada como segue:
| «Concesións e usos privativos por disposición legal en materia de augas |
|
| Concesión para usos industriais para produción de enerxía eléctrica |
|
| - Uso privado |
71,78 |
| - Uso público |
119,66 |
| Concesión para extracción de agregados |
63,81 |
| Concesións para navegación e transporte acuático |
145,29 |
| Autorización previa para tramitar ou gravar a concesión de transmisión total ou parcial de concesión |
39,88 |
| Concesión de modernización, rehabilitación ou adaptación de aproveitamento hidroeléctrico sen cambios nas características concesionais |
119,66 |
| Concesión de modificación das características da concesión do aproveitamento hidroeléctrico (sen ampliacións das características técnicas) |
79,76 |
| Concesión para ampliación das características das concesións do aproveitamento hidroeléctrico |
119,66 |
| Outras autorizacións relativas á concesión |
42,29 |
| Concesións en materia de augas, incluída a inscrición no Rexistro de Augas |
281,88 |
| Modificacións de características de concesións en materia de augas, incluída a inscrición no Rexistro de Augas, cando sexa preceptiva |
276,78 |
| Transmisións de concesións en materia de augas, incluída a inscrición no Rexistro de Augas |
161,38 |
| Recoñecemento do dereito a un uso privativo e inscrición no Rexistro de Augas |
106,37 |
| Modificacións de usos privativos por disposición legal, incluída a inscrición no Rexistro de Augas, cando sexa preceptivo |
48,35 |
| Cambio de titularidade de usos privativos por disposición legal, incluída a inscrición no Rexistro de Augas |
12,72» |
Sete. Modifícase a alínea 30 do anexo 2, que queda redactada como segue:
| «Autorizacións e outras actuacións en materia de augas |
|
| Limpeza de leitos |
39,88 |
| Autorizacións de obra en zona de policía de leitos |
137,30 |
| Autorizacións de derivacións de augas de carácter temporal |
137,30 |
| De permiso de investigación de augas subterráneas |
39,88 |
| Cortas en zonas de servidume de leitos |
129,31 |
| Declaracións responsables para o exercicio da navegación |
39,88 |
| Autorizacións de verteduras |
167,52 |
| Autorización para limpezas de canles, presas e zona de auga represada dos aproveitamentos hidroeléctricos |
47,87 |
| Actuacións de comprobación e control das declaracións responsables para a realización de actuacións menores no dominio público hidráulico e na súa zona de policía, conforme o establecido na normativa de augas |
36,72 |
| Autorizacións para navegación |
47,87 |
| Prórrogas de expedientes de autorizacións resoltos en materia de augas |
20,00 |
| Cambios de titularidade de autorizacións de obras en zona de policía de leitos |
20,00» |
Oito. Modifícase a subalínea 01 da alínea 32 do anexo 2, que queda redactada como segue:
| «Deslindamentos e apeos. O importe da taxa non recolle o depósito a que fai referencia o artigo 242.1 do Regulamento do dominio público hidráulico |
293,65» |
Nove. Modifícase a alínea 34 do anexo 2, que queda redactada como segue:
| «Imposición de servidumes en materia de augas |
145,29» |
Dez. Modifícase a subalínea 05 da alínea 36 do anexo 3, que queda redactada como segue:
| «Permuta de puntos de fondeo e cambios de localización de establecementos produtivos e experimentais» |
Once. Elimínase a alínea 43 do anexo 3.
Doce. Engádese a subalínea 06 da alínea 57 do anexo 3, que queda redactada como segue:
| «Taxa por modificación non substancial da autorización ambiental integrada (AAI) que implique unha nova inscrición como xestor de residuos (para actividades de almacenaxe, valorización e eliminación) no Rexistro xeral de produtores e xestores de residuos de Galicia |
749,86» |
Trece. Elimínase a alínea 64 do anexo 3.
Catorce. Modifícase a alínea 68 do anexo 3, que queda redactada como segue:
| «Obras hidráulicas de regulación xestionadas pola Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia, por metro cúbico de auga captado |
0,023» |
Quince. Modifícase a alínea 82 do anexo 3, que queda redactada como segue:
| «Actuacións de inspección ambiental de Galicia: |
|
| Realización de inspeccións ambientais de seguimento realizadas polo persoal inspector ambiental a instalacións IPPC recollidas na epígrafe 9.3 do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016 (granxas IPPC) |
361,88 |
| Realización de inspeccións ambientais de seguimento realizadas polo persoal inspector ambiental a instalacións IPPC distintas das recollidas na epígrafe 9.3 do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016 (instalacións industriais IPPC) |
555,62 |
| Realización de inspeccións ambientais de seguimento realizadas polo persoal inspector ambiental a instalacións non afectadas polo Real decreto lexislativo 1/2016 (instalacións non IPPC) |
361,88» |
Dezaseis. Engádese a alínea 83 no anexo 3, que queda redactada como segue:
| «Actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera (APCA) |
|
| Expedición, modificación substancial ou renovación da autorización de focos emisores á atmosfera de instalacións industriais con actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera (grupos A e B) |
438,18 |
| Baixa, modificación no substancial ou transmisión de titularidade de instalacións industriais con actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera con autorización (grupos A e B) |
61,21 |
| Instalacións con actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera (APCA) |
10,42» |
Dezasete. Modifícase a regra oitava da tarifa X-1 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«Oitava. Pola estadía e uso prolongado das augas portuarias, aplicaranse as seguintes contías:
a) Buque en construción: o 50 % da contía da tarifa.
b) Buque en reparación: o 50 % da contía da tarifa.
c) Buque pesqueiro: o 25 % da contía da tarifa.
d) Buque para desmantelamento: o 75 % da tarifa o primeiro ano.
e) Buque en depósito xudicial:
– A partir do sexto mes, o 50 % da contía da tarifa.
– A partir do duodécimo mes, o 25 % da contía da tarifa.
f) Buque de menos de 5 GT que se dedique aos servizos de portos, radas e bacías ou sexan auxiliares de pesca ou de explotacións de acuicultura: o 50 % da contía da tarifa.
Esta contía será aplicable para estadías superiores a seis meses, e as embarcacións auxiliares de pesca ou acuicultura, ademais, deberán estar inscritas no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia.
Non se aplicará ás embarcacións incluídas nun convenio descrito na regra décima nin ás embarcacións indicadas na regra novena.
As contías b) e c) ou d) e, por outro lado, as contías c) ou f) e d) son acumulables entre elas.
Para que esta tarifa lle sexa aplicada a un buque será condición indispensable que previamente á atracada conte coa correspondente autorización de Portos de Galicia».
Dezaoito. Modifícase a regra décimo cuarta da tarifa X-2 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«Décimo cuarta. Pola estadía e uso prolongado das instalacións de atracada portuarias e polas instalacións flotantes, aplicaranse as seguintes contías:
a) Buque en construción: o 50 % da contía da tarifa.
b) Buque en reparación: o 50 % da contía da tarifa.
c) Buque pesqueiro: o 25 % da contía da tarifa.
d) Buque para desmantelamento: o 75 % da tarifa o primeiro ano.
e) Buque en depósito xudicial:
– A partir do sexto mes, o 50 % da contía da tarifa.
– A partir do duodécimo mes, o 25 % da contía da tarifa.
As contías b) e c) e, por outro lado, as contías c) e d) son acumulables entre elas.
Para que esta tarifa lle sexa aplicada a un buque será condición indispensable que previamente se formule a correspondente declaración perante a dirección do porto e que esta dea a súa conformidade.
f) Buque de menos de 5 GT que se dedique aos servizos de portos, radas e bacías ou sexan auxiliares de pesca ou de explotacións de acuicultura: o 25 % da contía da tarifa.
Esta contía será aplicable para estadías superiores a seis meses, e as embarcacións auxiliares de pesca ou acuicultura, ademais, deberán estar inscritas no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia.
As contías b) e c) ou d) e, por outro lado, as contías c) ou f) e d) son acumulables entre elas.
Para que esta tarifa lle sexa aplicada a un buque será condición indispensable que previamente á atracada conte coa correspondente autorización de Portos de Galicia.
Non será aplicable ás embarcacións incluídas nun convenio descrito na regra décimo quinta, nin ás embarcacións indicadas na regra décimo terceira».
Dezanove. Modifícase a regra novena da tarifa X-3 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«Novena. As contías da tarifa aplicables a cada partida de mercadorías serán por tonelada métrica de peso bruto ou fracción e en función do grupo a que pertenzan, de acordo co repertorio de clasificación de mercadorías que se recolle na regra vixésimo sexta desta tarifa.
| Grupo de mercadorías |
Prezo en euros por tonelada métrica |
| Primeiro |
0,473443 |
| Segundo |
0,789071 |
| Terceiro |
1,262514 |
| Cuarto |
2,051588 |
| Quinto |
3,156287 |
As mercadorías que exclusivamente se embarquen terán unha redución do 30 % na contía base da tarifa.
As mercadorías que sexan transbordadas terán unha redución do 50 % na contía base da tarifa en cada unha das operacións.
As mercadorías xeradas no ámbito local ou de ría tales como avituallamentos ou produtos acuícolas, non sometidos ao aboamento da tarifa X-4, que se embarquen ou desembarquen terán unha redución do 40 % na contía base da tarifa.
Ás mercadorías que realicen tránsito marítimo ou terrestre non se lles aplicará ningunha variación con respecto ás contías das tarifas de embarque e desembarque.
Para partidas cun peso total inferior a unha tonelada métrica a contía será, por cada 200 quilogramos ou fracción en exceso, a quinta parte da que correspondería pagar por unha tonelada.
Para os efectos desta regra entenderanse como partida as mercadorías incluídas en cada liña dun mesmo coñecemento de embarque».
Vinte. Modifícase a regra décima da tarifa X-3 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:
«Décima. Cando a mercadoría sexa mexillón procedente de acuicultura criado en bateas ou noutro tipo de instalacións flotantes, aboará a contía da tarifa, obtida segundo o disposto na regra novena en función do grupo a que pertenza, multiplicado por un coeficiente redutor de 0,4. Esta contía aplicarase á produción real de mexillón desembarcado, ou, de ser o caso, embarcado.
No suposto doutros produtos acuícolas, as contías da tarifa obteranse segundo a regra novena da presente tarifa, considerando as devanditas mercadorías dentro do grupo que lle corresponda e a descarga real efectuada».
Vinte e un. Modifícase o número 2 da subalínea 03 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactado como segue:
«2. Bases de cálculo e liquidación da taxa.
2.1. Os elementos cuantitativos desta taxa serán o tipo, o volume de actividade e mais a utilidade obtida.
Para os efectos do cálculo da base impoñible desta taxa, enténdese por importe neto da cifra anual de negocio o concepto establecido na normativa contable vixente, onde se define como o importe das vendas dos produtos e das prestacións de servizos e outros ingresos correspondentes ás actividades ordinarias desenvoltas na concesión ou autorización, deducíndolle o importe de calquera desconto, bonificación e redución, así como os impostos que, como o imposto sobre o valor engadido, deban ser obxecto de repercusión.
No suposto de que nunha concesión ou autorización, ou en calquera outro título habilitante, se realicen diversas actividades gravadas con diferentes porcentaxes, a taxa resultante será a suma total do importe neto parcial da cifra anual de negocio de cada actividade, ou agrupación de actividades co mesmo gravame, pola súa porcentaxe e aplicado, se é o caso, aos topes que correspondan para cada unha das actividades autorizadas.
O importe neto da cifra anual de negocio será o que de xeito inequívoco figure nas contas públicas e nos modelos e declaracións fiscais oficiais. No caso de teren desagregadas actividades nun mesmo título, as contas deberán estar tamén desagregadas de forma oficial por actividade. De non estaren desagregadas por actividade as contas correspondentes, o gravame que se aplicará será o maior dos de referencia no título concesional.
No caso de que o titular da concesión, autorización ou calquera outro título habilitante estea acollido ao réxime de estimación obxectiva singular por módulos do imposto sobre a renda das persoas físicas, para a determinación do importe neto da cifra anual de negocio das actividades comerciais, industriais e de servizos considerarase que este importe será catro veces o importe do rendemento neto previo obtido da declaración do IRPF para persoas físicas declarado polo titular.
2.2. A taxa será liquidada por Portos de Galicia. Para iso, os suxeitos pasivos están obrigados a remitir a documentación necesaria para a súa liquidación.
Cando na determinación da taxa se empreguen datos de tráfico medible, o suxeito pasivo deberá presentar as declaracións que correspondan na forma, no lugar e nos prazos que determine Portos de Galicia.
Cando para a determinación da contía da taxa sexa preciso o coñecemento do importe neto da cifra anual de negocio, o suxeito pasivo deberá remitir a Portos de Galicia a documentación xustificativa oficial na que se declare este importe neto da cifra anual de negocio, desagregacións por actividade, a declaración do IRPF ou calquera outra documentación complementaria nun prazo máximo de nove meses desde o peche do seu exercicio contable.
Os suxeitos pasivos terán as mesmas obrigas documentais e formais contables que as establecidas nas normas do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto sobre sociedades e están obrigados a conservar, durante o prazo de prescrición, os xustificantes e os documentos acreditativos das operacións, das rendas e de calquera outro elemento necesario para determinar a débeda tributaria. Así mesmo, os suxeitos pasivos quedarán obrigados a levar os libros e os rexistros que regulamentariamente se establezan.
En ausencia de datos para a liquidación da taxa por falta de achega por parte do suxeito pasivo nos prazos establecidos para iso, tomarase como base de cálculo o maior dos seguintes valores multiplicado por un coeficiente de 1,1:
• O 20 % da contía líquida anual da taxa de ocupación correspondente aos valores dos terreos e das augas ocupadas.
• O valor actualizado da cifra neta anual de negocio computada no estudo económico-financeiro que figure no expediente do título habilitante, considerando o exercicio con maior volume.
• Se existen datos de exercicios previos, o importe maior dos tres últimos anos.
Non obstante, procederase a emitir liquidación complementaria no suposto de que cos datos reais do exercicio o importe da taxa resultar maior.
2.3. A contía da taxa deberá figurar necesariamente nas condicións da autorización de actividade ou, de ser o caso, da concesión ou autorización de ocupación privativa do dominio público. Non obstante, a realización de actividades sen título habilitante non exime do aboamento da taxa.
2.4. No suposto de que a taxa for exixible por adiantado, a súa contía calcularase, para o primeiro exercicio, sobre as estimacións efectuadas en relación co volume de tráfico ou de negocio e, nos exercicios sucesivos, sobre os datos reais do ano anterior.
2.5. Cando se utilicen procedementos de licitación pública, a contía da taxa virá determinada pola suma de dous compoñentes:
a) A contía vixente no momento da devindicación consonte o disposto no número 3.
b) A mellora determinada na licitación á alza polo adxudicatario do título habilitante, expresada na mesma unidade que a contía a que se refire a alínea a) anterior».
Vinte e dous. Modifícase o número 3.2A).6 da subalínea 03 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactado como segue:
«6. Restantes actividades comerciais e industriais portuarias.
a) A cota anual da taxa polo exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias non previstas nos números anteriores establecerase por unha porcentaxe en función do importe neto da cifra anual de negocios da actividade desenvolvida no porto ao amparo da autorización, de acordo coa seguinte táboa:
| Actividade desenvolvida |
Tipo aplicable |
| Fábricas de xeo, cámaras de frío, naves de reparación e almacenaxe de redes; departamentos de armadores ou exportadores; subministración de combustible a buques; recollida de refugallos; medios mecánicos vinculados ás actividades portuarias, varadoiros, talleres de reparación de embarcacións e depósito de embarcacións, estaleiros; depuradoras de molusco, cetarias, viveiros, acuicultura; xestión de amarres náutico-recreativos, naves de almacenaxe de mercadoría expedida por vía marítima, redes de fornecementos e comunicacións a instalacións portuarias, ensinanzas náuticas |
1 % |
| Naves de almacenaxe, loxística; oficinas; venda de embarcacións, efectos navais; industrias conserveiras, transformación e manipulación da pesca, subministración de combustible a automóbiles propiedade dos usuarios do porto |
1,50 % |
A anterior listaxe de actividades posúe para estes efectos un carácter indicativo e non limitativo.
O concepto de importe neto da cifra anual de negocios é o establecido no Plan xeral de contabilidade vixente para as empresas españolas, atendendo en cada caso á natureza e á forma xurídica de cada empresario.
Para aquelas concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante outorgado con anterioridade ao 12 de decembro de 2003, data de entrada en vigor desta lei, para o exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias previstas nesta regra, a cota máxima anual da taxa será de 32.193,43 euros para as actividades ás que se lles aplique o tipo do 1 % e de 64.386,86 euros para aquelas actividades ás que se lles aplique o tipo do 1,5 %.
Ás concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante indicados no parágrafo anterior que sexan actualizados ou modificados respectando o prazo inicial da orixinal e manteñan o seu destino e actividade conforme os títulos habilitantes iniciais, a taxa que se lles aplicará será de acordo co indicado no parágrafo anterior. No suposto de que a modificación do título implique unha ampliación de prazo ou de uso aplicaranse os límites indicados no parágrafo seguinte.
Para aquelas concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante outorgado con posterioridade ao 12 de decembro de 2003, data de entrada en vigor desta lei, para o exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias previstas nesta regra, a cota máxima anual da taxa será 64.386,86 euros para as actividades ás que se lles aplique o tipo do 1 % e que veñan expresamente indicadas no punto correspondente do cadro anterior, e de 96.580,28 euros para aquelas actividades ás que se lles aplique o tipo do 1,5 %.
No suposto do desenvolvemento da actividade de exportación de pesca fresca en locais vinculados directamente a unha lonxa localizada nun porto da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe da taxa será de 0,0015 euros por quilogramo de peixe declarado polo uso do local obxecto de autorización ou concesión. Tamén será aplicable á pesca fresca descargada noutro porto da Comunidade Autónoma de Galicia que entre no porto por vía terrestre, sempre e cando se acredite o aboamento da tarifa X-4 que corresponda.
Cando o título habilitante teña unha vixencia non superior a catro anos, establecerase unha contía fixa da taxa calculada con base nos datos reais do exercicio anterior ou, na súa falta, con base na estimación do importe neto da anual da cifra de negocio inserido no estudo económico-financeiro que figure no expediente. Para exercicios non completos aplicarase a parte proporcional da devandita contía fixa.
Non obstante, de o suxeito pasivo achegar a documentación xustificativa no período establecido para iso no número 2.2 desta taxa, a liquidación realizarase tomando como base a cifra neta anual de negocio real do exercicio.
b) Actividades gravadas cunha contía fixa por unidade de medida.
Para o cálculo da taxa de actividades comerciais e de servizos das seguintes actividades, establécese unha contía fixa por unidade de medida, segundo as súas características.
O cálculo da taxa será o resultado de multiplicar a contía unitaria inserida nos cadros seguintes polas unidades correspondentes:
| Tipo de servizo |
Unidade de medida |
Contía/unidade de medida subministración exclusiva portuaria (€/m2/ano) |
Contía/unidade de medida subministración mixta portuaria-non portuaria (€/m2/ano) |
Contía/unidade de medida subministración non portuaria (€/m2/ano) |
| Fornecemento de enerxía |
m2 de superficie ocupada |
2,00 |
3,00 |
4,00 |
| Outros servizos |
m2 de superficie ocupada |
0,75 |
1,50 |
2,00 |
| Captacións/verteduras |
Unidade de medida |
Contía/unidade de medida |
| Captación/vertedura de auga de mar mediante tubaxes enterradas, somerxidas ou pousadas no leito mariño. Non será aplicable cando se devindique a taxa pola totalidade da actividade desenvolta na concesión ou autorización. |
m2 de superficie ocupada |
0,75 €/ano |
| Captación de auga de mar mediante bomba móbil de aspiración desde a terra ao mar, sen ocupación exclusiva. |
€/ano |
100 €/ano |
Para captacións mediante bomba móbil que se realicen de xeito puntual ou por períodos inferiores a un ano aplicarase a parte proporcional da taxa ao período solicitado, redondeado a meses enteiros e cun mínimo dun período trimestral.
| Actividade comercial de reparación e mantemento |
Unidade de medida |
Contía/unidade de medida |
| Actividade de reparación e mantemento de embarcacións. Non será aplicable cando se devindique a taxa pola totalidade da actividade desenvolta na concesión ou autorización. |
€/ano |
600,00 |
| Actividade de reparación e mantemento eléctrico de embarcacións. Non será aplicable cando se devindique a taxa CIS pola totalidade da actividade desenvolta na concesión ou autorización. |
€/ano |
400,00 |
Para a actividade comercial de reparación e mantemento de embarcacións, as contías desta taxa aplicaranse por cada porto autorizado.
| Actividade comercial de posta á disposición de medios mecánicos (aplicarase por cada unidade) |
Unidade de medida |
Medio integrado nos procesos internos da actividade do título administrativo (*) |
Medio empregado para a prestación de servizos a terceiros (principal ou accesoriamente) (*) |
| Travel-lift, sublift, carro varadoiro e cabrestante |
€/ano |
500 |
1000 |
| Guindastre |
€/ano |
200 |
500 |
| Báscula pesaxe camións |
€/ano |
100 |
300 |
| Carretilla elevadora e outros |
€/ano |
80 |
200 |
Cando o medio mecánico se localice no espazo físico do título administrativo doutra actividade principal e o titular sexa coincidente, a contía calcularase segundo o criterio xeral indicado no número 6.a) desta taxa. Non obstante, aplicarase un mínimo que será resultado do sumatorio da contía indicada no cadro anterior por cada medio autorizado».
Vinte e tres. Modifícase o número 3.2.B.2 da subalínea 03 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactado como segue:
«2. Restantes servizos e actividades comerciais e industriais auxiliares non estritamente portuarias.
a) A cota anual da taxa polo exercicio das restantes actividades comerciais ou industriais auxiliares non estritamente portuarias establécese como o 2 % do importe neto da cifra anual de negocio da actividade desenvolvida no porto ao amparo da autorización. A cota anual máxima desta taxa para aquelas concesións, autorizacións ou calquera outro título habilítante para o exercicio dos restantes servizos e actividades comerciais e industriais auxiliares non estritamente portuarias será de 128.773,71 euros.
Cando o título habilitante teña unha vixencia non superior a catro anos, establecerase unha contía fixa da taxa calculada sobre a base dos datos reais do exercicio anterior ou, na súa falta, sobre a base da estimación do importe neto anual da cifra de negocio inserido no estudo económico-financeiro que figure no expediente. Para exercicios non completos aplicarase a parte proporcional da devandita contía fixa.
Non obstante, de o suxeito pasivo achegar a documentación xustificativa no período establecido para iso no número 2.2 desta taxa, a liquidación realizarase tomando como base a cifra neta anual de negocio real do exercicio.
b) Actividades comerciais e de servizos, gravadas cunha contía fixa por unidade de medida.
Para o cálculo da taxa de actividades comerciais e de servizos non estritamente portuarias establécese unha contía fixa por unidade de medida segundo as súas características.
O cálculo da taxa será o resultado de multiplicar a contía unitaria inserida no cadro seguinte polas unidades correspondentes:
| Actividade comercial |
Unidade de medida |
Contía/unidade de medida |
| Reserva de zonas de carga e descarga/vao para acceso rodado a parcelas limítrofes á zona de servizo |
€/ano |
200,00 |
| Outras actividades comerciais non estritamente portuarias con actividade económica |
€/ano |
100,00 |
Para actividades que se realicen de xeito puntual ou por períodos inferiores a un ano aplicarase a parte proporcional da taxa ao período solicitado, redondeado a meses enteiros e cun mínimo dun período trimestral cando a unidade de medida sexa o ano».
Vinte e catro. Suprímense os números 3, 4, 5 e 6 da subalínea 03 da alínea 99 do anexo 3.
Sección 2ª. Imposto galego sobre as estadías turísticas na
Comunidade Autónoma de Galicia
Artigo 9. Creación, natureza, obxecto e finalidade
1. Créase o imposto galego sobre as estadías turísticas como tributo propio da Comunidade Autónoma de Galicia, con natureza de imposto, de carácter real, indirecto e instantáneo, que grava a especial capacidade económica das persoas físicas posta de manifesto pola súa estadía en calquera establecemento turístico situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O imposto ten unha finalidade extrafiscal, de xeito que, co seu establecemento, se internalizarán as posibles externalidades negativas que o turismo puider causar, fundamentalmente nas zonas e/ou nas tempadas de alta concentración turística. Para estes efectos, o 80 %, como mínimo, dos ingresos obtidos por este imposto, unha vez deducidos os custos da súa aplicación, estarán afectados a investimentos e a gastos vinculados á promoción, o impulso, a protección, o fomento e o desenvolvemento do turismo sustentable. As leis de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia poderán establecer os criterios de afectación dos ingresos recadados por este imposto».
Artigo 10. Normativa aplicable
O imposto rexerase polas disposicións desta lei e polas normas regulamentarias ditadas no seu desenvolvemento e, no non previsto nelas, polo establecido nas disposicións xerais en materia tributaria.
Artigo 11. Relación con outros ingresos de dereito público vinculados á Administración turística
O imposto galego sobre as estadías turísticas é compatible con calquera outro ingreso de dereito público, en particular con aqueles ingresos previstos na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 12. Feito impoñible
1. Constituirá o feito impoñible do imposto:
a) A estadía turística realizada polos contribuíntes nos establecementos de aloxamento turístico determinados na normativa reguladora en materia de turismo, situados na Comunidade Autónoma de Galicia, e que se relacionan a seguir:
1º. Establecementos hoteleiros.
2º. Apartamentos turísticos.
3º. Vivendas turísticas.
4º. Vivendas de uso turístico.
5º. Campamentos de turismo.
6º. Establecementos de turismo rural.
7º. Albergues turísticos.
b) O fondeo ou amarre de embarcacións de cruceiro turístico cando realicen escala nun porto situado na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Entenderase por estadía o desfrute do servizo de aloxamento, por día ou fracción, con pernoita ou sen ela. Considérase que as estadías nos establecementos de aloxamento turístico a que se refire o número 1 constitúen, en todo caso, estadías turísticas, sen prexuízo dos supostos de non suxeición previstos no artigo 13.
3. Entenderase por embarcación de cruceiro turístico a embarcación que realiza transporte por mar ou por vías navegables coa única finalidade de lecer ou de recreo, complementado con outros servizos e con estadía a bordo superior a dúas noites, recollida no Regulamento (UE) nº 1177/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de novembro de 2010, sobre os dereitos dos pasaxeiros que viaxan por mar e por vías navegables e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 2006/20043. Considerarase que a embarcación queda fondeada nun porto desde o momento en que se fondea a áncora ata o momento en que se levanta a áncora do fondo e considerarase que a embarcación queda amarrada nun porto desde o momento en que se lanza o primeiro cabo durante a atracada ata o momento en que a embarcación solta a última amarra.
Artigo 13. Supostos de non-suxeición e de exención
1. Non estarán suxeitas ao imposto as estadías seguintes:
a) As que realice calquera persoa por motivos de saúde, así como as dos seus acompañantes, sempre que quede xustificada a recepción das prestacións de atención sanitaria que formen parte da carteira de servizos do sistema sanitario público de Galicia.
b) As que realice unha persoa deportista federada pola concorrencia a partidos de competición oficial, debidamente xustificada.
c) As que realice calquera persoa por causas de forza maior debidamente xustificadas.
2. Non se realizará o feito impoñible do imposto cando as embarcacións de cruceiro turístico tiveren como saída ou destino final un porto situado na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Estarán exentas as seguintes estadías:
a) As realizadas por persoas menores de idade non emancipadas.
b) As realizadas por persoas con discapacidade que acrediten un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %.
c) As estadías subvencionadas por programas sociais dunha administración pública de calquera Estado membro da Unión Europea.
d) As estadías realizadas nos albergues públicos xestionados pola Xunta de Galicia a través da S.A. do Plan Xacobeo.
e) As estadías realizadas nos albergues xuvenís.
4. Para a súa aplicación, os supostos de non-suxeición e de exención deberán ser acreditados documentalmente por calquera medio admitido en dereito.
5. O suxeito pasivo substituto do contribuínte deberá conservar durante o prazo de prescrición os medios acreditativos que lle foren achegados para a aplicación da non-suxeición ou da exención correspondente.
Artigo 14. Obrigados tributarios
1. Será suxeito pasivo contribuínte do imposto toda persoa física que realice unha estadía nos establecementos de aloxamento turístico determinados no artigo 12.1.a) ou ben aquela persoa ou entidade a cuxo nome se entregue a factura ou documento análogo pola estadía de persoas físicas neses establecementos. No suposto de embarcacións de cruceiro turístico, considerarase suxeito pasivo contribuínte a persoa cruceirista que estea en tránsito no momento da devindicación do imposto.
2. Terá a condición de suxeito pasivo substituto do contribuínte e estará obrigado ao cumprimento das obrigas materiais e formais do imposto:
a) A persoa física ou xurídica, así como a entidade que, carecendo de personalidade xurídica, constitúa unha unidade económica ou patrimonio separado, que realice a explotación do establecemento de aloxamento turístico determinado na lei.
b) O consignatario que, de acordo coa lei estatal vixente de navegación marítima, actúe en nome e representación do armador ou navieiro da embarcación de cruceiro turístico que estea en tránsito no momento da devindicación do imposto.
3. Terá o carácter de responsable solidario do ingreso das débedas tributarias correspondentes ás cotas devindicadas dos contribuíntes:
a) A persoa física ou xurídica, así como a entidade que, carecendo de personalidade xurídica, constitúa unha unidade económica ou patrimonio separado, que sexa titular do establecemento turístico, que non sexa o suxeito pasivo.
b) A persoa física ou xurídica, así como a entidade que, carecendo de personalidade xurídica, constitúa unha unidade económica ou patrimonio separado, que contrate directamente en nome do contribuínte e faga de intermediaria entre este e os establecementos de aloxamento turístico.
Artigo 15. Base impoñible
1. A base impoñible do imposto determínase polo número de días de que conste cada período de estadía do contribuínte nos establecementos de aloxamento turístico. No caso de estadías en embarcacións de cruceiro turístico, entenderase por estadía cada un dos períodos de vinte e catro horas ou fracción computados desde o fondeo ou amarre da embarcación.
2. As estadías inferiores a 24 horas considéranse estadías dun día. O número máximo de días que se computará en cada período de estadía é de cinco días.
Artigo 16. Tipo de gravame e cota tributaria
A cota tributaria vén determinada pola aplicación á base impoñible dos tipos de gravame expresados en euros/día ou fracción seguintes:
| Tipo de aloxamento turístico |
Tarifa |
||
| Establecementos hoteleiros |
Hoteis |
5 estrelas superior |
2,5 € |
| 5 estrelas |
2,5 € |
||
| 4 estrelas superior |
2,5 € |
||
| 4 estrelas |
2 € |
||
| 3 estrelas superior |
2 € |
||
| 3 estrelas |
2 € |
||
| 2 estrelas superior |
2 € |
||
| 2 estrelas |
1,5 € |
||
| 1 estrela superior |
1,5 € |
||
| 1 estrela |
1,5 € |
||
| Pensións |
1,5 € |
||
| Albergues |
1 € |
||
| Campamentos de turismo |
1 € |
||
| Establecementos de turismo rural |
1 € |
||
| Apartamentos turísticos |
1 € |
||
| Vivendas turísticas |
1 € |
||
| Vivendas de uso turístico |
2 € |
||
| Estadías en embarcacións de cruceiro turístico |
1,5 € |
||
Artigo 17. Bonificación
Establécese unha bonificación do 100 %».
Artigo 18. Devindicación
O imposto devindicarase ao comezo de cada estadía, computada por día ou fracción, nos establecementos de aloxamento turístico a que se refire o feito impoñible deste imposto. No suposto de cruceiros turísticos, o inicio da estadía acontecerá no momento en que a embarcación faga escala nalgún porto situado na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 19. Normas de aplicación
1. A consellaría competente en materia de facenda aprobará mediante orde as normas de aplicación do imposto.
2. O exercicio das funcións de aplicación e de revisión do imposto, así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria, corresponderán aos órganos ou unidades administrativas competentes da Administración tributaria da consellaría competente en materia de facenda, conforme a norma de organización da Administración tributaria.
3. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, os órganos administrativos competentes nas materias de turismo, interior, portos, sanidade e deportes auxiliarán os órganos de aplicación deste tributo e colaborarán con eles, no marco das súas respectivas competencias, para a liquidación, comprobación e investigación do tributo, mediante, entre outras actuacións, a elaboración de informes, por petición destes, a expedición de certificados oficiais dos datos necesarios para a liquidación do imposto e/ou a cesión informática dos datos sinalados.
Artigo 20. Presentación de declaracións e autoliquidacións
1. Os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte están obrigados a presentar autoliquidación do imposto por cada un dos establecementos turísticos e instalacións que exploten, determinando a débeda tributaria correspondente e ingresando o seu importe, na forma, prazos e lugar, segundo os modelos e de conformidade coas instrucións que estableza a consellaría competente en materia de facenda mediante orde.
Do mesmo modo, os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte estarán obrigados a efectuar pagamentos á conta do importe da débeda tributaria definitiva por aplicación do tipo de gravame sobre a base impoñible provisional acumulada desde o principio do período impositivo ata o final do prazo a que se refira o pagamento, autoliquidando e ingresando o seu importe na contía, condicións, forma, lugar e prazos determinados na orde da consellaría competente en materia de facenda.
Caso de explotaren máis dun establecemento, os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte poderán efectuar a autoliquidación e o pagamento das cotas devindicadas do imposto da totalidade daqueles, dun xeito agregado, mediante unha única autoliquidación.
2. A consellaría competente en materia de facenda poderá dispor que as declaracións e autoliquidacións do imposto se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben. Así mesmo, poderá exixir a obrigatoriedade da súa presentación e o seu aboamento mediante medios electrónicos.
3. As obrigas contidas no número 1 non serán efectivas mentres a bonificación aplicable ao imposto regulada no artigo 17 sexa do 100 %.
Artigo 21. Liquidacións provisionais
Os órganos da Administración tributaria poderán ditar a liquidación provisional que proceda, de conformidade co disposto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.
Artigo 22. Potestade sancionadora
1. A potestade sancionadora en materia tributaria exercerase conforme os seus principios reguladores en materia administrativa e as especialidades consideradas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, sendo de aplicación as súas disposicións xerais.
2. A clasificación das infraccións e sancións tributarias e o procedemento sancionador tributario rexeranse polo establecido na Lei 58/2003, do 17 de decembro, e nas demais disposicións que a desenvolvan e a complementen.
Artigo 23. Revisión
1. Os actos e as actuacións de aplicación deste tributo, así como os actos de imposición de sancións tributarias, serán revisables de acordo coas disposicións contidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro.
2. O coñecemento das reclamacións económico-administrativas corresponderalles con exclusividade aos órganos económico-administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da vía contencioso-administrativa.
Sección 3ª. Recarga municipal sobre o imposto galego sobre as
estadías turísticas na Comunidade Autónoma de Galicia
Artigo 24. Recarga municipal sobre o imposto galego sobre as estadías turísticas na Comunidade Autónoma de Galicia
1. Os concellos poderán establecer de forma voluntaria, en execución da súa autonomía municipal, unha recarga municipal, como ingreso propio, sobre o imposto galego sobre as estadías turísticas na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Para o establecemento da recarga deberán aprobar, con carácter previo, unha ordenanza fiscal en cuxo procedemento de elaboración se xustifiquen as razóns da exixencia da recarga e se avalíe o impacto e a eficacia da recarga para as finalidades pretendidas, ponderando as cargas administrativas que supón para os titulares da explotación dos establecementos turísticos situados no seu termo municipal. No procedemento de elaboración deberá, en particular, garantirse a consulta, a participación e a audiencia das organizacións e asociacións representativas do sector turístico sobre os problemas que se pretenden solucionar coa norma, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos dela e as posibles solucións alternativas.
3. Esta recarga seralles exixida aos mesmos suxeitos pasivos e nos mesmos casos previstos na normativa reguladora do imposto, e consistirá nunha porcentaxe de ata un máximo do 100 % sobre a cota íntegra do imposto antes de aplicar a bonificación.
4. Os ingresos da recarga estarán afectados, como mínimo nun 80 %, unha vez deducidos os custos da súa aplicación, a investimentos e a gastos vinculados á promoción, o impulso, a protección, o fomento e o desenvolvemento do turismo sustentable, na forma que se determine na ordenanza, e terán como destino as seguintes actuacións:
a) A mellora de infraestruturas, reformas urbanas e dotacións turísticas dos concellos.
b) O impulso e a promoción dun turismo máis sustentable, desestacionalizado e de calidade, implicando todos os axentes turísticos na súa consecución.
c) O impulso dunha mobilidade máis sustentable e en especial naqueles lugares onde a afluencia turística sexa maior.
d) A mellora, o reforzo ou a ampliación dos servizos que os concellos prestan aos visitantes.
e) A conservación e reparación do patrimonio cultural e natural, así como a promoción dun turismo de calidade e respectuoso co medio natural e co patrimonio.
f) A aplicación de medidas conducentes a combater a intrusión e a fraude no sector do aloxamento turístico, así como a aplicación de boas prácticas laborais e da loita contra a precariedade laboral no sector turístico.
g) O impulso de medidas para mellorar as zonas con maior afluencia turística.
h) O fomento de medidas que permitan mellorar a convivencia entre as persoas residentes e as persoas turistas.
i) O impulso da dixitalización do sector turístico no seu conxunto, de xeito que permita mellorar a súa competitividade.
5. As competencias de aplicación da recarga, o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria e a revisión dos actos ditados da recarga corresponderán ao concello.
6. Na ordenanza poderanse determinar diferentes tramos anuais para a aplicación da recarga, coa debida xustificación. A ordenanza regulará, de ser o caso, a obriga de autoliquidación da recarga e os prazos e a forma para efectuar a correspondente liquidación ou autoliquidación.
7. Así mesmo, a ordenanza preverá a constitución, a organización e as funcións dunha comisión municipal de asesoramento e seguimento da implementación da recarga conformada por representantes do concello, así como por representantes das empresas do sector e das asociacións de veciños. Esta comisión realizará funcións de asesoramento e de seguimento permanente da aplicación da recarga, tendo en conta indicadores como a evolución do nivel de ocupación, o número de prazas turísticas, o rendemento por cada praza ou calquera outro indicador dos sectores turísticos do municipio. A comisión aprobará cada ano un informe de avaliación de impacto da recarga en relación coas finalidades pretendidas coa súa aprobación, que deberá ser publicado na páxina de transparencia do propio concello.
8. A recarga rexerase polo disposto nesta lei, pola súa ordenanza reguladora, polo establecido na lei reguladora das facendas locais e pola normativa xeral en materia tributaria.
TÍTULO II
Medidas administrativas
CAPÍTULO I
Telecomunicacións e audiovisuais
Sección 1ª. Medidas extraordinarias en materia de telecomunicacións e
audiovisuais de Galicia
Artigo 25. Supresión do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia
Suprímese o Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.
Sección 2ª. Outras medidas en materia de telecomunicacións e
audiovisuais de Galicia
Artigo 26. Modificación da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia
Suprímese o capítulo IV da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia.
Artigo 27. Modificación da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia
Suprímese a disposición adicional cuarta da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.
Artigo 28. Modificación do Decreto 81/2005, do 14 de abril, polo que se regula o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital na Comunidade Autónoma de Galicia
Modifícase o Decreto 81/2005, do 14 de abril, polo que se regula o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:
Un. Modifícase o artigo 5, no que se suprime o inciso «que remitirá ao Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, a través da comisión correspondente, para o seu coñecemento».
Dous. Suprímese o capítulo VII, que queda sen contido.
Artigo 29. Modificación do Decreto 135/2024, do 20 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia
Suprímese a alínea a) do artigo 2.3 do Decreto 135/2024, do 20 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, que queda sen contido.
CAPÍTULO II
Enerxía eólica
Artigo 30. Modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental
Modifícase a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que queda modificada como segue:
Un. Modifícase o artigo 4, que queda redactado como segue:
«Artigo 4. Competencia
A planificación do aproveitamento da enerxía eólica en Galicia será aprobada polo Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellaría competente en materia de planificación enerxética.
Correspóndelle á consellaría competente en materia de instalacións de produción de enerxía eólica tramitar e resolver, como órgano con competencia principal, as solicitudes que se presentaren ao amparo do disposto nesta lei, sen prexuízo das competencias que poidan corresponder a outros órganos das administracións públicas».
Dous. Modifícase o artigo 6, que queda redactado como segue:
«Artigo 6. O Plan sectorial eólico de Galicia
1. O Plan sectorial eólico de Galicia é o instrumento de ordenación do territorio que ten por obxecto ordenar e regular a implantación territorial de todas as infraestruturas e instalacións necesarias para o aproveitamento da enerxía renovable eólica en Galicia e, en especial, dos parques eólicos, no marco das competencias da Comunidade Autónoma, establecendo os criterios de localización e, de ser o caso, as características que garantan a funcionalidade e a súa coherente distribución territorial, compatible coa preservación do seu patrimonio natural, de xeito que tal previsión quede enmarcada dentro dunha política global de ordenación do territorio, coa necesaria coordinación dos intereses sectoriais concorrentes e, en particular, a coordinación dos distintos títulos de intervención pública sectoriais de enerxía renovable, ambiental, territorial e urbanística.
2. As finalidades xerais do Plan sectorial serán as seguintes:
a) Promover e impulsar o despregamento e o desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia, como enerxía renovable, tendo en conta o seu papel esencial no cumprimento dos obxectivos de redución das emisións netas de gases de efecto invernadoiro e de neutralidade climática da Unión Europea.
b) Fomentar a contribución da enerxía renovable á redución da contaminación e á protección, restauración e mellora do estado do medio ambiente, detendo e revertendo a perda de biodiversidade.
c) Promover os beneficios sociais e económicos derivados do aproveitamento das enerxías renovables en Galicia, mediante a creación de novos postos de traballo sustentables, a modernización e o desenvolvemento económicos, o desenvolvemento de ecosistemas industriais e o fomento das industrias locais.
d) Contribuír á redución de custos da enerxía e á redución da dependencia enerxética dos consumidores locais e industriais das zonas situadas no ámbito de influencia dos proxectos, fomentando a constitución de comunidades de enerxías renovables e reducindo a dependencia e a pobreza enerxéticas, así como a garantir, en xeral, a dispoñibilidade dunha parte da enerxía xerada polos parques eólicos por parte dos consumidores galegos con prezos estables a medio e longo prazo, evitando a variabilidade dos custos enerxéticos.
e) Promover o desenvolvemento local e o acceso á enerxía en zonas rurais e axudar á loita contra o despoboamento e a fixar poboación no medio rural mediante o pulo da economía local.
f) Promover a aceptación pública dos proxectos de enerxías renovables mediante a participación directa e indirecta das comunidades locais nos devanditos proxectos.
g) Favorecer a cohesión territorial e social, loitando en particular contra o declive ou o estancamento da poboación das áreas rurais.
h) A redución do impacto da implantación e explotación das actividades no medio ambiente, consonte as normas de calidade medioambiental exixibles e as mellores técnicas dispoñibles en cada momento.
3. En particular, é obxecto do Plan sectorial a identificación e determinación das zonas idóneas para o aproveitamento da enerxía renovable eólica en Galicia, co fin de recoller a previsión de localización de instalacións e infraestruturas de enerxía eólica necesarias para lograr o máximo aproveitamento do potencial renovable de Galicia.
As instalacións necesarias para a produción e evacuación da electricidade xerada e as actuacións que constitúen o obxecto e ámbito do Plan sectorial decláranse de marcado carácter territorial e alcance supramunicipal.
4. O Plan sectorial terá carácter integrador e referirase, por tanto, ao conxunto de actuacións que, pola súa función ou destino, requiran dunha planificación ou ordenación conxunta. Para tal efecto, o ámbito territorial do Plan sectorial será a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
5. Atendendo á súa natureza, contido e finalidade, non será preciso o desenvolvemento do Plan sectorial mediante proxectos de interese autonómico.
6. Non poderán implantarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, a excepción das modificacións substanciais dos parques en funcionamento nos termos que se desenvolvan regulamentariamente, así como aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de planificación enerxética. Así mesmo, poderán implantarse fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia os proxectos declarados de especial interese público social e económico que cumpran co establecido no artigo 18.2 da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia».
Tres. Engádese o artigo 6 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 6 bis. Contido do Plan sectorial eólico de Galicia
1. O Plan sectorial eólico de Galicia conterá, cando menos, as seguintes determinacións:
a) Descrición do contexto e implantación territorial presentada polo sector e análise do impacto das actuacións públicas e privadas producidas no pasado e previstas para o futuro dentro do ámbito sectorial.
b) Establecemento de criterios de coordinación con outros sectores e co marco xeral da ordenación territorial establecido polas Directrices de ordenación do territorio.
c) Delimitación dos ámbitos territoriais en que poderán localizarse as infraestruturas e instalacións obxecto do plan. Para tal efecto, o Plan sectorial poderá establecer a clasificación e categorización do solo dos devanditos ámbitos delimitados, cando for condición mesma para a súa efectividade.
En particular, delimitaranse as zonas de aceleración renovable eólica.
d) Descrición das características xerais das infraestruturas, dotacións ou instalacións previstas no plan.
e) Medidas de protección do medio ambiente, o patrimonio cultural e a paisaxe, consonte a normativa vixente.
f) Determinación das prioridades de actuación e definición de estándares e normas de distribución territorial, de ser o caso.
g) Medidas para un desenvolvemento da enerxía eólica compatible co territorio e o desenvolvemento rural.
h) En especial, desenvolveranse medidas e instrumentos que permitan a fixación de beneficios sociais e económicos no territorio, convertendo o despregamento da enerxía eólica nunha ferramenta ao servizo da cohesión territorial, favorecendo as comunidades locais, o tecido industrial local, as pemes e as empresas de economía social.
i) A obriga dos titulares das autorizacións de cumpriren as condiciones e os requisitos que sexan en cada momento aplicables para reducir o impacto da implantación e o desenvolvemento das actividades no medio ambiente, consonte as normas de calidade medioambiental exixibles, así como as condicións xerais que deban cumprirse en relación co deseño, a construción, o mantemento e a explotación das actividades, de acordo coas mellores técnicas dispoñibles, entendendo por tales as máis eficaces para acadar un alto nivel de protección xeral do medio ambiente no seu conxunto, en condicións económica e tecnicamente viables, tomando en consideración os custos e os beneficios, sempre que o titular poida ter acceso a elas en condicións razoables.
j) Pautas e directrices para unha eficaz coordinación, colaboración e cooperación administrativa.
k) Supostos de modificación do Plan sectorial e normas específicas para o seu seguimento.
2. A documentación do Plan sectorial axustarase ao establecido no artigo 37 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia».
Catro. Engádese un artigo 6 ter, coa seguinte redacción:
«Artigo 6 ter. Eficacia do Plan sectorial eólico de Galicia
1. As determinacións do Plan sectorial terán, en todo caso, a eficacia que sexa congruente coa súa funcionalidade, expresando de xeito claro e inequívoco o alcance con que deberán operar.
2. O Plan sectorial poderá conter determinacións de aplicación directa, que serán inmediatamente aplicables aos terreos sobre os que incidan e que, como determinacións de ordenación territorial, prevalecerán sobre as previsións contrarias do planeamento municipal.
3. En particular, o Plan sectorial poderá precisar as condicións de edificación e os requisitos aplicables ás instalacións que constitúen o seu obxecto, que prevalecerán sobre as previstas con carácter xeral na normativa e no planeamento urbanísticos para o solo rústico».
Cinco. Engádese un artigo 6 quater, coa seguinte redacción:
«Artigo 6 quater. Avaliación ambiental e procedemento de aprobación do Plan sectorial eólico de Galicia
1. O Plan sectorial eólico de Galicia deberá someterse a avaliación ambiental estratéxica ordinaria.
2. O procedemento de aprobación do Plan sectorial eólico de Galicia realizarase consonte o previsto no artigo 54 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro.
3. Con carácter previo ao inicio da súa tramitación, o Consello da Xunta de Galicia poderá establecer criterios xerais para a elaboración do Plan sectorial eólico de Galicia».
Seis. Engádese un artigo 6 quinquies, coa seguinte redacción:
«Artigo 6 quinquies. Modificación, efectos e vixencia do Plan sectorial eólico de Galicia
A modificación, os efectos e a vixencia do Plan sectorial eólico de Galicia rexeranse polo establecido nos artigos 56 a 61 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro».
Sete. Engádese un artigo 11 bis coa seguinte redacción:
«Artigo 11 bis. Supostos de exención
Quedan exentos do canon eólico aqueles parques que teñan a consideración de experimentais e os denominados parques eólicos singulares cuxa titularidade corresponda a un concello».
Oito. Modifícase o artigo 14, que queda redactado como segue:
«Artigo 14. Base impoñible
1. Constitúe a base impoñible a suma total da altura medida en metros dos aeroxeradores existentes nun parque eólico situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para estes efectos, entenderase por altura a distancia desde a superficie do terreo en que se sitúa o aeroxerador ata a punta da pa cando esta se atopa no punto máis alto.
2. No caso dos parques eólicos que se estendan máis aló do límite territorial da comunidade autónoma, a base impoñible estará constituída pola suma total da altura medida en metros dos aeroxeradores instalados no territorio galego.
3. Para a determinación da base impoñible teranse en conta as circunstancias concorrentes na data de devindicación. No caso de que a altura dalgún ou todos os aeroxeradores variar ao longo do período impositivo, a base impoñible calcularase rateando por días o período de explotación de cada aeroxerador respecto ao total do número de días do ano natural».
Nove. Modifícase o artigo 15, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 15. Tipo de gravame e cota tributaria
1. A cota tributaria vén determinada pola aplicación á base impoñible do tipo de gravame de 75 euros por cada metro de altura de aeroxerador.
2. Durante o primeiro ano de explotación do parque eólico e durante o último ano os tipos de gravame ratearanse en función do número de días do período impositivo».
Dez. Suprímese o artigo 16, que queda sen contido.
Once. Modifícase a alínea d) do número 4 do artigo 29, que queda redactada do seguinte modo:
«d) Documentación ambiental que proceda segundo o establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa, para a avaliación do impacto ambiental do proxecto, debendo conter os elementos previstos na Lei 2/2024, do 7 de novembro. En particular, o estudo de impacto ambiental identificará os beneficios sociais e económicos que deriven da execución do proxecto e os compromisos adicionais dos promotores dirixidos a xeralos, nos ámbitos da creación de novos postos de traballo sustentables, o desenvolvemento de ecosistemas industriais e o fomento das industrias locais, a redución de custos da enerxía e a redución da dependencia enerxética dos consumidores locais e industriais das zonas situadas no ámbito de influencia dos proxectos».
Doce. Modifícase o número 1 do artigo 31, que queda redactado como segue:
«1. As solicitudes a que se refire o artigo 29 non poderán solaparse, no momento da solicitude, con ningún parque eólico, xa sexa de competencia autonómica ou estatal, en explotación, autorizado pendente de construción ou en fase de tramitación administrativa, salvo que exista un acordo entre os titulares dos parques eólicos afectados».
Trece. Modifícase o número 2 do artigo 34, que queda redactado como segue:
«2. A resolución de autorización administrativa previa e de construción expresará que a persoa promotora disporá dun prazo de tres anos, contado a partir do seu outorgamento, para solicitar a correspondente autorización de explotación, indicando que, no caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación, logo de audiencia previa do interesado, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/3013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
Este prazo quedará suspendido no caso de que exista un pronunciamento por parte dun órgano administrativo ou xudicial que suspenda a eficacia da resolución de autorización administrativa previa e de construción. Así mesmo, a Administración, contando coa petición previa do titular da autorización, suspenderá o prazo no caso de que existiren recursos xudiciais interpostos por terceiros, ata que a autorización alcance firmeza.
A Administración autonómica poderá, por solicitude da persoa promotora, outorgar a extensión do prazo para cumprir co fito de obtención da autorización administrativa de explotación definitiva, nos termos establecidos no artigo 28.2 do Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro, polo que se adoptan medidas para afrontar as consecuencias económicas e sociais derivadas dos conflitos en Ucraína e Oriente Próximo, así como para paliar os efectos da seca. Nestes casos, o prazo para obter a autorización de explotación será o que se determine na resolución de extensión do prazo, ditada de conformidade co establecido na normativa estatal, sen que, polo tanto, poida outorgarse a autorización administrativa de explotación con anterioridade ao inicio do semestre comprometido na solicitude».
Catorce. Modifícanse os números 1, 2 e 3 do artigo 40, que quedan redactados como segue:
«1. Conforme o establecido no artigo 35.1.m) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, os proxectos de parques eólicos e das súas infraestruturas de evacuación poderán implantarse en calquera categoría de solo rústico, ao non implicar a urbanización ou transformación urbanística dos terreos, sen que sexa necesaria a aprobación dun proxecto de interese autonómico regulado pola lexislación de ordenación do territorio.
2. Outorgada a autorización administrativa previa e de construción, tramitarase o título habilitante municipal de natureza urbanística que corresponda. No caso de que o solo sexa rústico de especial protección, será necesario obter a autorización ou o informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente con carácter previo á tramitación do título habilitante municipal. Para estes efectos, non será necesaria a emisión dunha nova autorización ou informe no caso de que a competencia sectorial corresponda a un órgano autonómico e este se pronunciase favorablemente no trámite previsto no artigo 33.12.
3. As instalacións de produción de electricidade, aeroxeradores, instalacións de control e obra civil necesaria do parque, así como as súas infraestruturas e liñas de evacuación, deberán axustarse ao proxecto aprobado, sen que lles sexan aplicables as condicións que recolle o artigo 39 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro. As casetas onde se instalen elementos de control non poderán estar situadas a unha distancia inferior a 5 metros dos lindes da parcela. No caso de que o proxecto inclúa obras que deban cualificarse de edificación de acordo coa lexislación reguladora da ordenación da edificación, serán aplicables a elas as condicións que recolle o artigo antes citado para os edificios».
Quince. Engádese un artigo 41 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 41 bis. Cumprimento da normativa aplicable e cláusula de progreso das autorizacións
1. Os titulares das autorizacións estarán obrigados a desenvolver todas aquelas actividades necesarias para producir enerxía eléctrica nos termos previstos na súa autorización e, en especial, no que se refire á seguridade, á dispoñibilidade e ao mantemento da potencia instalada e ao cumprimento das condicións medioambientais exixibles, consonte o establecido na normativa básica estatal.
2. En particular, os titulares das autorizacións estarán obrigados a cumprir as condicións e os requisitos que sexan en cada momento aplicables para reducir o impacto da implantación e explotación das actividades no medio ambiente, consonte as normas exixibles.
3. Para os efectos indicados no número anterior, poderán establecerse nas autorizacións, consonte o que se determine, de ser o caso, no Plan sectorial eólico de Galicia, as condicións xerais que deban cumprirse en relación co deseño, a construción, o mantemento e a explotación das actividades, de acordo coas mellores técnicas dispoñibles, entendendo por tales as máis eficaces para acadar un alto nivel de protección xeral do medio ambiente no seu conxunto, en condicións económica e tecnicamente viables, tomando en consideración os custos e os beneficios, sempre que o titular poida ter acceso a elas en condicións razoables.
4. O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, con audiencia previa do interesado, consonte o establecido na normativa básica estatal».
Dezaseis. Modifícase a disposición adicional quinta, que queda redactada como segue:
«Disposición adicional quinta. Distancias a núcleos de poboación
1. Como medio para asegurar a compatibilidade do desenvolvemento eólico coa ordenación do territorio e o urbanismo, a distancia dos aeroxeradores ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa máis pa).
Estes requisitos de distancias serán aplicables ás solicitudes de autorización administrativa previa e de construción de parques eólicos cuxa implantación se proxecte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Non serán aplicables estes requisitos de distancia aos proxectos de modificacións substanciais (repotenciacións) de parques que estean en funcionamento antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, nos cales, para manter a súa potencia total en funcionamento, exista imposibilidade técnica xustificada da súa implantación.
Non serán tampouco aplicables a aqueles proxectos que perdesen os permisos de acceso e conexión como consecuencia de non teren alcanzado algún dos fitos previstos no Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, e que deban solicitar novamente as autorizacións administrativas previa e de construción, sempre que conten cunha declaración de impacto ambiental favorable en vigor na data da nova solicitude de autorización.
En todo caso, os aeroxeradores deberán situarse á máxima distancia posible, cun mínimo de 500 metros, ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado.
2. As distancias establecidas nesta disposición ás delimitacións de solo citadas no número 1 mediranse desde o centro da base do aeroxerador, sen ter en conta as pas.
3. No caso dos núcleos de poboación ou outros lugares habitados, casas illadas, establecementos industriais, granxas ou establecementos ou explotacións destinadas á gandaría extensiva e intensiva, ou outros establecementos situados fóra das clases de solos indicadas, non serán aplicables as indicadas distancias. Nestes casos, para determinar as distancias precisas deberá observarse o establecido polas normas especificamente aplicables, de ser o caso, e o resultado da avaliación ambiental. En particular, para asegurar o cumprimento dos niveis sonoros de inmisión establecidos pola normativa de ruído, os estudos de impacto ambiental recollerán análises sobre a propagación do ruído, en relación coas características dos aeroxeradores e a xeografía concreta do terreo».
Dezasete. Engádese unha disposición adicional décima, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décima. Actuacións de interese xeral dirixidas á repotenciación de parques eólicos para reducir o seu impacto no territorio e no medio ambiente
1. Atendendo ao obxectivo prioritario de reducir o impacto no territorio e no medio ambiente da implantación e explotación dos parques eólicos existentes, tendo en conta a evolución da ciencia e da técnica, decláranse de interese público superior as actuacións de repotenciación de parques eólicos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia que consistan na redución do número de aeroxeradores e a súa substitución por outros máis capaces ou eficientes, manténdose a potencia autorizada no proxecto. As actuacións de repotenciación non poderán dar lugar a un incremento da potencia autorizada no proxecto, agás que se dispoña dun permiso de acceso e conexión que permita a evacuación dunha potencia maior.
2. As actuacións de repotenciación indicadas no número anterior serán obrigatorias para todos os titulares das autorizacións existentes no momento da entrada en vigor desta disposición, consonte o establecido nos números que seguen.
3. Mentres non entre en vigor o Plan sectorial eólico de Galicia, as actuacións de repotenciación serán obrigatorias para os parques eólicos existentes de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, por razóns de redución do seu impacto no territorio e no medio ambiente, naqueles casos en que a repotenciación permita unha redución do número de aeroxeradores en funcionamento sempre que acadasen os vinte e cinco anos desde a súa posta en funcionamento. Non obstante, este prazo poderá ser superior, co límite de trinta anos, no caso de que a vida útil prevista dos aeroxeradores nos proxectos autorizados supere os vinte e cinco anos indicados, de acordo coas previsións contidas na documentación técnica ou nos estudos técnico-económicos de viabilidade presentados no procedemento de autorización orixinario.
4. Están exceptuados da obriga de repotenciación os parques eólicos que non superen o número de dez aeroxeradores e mais os parques eólicos experimentais.
5. As actuacións de repotenciación indicadas no número 3 deberán efectuarse en condicións e en prazos que se axustarán ao principio de proporcionalidade, e serán económica e tecnicamente viables. Para estes efectos tomaranse en consideración os custos e os beneficios da explotación. En particular, teranse en conta os custos asociados ao desmantelamento dos aeroxeradores, incluíndo a adaptación ambiental e a restauración dos terreos liberados, así como os custos e os ingresos asociados ao investimento realizado para a repotenciación.
Igualmente, teranse en conta as mellores técnicas dispoñibles para acadar un alto nivel de protección xeral do medio ambiente no seu conxunto, sempre que o titular do parque eólico poida ter acceso a elas en condicións razoables.
As actuacións de repotenciación buscarán a máxima redución posible do número de aeroxeradores en funcionamento, procurándose unha redución, como mínimo, á cuarta parte dos existentes. Non será necesario acadar a referida redución cando as condicións e os valores ambientais da localización desaconsellaren a instalación de aeroxeradores do tamaño que permita acadar a devandita porcentaxe.
As distancias mínimas dos aeroxeradores ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado serán as aplicables ás autorizacións xa outorgadas.
6. As persoas titulares dos parques eólicos en que se dean as condicións establecidas nesta disposición estarán obrigadas a presentar á Administración autonómica a solicitude de autorización administrativa previa e de construción derivada da repotenciación, achegando o correspondente proxecto, no prazo de dezaoito meses, contado desde a súa entrada en vigor, ou contado desde o momento en que se cumpran as condicións establecidas no número 3, no suposto de que este cumprimento se produza despois da súa entrada en vigor.
As persoas titulares dos parques eólicos indicarán na súa solicitude e proxecto as condicións e os prazos que propoñan para a execución da repotenciación, e presentarán, en particular, a documentación técnica e económica que xustifique os prazos solicitados e as fases en que se executará, procurando, na medida do posible, unha pronta execución no tempo e o mantemento da produción de enerxía eléctrica durante o seu desenvolvemento. No caso de que a solicitude do promotor indique, por razóns xustificadas de viabilidade técnica ou económica, uns prazos de inicio ou de execución das obras superiores en máis de seis meses aos previstos como mínimos para cada caso no número 9 desta disposición, a Administración autonómica solicitará informe ao Instituto Galego de Promoción Económica para os efectos da análise das razóns indicadas de viabilidade económica, conforme os criterios previstos no número 5, sen prexuízo doutros informes que se considere oportuno solicitar.
7. A Administración autonómica poderalles requirir aos titulares das autorizacións obrigados a realizar as actuacións de repotenciación que presenten a correspondente solicitude de repotenciación, acompañada do proxecto correspondente. Para estes efectos, a Administración autonómica poderá proceder á comprobación das autorizacións outorgadas nas que se poidan dar as condicións previstas nesta disposición, para o cal lles poderá requirir aos titulares das autorizacións a documentación necesaria para a verificación.
8. As solicitudes de repotenciación tramitaranse de conformidade co establecido nesta lei e logo da tramitación ambiental que proceda consonte a normativa aplicable.
A autorización ao proxecto de repotenciación implicará a obriga de proceder ao desmantelamento dos aeroxeradores obsoletos nos termos que se determinen e á restitución ambiental dos terreos que non resulten necesarios para a explotación.
A autorización modificará a poligonal de delimitación do parque eólico para acomodala á área efectivamente afectada pola instalación derivada da repotenciación.
9. A autorización administrativa previa e de construción determinará, consonte o establecido no número 5, as condicións e os prazos en que se deben efectuar as actuacións de repotenciación, especificando aquelas cuxo incumprimento pode dar lugar á revogación da autorización. A autorización non poderá establecer un prazo de inicio das obras e actuacións inferior a dezaoito meses, nin un prazo de execución delas inferior a dezaoito meses, salvo petición do promotor. A Administración, por petición previa do titular da autorización, suspenderá os prazos para a execución das actuacións de repotenciación no caso de que existiren recursos administrativos ou xudiciais interpostos por terceiros, ata que a autorización alcance firmeza.
As actuacións de repotenciación poderán desenvolverse por fases, para manter na medida do posible a produción de enerxía eléctrica durante o seu desenvolvemento.
10. O incumprimento da obriga de solicitar a repotenciación nos supostos en que sexa obrigatoria, os atrasos inxustificados por parte do titular do parque eólico ou a obstrución no procedemento de obtención da autorización, así como o incumprimento da obriga de repotenciación nas condicións e nos prazos establecidos na autorización de repotenciación, poderá dar lugar á revogación da autorización do parque eólico existente, logo de audiencia do interesado.
11. Cando entre en vigor o Plan sectorial eólico de Galicia serán aplicables as súas disposicións en canto aos supostos de obriga de repotenciación e ás condicións e prazos en que deben efectuarse estas actuacións».
Dezaoito. Engádese unha disposición adicional décimo primeira, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo primeira. Elaboración dunha base de datos cartográfica das zonas necesarias para o despregamento da enerxía renovable eólica
1. Consonte o establecido na Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, a Comunidade Autónoma de Galicia, no marco das súas competencias de ordenación do territorio, elaborará unha base de datos cartográfica relativa ao despregamento da enerxía renovable eólica no seu territorio a fin de determinar o potencial doméstico e as zonas terrestres dispoñibles para a instalación de parques eólicos e as súas infraestruturas de evacuación e de rede.
2. A base de datos cartográfica relativa ao despregamento da enerxía renovable eólica terá a natureza de instrumento técnico de diagnóstico previo, para os efectos de subministrar información de apoio para os instrumentos de ordenación do territorio e, en especial, para a elaboración do Plan sectorial eólico de Galicia e a planificación das zonas de aceleración renovable, polo que non terá a consideración de plan ou programa.
3. Para a elaboración da base de datos teranse en conta os instrumentos de ordenación territorial vixentes e, en especial, o Plan sectorial eólico de Galicia existente, ademais da información que teña á súa disposición a Administración autonómica e a procedente doutras administracións. Tamén se terán en conta os usos preexistentes nas zonas cartografadas. En todo caso, favoreceranse os usos múltiples nas zonas incluídas na cartografía, polo que a identificación destas zonas non implicará a incompatibilidade con outros usos. Os proxectos de enerxía renovable eólica serán compatibles cos usos preexistentes das devanditas zonas.
Darase publicidade por medios electrónicos á base de datos elaborada.
4. O establecido neste precepto entenderase sen prexuízo dos mecanismos de cooperación ou coordinación que establezan as autoridades competentes para os efectos da integración da base de datos na cartografía que se elabore a nivel nacional.
5. A base de datos será revisada e actualizada cando sexa necesario, tendo en conta, en particular, as actualizacións do Plan nacional de enerxía e clima».
Dezanove. Engádese unha disposición adicional décimo segunda, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo segunda. Zonas de aceleración renovable eólica
1. De conformidade co establecido na Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, a Administración autonómica poderá aprobar como instrumentos específicos de planificación, antes da aprobación do Plan sectorial eólico de Galicia, a designación de zonas de aceleración renovable eólica. Nestes instrumentos designaranse zonas terrestres suficientemente homoxéneas nas cales non se prevexa que o despregamento da enerxía eólica vaia ter un impacto ambiental significativo, tendo en conta as particularidades da zona seleccionada.
2. Para definir as zonas en que as plantas de enerxía renovable non teñen un impacto ambiental significativo, utilizaranse todas as ferramentas e conxuntos de datos adecuados e proporcionados, e teranse en conta os datos dispoñibles no contexto do desenvolvemento dunha Rede Natura 2000 coherente e suficiente no que respecta a tipos de hábitats e especies, consonte a normativa comunitaria aplicable.
3. Das zonas de aceleración renovable eólica serán excluídas, de conformidade co que estableza a normativa comunitaria vixente en cada momento, os espazos da Rede Natura 2000 e as zonas designadas consonte a normativa de protección da natureza e conservación da biodiversidade, as principais rutas de migración de aves e mamíferos, así como outras zonas definidas conforme as ferramentas mencionadas no número 2.
4. Nos instrumentos de designación das zonas de aceleración renovable eólica, atendendo ás especificidades de cada zona e ao impacto ambiental detectado, estableceranse normas adecuadas aplicables en canto ás medidas de mitigación efectivas que deben adoptarse en relación coa instalación de plantas de enerxía renovable eólica, así como os activos necesarios para a conexión das devanditas plantas á rede, a fin de evitar o impacto ambiental adverso que poida xurdir ou, se non for posible, reducilo significativamente, de ser o caso velando por que se apliquen medidas de mitigación adecuadas de forma proporcionada e oportuna para garantir o cumprimento das obrigas establecidas na normativa comunitaria e para evitar a deterioración e lograr un bo estado ecolóxico ou un bo potencial ecolóxico.
Serán aplicables, en particular, en canto a estes aspectos, os criterios establecidos na Lei de fomento dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
5. O cumprimento das normas a que se refire o número 4 e a execución das medidas de mitigación adecuadas por parte dos proxectos individuais darán lugar á presunción de que os proxectos non incumpren as disposicións tidas en conta, consonte o establecido na normativa comunitaria.
6. O procedemento de aprobación dos instrumentos de planificación nos que se designen as zonas de aceleración renovable eólica iniciarase de oficio por acordo da consellaría competente en materia de planificación enerxética, que terá a consideración de órgano substantivo.
O órgano substantivo remitirá ao órgano ambiental unha solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica ordinaria, acompañada dun borrador do instrumento de planificación e da documentación exixida pola normativa de avaliación ambiental.
A tramitación da solicitude realizarase consonte o establecido na normativa básica estatal para a avaliación ambiental estratéxica.
Unha vez formulada polo órgano ambiental a declaración ambiental estratéxica, a persoa titular da consellaría competente en materia de planificación enerxética acordará a aprobación provisional do instrumento de planificación.
O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de planificación enerxética, aprobará definitivamente o instrumento de planificación, mediante un decreto que deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia. Darase publicidade ao instrumento de planificación na sede electrónica da Administración autonómica.
7. O decreto de aprobación da designación das zonas de aceleración renovable xustificará a avaliación realizada para definir cada zona de aceleración renovable e para definir as medidas de mitigación adecuadas».
Vinte. Engádese unha disposición adicional décimo terceira, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo terceira. Áreas de infraestrutura específicas para a execución dos proxectos de rede necesarios para integrar a enerxía renovable no sistema eléctrico
1. De conformidade co establecido na Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, a Administración autonómica poderá aprobar, no marco das súas competencias, como instrumentos específicos de planificación, antes da aprobación do Plan sectorial eólico de Galicia, a designación de áreas de infraestrutura específicas para a execución dos proxectos de rede necesarios para integrar a enerxía eólica no sistema eléctrico nas que non se prevexa que a execución dos devanditos proxectos teña un impacto ambiental significativo, un impacto que poida mitigarse ou, na súa falta, compensarse debidamente. O obxectivo das citadas áreas será apoiar e complementar as zonas de aceleración renovable eólica.
2. O procedemento de aprobación será o establecido no número 6 da disposición adicional décimo segunda».
Vinte e un. Engádese unha disposición adicional décimo cuarta, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo cuarta. Procedemento de concesión de autorizacións en zonas de aceleración renovable eólica
Será aplicable o establecido na Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, en canto ao procedemento de concesión de autorizacións en zonas de aceleración renovable eólica».
Vinte e dous. Engádese unha disposición adicional décimo quinta, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo quinta. Solicitudes de nova tramitación de parques eólicos e infraestruturas de evacuación para a súa adaptación ao establecido na Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia
1. As persoas promotoras de parques eólicos que non dispoñan de autorización de explotación definitiva na vía administrativa poderán optar voluntariamente por unha nova tramitación das autorizacións administrativas previas e de construción do parque eólico, calquera que for o estado de tramitación das indicadas autorizacións e aínda que tales autorizacións estiveren xa outorgadas.
Así mesmo, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria novena bis, as persoas promotoras de infraestruturas de evacuación de parques eólicos poderán optar voluntariamente por unha nova tramitación conxunta das autorizacións administrativas previas e de construción do parque eólico e da súa infraestrutura de evacuación, calquera que for o estado de tramitación das indicadas autorizacións e aínda que as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico estiveren xa outorgadas.
2. Se, cando se solicite a nova tramitación, as autorizacións administrativas previas e de construción do parque eólico estiveren xa outorgadas, estas autorizacións manteranse en vigor ata o momento en que adquira firmeza en vía administrativa e, de ser o caso, xudicial a nova autorización.
A presentación da solicitude de nova tramitación ou de tramitación conxunta das autorizacións previas e de construción do parque eólico e da súa infraestrutura de evacuación, no caso de que as autorizacións non estiveren outorgadas, comportará a desistencia dos procedementos que se iniciasen con anterioridade en relación co mesmo proxecto, con efectos desde a data da admisión a trámite da solicitude de nova tramitación. A desistencia farase constar expresamente na solicitude de nova tramitación, con referencia aos procedementos anteriores en tramitación en relación co mesmo proxecto.
3. No caso de que se solicite a nova tramitación ou tramitación conxunta, iniciarase un novo procedemento administrativo, ao cal será aplicable a lexislación vixente no momento do seu inicio, incluída a Lei 2/2024, do 7 de novembro.
4. Aos proxectos de parques eólicos sometidos a nova tramitación consonte o previsto nesta disposición seralles aplicable o establecido nos artigos 35, 36 e 37 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, polo que se presumirá que se trata de proxectos de interese público superior que contribúen á saúde e á seguridade pública para os efectos dos artigos 3 do Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, do 22 de decembro de 2022, polo que se establece un marco para acelerar o despregamento de enerxías renovables, e 16 septies da Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables. O devandito interese público superior será ponderado de maneira concreta na tramitación do novo procedemento de outorgamento da autorización administrativa previa, de construción e de explotación do parque, e das autorizacións das súas infraestruturas de evacuación, e, en particular, no trámite de avaliación ambiental.
5. Ás solicitudes previstas neste artigo aplicaráselles unha tramitación simplificada, coas seguintes especialidades con respecto ao procedemento regulado no título IV desta lei:
a) No caso de que non variasen as circunstancias acreditativas da capacidade legal, técnica e económica da persoa solicitante con respecto ás alegadas na primeira tramitación do proxecto, a devandita capacidade poderá ser acreditada mediante unha declaración responsable.
b) A garantía económica prestada na primeira tramitación do proxecto entenderase aplicada á nova tramitación, que estará exenta do pagamento da taxa de verificación de requisitos e capacidades.
c) As solicitudes tramitaranse con prioridade con respecto ás solicitudes relativas a novos proxectos de parques eólicos.
d) O estudo de impacto ambiental ou, de ser o caso, o documento ambiental incorporará os contidos previstos no artigo 10 da Lei 2/2024, do 7 de novembro.
e) Aplicaranse os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable vixentes no momento en que se presentase a primeira solicitude de autorización administrativa previa e de construción do proxecto.
f) Só se solicitarán os informes previos aos órganos sectoriais previstos no artigo 34.8 cando existan indicios fundados de que o proxecto producirá efectos adversos importantes sobre o medio ambiente ou a paisaxe que non se poidan mitigar nin compensar.
g) Na avaliación ambiental do proxecto aplicaranse as previsións do capítulo II do título I da Lei 2/2024, do 7 de novembro, e ponderarase de maneira concreta o interese público superior do proxecto.
h) Os condicionados técnicos emitiranse nun prazo de dez hábiles e pronunciaranse exclusivamente sobre as modificacións que, de ser o caso, presente o proxecto con respecto ao inicialmente tramitado. De non existiren modificacións relevantes para estes efectos, incorporaranse ao expediente os condicionados técnicos emitidos en relación co proxecto inicialmente tramitado.
i) O informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas pronunciarase exclusivamente sobre as modificacións que, de ser o caso, presente o proxecto con respecto ao inicialmente tramitado. De non existiren modificacións relevantes para estes efectos, incorporarase ao expediente o informe emitido en relación do proxecto inicialmente tramitado».
Vinte e tres. Engádese unha disposición adicional décimo sexta, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo sexta. Instrumentos para a análise dos valores ambientais das localizacións en que se implanten proxectos de enerxía eólica e as súas infraestruturas de evacuación
1. As avaliacións ambientais que se realicen dos proxectos de enerxía eólica e as súas infraestruturas de evacuación realizaranse tendo en conta o mellor coñecemento científico dispoñible, de acordo co principio establecido no artigo 2.l) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. Para estes efectos, á hora de identificar, desde o punto de vista ambiental, os eventuais condicionantes ambientais xerais da zona a que afectan os proxectos, teranse en conta as ferramentas, as bases cartográficas e as fontes de datos oficiais que gocen da maior precisión e actualización, que serán de utilización e aplicación prevalente ás que teñan menor detalle.
2. O indicado no número anterior entenderase en todo caso dentro do carácter orientativo das indicadas ferramentas, bases cartográficas e fontes de datos, polo que será necesario que se concreten especificamente, durante o trámite de avaliación ambiental que corresponda, os valores e os impactos ambientais para cada proxecto particular, atendendo á súa localización concreta e ás súas características, así como ás solucións e medidas preventivas e correctoras específicas adoptadas, sen que os instrumentos anteditos poidan prexulgar o resultado da avaliación ambiental».
Vinte e catro. Engádese unha disposición adicional décimo sétima, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo sétima. Enerxía de fontes renovables
De conformidade co establecido no artigo 6 do Regulamento (UE) 2024/1991 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2024, relativo á restauración da natureza e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2022/869, exímese a planificación, construción e explotación de parques eólicos de competencia autonómica, así como a súa conexión á rede e á propia rede correspondente e activos de almacenamento conexos, do requisito de non dispoñer de solucións alternativas menos prexudiciais en virtude do disposto no artigo 4, números 14 e 15, e do artigo 5, números 11 e 12, do devandito Regulamento (UE) 2024/1991, cando se sometese a unha avaliación ambiental estratéxica ou a unha avaliación de impacto ambiental nas condicións exixidas na normativa vixente».
Vinte e cinco. Engádese unha disposición transitoria décimo segunda, coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria décimo segunda. Réxime transitorio aplicable mentres non entre en vigor o novo Plan sectorial eólico de Galicia
1. Mentres non entre en vigor o novo Plan sectorial eólico de Galicia, elaborado de acordo coas prescricións establecidas no artigo 6 e seguintes da lei, aplicarase o réxime transitorio previsto nesta disposición, coa finalidade de ordenar e regular a implantación territorial dos parques eólicos, de forma compatible coas finalidades da planificación eólica recollidas nas alíneas c), d), e), f) e g) do artigo 6.2, e, en particular, co obxecto de aplicar medidas provisionais que permitan a fixación de beneficios sociais e económicos no territorio, convertendo o despregamento da enerxía eólica nunha ferramenta ao servizo da cohesión territorial, favorecer as comunidades locais, así como a actividade económica de Galicia e o tecido industrial local, fomentando a competitividade da industria galega e minimizando o impacto sobre o medio ambiente e a paisaxe, achegando as instalacións de produción de enerxía aos puntos de consumo.
2. A presente disposición non será aplicable aos procedementos que estean en tramitación, atendendo ao establecido no artigo 31.3, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2025. Tampouco será aplicable ás solicitudes de repotenciación que se efectúen de parques existentes, nin ás solicitudes de retramitación de autorizacións que se efectúen de acordo co establecido na disposición adicional décimo quinta.
3. Tendo en conta o nivel de ocupación das áreas de desenvolvemento eólico actuais, atendendo ao número de autorizacións existentes, e a necesidade de salvagardar a capacidade de ordenación do novo Plan sectorial eólico, non se admitirán novas solicitudes para a autorización de parques eólicos de competencia autonómica ás que sexa aplicable esta disposición cando estes se sitúen nas indicadas áreas. Por excepción, poderán presentarse solicitudes cando as persoas promotoras asuman o compromiso de formalizaren contratos de subministración de enerxía a medio ou longo prazo (PPA) a un prezo predeterminado, durante todo o período de vixencia da autorización, nas condicións establecidas no número 4.
4. Os contratos que se formalicen de acordo cos compromisos a que se refire o número anterior deberán cumprir os seguintes requisitos mínimos:
a) Comprenderán, ao menos, o 50 % da enerxía producida.
b) Os consumidores finais destinatarios da enerxía serán consumidores locais e industriais das zonas situadas no ámbito de influencia dos proxectos, ou, no caso de non existiren consumidores interesados nesas zonas, situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) O prazo mínimo de duración dos contratos será de cinco anos.
d) O contrato poderá formalizarse directamente cos consumidores finais ou a través de empresas comercializadoras de enerxía.
5. Fóra das áreas de desenvolvemento eólico existentes só poderán desenvolverse os proxectos declarados de especial interese público social e económico que cumpran co establecido no artigo 18.2 da Lei 2/2024, do 7 de novembro.
6. Esta disposición non impedirá a modificación dos proxectos xa admitidos a trámite.
7. O establecido nos números 3 e 4 aplicarase ás novas solicitudes de autorización de parques eólicos que se presenten nas zonas de aceleración renovable eólica aprobadas de acordo coa disposición adicional décimo segunda.
8. O réxime transitorio establecido nesta disposición aplicarase desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o momento da entrada en vigor do novo Plan sectorial eólico de Galicia. Porén, este réxime transitorio deixará de se aplicar se o novo Plan sectorial eólico de Galicia non se aprobar no prazo de tres anos, contado desde o 1 de xaneiro de 2025».
Artigo 31. Modificación da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia
Modifícase a Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que queda redactada como segue:
Un. Engádese unha disposición adicional cuarta, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional cuarta. Fomento da formalización de contratos de subministración de enerxía nos concursos públicos que se convoquen para a concesión de augas destinadas ao almacenamento hidráulico de enerxía ou a usos industriais para a produción de enerxía eléctrica
1. Os pregos de bases dos concursos públicos que convoque a Administración autonómica de acordo coa lexislación de augas para conceder a explotación das infraestruturas que revertesen á Administración autonómica nos casos de extinción de concesións para a concesión de augas, destinadas a usos industriais para a produción de enerxía eléctrica, establecerán como condición que o concesionario deberá comprometerse a formalizar contratos de subministración de enerxía a medio ou longo prazo (PPA) a un prezo predeterminado, nas condicións establecidas no número 2 desta disposición.
2. Os contratos que se formalicen de acordo cos compromisos a que se refire o número anterior deberán cumprir os seguintes requisitos mínimos:
a) Comprenderán, ao menos, o 50 % da enerxía producida.
b) Os consumidores finais destinatarios da enerxía serán consumidores locais e industriais das zonas situadas no ámbito de influencia dos proxectos, ou, no caso de non existiren consumidores interesados nesas zonas, situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) O prazo mínimo de duración dos contratos será de cinco anos.
d) O contrato poderá formalizarse directamente cos consumidores finais ou a través de empresas comercializadoras de enerxía».
Dous. Modifícase o número cinco da disposición derradeira segunda da Lei 2/2024, do 7 de novembro, coa finalidade de renumerar a disposición transitoria novena da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, relativa ao réxime transitorio de tramitación de parques eólicos anteriores á entrada en vigor da Lei 2/2024, do 7 de novembro, que pasa a ser a disposición transitoria novena bis.
CAPÍTULO III
Mobilidade
Artigo 32. Modificación da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación
Engádese un número tres ao artigo 83 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, coa seguinte redacción:
«Tres. A dirección xeral con competencias en materia de transportes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia establecerá as condicións de uso dos sistemas de pagamento en que participe a Xunta de Galicia, que incluirán os dereitos e as obrigas das persoas usuarias. No procedemento para o establecemento daquelas condicións de uso que afecten medios de pagamento interoperables de aceptación xeneralizada en servizos públicos de transporte da titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e de administracións locais de Galicia, darase audiencia ao Consello Galego de Transportes».
CAPÍTULO IV
Medio ambiente
Artigo 33. Modificación da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia
A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 2 do artigo 15, que queda redactado como segue:
«2. A persoa titular da dirección será nomeada e separada por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de augas, entre persoas que reúnan a cualificación necesaria para o cargo, segundo se determine no estatuto da entidade. Terá a consideración de alto cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia con rango de dirección xeral».
Dous. Engádese unha disposición adicional décimo sexta, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo sexta. Coeficiente gradual de implantación do canon por perdas nas redes
Á cota determinada consonte o indicado no artigo 61 bis desta lei seralle aplicable o coeficiente gradual de implantación establecido para os seguintes períodos impositivos:
| «Ano |
Coeficiente gradual de implantación |
| 2025 |
0 |
| 2026 |
0 |
| 2027 |
0,5 |
| 2028 |
1» |
Tres. Engádese unha disposición adicional décimo sétima, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo sétima. Actuacións subsidiarias na zona de servidume dos ríos da demarcación hidrográfica de Galicia Costa
1. No ámbito da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, as persoas propietarias dos terreos situados na zona de servidume definida polo artigo 6.1 a) do texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, están obrigados a garantir a efectividade da servidume nos termos establecidos na normativa básica estatal e serán responsables dos eventuais danos que poidan derivar das actuacións e das omisións que as impidan ou dificulten.
De acordo co establecido neste marco normativo, estas persoas garantirán que na devandita zona de servidume non existen obras, obxectos ou materiais que poidan obstaculizar a corrente en réxime de enchentes ou que poidan ser causa de degradación ou deterioración do estado da masa de auga, do ecosistema acuático e, en xeral, do dominio público hidráulico.
2. No suposto de incumprimento das obrigas recollidas no número anterior, a Administración pública competente poderá requirir o seu cumprimento e, subsidiariamente, poderá impoñer multas coercitivas ou executar os traballos para garantir os fins da servidume, sen prexuízo da repercusión dos seus custos á persoa responsable.
Sen prexuízo da obriga establecida no número anterior, Augas de Galicia e os seus axentes poderán realizar nesas zonas as actuacións que sexan necesarias para garantir a efectividade da servidume e a protección das canles, sen que sexa preciso o consentimento do seu titular, salvo nos supostos excepcionais en que o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución, caso en que deberá pedirse a correspondente autorización xudicial para a entrada neles, de non contarse coa autorización do titular.
A execución subsidiaria por parte da Administración por razóns de seguridade e saúde das persoas non estará sometida a ningún acto de intervención administrativa municipal nin autonómica».
Catro. Engádese unha disposición adicional décimo oitava, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo oitava. Réxime especial aplicable á execución de obras de recuperación ou restauración de canles para a protección fronte ao risco de inundación
1. Na execución de obras no ámbito das áreas de risco potencial significativo de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia Costa que teñan por obxecto a recuperación ou restauración da hidromorfoloxía da canle alterada por obras ou actividades realizadas no seu contorno, e que teñan por finalidade a protección fronte ao risco de inundación, non será necesario obter licenzas, autorizacións ou informes sectoriais preceptivos que sexan competencia da Comunidade Autónoma ou das entidades locais, nin someter o proxecto a exposición pública sobre a consideración do interese público superior en defensa da saúde e seguridade públicas que demanda a inmediata execución da obra para reducir os riscos identificados.
2. Para os efectos do indicado no número anterior, o interese público superior na protección fronte ao risco de inundación deberá ser apreciado por resolución da Presidencia de Augas de Galicia, debendo valorarse especialmente a ameaza que a materialización do risco puider ter para persoas e bens, infraestruturas públicas ou núcleos de poboación».
Artigo 34. Modificación da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia
A Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 2 do artigo 48, que queda redactado nos seguintes termos:
«2. Quen sexa titular dos tecores e das explotacións cinexéticas comerciais en que se practique a caza de especies silvestres deberá presentar unha solicitude de aprobación do plan anual de aproveitamento cinexético que desenvolva as previsións contidas no plan de ordenación cinexética para esa tempada.
A solicitude, dirixida á persoa titular do órgano territorial da dirección competente en materia de conservación da natureza, irá acompañada da proposta do plan anual de aproveitamento cinexético, e será presentada cunha antelación mínima de dous meses ao comezo de cada tempada de caza. A persoa titular do citado órgano territorial dispoñerá dun prazo dun mes para ditar e notificar a correspondente resolución. Vencido o indicado prazo sen que se notificase a resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.
Non obstante o anterior, cando a falta de notificación de resolución expresa da aprobación do plan se deba a unha causa non imputable ao titular do tecor ou da explotación cinexética comercial, poderanse realizar as actividades cinexéticas nos períodos, días e condicións establecidos na correspondente resolución anual vixente regulada no artigo 54 desta lei e consonte as previsións do plan anual de aproveitamento cinexético precedente, ata que se notifique a correspondente resolución que decida sobre a solicitude do plan anual de aproveitamento.
Unha vez notificada a resolución de aprobación do novo plan, este será de obrigado cumprimento».
Dous. Modifícase o número 3 do artigo 59, que queda redactado como segue:
«3. Regulamentariamente estableceranse os distintos tipos de licenzas, diferenciando se teñen por obxecto a práctica cinexética ou a utilización de medios, e considerando a residencia da persoa titular e a súa idade; o seu prazo de validez, que poderá ser dun ano, dun mes ou, no caso das persoas maiores de 65 anos, indefinida; e os seus procedementos de expedición».
Tres. Modifícase o número 4 do artigo 92, que queda redactado como segue:
«4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento será dun ano, contado desde a data do acordo de iniciación do procedemento administrativo sancionador. Transcorrido ese prazo sen que se notificase a resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento. A resolución que declare a caducidade ordenará o arquivo das actuacións».
Artigo 35. Modificación da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014
Modifícase o número tres bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Tres bis. Coa finalidade de reducir os efectos negativos da xeración e xestión dos residuos na saúde humana e no medio ambiente poderá establecerse un canon unitario por tonelada de contía reducida, de acordo cos seguintes criterios:
1. Este canon reducido será aplicable para aquelas entidades locais que así o soliciten e se comprometan a cumprir obxectivos ambientais vinculados ao fomento da recollida selectiva de residuos urbanos mediante o mantemento ou aprobación de medidas orientadas á prevención e redución do lixo convencional ou ao fomento da reciclaxe de envases lixeiros e/o biorresiduos.
2. A aprobación do canon unitario por tonelada de contía reducida será realizada pola persoa titular competente en materia de residuos, contando co informe previo favorable da consellaría competente en materia de facenda, e será publicada no Diario Oficial de Galicia.
3. O canon unitario por tonelada de contía reducida poderá supoñer unha minoración máxima de ata un 15 % do importe do canon unitario que estea vixente no mes de decembro do ano anterior.
4. Para a aplicación do canon unitario de contía reducida, as entidades locais interesadas deberán presentar a súa solicitude antes de que transcorra un mes desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, achegando unha declaración na que se comprometan a cumprir, como mínimo, un dos seguintes requisitos:
a) Diminuír a entrega de residuos correspondentes á fracción resto nun mínimo dun 1,00 % respecto dos entregados no ano inmediatamente anterior. Para os efectos de aplicación desta disposición, entenderase por fracción resto a fracción dos residuos municipais que se obtén unha vez efectuada a recollida separada deles e que fosen facturados pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. en ambos os exercicios.
b) Incrementar nun mínimo do 3 % respecto do exercicio inmediatamente anterior as toneladas procedentes da recollida selectiva de residuos de envases no contedor amarelo ou de biorresiduos de orixe doméstica no contedor marrón. A acreditación do cumprimento deste requisito será realizada pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A., coas entradas rexistradas nas súas instalacións e mediante, polo menos, tres caracterizacións aleatorias ao ano, coa finalidade de garantir a calidade do material destinado a reciclaxe ou a compostaxe. Non se considerará cumprido este requisito naqueles casos en que a porcentaxe de impropios, entendendo por tales os residuos depositados incorrectamente no correspondente contedor, supere unha porcentaxe dun 30 % para o contedor amarelo de residuos de envases ou dun 15 % no contedor marrón de biorresiduos de orixe doméstica.
5. A presentación da solicitude de aplicación do canon unitario de contía reducida por parte das entidades locais interesadas, coa declaración indicada, determinará a inmediata aplicación do canon reducido con efectos económicos do 1 de xaneiro da anualidade correspondente ao da aprobación do devandito canon unitario de contía reducida.
6. Dentro dos dous primeiros meses do seguinte ano ao da aplicación do canon unitario de contía reducida a Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. comprobará o cumprimento de, polo menos, un dos requisitos por parte das entidades locais solicitantes.
7. No caso de se constatar o incumprimento dos requisitos establecidos para a aplicación do canon unitario de contía reducida, resultará aplicable a contía do canon unitario, polo que a Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. procederá a facturar antes do 15 de marzo o importe da redución aplicada o ano anterior. No caso de falta de pagamento deste importe, observarase o disposto no número seis desta disposición adicional».
Artigo 36. Modificación da Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia
Modifícase a Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, que queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 16 do artigo 4, que queda redactado como segue:
«16. Núcleo zoolóxico: conxunto formado polo establecemento ou recinto de animais de compañía, tanto de titularidade pública como privada, e a colección zoolóxica que alberga. Exclúense desta definición os centros veterinarios».
Dous. Modifícase o número 3 do artigo 10, que queda redactado como segue:
«3. Serán obxecto de comunicación previa ao inicio da súa actividade os centros dedicados á hixiene e ao coidado estético dos animais, para a súa inscrición no Reganuz, de conformidade co disposto na normativa de unidade de mercado, nesta lei e no resto da normativa aplicable. Regulamentariamente poderán establecerse outros tipos de establecementos ou recintos obxecto de comunicación previa».
Artigo 37. Modificación da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia
A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 5 do artigo 40, que queda redactado como segue:
«5. Este proxecto de norma será sometido durante o prazo dun mes aos trámites de audiencia ás persoas interesadas e de información pública. Igualmente, seralles solicitado un informe a aquelas consellarías cuxas competencias resulten afectadas, aos concellos situados no ámbito territorial do espazo obxecto do procedemento e a calquera outra administración afectada; informe que deberán emitir, agás unha disposición en sentido contrario, no prazo máximo de vinte días. No caso contrario procederase coa continuación do procedemento, a menos que se acordase a suspensión do prazo para resolver nos termos previstos no artigo 22.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Igualmente, no caso dos espazos naturais protexidos para incluír na Rede galega de espazos protexidos, o proxecto de norma remitirase ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, para efectos do seu coñecemento».
Dous. Modifícase o número 4 do artigo 53, que queda redactado como segue:
«4. Con carácter previo á súa aprobación, o borrador do plan de ordenación dos recursos naturais someterase durante o prazo dun mes aos trámites de audiencia ás persoas interesadas, de información pública e de consulta dos intereses sociais e institucionais afectados e das organizacións sen ánimo de lucro que persigan o logro dos obxectivos da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade. Tamén lles será solicitado un informe a aquelas consellarías cuxas competencias resulten afectadas, aos concellos situados no ámbito territorial do plan e a calquera outra administración afectada; informe que deberán emitir, agás unha disposición en sentido contrario, no prazo máximo de vinte días. De non ser o caso, procederase coa continuación do procedemento, a menos que se acordase a suspensión do prazo para resolver nos termos previstos no artigo 22.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Igualmente, o proxecto de norma será remitido ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, para efectos do seu coñecemento».
Tres. Modifícase o número 4 do artigo 57, que queda redactado como segue:
«4. O borrador do plan reitor de uso e de xestión someterase durante o prazo dun mes aos trámites de audiencia ás persoas interesadas e á xunta reitora correspondente e mais de información pública. Tamén lles será solicitado un informe a aquelas consellarías cuxas competencias resulten afectadas, aos concellos situados no ámbito territorial do plan, ás administracións competentes en materia urbanística e a calquera outra administración afectada; informe que deberán emitir, agás unha disposición en sentido contrario, no prazo máximo de vinte días. De non ser o caso, procederase coa continuación do procedemento, a menos que se acordase a suspensión do prazo para resolver nos termos previstos no artigo 22.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Igualmente, o proxecto de norma será remitido ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, para efectos do seu coñecemento».
Catro. Modifícase o número 4 do artigo 92, que queda redactado como segue:
«4. Este procedemento será sometido durante o prazo dun mes aos trámites de audiencia ás persoas interesadas e de información pública. Tamén lles será solicitado un informe a aquelas consellarías cuxas competencias resulten afectadas e a calquera outra administración afectada; informe que deberán emitir, agás unha disposición en sentido contrario, no prazo máximo de vinte días. De non ser o caso, procederase coa continuación do procedemento, a menos que se acordase a suspensión do prazo para resolver nos termos previstos no artigo 22.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Igualmente, o proxecto de norma será remitido ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, para efectos do seu coñecemento».
Artigo 38. Modificación da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia
A Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Engádese unha alínea e) ao número 2 do artigo 4, que queda redactada da seguinte maneira:
«e) A corta e retirada e as podas das árbores e/ou outras especies vexetais mortas ou que supoñan un risco para a seguridade das persoas ou bens e a retirada de especies vexetais e o rareo de árbores ata un 35 %, agás nos hábitats prioritarios e o disposto na normativa de aplicación para especies exóticas invasoras».
Dous. Modifícase o número 5 do artigo 19, que queda redactado como segue:
«5. Regulamentariamente determinaranse as clases de licenza, a súa vixencia e o procedemento para o seu outorgamento. A vixencia das licenzas para persoas maiores de 65 anos terá carácter indefinido».
Tres. Modifícase o número 2 do artigo 20, que pasa a ter a seguinte redacción:
«2. Quedarán exentas do pagamento de taxas para a obtención da licenza de pesca continental as persoas menores de idade ou maiores de sesenta e cinco anos e as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % acreditada mediante declaración responsable no momento da súa expedición».
Catro. Engádese o número 5 ao artigo 77, coa seguinte redacción:
«5. Cando o xustifique a debida adecuación entre a sanción que deba aplicarse coa gravidade do feito constitutivo da infracción e as circunstancias concorrentes, o órgano competente para resolver poderá impoñer a sanción no grao inferior.
Constitúe circunstancia que atenúa a responsabilidade das persoas ou entidades infractoras a reparación total ou parcial do dano causado ou a corrección da situación creada pola comisión da infracción, con anterioridade á finalización do procedemento administrativo sancionador».
Artigo 39. Modificación da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia
Engádese un número 2 bis ao artigo 32 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, coa seguinte redacción:
«2 bis. Os trámites de información pública e de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria terán unha vixencia dun ano desde a súa finalización. Os trámites indicados entenderanse finalizados na data de recepción por parte do órgano substantivo do último dos informes preceptivos que exixa a normativa aplicable».
CAPÍTULO V
Educación e innovación
Sección 1ª. Medidas extraordinarias en materia de educación
Artigo 40. Redución de ratios no segundo ciclo de educación infantil e na educación primaria, na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato
1. Redúcense as ratios máximas nas ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria, nos centros públicos e nos centros privados sostidos con fondos públicos, de 25 a 20 alumnos/as por aula. A redución aplicarase de forma progresiva, de acordo co seguinte calendario:
a) Curso 2024-2025: 4º de educación infantil.
b) Curso 2025-2026: 5º de educación infantil.
c) Curso 2026-2027: 6º de educación infantil.
d) Curso 2027-2028: 1º de educación primaria.
e) Curso 2028-2029: 2º de educación primaria.
f) Curso 2029-2030: 3º de educación primaria.
g) Curso 2030-2031: 4º de educación primaria.
h) Curso 2031-2032: 5º de educación primaria.
i) Curso 2032-2033: 6º de educación primaria.
2. Para aplicar as ratios establecidas neste artigo teranse en conta as seguintes regras:
a) Cada alumno ou alumna cunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 por cento, ou cun grao I de dependencia acreditada, ou cun trastorno grave da conduta acreditado conforme o procedemento que estableza a consellaría competente en materia de educación computará, para os efectos desta ratio, como dous.
b) Cada alumno ou alumna cunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65 por cento, ou cun grao II ou III de dependencia acreditada conforme o procedemento que estableza a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional computará, para os efectos desta ratio, como tres.
c) O alumnado repetidor estará incluído no cómputo para os efectos de aplicación destas ratios.
3. Cando, como consecuencia das regras establecidas no número 2.a) e b), o cómputo do alumnado exceder de 20 ou 25 segundo a aplicación progresiva do calendario, a consellaría competente en materia de educación, mantendo o número de grupos que había en 4º de educación infantil, poderá dotar o centro educativo con recursos docentes adicionais aos que lle corresponden por catálogo.
4. Non verán incrementado o seu número de alumnos/as reais respecto do número real que tivesen no curso anterior en toda a duración do período de aplicación do calendario indicado no número 1 aquelas aulas ás que aínda non lles sexa aplicable a redución de ratios segundo o calendario establecido. Exceptúanse desta regra os casos derivados das necesidades de escolarización de alumnado ou outros supostos apreciados pola Administración educativa.
5. Mentres non se aplica a redución de ratios segundo o calendario establecido no número 1, nas etapas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato non se realizarán supresións de unidades naqueles centros en que, como consecuencia da diminución de alumnado, proceda efectuar unha supresión cos límites vixentes no curso académico correspondente pero non proceda coas ratios de 20 alumnos/as en educación infantil e educación primaria, 25 alumnos/as en educación secundaria obrigatoria e 30 alumnos/as en bacharelato.
6. Se nalgún caso excepcional non se puideren cumprir as novas ratios establecidas, por inexistencia de aulas no centro educativo, no caso das ensinanzas de educación infantil e primaria, dotarase o centro cun/cunha especialista máis de educación primaria dos que lle corresponden por catálogo.
7. Redúcense as ratios máximas nas aulas das ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, nos centros públicos e nos centros privados sostidos con fondos públicos, a 25 e 30 alumnos/as por aula, respectivamente. A redución aplicarase de forma progresiva, de acordo co calendario que sexa aprobado para o efecto. A negociación do calendario de aplicación nestas etapas educativas iniciarase durante o curso académico 2026-2027.
Artigo 41. Redución de ratios por agrupamentos de alumnado de diferentes niveis, ciclos e/ou etapas educativas no segundo ciclo de educación infantil e na educación primaria
1. A determinación do número de unidades, cando teña que agruparse alumnado de diferentes niveis, ciclos e/ou etapas educativas, axustarase aos seguintes criterios, agás no caso de escolas unitarias ou nos supostos excepcionais en que a localización dos centros ou outras circunstancias aconsellen unha actuación diferente:
a) Poderase agrupar o alumnado do segundo ciclo de educación infantil pertencente a diferentes niveis nunha mesma unidade cando o número sexa igual ou inferior a 14.
b) Poderase agrupar o alumnado do segundo ciclo de educación infantil pertencente a diferentes niveis cando inclúa alumnado de 3 anos nunha mesma unidade cando o número sexa igual ou inferior a 12.
c) Poderase agrupar o alumnado de educación primaria pertencente ao mesmo ciclo nunha mesma unidade cando o número sexa igual ou inferior a 14.
d) Poderase agrupar o alumnado de educación primaria pertencente a distinto ciclo nunha mesma unidade cando o número sexa igual ou inferior a 12.
e) Poderase agrupar o alumnado de educación primaria pertencente a toda a etapa nunha mesma unidade cando o número sexa igual ou inferior a 10.
f) Poderase agrupar o alumnado de educación infantil e de educación primaria nunha mesma unidade cando o número sexa igual ou inferior a 10.
2. A redución das ratios por agrupamentos realizarase de forma progresiva, de acordo co seguinte calendario de aplicación:
a) Curso 2024-2025: agrupamentos de alumnado do segundo ciclo de educación infantil pertencente a diferentes niveis.
b) Curso 2025-2026: agrupamentos de alumnado do primeiro ciclo de educación primaria e agrupamentos do alumnado de educación infantil e de educación primaria.
c) Curso 2026-2027: agrupamentos de alumnado do segundo ciclo de educación primaria e agrupamentos do alumnado de educación primaria pertencente a toda a etapa.
d) Curso 2027-2028: agrupamentos de alumnado do terceiro ciclo de educación primaria e o alumnado de educación primaria pertencente a distinto ciclo, así como agrupamentos de alumnado do segundo ciclo de educación infantil pertencente a diferentes niveis cando inclúa alumnado de 3 anos.
3. Serán aplicables ás ratios as regras recollidas nas alíneas a), b) e c) do número 2 do artigo anterior. Cando, como consecuencia do cómputo do alumnado a que se fai referencia nas citadas regras, o alumnado exceder de 20, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, mantendo os mesmos agrupamentos, poderá dotar o centro educativo con recursos docentes adicionais aos que lle corresponden por catálogo.
4. Mentres non entren en vigor estas novas ratios de agrupamentos, os centros incompletos de educación infantil, educación primaria e educación infantil e primaria manterán, como máximo, os mesmos agrupamentos que no curso académico anterior.
5. A redución de ratios desta disposición resultará aplicable nos centros públicos e nos centros privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Sección 2ª. Outras medidas en materia de educación
Artigo 42. Modificación da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia
Modifícase o artigo 22 da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, que queda redactado do seguinte xeito:
«1. O Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia terá a seguinte composición:
a) A persoa que exerza a presidencia da Axencia Galega de Innovación, en calidade de presidente ou presidenta do Consello Asesor.
b) A persoa que exerza a dirección da Axencia Galega de Innovación.
c) Doce persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos científico, técnico, empresarial e de políticas públicas.
d) Un funcionario ou unha funcionaria ao servizo da Axencia Galega de Innovación actuará nas reunións como secretario ou secretaria do Consello Asesor, con voz pero sen voto.
2. Na designación das persoas titulares procurarase a presenza equilibrada entre mulleres e homes.
3. O nomeamento das persoas integrantes do Consello Asesor en Investigación e Innovación corresponde á persoa titular da presidencia da Axencia Galega de Innovación.
4. A duración do mandato será de catro anos, con posibilidade de reelección.
5. A pertenza ao Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia non será remunerada.
6. A adscrición, composición e funcións do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia rexeranse polo disposto na Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia. O seu funcionamento e operativa interna rexeranse polo disposto na sección 3ª sobre órganos colexiados recollida na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia».
Artigo 43. Modificación da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia
Modifícase o artigo 19 bis da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, que queda redactado como segue:
«Artigo 19 bis. Promoción da excelencia de centros e unidades de I+D+i do Sistema universitario de Galicia
1. A Xunta de Galicia promoverá a integración, a interacción, o fortalecemento das capacidades investigadoras e o liderado a través do apoio e financiamento de estruturas organizativas estables de investigación que permitan afrontar os retos que a investigación de excelencia e a transferencia de coñecemento á sociedade precisan.
2. Con tal finalidade, a Administración autonómica poderá promover convocatorias de axudas para o recoñecemento dos mellores centros e unidades de I+D+i, e a súa cualificación como centros de excelencia sobre a das características deseñadas en cada convocatoria.
3. A selección destes centros e unidades de investigación realizarase a través dun proceso de avaliación competitivo baseado en estándares internacionais, coa participación de comités científicos formados por persoal experto internacional, independente e de recoñecido prestixio. Na composición dos devanditos comités procurarase a paridade de xénero.
Valoraranse cuestións como a organización e o goberno do centro ou unidade, a súa estratexia de investigación, o financiamento, os recursos humanos, a calidade e os resultados da investigación, os resultados da transferencia e a relevancia para a sociedade, entre outros.
4. Os centros e unidades de I+D+i que sexan cualificados como centros de excelencia farán mención dese recoñecemento nos seus nomes e na súa política de comunicación. O citado recoñecemento estará vixente, como máximo, durante o tempo de duración da axuda».
Artigo 44. Modificación do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar
Modifícase o Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar, que queda modificado como segue:
Un. Modifícase o artigo 7, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 7. O claustro do profesorado
1. O claustro, ademais das funcións que lle atribúe o artigo 129 da Lei orgánica 2/2006, terá as seguintes funcións:
a) Realizar propostas para a elaboración do plan de convivencia e das normas de convivencia do centro.
b) Participar na avaliación anual da convivencia no centro, incidindo especialmente no desenvolvemento do plan de convivencia.
c) Propor actuacións de carácter educativo, especialmente as relacionadas coa resolución pacífica de conflitos.
2. A dirección do centro designará entre o profesorado do claustro a persoa coordinadora de benestar e convivencia, que realizará as seguintes funcións:
a) En coordinación co equipo directivo:
1º. Coordinar o plan de convivencia e colaborar na súa dinamización xunto coa comisión de convivencia do centro.
2º. Fomentar o uso de métodos alternativos de resolución pacífica dos conflitos entre o persoal do centro e o alumnado, para o cal velará, entre outras accións, pola incorporación e tratamento no plan de acción titorial de contidos relacionados coas habilidades sociais, a intelixencia emocional, a autoestima, a resolución pacífica de conflitos, a mediación e as dinámicas de grupo.
3º. Identificarse ante o alumnado, ante o persoal do centro educativo e, en xeral, ante a comunidade educativa, como principal referente das comunicacións relacionadas con posibles casos de violencia no propio centro ou na súa contorna.
4º. Informar o persoal do centro sobre os protocolos de prevención e protección de calquera forma de violencia existente na súa localidade ou na súa comunidade autónoma.
5º. Promover, en situacións que supoñan un risco para a seguridade das persoas menores de idade, a comunicación inmediata por parte do centro educativo ás forzas e corpos de seguridade do Estado.
6º. Promover plans de formación en materia de prevención, detección precoz e protección da infancia e a adolescencia, dirixidos tanto ao persoal que traballa nos centros educativos como ao alumnado e ás súas familias ou ás persoas titoras legais, con especial atención ao persoal do centro que actúa como titoras e titores, e á adquisición, por parte do alumnado, de habilidades para detectar e responder a situacións de violencia.
7º. Promover no centro docente unha alimentación saudable e nutritiva que permita ao alumnado, especialmente ao máis vulnerable, ter unha alimentación equilibrada.
8º. Promover, en situacións que poidan implicar un tratamento ilegal de datos persoais das persoas menores de idade, a comunicación inmediata por parte do centro educativo, con coñecemento da persoa delegada de protección de datos da consellaría con competencias en materia de educación, á Axencia Española de Protección de Datos.
b) En coordinación co departamento de orientación:
1º. Promover medidas que garantan o máximo benestar da infancia e da adolescencia, así como a cultura do bo trato, coordinando actuacións, que se realizarán no centro e desde a titoría, promotoras de valores democráticos de convivencia, negociación e diálogo e cultura de paz.
2º. Colaborar no deseño e no desenvolvemento de programas facilitadores de detección de dificultades de convivencia e de relación.
3º. Fomentar o respecto polo alumnado con discapacidade ou calquera outra circunstancia de especial vulnerabilidade ou diversidade.
4º. Coordinar, de acordo cos protocolos establecidos, os casos que requiran intervención por parte dos servizos sociais competentes, debendo comunicalo ás autoridades correspondentes, se se valora como necesario, e sen prexuízo do deber de comunicación nos casos legalmente previstos.
5º. Promover a participación das familias informándoas e asesorándoas, en especial no relacionado coa convivencia democrática e o benestar.
c) Promover, en coordinación coas asociacións de nais e de pais, plans de formación en materia de prevención, detección precoz e protección da infancia e a adolescencia, dirixidos ás persoas proxenitoras e a quen exerza a función de tutela, garda ou acollemento».
Dous. Modifícase a alínea g) do artigo 12, que pasa a ter a seguinte redacción:
«g) Contribuír desde o ámbito da convivencia á adquisición das competencias clave para a aprendizaxe permanente».
Tres. Modifícase o artigo 13, que queda redactado como segue:
«Artigo 13. Estrutura do plan de convivencia
1. O plan de convivencia presentará, como mínimo, a seguinte estrutura:
a) A contextualización e a xustificación do plan.
b) A análise da situación, partindo dun diagnóstico previo da convivencia no centro.
c) Os obxectivos específicos do plan de convivencia derivados da análise previa, que incluirán indicadores que permitan orientar o seu logro e avaliación, así como a descrición das accións concretas para desenvolver os obxectivos do plan que se van desenvolver para favorecer a convivencia, incluíndo medidas preventivas e de sensibilización e actuacións organizativas, curriculares e de coordinación, entre outras.
d) Procedemento de seguimento do plan.
e) Procedemento de avaliación e para a concreción de propostas de mellora do plan de convivencia.
f) Estratexias para realizar a comunicación e a difusión do plan de convivencia.
2. Tamén formará parte do plan de convivencia:
a) O protocolo para a prevención, a detección e o tratamento das situacións de acoso escolar, de conformidade co establecido no artigo 30.2 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.
b) As normas de convivencia do centro, coa concreción dos dereitos e dos deberes dos diferentes membros da comunidade educativa, así como un protocolo que contribúa á detección do incumprimento destas.
c) O establecemento das condutas contrarias á convivencia e das correccións que correspondan ao seu incumprimento, que, de ser o caso, se aplicarán de conformidade co establecido neste decreto en desenvolvemento da Lei 4/2011, do 30 de xuño, e demais normativa que sexa aplicable.
d) As normas específicas para o funcionamento da comisión de convivencia do centro, a súa composición, a periodicidade das reunións e o plan de actuación e, de ser o caso, da aula de convivencia inclusiva ou da escola de nais e pais.
e) Os mecanismos de coordinación e colaboración interna no centro, coas familias e con outros centros educativos ou organismos da contorna».
Catro. Modifícase o número 4 do artigo 19, que pasa a ter a seguinte redacción:
«4. Así mesmo, prohíbese o uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos como mecanismo de comunicación durante os períodos lectivos e os períodos non lectivos da xornada escolar. Para estes efectos considéranse que son períodos non lectivos: as entradas e as saídas, o tempo de recreo, o tempo de comedor escolar e os períodos dedicados ao desenvolvemento de actividades complementarias e extraescolares. Excepcionalmente, os centros poderán establecer normas para a correcta utilización de teléfonos móbiles e de dispositivos electrónicos como ferramenta pedagóxica, baixo a supervisión do profesorado.
As direccións dos centros ou, de non ser posible, o profesorado, poderán autorizar o emprego proporcionado e razoable dos dispositivos por cuestións de oportunidade ou necesidade, médicas ou doutra índole, sempre e cando o motivo estea xustificado da maneira que se considere en cada caso.
Os centros educativos que impartan ensinanzas de formación profesional de grao superior, de réxime especial ou de adultos, baseándose na súa autonomía organizativa e nas súas características, poderán adaptar as limitacións establecidas para os períodos non lectivos a que se refire o número anterior respecto desas ensinanzas».
Cinco. Modifícase o número 7 do artigo 37, que queda redactado como segue:
«7. A resolución do procedemento notificarase á nai ou ao pai, á titora ou ao titor legal da alumna ou do alumno, ou á propia alumna ou alumno se for maior de idade, nun prazo máximo de doce días lectivos desde que se tivo coñecemento dos feitos que deron lugar á incoación do procedemento, e comunicarase igualmente á Inspección Educativa.
Para os efectos do antedito prazo máximo, nos casos de acoso e ciberacoso escolar o prazo máximo de doce días lectivos comezará a contarse desde que finalice o período de información previa que deberá abrirse neste suposto consonte o disposto no artigo 47.1».
Seis. Modifícase o número 1 do artigo 47, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. A dirección do centro, unha vez que teña coñecemento dos feitos ou condutas que vaian ser corrixidos, se o considera necesario, poderá acordar a apertura dun período de información previa, co fin de coñecer con máis exactitude as circunstancias concretas en que se produciu a conduta que se vai corrixir e a oportunidade ou non de aplicar o procedemento conciliado. Esta información previa deberá estar realizada no prazo máximo de dous días lectivos desde que se tivo coñecemento dos feitos, tendo en conta o establecido no punto 7 do artigo 37.
Nos supostos de feitos ou condutas que puideren constituír acoso ou ciberacoso escolar, a dirección do centro deberá abrir un período de información previa para esclarecer os feitos e determinar, se é o caso, a pertinencia de abrir o procedemento corrector. Nestes casos o prazo máximo para este período de información previa será de sete días lectivos, contados desde que a dirección reciba a comunicación da presunta situación de acoso ou ciberacoso escolar».
Sete. Engádese a disposición adicional décima coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décima. Normas de organización, funcionamento e convivencia
As normas de organización e funcionamento e as normas de convivencia a que se refire este decreto conformarán as normas de organización, funcionamento e convivencia (NOFC) de acordo co artigo 124 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación».
CAPÍTULO VI
Política social
Artigo 45. Modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase a alínea b) do número 3 do artigo 40, que pasa a ter a seguinte redacción:
«b) Emitir ditames no eido dos servizos sociais, por instancia da consellaría competente en materia de servizos sociais».
Dous. Engádese un título XI, coa seguinte redacción:
«TÍTULO XI
Procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito
ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 98. Inicio do procedemento
1. O procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia (en adiante, SAAD), iniciarase por instancia da persoa que poida estar afectada por algún grao de dependencia ou de quen exerza a súa representación.
2. Na mesma solicitude a persoa interesada poderá solicitar o recoñecemento do grao de discapacidade que corresponda, o que dará lugar á tramitación dun único procedemento que rematará nunha única resolución e no cal se observará, en todo caso, a normativa estatal aplicable en materia de dependencia e discapacidade.
3. As solicitudes de recoñecemento do grao de discapacidade que se formulen á marxe do procedemento de recoñecemento do grao de dependencia regulado nesta lei rexeranse pola normativa que regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade.
Artigo 99. Solicitude e documentación complementaria
1. A solicitude axustarase ao modelo normalizado dispoñible na sede electrónica e deberá ir acompañada da documentación acreditativa da representación, de ser o caso.
2. No suposto de consentir expresamente a consulta de datos por parte da Administración no modelo de solicitude, non será necesaria a achega de ningunha outra documentación que conste en poder das administracións públicas e poida ser consultada ou obtida pola Administración autonómica.
Artigo 100. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes poderán presentarse:
a) Preferentemente, de forma electrónica, a través dos modelos normalizados dispoñibles na sede electrónica (https://sede.xunta.gal).
b) Presencialmente, no rexistro do concello a que correspondan os servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. As persoas traballadoras sociais da Xunta de Galicia e das entidades locais actuarán como profesionais de referencia das persoas interesadas, informándoas e orientándoas en relación cos trámites do procedemento e as modalidades de recurso máis adecuado en atención ás súas circunstancias, asistíndoas no curso do procedemento e efectuando o seu seguimento. Así mesmo, asistirán as persoas que o requiran para completaren e presentaren a solicitude.
Artigo 101. Tramitación prioritaria
Tramitaranse prioritariamente as solicitudes de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do SAAD e, de ser o caso, as de recoñecemento do grao de discapacidade que se integren no devandito procedemento, cando se atopen nalgún dos seguintes supostos:
a) Emerxencia social. Entenderase que existe emerxencia social cando da documentación dispoñible se deduza unha desprotección grave a nivel persoal e de saúde, social e/ou familiar, que requira unha intervención inmediata e ineludible para evitar que esa situación supoña un risco grave para a vida da persoa solicitante.
b) Que a persoa interesada sexa menor de 3 anos ou maior de 80.
c) Que a persoa interesada padeza esclerose lateral amiotrófica (ELA), ataxias rapidamente progresivas, distrofias musculares, escleroses múltiples de evolución rápida, enfermidades metabólicas con trastornos motores ou neoplasias en estadio IV.
Artigo 102. Emenda da solicitude
De a solicitude non reunir os requisitos exixidos ou non ir acompañada da documentación preceptiva, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, será tida por desistida da súa petición, de conformidade co establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 103. Valoración
1. A valoración da situación de dependencia e, de ser o caso, de discapacidade, levarase a cabo mediante a aplicación dos baremos correspondentes, de conformidade co establecido na normativa estatal de dependencia e discapacidade, respectivamente.
Para estes efectos, no caso de que a persoa solicitante o consentir na solicitude, o órgano competente en materia de dependencia solicitará de oficio aos órganos competentes do Servizo Galego de Saúde o informe de saúde necesario para realizar a valoración.
2. A aplicación do baremo da dependencia e, de ser o caso, do de discapacidade corresponderalle ao persoal técnico de valoración, formado por profesionais da área sanitaria e social dependentes dos departamentos territoriais da consellaría competente en materia de servizos sociais. Tamén poderá ser aplicado por profesionais da área social da consellaría competente en materia de sanidade que presten servizos no municipio onde resida a persoa solicitante ou noutro próximo a el, así como a través do correspondente instrumento de colaboración formalizado cos respectivos concellos, polas persoas traballadoras sociais destes.
3. Os baremos establecidos normativamente aplicaranse tendo en conta o contorno habitual da persoa solicitante. En particular, naqueles supostos en que, á vista dos informes existentes, se poida determinar claramente que a súa situación é compatible co maior grao de dependencia, poderase realizar a súa valoración tendo en conta unicamente a documentación que figura no expediente.
4. Só será obrigatoria a comparecencia das persoas nas oficinas públicas dos equipos técnicos de valoración, tanto presencial como telematicamente, cando se considere imprescindible tecnicamente para efectuar a valoración, de conformidade co establecido no artigo 19 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
5. No caso de que se solicite o recoñecemento do grao de discapacidade xunto co de dependencia, os órganos competentes en materia de discapacidade e dependencia deberán coordinarse para que se realice unha única valoración.
Artigo 104. Equipos técnicos de valoración
1. Os equipos técnicos de valoración estarán adscritos á dirección territorial que en cada caso corresponda, sen prexuízo das funcións de coordinación atribuídas ás persoas titulares das xefaturas dos servizos territoriais correspondentes.
2. Cada equipo técnico de valoración estará integrado por un mínimo de tres profesionais. Os equipos técnicos de valoración deberán contar na súa composición, en todo caso, con profesionais da área sanitaria e con profesionais da área social, con titulación mínima de grao universitario ou equivalente.
3. As persoas titulares dos servizos de dependencia e discapacidade dos departamentos territoriais poderán dispor a actuación conxunta ou individual do persoal técnico de valoración e do persoal asignado aos equipos técnicos de valoración en determinados asuntos ou categorías deles, así como reorganizar os equipos técnicos de valoración e tomar parte nas súas reunións por razóns de impulso e axilización dos procedementos, coordinación, repartición ou distribución do traballo, ou pola natureza ou complexidade das materias, calquera que sexa, de ser o caso, a unidade a que estiver organicamente atribuído o coñecemento do asunto.
Artigo 105. Funcións dos equipos técnicos de valoración
Serán funcións dos equipos técnicos de valoración:
a) Revisar a información sanitaria, o informe social, de ser o caso, e a restante documentación que conste no expediente ou calquera outra información complementaria e necesaria para os efectos de desenvolver a valoración.
b) Solicitar, cando as circunstancias concorrentes así o aconsellen, un informe dos servizos sociais co obxecto de valorar a situación sociofamiliar da persoa solicitante.
c) Propor un ditame sobre o grao de dependencia e, de ser o caso, identificar os servizos, recursos e prestacións máis adecuados, atendendo ás preferencias da persoa solicitante. Tamén deberá pronunciarse sobre o recoñecemento, a declaración e a cualificación do grao de discapacidade, cando así se solicitase.
d) Emitir aqueles informes que lles soliciten as administracións públicas en materia de valoración da situación de dependencia, así como do programa individual de atención e de discapacidade.
e) Impulsar medidas formativas en materia de dependencia e discapacidade.
f) Aqueloutras funcións que lles sexan atribuídas no ámbito do asesoramento e a avaliación.
Artigo 106. Ditame-proposta sobre o grao de dependencia e discapacidade
1. Os equipos técnicos de valoración emitirán un ditame-proposta que terá en conta o informe de saúde, as valoracións efectuadas polo persoal técnico, o resultado da aplicación do baremo da dependencia e o informe sociofamiliar dos servizos sociais, de ser o caso, e recollerá a identificación dos servizos, recursos e prestacións máis adecuados, atendendo ás preferencias da persoa solicitante.
2. O ditame-proposta conterá, como mínimo:
a) O diagnóstico, a puntuación do baremo e o grao de dependencia.
b) O carácter permanente ou revisable do grao de dependencia de acordo co seguinte:
1º. No caso de menores de 3 anos, a valoración terá carácter non permanente e estableceranse revisións de oficio periódicas cando os/as menores fagan 6, 12, 18, 24 e 30 meses. Aos 36 meses todos/as os/as menores deberán ser de novo avaliados/as co baremo recoñecido normativamente aplicable para a súa idade.
2º. No caso de menores de idade a partir de 3 anos, estableceranse revisións que deberán ser realizadas de oficio, como mínimo unha revisión por cada tramo de idade en que se divide o baremo, segundo os criterios establecidos no Real decreto 174/2011, do 11 de febreiro, polo que se aproba o baremo de valoración da situación de dependencia establecido pola Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
3º. Nos demais casos, establecerase un prazo máximo en que se deberá efectuar a primeira revisión do grao resolto cando sexa necesario, en función das circunstancias concorrentes.
3. No caso de que fose solicitado o recoñecemento da discapacidade, os ditames-proposta dos equipos técnicos de valoración pronunciaranse, en particular, sobre esta circunstancia, tendo en conta a información e os elementos indicados no número 1. Nestes casos, o contido do ditame-proposta axustarase ao establecido na normativa de discapacidade.
Artigo 107. Programa individual de atención
1. Cando o ditame-proposta propoña o recoñecemento da situación de dependencia, os servizos territoriais da consellaría con competencias en materia de servizos sociais procederán a elaborar o programa individual de atención, no cal se determinarán as modalidades e as intensidades de intervención máis adecuadas en atención ás necesidades e ao grao de dependencia proposto.
2. O programa individual de atención terá en conta as expectativas ou necesidades de atención a través dos servizos ou das prestacións económicas do Sistema para a autonomía e atención á dependencia manifestadas pola persoa interesada.
3. O programa individual de atención incluirá o recurso asignado do Sistema para a autonomía e atención á dependencia e, de ser o caso, aquel ou aqueles recursos que lle correspondan ao interesado mentres non se produza a efectividade do recurso asignado.
No caso dos servizos, indicará a participación da persoa beneficiaria no seu custo e, no caso das prestacións económicas, indicará as contías e mais a data e inicio destas.
CAPÍTULO II
Revisión do grao de dependencia e do programa individual de atención
Artigo 108. Causas de revisión do grao de dependencia e do programa individual de atención
1. O grao de dependencia será revisable polas causas establecidas no artigo 30 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situacións de dependencia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, a revisión do grao de discapacidade, cando así se solicite ao instar a revisión do grao de dependencia, procederá nos supostos establecidos no artigo 12 do Real decreto 888/2022, do 18 de outubro, polo que se establece o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade.
2. En todo caso, o grao de dependencia revisarase nos seguintes supostos:
a) No caso de menores de 3 anos, cando os/as menores fagan 6, 12, 18, 24 e 30 meses. Aos 36 meses todos/as os/as menores deberán ser de novo avaliados/as co baremo recoñecido normativamente aplicable para a súa idade.
b) No caso de menores de idade a partir de 3 anos realizarase de oficio unha revisión por cada tramo de idade en que se divide o baremo, segundo os criterios establecidos no Real decreto 174/2011, do 11 de febreiro, polo que se aproba o baremo de valoración da situación de dependencia establecido pola Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
c) Cando as persoas valoradas presenten unha dependencia de carácter permanente, derivada da idade, da enfermidade ou da discapacidade e teñan posibilidades razoables de mellorar o grao de severidade de dependencia valorado.
d) Cando o propio proceso evolutivo e/ou madurativo, a adaptación a novas situacións, a aparición de novas medidas terapéuticas ou a estabilización poida producir un cambio da situación de dependencia valorada.
e) Cando o equipo técnico de valoración indique a conveniencia de incorporar produtos de apoio e/ou medidas de mellora da accesibilidade do contorno entre os coidados que poida requirir a persoa en situación de dependencia.
f) Nos demais casos, no prazo máximo que se estableza na resolución de recoñecemento, en función das circunstancias concorrentes.
3. O programa individual de atención será revisado nos seguintes supostos:
a) Cando se produza unha revisión do grao de dependencia recoñecido, sempre que esta implique unha modificación das prestacións económicas ou dos servizos recibidos.
b) Polo traslado de residencia á Comunidade Autónoma de Galicia desde outra comunidade autónoma.
c) Cando existan circunstancias obxectivas que aconsellen a súa revisión.
d) Por proposta do persoal traballador social responsable do seguimento do programa individual de atención.
Artigo 109. Procedemento de revisión
1. O procedemento de revisión do grao de dependencia e do programa individual de atención poderá iniciarse de oficio ou por instancia da persoa interesada, mediante o correspondente modelo normalizado dispoñible na sede electrónica, dirixido ao órgano do departamento territorial da consellaría con competencias en materia de servizos sociais do domicilio da persoa interesada. Na mesma solicitude poderá solicitar tamén a revisión do grao de discapacidade.
2. Con carácter xeral, o procedemento para a revisión do grao de dependencia e do grao de discapacidade, cando se solicite conxuntamente con aquel, requirirá unicamente a actualización do informe de saúde da persoa interesada e a emisión do ditame-proposta do equipo técnico de valoración. Nos casos de revisión do programa individual de atención, cando as circunstancias concorrentes así o aconsellen o equipo técnico de valoración poderá solicitar, con carácter previo á emisión do seu ditame-proposta, un informe dos servizos sociais co obxecto de valorar a situación sociofamiliar da persoa.
3. O ditame-proposta do equipo técnico de valoración emitirase tendo en conta o informe de saúde actualizado e o informe do contorno sociofamiliar emitido polos servizos sociais, de ser o caso, e recollerá o grao resultante da revisión e a identificación dos servizos, recursos e prestacións máis adecuados, cando sexa preciso modificalos en atención ás novas circunstancias.
CAPÍTULO III
Disposicións comúns ao procedemento de recoñecemento e revisión da
situación de dependencia e do dereito ás prestacións do SAAD
Artigo 110. Resolución
1. A persoa titular do departamento territorial da consellaría con competencias en materia de servizos sociais ditará a correspondente resolución que, se for o caso, determinará o grao de dependencia da persoa solicitante e aprobará o programa individual de atención.
2. A resolución indicará, de ser o caso, o carácter permanente ou revisable do grao de dependencia e determinará, cando proceda, o prazo máximo en que deba efectuarse a revisión.
3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución en materia de dependencia será de seis meses, contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
4. No caso de que tamén fose solicitado o recoñecemento do grao de discapacidade, a resolución deberá pronunciarse sobre ambas as circunstancias e axustarase, no referido a este, ao establecido na normativa de discapacidade. O prazo máximo de seis meses para notificar e resolver previsto no número anterior aplicarase ás solicitudes de recoñecemento do grao de discapacidade que se formulen xunto coas de dependencia, que se tramitarán no mesmo procedemento. O recoñecemento do grao de discapacidade entenderase producido desde a data de presentación da solicitude. Na resolución deberá figurar expresamente a data en que deba ter lugar a revisión, salvo que sexa definitivo.
Artigo 111. Efectividade do dereito ás prestacións económicas en materia de dependencia
1. A efectividade do dereito ás prestacións económicas producirase a partir do primeiro día do mes seguinte ao da data da resolución en que se recoñeza a concreta prestación económica.
2. No caso de que se dite e notifique a resolución, de contido estimatorio, unha vez transcorrido o prazo de seis meses desde a presentación da solicitude, a efectividade do dereito ás prestacións económicas producirase, con carácter retroactivo, a partir do primeiro día do mes seguinte á data en que se cumpra o indicado prazo máximo.
3. Non obstante, nos supostos de persoas solicitantes menores de 3 anos, os efectos económicos produciranse nos casos previstos nos números 1 e 2 desde o primeiro día do mes seguinte á data de entrada da solicitude.
Artigo 112. Reclamación administrativa previa
De conformidade co establecido no artigo 71.2 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social, contra a resolución de recoñecemento da situación de dependencia, do dereito ás prestacións do SAAD, da súa revisión e, de ser o caso, de recoñecemento de discapacidade, e da súa revisión, a persoa interesada poderá interpoñer, no prazo de trinta días desde a súa notificación, reclamación previa á vía xurisdicional social.
De conformidade co establecido no artigo 71.5 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, formulada reclamación previa, o órgano competente deberá contestar expresamente a ela no prazo de corenta e cinco días. En caso contrario entenderase denegada a reclamación por silencio administrativo.
CAPÍTULO IV
Coordinación
Artigo 113. Coordinación
De acordo co disposto no artigo 12 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, a Administración autonómica poderá crear comisións sectoriais específicas ou grupos de traballo dos cales formen parte os órganos da Administración autonómica entre os que exista interrelación competencial ou funcional na materia, así como as entidades locais, coa finalidade de impulsar instrucións, acordos e protocolos de actuación conxunta.
Artigo 114. Procedementos de coordinación sociosanitaria
1. En cumprimento do disposto no artigo 11.1º.c) da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situacións de dependencia, as consellarías competentes en materia de saúde e de servizos sociais velarán pola coordinación entre o sistema público de servizos sociais e o sistema de saúde, para garantir unha efectiva atención ás persoas en situación de dependencia.
2. Para estes efectos, as consellarías indicadas no número anterior formalizarán un protocolo de coordinación de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 14/2013, de 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no cal se articulará a relación orgánica e funcional entre elas co obxecto de establecer as vías de solicitude dos informes de saúde, o formato destes, os tempos de emisión, e os mecanismos e comisións de seguimento do cumprimento do protocolo, co obxecto de asegurar que o persoal técnico e os equipos técnicos de valoración dispoñan dos informes con tempo suficiente para cumprir os prazos procedementais.
3. Para os efectos de asegurar a máxima axilidade e eficacia nos informes de saúde nos procedementos de dependencia e discapacidade, a consellaría competente en materia de sanidade poderá acudir a convenios ou acordos coas mutuas colaboradoras coa Seguridade Social, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 82.4.e) do Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social e demais normativa estatal aplicable».
Tres. Engádese unha disposición adicional décima, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décima. Sistemas de información da dependencia e da discapacidade
No primeiro semestre do ano 2025 realizaranse as xestións necesarias para que os sistemas de información que dan soporte á tramitación dos procedementos de recoñecemento da dependencia e da discapacidade incorporen:
a) Os mecanismos de interconexión e comunicación tecnolóxica que optimicen a utilización e o aproveitamento da información en ambos os procedementos.
b) As modificacións tecnolóxicas que sexan necesarias para que o persoal dos servizos centrais e territoriais poida realizar directamente explotacións personalizadas e en tempo real dos datos existentes nos devanditos sistemas».
Catro. Engádese unha disposición adicional décimo primeira, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo primeira. Formación
A Administración autonómica desenvolverá un plan de formación coa finalidade de facilitar a adquisición das competencias e habilidades necesarias para a xestión dos procedementos de dependencia e discapacidade.
En concreto, para as/os traballadoras/es sociais de referencia, realizaranse periodicamente sesións divulgativas, campañas de difusión, instrucións ou calquera outra actuación orientada aos traballadores sociais de referencia, coa finalidade de proporcionarlles información actualizada coas modificacións normativas, novidades de xestión e outros cambios relativos aos procedementos de recoñecemento da situación de dependencia e discapacidade».
Cinco. Engádese unha disposición adicional décimo segunda, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo segunda. Normas de simplificación procedemental
1. Co obxecto de garantir unha efectiva atención da dependencia e da discapacidade, e por razóns de simplificación do procedemento de valoración, a consellaría competente en materia de servizos sociais ditará instrucións para facilitar a homoxeneidade das valoracións efectuadas polo persoal técnico e dos equipos técnicos de valoración e a súa aplicación igual a casos análogos.
2. Para estes efectos, nas indicadas instrucións procurarase o establecemento de criterios de homologación e equivalencia, de tal maneira que, no caso de que, por aplicación da normativa e dos baremos de discapacidade, deba recoñecerse un grao de discapacidade nas situacións de dependencia, presumirase, con carácter xeral, que serán aplicables as seguintes equivalencias:
a) Grao de dependencia I: grao de discapacidade do 33 %, como mínimo.
b) Grao de dependencia II: grao de discapacidade do 66 %, como mínimo.
c) Grao de dependencia III: grao de discapacidade do 100 %.
3. Non será aplicable a presunción de equivalencia establecida no número anterior naqueles casos en que, de acordo coa documentación que consta no expediente e coa aplicación do baremo establecido, poida concluírse, polas circunstancias do caso concreto, que o grao de discapacidade da persoa interesada é diferente ao indicado.
4. As presuncións establecidas nesta disposición aplicaranse a aquelas persoas que, na data de entrada en vigor desta lei, teñan recoñecida a situación de dependencia e solicitado, pero non resolto expresamente, o recoñecemento de grao de discapacidade, sempre que da información que consta no expediente e de acordo coa aplicación do baremo poida concluírse, atendendo ás circunstancias do caso concreto, que o grao de discapacidade da persoa interesada coincide, como mínimo, cos indicados anteriormente».
Artigo 46. Modificación do Decreto 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación
Modifícase a alínea b) do número 1 do artigo 4 do Decreto 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación, que queda redactada do seguinte xeito:
«b) Emitir ditames no eido dos servizos sociais, por instancia da consellaría competente en materia de servizos sociais».
Artigo 47. Modificación do Decreto 142/2023, do 21 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes
O Decreto 142/2023, do 21 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, queda modificado como segue:
Un. Suprímense os artigos 8, 9 e 10, que quedan sen contido.
Dous. Suprímese o título I, así como os capítulos, seccións e artigos 14 a 28 que o conforman.
CAPÍTULO VII
Igualdade
Artigo 48. Modificación da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia
Modifícase a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que queda modificada como segue:
Un. Modifícase a alínea e) do artigo 175, que queda redactada como segue:
«e) Emitir informe desde a perspectiva de xénero de cada convenio colectivo que se rexistre ante a autoridade laboral, co fin de velar polo respecto ao principio de igualdade. Tales informes serán remitidos á Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva».
Dous. Modifícanse as alíneas l), m) e n) do número 3 do artigo 179, que pasan a ter a seguinte redacción:
«l) Dúas persoas designadas pola consellaría competente en materia de medio rural relacionadas cos sectores profesionais nos que a presenza de mulleres é a maioritaria e dúas persoas designadas pola consellaría competente en materia de mar en representación do sector acuícola, o da transformación ou doutras actividades relacionadas coa pesca nas que as mulleres representen a maioría das persoas traballadoras do sector; en particular as mariscadoras, as redeiras e as representantes do sector da conserva, entre outros.
m) Tres persoas en representación das entidades agrarias que forman parte do Consello Agrario Galego.
n) Tres persoas designadas pola Federación Galega de Confrarías, por proposta das federacións provinciais de confrarías, en representación do sector extractivo».
Tres. Modifícase a alínea j) do número 2 do artigo 180, que queda redactada como segue:
«j) As tres persoas que formen parte do Observatorio en representación das entidades agrarias que forman parte do Consello Agrario Galego».
Catro. Modifícase a alínea j) do número 3 do artigo 180, que queda redactada do seguinte xeito:
«j) As tres persoas que formen parte do Observatorio en representación da Federación Galega de Confrarías, por proposta das federacións provinciais de confrarías».
CAPÍTULO VIII
Economía e industria
Sección 1ª. Medidas temporais e excepcionais dirixidas á creación
de solo empresarial
Artigo 49. Proxectos de interese autonómico para a creación de solo empresarial en concellos rurais
1. Co obxecto de favorecer a implantación de iniciativas empresariais e industriais en áreas rurais, a redución dos prazos de inicio das actividades económicas, a creación de empregos e o impulso e a dinamización demográficos, o sector público autonómico fomentará a creación de solo empresarial en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.
Para estes efectos, como medida temporal e extraordinaria, habilítase a posibilidade de declarar e aprobar proxectos de interese autonómico de creación de solo empresarial en concellos rurais, consonte o disposto nesta sección.
2. A utilización deste mecanismo excepcional só procederá naqueles casos en que o instrumento de ordenación do territorio aplicable para a creación do solo empresarial sexa un proxecto de interese autonómico, de tipo non previsto, consonte as previsións do artigo 8.3.c) da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, e da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.
3. Será posible acollerse a esta medida temporal e excepcional ata o 31 de decembro de 2029.
Artigo 50. Requisitos para a declaración e aprobación como proxectos de interese autonómico
1. Para poder acceder á declaración e aprobación como proxectos de interese autonómico polo procedemento regulado nesta sección, é necesario que as iniciativas privadas de creación de solo empresarial en áreas rurais reúnan, con carácter xeral, os requisitos exixidos pola Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e pola Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia. Adicionalmente, tamén deberán cumprir as seguintes condicións:
a) A área de creación do solo empresarial deberá estar comprendida dentro do ámbito territorial dun ou varios concellos que, respectivamente, teñan unha poboación inferior a 20.000 habitantes.
b) A delimitación da área proposta para a creación de solo empresarial deberá incluír, como mínimo, tres parcelas que permitan desenvolver distintas actividades pertencentes aos sectores secundario ou terciario.
c) As parcelas propostas deberán estar destinadas, maioritariamente, a pequenas e medianas empresas.
d) A superficie da área proposta para a creación de solo empresarial non poderá exceder de 5 hectáreas.
2. O procedemento para a declaración e aprobación do proxecto de interese autonómico para a creación do solo empresarial en áreas rurais será o previsto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, xunto coas especialidades que resultan dos artigos seguintes.
Artigo 51. Especialidades para a declaración e aprobación como proxectos de interese autonómico
1. Con carácter xeral, aplicaranse as medidas de axilización procedemental previstas no artigo 25 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
2. Na solicitude de declaración como proxecto de interese autonómico, as persoas ou entidades promotoras deberán xustificar expresamente a inexistencia, a curto prazo, doutras posibilidades reais que permitan a implantación de iniciativas empresariais dentro do ámbito territorial da actuación proxectada.
3. Á hora de valorar a procedencia da declaración como proxectos de interese autonómico tomarase en consideración, alén dos requisitos xerais da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, a existencia de compromisos firmes de implantación de empresas e de creación de emprego no solo empresarial resultante.
4. Sen prexuízo das medidas de axilización procedemental aplicables, o prazo máximo para a emisión dos informes exixidos polo artigo 42.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, será de quince días.
5. O trámite de audiencia regulado no artigo 42.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, será por un prazo máximo de quince días.
6. A declaración como proxecto de interese autonómico implicará, a maiores dos efectos previstos na normativa vixente, a xustificación da concorrencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia do procedemento necesario para a aprobación do proxecto, que suporá a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes, recursos e, en xeral, aqueles prazos taxados por normativa estatal básica que non poidan ser obxecto de redución.
A amentada declaración tamén implicará o carácter prioritario da tramitación por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia do procedemento de aprobación do proxecto de interese autonómico.
7. Os proxectos de interese autonómico regulados nesta sección poderán afectar calquera clase de solo e mesmo poderán referirse a actuacións previstas no planeamento urbanístico vixente.
Artigo 52. Persoas promotoras do proxecto de interese autonómico
1. No caso de que as indicadas iniciativas de creación de solo empresarial en áreas rurais non sexan promovidas por unha mesma persoa ou entidade, deberá existir un acordo asinado e vinculante entre todos os promotores.
2. O acordo previsto no número anterior deberá definir o réxime de dereitos e obrigas de cada unha das partes, en relación co desenvolvemento e execución do proxecto de interese autonómico. En particular, deberá recoller a repartición dos custos de execución das infraestruturas, equipamentos e dotacións da área empresarial, incluída a urbanización, así como o seu mantemento e a súa conservación posteriores.
3. O acordo regulado neste artigo, entre outros compromisos, tamén poderá incluír a obriga de constituír, entre todas as persoas ou entidades promotoras, unha sociedade con personalidade xurídica propia que teña por obxecto o desenvolvemento e execución do proxecto de interese autonómico.
Artigo 53. Participación de administracións públicas e de entidades do sector público
1. A consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial, así como o resto de entidades do sector público autonómico, poderán prestar a súa colaboración e asesoramento, nos termos previstos na normativa vixente, ás persoas ou entidades que promovan a declaración e aprobación como proxecto de interese autonómico das iniciativas de creación de solo empresarial reguladas nesta sección.
2. No marco desta colaboración coas amentadas persoas ou entidades promotoras, as entidades instrumentais do sector público autonómico con competencias en materia de creación de solo empresarial tamén poderán adquirir a condición de promotoras do proxecto de interese autonómico. Para estes efectos, deberá formalizarse o instrumento xurídico que, consonte a normativa vixente, resulte aplicable.
3. As entidades do sector público local en cuxo ámbito territorial se vaia desenvolver o proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado poderán prestar a súa colaboración e asesoramento nos mesmos termos que os previstos nos números anteriores, consonte, en todo caso, a normativa que lles resulte aplicable.
4. As restantes entidades do sector público con competencias en materia de fomento industrial tamén poderán prestar a súa colaboración e asesoramento ás persoas ou entidades promotoras, nos mesmos termos que os previstos no números 1 e 2.
5. No caso de que unha ou varias administracións públicas ou entidades do sector público actúen como promotoras dos proxectos de interese autonómico regulados nesta sección, a súa participación deberá ser sempre minoritaria. Para estes efectos, a participación de carácter público na iniciativa non poderá exceder do 40 por cento dos investimentos previstos ou comprometidos.
6. Para os efectos da Lei 3/2022, do 18 de outubro, as iniciativas en que concorra a eventual participación de administracións públicas ou entidades do sector público a que fan referencia os números anteriores terán a consideración de promocións privadas, sempre que se respecten os limiares establecidos neste artigo.
Sección 2ª. Outras medidas en materia de economía e industria
Artigo 54. Modificación da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia
Modifícase a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactada como segue:
Un. Modifícase o artigo 8, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 8. Composición
1. O Consello da Minaría de Galicia estará composto polas seguintes persoas:
a) Presidencia: a persoa titular da consellaría competente en materia de minas ou a persoa en quen delegue.
b) Vicepresidencia: a persoa titular do centro directivo competente en materia de minas ou a persoa en quen delegue.
c) Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos Minerais ou a persoa en quen delegue.
d) Vogalías. O Consello incluirá as seguintes persoas vogais:
1º. Unha persoa representante da consellaría competente en materia de minas.
2º. Unha persoa representante da consellaría competente en materia de industria.
3º. Unha persoa representante do centro directivo da Administración autonómica competente en materia de planificación enerxética.
4º. Unha persoa representante do centro directivo da Administración autonómica competente en materia de seguridade e saúde laboral.
5º. Unha persoa representante do centro directivo da Administración autonómica competente en materia de saúde pública.
6º. Unha persoa representante do centro directivo da Administración autonómica competente en materia de patrimonio natural.
7º. Unha persoa representante do centro directivo da Administración autonómica competente en materia de patrimonio cultural.
8º. Unha persoa representante do centro directivo da Administración autonómica competente en materia de dominio público hidráulico.
9º. Unha persoa representante do centro directivo da Administración autonómica competente en materia de ordenación do territorio.
10º. Unha persoa representante do centro directivo da Administración autonómica competente en materia de planificación de extensión agraria.
11º. Unha persoa representante do centro directivo da Administración autonómica competente en materia de planificación e ordenación forestal.
12º. Unha persoa representante dos municipios mineiros galegos, designada por acordo dos concellos que teñan recoñecida a devandita condición.
13º. Unha persoa representante de cada un dos colexios profesionais de enxeñeiros de minas, enxeñeiros técnicos de minas e xeólogos, en cuxo ámbito territorial de actuación se atope a Comunidade Autónoma de Galicia.
14º. Unha persoa representante da asociación con maior representatividade en Galicia do sector da lousa.
15º. Unha persoa representante da asociación con maior representatividade en Galicia do sector do granito.
16º. Unha persoa representante da asociación con maior representatividade en Galicia do sector dos agregados.
17º. Unha persoa representante da Federación Galega de Municipios.
18º. Unha persoa representante da asociación con maior representatividade en Galicia do sector das augas minerais.
19º. Unha persoa representante da asociación con maior representatividade en Galicia do sector dos balnearios.
20º. Unha persoa representante da asociación con maior representación en Galicia do sector dos materiais cerámicos.
21º. Tres persoas representantes da Cámara Oficial Mineira de Galicia.
22º. Tres persoas representantes das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do previsto pola Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.
23º. Tres persoas representantes das organizacións ou asociacións empresariais intersectoriais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o previsto na Lei 17/2008, do 29 de decembro.
2. O Consello poderá acordar, por maioría simple, que ás súas sesións asistan outras persoas en representación dos órganos, colexios profesionais, asociacións ou organizacións sindicais e empresariais cuxa asistencia se considere necesaria ou conveniente para tratar os asuntos incluídos na orde do día. As devanditas persoas poderán asistir ás sesións do Consello e ser escoitadas, pero non poderán participar nas deliberacións nin, de ser o caso, nas votacións.
Ademais, as persoas integrantes do órgano colexiado poderán contar co asesoramento das persoas técnicas nas distintas materias que se considere conveniente, para a correcta realización das súas funcións. As devanditas persoas poderán asistir ás sesións do Consello e ser escoitadas, pero non poderán participar nas deliberacións nin, de ser o caso, nas votacións.
3. Os membros e a persoa que exerza a secretaría do Consello serán nomeados e separados pola persoa titular da consellaría competente en materia de minas, por proposta das correspondentes consellarías, órganos administrativos ou organizacións representativas de intereses sociais.
Na súa composición procurarase a presenza equilibrada entre mulleres e homes.
A duración do mandato será de catro anos para os membros e os suplentes que non actúen en representación da Administración autonómica.
4. O Consello reunirase, cando menos, unha vez ao ano, mediante convocatoria da persoa titular da súa presidencia. Ademais, poderá reunirse cantas veces se considere necesario, por instancia da mesma persoa ou por solicitude de, polo menos, un terzo dos seus membros.
5. O Consello establecerá, no marco deste artigo, o seu propio regulamento de organización e funcionamento.
6. O Pleno do Consello da Minaría de Galicia poderá crear no seu seo os grupos de traballo que considere conveniente».
Dous. Modifícase o artigo 19 bis, que queda redactado como segue:
«Artigo 19 bis. Solicitudes de reclasificación de dereitos mineiros da sección A)
1. O procedemento de reclasificación iniciarase mediante a presentación de solicitude, á cal se xuntará a documentación que xustifique o cumprimento dalgún dos supostos que permiten exceptuar a clasificación da explotación na sección A), segundo o previsto no segundo parágrafo do artigo 1.1.a), así como a superación dalgún dos limiares do artigo 1.1.b) do Real decreto 107/1995, do 27 de xaneiro, polo que se fixan criterios de valoración para configurar a sección A) da Lei de minas, ou norma que a substitúa.
A Administración, logo de comprobar e analizar o cumprimento dos requisitos anteriores, procederá á resolución de clasificación do recurso na sección C), con aplicación do tratamento fiscal previsto no Real decreto 107/1995, do 27 de xaneiro.
2. Unha vez clasificado o recurso ou xacemento, comunicarase á persoa interesada e procederase á tramitación da solicitude da correspondente concesión de explotación. No caso de que a superficie ocupada pola explotación da sección A) non alcance a superficie mínima requirida pola lei, poderase ampliar a solicitude ata completar a cuadrícula mineira, sempre que o novo terreo teña a consideración de franco. A devandita solicitude someterase a información pública, así como a trámite de audiencia de todas as persoas titulares de autorizacións de explotación de recursos da sección A) situadas nas cuadrículas mineiras que puideren verse afectadas.
Deberanse rexeitar motivadamente aquelas solicitudes que afecten recursos distintos dos que se viñeron aproveitando ao amparo da autorización de explotación da sección A) e todas aquelas que, dadas as circunstancias apreciadas polo órgano mineiro competente, fosen formuladas con manifesto abuso de dereito ou entrañen fraude de lei.
3. Os terreos francos que non reúnan as condicións mínimas de extensión serán considerados como demasías e outorgaranse de conformidade coa disposición transitoria sétima da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e o artigo 57 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto.
Os terreos que estean ocupados por dereitos da sección C) ou D) que fosen caducados consideraranse francos desde o momento en que a citada declaración de caducidade adquira firmeza en vía administrativa.
4. Se os terreos onde están situadas as explotacións non foren francos, recoñeceráselles tal circunstancia, mantendo a autorización de explotación exclusivamente para o recurso ou recursos de que se trate, que se regulará polas normas do título III da Lei 22/1973, do 21 de xullo, sen prexuízo dos dereitos do peticionario ou titular do permiso de investigación ou concesión de explotación aos demais recursos da sección C).
Desaparecidas as causas que impedían que o terreo for franco, notificaráselle esta circunstancia á persoa titular da autorización a que se refire o parágrafo anterior para que poida transformar a autorización en concesión de explotación, con dereito a aproveitar os recursos que fosen reclasificados.
5. Aquelas solicitudes que inclúan novas superficies distintas das autorizadas previamente para a súa explotación ou que supoñan un cambio substancial no proxecto de explotación ou plan de restauración aprobado, no seu momento, para o outorgamento da autorización de explotación da sección A), estarán suxeitas ao disposto no artigo 18, e neste caso deberán someterse ao trámite ambiental que lles sexa aplicable».
Tres. Modifícase o número 1 do artigo 35, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. Para o outorgamento de dereitos mineiros sobre os terreos francos resultantes do levantamento dunha zona de reserva ou da declaración de caducidade dun permiso de exploración, dun permiso de investigación ou dunha concesión de explotación mineira, tramitarase o correspondente concurso público, regulado neste artigo e no resto da normativa aplicable. En todo caso, realizaranse convocatorias de concurso diferenciadas por cada provincia.
Unha vez que a declaración de caducidade dun dereito mineiro adquira firmeza en vía administrativa, procederase a efectuar a convocatoria do concurso público a que se refire o parágrafo anterior e publicarase no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia. No prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da última publicación, quen estea interesado no dereito caducado poderá presentar solicitudes.
Se a declaración de caducidade dun dereito obxecto de concurso se debe ao incumprimento das obrigas legais ou das condicións establecidas no título de outorgamento por parte da persoa explotadora ou da persoa titular do dereito, estas non poderán participar no concurso respecto do citado dereito.
Na convocatoria do concurso determinaranse os criterios de selección, así como os parámetros para a súa valoración, tendo en conta, en todo caso, os previstos no artigo seguinte. Estes criterios e parámetros poderán ser establecidos previamente con carácter xeral para as convocatorias de concursos referidas a un ou a varios tipos de recursos mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de minas. En todo caso, na convocatoria do concurso de que se trate poderán establecerse xustificadamente modificacións dos criterios ou parámetros establecidos con carácter xeral para adaptalos ás características ou circunstancias específicas do concurso concreto».
Catro. Modifícase o artigo 45, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 45. Da condición dos municipios mineiros
1. Poderán ser considerados como municipios mineiros aqueles en que se dea algunha das seguintes características:
a) Que exista ou existise nos últimos dez anos unha especial incidencia da minaría para a súa economía.
b) Que nas súas explotacións mineiras se extraian recursos declarados críticos ou estratéxicos pola Comisión Europea, se produza e/ou elabore un material ou materiais ou se empreguen técnicas ou procedementos de extracción de recoñecida calidade no ámbito nacional ou internacional.
c) Que, pola importancia da actividade extractiva no pasado, exista un patrimonio mineiro tanxible ou intanxible susceptible de ser posto en valor.
2. Para os efectos da alínea a) do número 1, considerarase que a minaría presenta unha especial incidencia na economía dun concello cando concorra calquera das seguintes condicións:
a) A creación e o mantemento de emprego directo e indirecto nas explotacións mineiras no municipio en número superior a 40 persoas traballadoras, tendo en conta especialmente a creación de emprego cualificado e o fomento do emprego feminino.
b) O número de explotacións mineiras do municipio, en número superior a cinco.
c) A extensión das explotacións mineiras en número superior a 2.500 hectáreas.
3. No caso de non concorrer ningunha das condicións sinaladas no número anterior, tamén se poderá apreciar, de xeito motivado, que a minaría ten unha especial incidencia na economía dun concello sobre a base dos seguintes criterios:
a) A mellora das condicións de vida dos habitantes dos municipios grazas aos proxectos mineiros e o fomento da súa cohesión local e territorial.
b) O desenvolvemento de negocios locais, especialmente dos relacionados, directa ou indirectamente, co sector mineiro.
c) O número de persoas afiliadas á Seguridade Social no sector mineiro.
d) O impacto das explotacións mineiras presentes e pasadas sobre a cadea de valor industrial local e autonómica e o seu desenvolvemento.
e) A evolución demográfica do municipio en función das explotacións mineiras vixentes.
4. Para apreciar a concorrencia da condición definida na alínea b) do número 1, teranse en consideración os seguintes aspectos:
a) Os premios ou recoñecementos concedidos por entidades e organismos públicos ou privados.
b) As certificacións medioambientais ou de calidade obtidas no funcionamento da explotación, ou en relación cos produtos obtidos dela.
c) A cualificación como materias primas críticas ou minerais estratéxicos dos minerais obtidos na explotación.
5. Para apreciar a concorrencia da condición definida na alínea c) do número 1, teranse en consideración os seguintes aspectos:
a) Que a inclusión do patrimonio mineiro do concello figure no mapa de patrimonio mineiro elaborado polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España.
b) Que o patrimonio mineiro do concello figure incluído no Plan nacional de patrimonio industrial.
c) Que o estado actual do patrimonio mineiro tanxible ou intanxible do concello en cuestión represente un risco de perda patrimonial a curto prazo».
Cinco. Engádense os artigos 45 bis, 45 ter, 45 quater e 45 quinquies, coa seguinte redacción:
«Artigo 45 bis. Rexistro de Municipios Mineiros de Galicia
Créase o Rexistro de Municipios Mineiros de Galicia, no cal se inscribirán todos os municipios mineiros declarados na Comunidade Autónoma de Galicia.
Este rexistro será público e dependerá do centro directivo con competencias en materia de minaría.
Artigo 45 ter. Procedemento de declaración de municipio mineiro
1. O procedemento para a obtención da condición de municipio mineiro iniciarase mediante a presentación dunha solicitude por parte do municipio ou municipios afectados, á cal se xuntará a documentación que xustifique o cumprimento dalgunha das circunstancias establecidas no artigo 45 e que permiten a consideración do municipio como mineiro.
2. Durante a tramitación emitirá informe, con carácter preceptivo e vinculante, o centro directivo competente en materia de minas, para o cal terá en conta a documentación achegada polo propio municipio e aqueloutra que conste en poder do centro directivo, en relación coas circunstancias establecidas no artigo 45 e que permiten a consideración do municipio como mineiro.
3. Igualmente, se así o considera necesario, a consellaría competente en materia de minas poderá obter das consellarías e entidades do sector público autonómico que poidan resultar competentes todos os informes que considere convenientes ou necesarios para motivar a súa proposta, e en especial dos centros directivos competentes en materia de turismo e de patrimonio cultural.
4. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta previa da consellaría competente en materia de minas, será o órgano competente para a declaración de municipio mineiro.
5. A declaración como municipio mineiro inscribirase de oficio no Rexistro de Municipios Mineiros de Galicia.
Artigo 45 quater. Efectos da condición de municipio mineiro
1. O sector público autonómico fomentará a colaboración cos municipios mineiros e a execución de actuacións e medidas que, dentro dunha óptica de minaría sustentable, teñan un impacto positivo nos municipios declarados como mineiros, sen prexuízo das previsións do Plan sectorial de actividades extractivas. A devandita colaboración e actuacións centraranse, entre outros, en aspectos como a formación, o fomento dos recursos naturais, xeolóxicos e mineiros, a recuperación ambiental, a posta en valor do patrimonio mineiro e o fomento do termalismo.
2. Nas convocatorias de subvencións en réxime de concorrencia competitiva realizadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou por calquera entidade do sector público autonómico dirixidas aos concellos galegos e destinadas a actividades mineiras, terase en conta nas bases da convocatoria un criterio de valoración específico que no baremo de puntuación supoña, cando menos, o 20 % do total a favor das actuacións realizadas por municipios mineiros.
Igualmente, nas convocatorias de subvencións en réxime de concorrencia competitiva realizadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou por calquera entidade do sector público autonómico dirixidas a particulares, empresas e autónomos e destinadas a actividades mineiras, terase en conta nas bases da convocatoria un criterio de valoración específico que no baremo de puntuación supoña, cando menos, o 10 % do total a favor das actuacións realizadas por municipios mineiros.
3. A condición de municipio mineiro será tida en conta para os efectos do previsto no artigo 24 desta lei, nos supostos de compatibilidade ou incompatibilidade, así como sobre a prevalencia, respecto doutros dereitos de interese público.
Artigo 45 quinquies. Mantemento e perda da condición de municipio mineiro
1. A condición de municipio mineiro será obxecto de revisión cada dez anos.
2. A condición de municipio mineiro perderase:
a) Por renuncia expresa do concello, formalizada mediante acordo ou resolución do órgano competente.
b) No caso de deixar de cumprir as condicións que deron lugar á súa concesión, mediante resolución da consellaría competente en materia de minas, con audiencia previa do concello».
Artigo 55. Modificación da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia
A Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, queda modificada como segue:
Un. O número 1 do artigo 20 queda redactado como segue:
«1. Aprobar anualmente un informe sobre os plans de desenvolvemento e apoio no cal se indiquen os resultados obtidos e a consecución de obxectivos nas políticas públicas da Xunta de Galicia en materia de economía e industria, e no cal se propoñan as directrices de apoio ás actividades para persoas físicas e xurídicas e as cautelas para garantir, nos termos que regulamentariamente se establezan, que as empresas se creen, maduren, se expandan e se consoliden no ámbito nacional e internacional».
Dous. Os números 1 e 2 do artigo 47 pasan a ter a seguinte redacción:
«1. As entidades de certificación de conformidade municipal (ECCOM) son aquelas entidades dotadas de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar que, logo de cumpriren os requisitos que se establecen nesta lei e os que se determinen regulamentariamente, se constitúan coa finalidade de desenvolver actuacións de certificación, verificación, inspección e control da conformidade das obras, establecementos e actividades coa normativa aplicable no ámbito municipal, incluíndo tanto a fase previa ao outorgamento ou á eficacia dos títulos habilitantes como, posteriormente, o ámbito da execución da obra ou o funcionamento da actividade.
2. As ECCOM rexeranse polos principios de imparcialidade, confidencialidade e independencia e non terán carácter de autoridade. A súa actuación non substitúe nin exclúe, con carácter xeral, as potestades administrativas de comprobación, inspección ou control propias das administracións públicas competentes».
Tres. Engádese un número 4 ao artigo 47 coa seguinte redacción:
«4. As solicitudes de licenza, as comunicacións previas e as declaracións responsables previstas nesta lei que se presenten acompañadas dunha certificación de conformidade emitida por unha ECCOM terán o mesmo réxime e os mesmos efectos que os previstos no artigo 146 bis da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, para as solicitudes de licenza e as comunicacións previas que teñan por obxecto actos de edificación ou de uso do solo ou do subsolo.
Esta remisión legal inclúe a potestade de exclusión recoñecida aos concellos no número 7 do citado artigo».
Catro. O artigo 48 queda redactado como segue:
«Artigo 48. Autorización e rexistro
1. A autorización e rexistro das ECCOM corresponderá á consellaría competente en materia de urbanismo.
2. As entidades de certificación de conformidade municipal estarán obrigadas, como requisito previo á efectividade da autorización, a subscribir pólizas de seguro que cubran os riscos da súa responsabilidade na contía que se estableza, sen que esta limite a devandita responsabilidade.
3. Regulamentariamente estableceranse os requisitos exixibles para a autorización das ECCOM, así como o seu rexistro, o desenvolvemento das súas actividades e o seu réxime xurídico».
Cinco. O número 2 do artigo 49 pasa a ter a seguinte redacción:
«2. Nas súas actuacións, as ECCOM poderán emitir certificados, actas, informes e ditames, cuxo contido será determinado regulamentariamente».
Seis. O artigo 50 queda redactado como segue:
«Artigo 50. Control e inspección
As entidades de certificación de conformidade municipal, así como as súas actuacións e os seus actos xurídicos, estarán sometidos ao control e á inspección da Administración local e da consellaría competente en materia de urbanismo».
Sete. Modifícase o número 7 do artigo 52, que pasa a ter a seguinte redacción:
«7. A realización de actuacións e funcións propias das entidades de certificación sen estaren inscritas no Rexistro de entidades de certificación de conformidade municipal da Comunidade Autónoma de Galicia».
Oito. Engádense os números 8, 9 e 10 ao artigo 52, coa seguinte redacción:
«8. A realización de actuacións e funcións para as cales non estean habilitadas pola inscrición no Rexistro de entidades de certificación de conformidade municipal.
9. A expedición de certificados, actas, informes ou ditames cuxo contido non se axuste á realidade dos feitos coñecidos pola propia entidade de certificación, ou que debería coñecer aplicando a dilixencia exixible na constatación daqueles, cando tales feitos resulten condicionantes do sentido do pronunciamento da entidade de certificación.
10. A realización de actuacións mediante persoal técnico non habilitado ou non cualificado consonte os requisitos exixidos para a inscrición no Rexistro e o desenvolvemento das actividades da entidade de certificación, sempre que aqueles requisitos foren exixibles para a actuación de que se trate».
Nove. Modifícase o número 9 do artigo 53, que pasa a ter a seguinte redacción:
«9. Incorreren as ECCOM en mora inxustificada na remisión ao órgano ou órganos da Administración, e no prazo establecido regulamentariamente, dos certificados, das actas, dos informes ou dos ditames que sexan resultado da súa actuación».
Dez. Suprímese o número 12 do artigo 53.
Once. Modifícase o número 4 do artigo 54, que queda redactado como segue:
«4. Considérase infracción leve o incumprimento das prescricións ditadas pola autoridade competente ás entidades de certificación de conformidade municipal para o desenvolvemento das súas funcións, sempre que non constitúan infraccións graves ou moi graves».
Doce. Modifícase o número 3 do artigo 55, que pasa a ter a seguinte redacción:
«3. Cando unha ECCOM participe na tramitación administrativa, será a responsable das infraccións reguladas nesta lei sempre que sexan consecuencia dunha deficiencia ou carencia na súa organización, ou dunha inadecuada vixilancia e control do seu persoal, ou teñan orixe na propia organización sen resultar posible a identificación da persoa infractora, ou, en todo caso, lle sexan imputables a título de culpa. Esta responsabilidade substituirá a dos suxeitos indicados nos parágrafos anteriores deste artigo.
Fóra das circunstancias anteriores, se a infracción foi cometida mediando culpa ou dolo exclusivos por parte dunha persoa que actúe por conta da ECCOM, será considerada responsable da infracción a devandita persoa».
Trece. Modifícase o número 1 do artigo 56, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. As infraccións previstas nesta lei serán obxecto das sancións administrativas correspondentes, logo da instrución do oportuno procedemento tramitado consonte o establecido no capítulo III do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público».
Catorce. Engádese un número 3 ao artigo 56, co seguinte teor literal:
«3. Nos procedementos relativos ás ECCOM, a resolución expresa do procedemento sancionador deberá ser notificada no prazo máximo dun ano desde a súa apertura, salvo que se dea algunha das circunstancias establecidas pola lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común que comporte a interrupción do cómputo. Unha vez vencido este prazo, producirase a caducidade das actuacións, consonte o establecido pola devandita lexislación».
Quince. O número 2 do artigo 57 pasa a ter a seguinte redacción:
«2. Corresponde á consellaría competente en materia de urbanismo a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores pola comisión das infraccións previstas nesta lei no ámbito das entidades de certificación de conformidade municipal e as súas actuacións, sen prexuízo da posibilidade de delegación nos concellos».
Dezaseis. Modifícase a alínea d) do número 2 do artigo 58, que queda redactada como segue:
«d) Con carácter accesorio, a suspensión ou a prohibición do exercicio da actividade da entidade de certificación de conformidade municipal durante un período máximo dun ano».
Dezasete. Modifícase a alínea d) do número 3 do artigo 58, que queda redactada como segue:
«d) Con carácter accesorio, a suspensión ou a prohibición do exercicio da actividade da entidade de certificación de conformidade municipal durante un período máximo de tres anos».
Dezaoito. Engádese un parágrafo final ao número 2 do artigo 59 co seguinte teor literal:
«En caso de reincidencia por parte das ECCOM na comisión dunha infracción leve ou grave, impoñerase a sanción correspondente ao grao superior á infracción cometida».
Dezanove. Engádese un nova disposición adicional sexta, que queda redactada como segue:
«Disposición adicional sexta. Consello Galego da Minaría
O Consello Galego da Minaría, regulado na Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, continuará no exercicio das súas funcións».
Vinte. Modifícase o número 1 da disposición transitoria segunda, que queda redactado como segue:
«1. O Consello Galego de Economía e Competitividade asumirá, no momento da súa constitución, as funcións e as competencias que, respectivamente, se atribúen na correspondente normativa aos seguintes consellos, que quedarán suprimidos:
a) Consello Galego de Industria, regulado na Lei 3/2011, do 16 de decembro, da política industrial de Galicia.
b) Consello Galego de Comercio, regulado na Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia».
Vinte e un. Introdúcese unha disposición transitoria terceira coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria terceira. Órgano competente en procedementos en curso relativos ás ECCOM
A consellaría con competencias en materia de seguridade industrial será o órgano competente para a tramitación e resolución dos procedementos xa iniciados antes da entrada en vigor das modificacións dos artigos 48.1 e 57.2 operadas pola Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas».
Artigo 56. Modificación da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia
Modifícase a Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, que queda redactada como segue:
Un. Modifícase o artigo 5, que queda redactado como segue:
«Artigo 5. Censo de solo empresarial de Galicia
1. O Censo de solo empresarial de Galicia é un rexistro público de natureza administrativa dependente da consellaría competente en materia de solo empresarial que ten por obxecto coñecer o solo realmente dispoñible e o grao de ocupación das áreas empresariais existentes en Galicia, coa finalidade de servir de instrumento de avaliación, planificación e actualización das necesidades de solo empresarial na comunidade autónoma, así como para a elaboración da planificación da política industrial de Galicia.
2. Deberán inscribirse obrigatoriamente no Censo de solo empresarial de Galicia as áreas empresariais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, sexan de promoción pública ou privada, que teñan ou vaian ter parcelas dispoñibles para a súa comercialización, así como as que estean previstas para o seu inmediato desenvolvemento, por contaren co correspondente instrumento de planificación e ordenación.
3. As persoas promotoras das áreas empresariais están obrigadas a solicitar a inscrición, por medios electrónicos, no Censo de solo empresarial de Galicia dentro do prazo máximo de dous meses, contados desde o inicio das obras de urbanización que dean lugar á creación do solo empresarial.
Para estes efectos, enténdese por persoa promotora calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, que, individual ou colectivamente, decide, impulsa, programa e financia, con recursos propios ou alleos, o desenvolvemento e as obras de urbanización dunha área empresarial, para si ou para o seu posterior alleamento, entrega ou cesión a outros suxeitos baixo calquera título.
4. No Censo de solo empresarial de Galicia constará a información que se determine regulamentariamente e que resulte precisa para o cumprimento dos fins definidos no número 1. En todo caso, no censo deberán figurar, como mínimo, os seguintes datos:
a) Os datos de identificación e de contacto da persoa promotora titular da área.
b) A denominación e a tipoloxía da área empresarial.
c) Os datos de localización xeográfica da área empresarial.
d) Os datos básicos da área empresarial, entre os cales figurarán o ano de construción e de posta en funcionamento, a superficie total, a fase de desenvolvemento da área empresarial e aqueloutros datos que se determinen regulamentariamente.
e) O plano de zonificación da área coa identificación das parcelas.
f) O estado de execución da área empresarial: en funcionamento, en urbanización ou para o seu inmediato desenvolvemento.
g) A oferta dispoñible, individualizada por parcelas identificadas coa súa referencia catastral, a superficie e os usos permitidos. Como mínimo, indicarase o tipo de espazo dispoñible (naves, oficinas ou parcelas), os usos (servizos, industriais, comerciais ou loxística) e a natureza da operación (venda, arrendamento con ou sen opción de compra, dereito de superficie con ou sen opción de compra).
5. Sen prexuízo do disposto na normativa de protección de datos de carácter persoal, a información contida no Censo de solo empresarial de Galicia terá carácter público e será accesible, de forma libre e gratuíta, a través dos portais de Internet da consellaría con competencias en materia de política industrial e solo empresarial e da sociedade Gestión de Suelo de Galicia-Xestur, S.A.
6. As persoas promotoras de áreas empresariais inscritas tamén están obrigadas a actualizar trimestralmente a información contida no Censo de solo empresarial de Galicia. No caso de que nese período non se producisen cambios na información subministrada, deberán igualmente comunicar esta circunstancia á entidade encargada da xestión do Censo de solo empresarial de Galicia.
A actualización e comunicación de datos a que fai referencia este número efectuarase a través das aplicacións e dos medios informáticos que determine a consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial, mediante unha orde publicada no Diario Oficial de Galicia.
7. As persoas promotoras das áreas empresariais están obrigadas a atender os requirimentos de información e de subministración dos datos previstos neste artigo que sexan formulados pola entidade encargada da xestión do Censo de solo empresarial de Galicia.
Esta obriga será exixible a todas as persoas promotoras de áreas empresariais, con independencia de que figuren inscritas ou non no Censo de solo empresarial de Galicia».
Dous. Engádese unha alínea c) ao número 4 do artigo 26, que queda redactada como segue:
«c) A eliminación de ámbitos cuxa superficie total supoña menos dun 20 por cento da superficie total das áreas empresariais incluídas no plan. Cando se propoña a eliminación de ámbitos do plan, a consellaría competente en materia de solo empresarial solicitará un informe, que terá carácter preceptivo e non vinculante, ao concello ou concellos en que se sitúa a área ou áreas que se pretende eliminar, que deberá emitirse no prazo máximo de dez días».
Tres. Modifícase o artigo 92, que queda redactado como segue:
«Artigo 92. Infraccións
Son infraccións administrativas leves as seguintes:
a) A falta de inscrición ou a inscrición extemporánea no Censo de solo empresarial de Galicia das áreas empresariais que teñan parcelas dispoñibles para a súa comercialización, así como das áreas empresariais previstas para o seu inmediato desenvolvemento.
b) A falta de actualización, nos termos regulados no artigo 5, dos datos consignados no Censo de solo empresarial de Galicia.
c) O incumprimento dos requirimentos de información e de subministración de datos a que fai referencia o artigo 5.7».
Catro. Modifícase o número 1 do artigo 93, que queda redactado como segue:
«1. Serán sancionados polos feitos constitutivos das infraccións previstas no artigo anterior os suxeitos promotores de áreas empresariais, segundo o establecido no número 3 do artigo 5, que resulten responsables delas».
Cinco. Engádese unha disposición transitoria sexta, co seguinte contido:
«Disposición transitoria sexta. Obriga de inscrición no Censo de solo empresarial de Galicia para áreas empresariais preexistentes
O prazo de dous meses para solicitar a inscrición no Censo de solo empresarial de Galicia, previsto no artigo 5, computarase desde o 1 de xaneiro de 2025 para as áreas empresariais xa finalizadas ou en proceso de construción no momento da entrada en vigor desta lei».
Seis. Engádese unha disposición transitoria sétima, co seguinte contido:
«Disposición transitoria sétima. Obriga de actualización e comunicación de datos ao Censo de solo empresarial de Galicia
En tanto non se proceda, mediante orde da consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial, á determinación das aplicacións e medios informáticos a través dos cales debe producirse a actualización trimestral dos datos consignados no Censo de solo empresarial de Galicia, a obriga prevista no artigo 5.6 non será exixible ás persoas promotoras de áreas empresariais inscritas».
Sete. Engádese unha disposición transitoria oitava, coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria oitava. Desenvolvemento regulamentario do Censo de solo empresarial de Galicia
En tanto non se produza o desenvolvemento regulamentario do Censo de solo empresarial de Galicia, continuará en vigor o Decreto 175/2020, do 15 de outubro, polo que se regula o Censo de solo empresarial de Galicia e o seu réxime sancionador, en todo o que resulte compatible con esta lei».
Artigo 57. Modificación do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial
O Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, queda modificado como segue:
Un. Modifícase a alínea b) do número 1 do artigo 57, que queda redactada como segue:
«b) A adecuación do plan estratéxico do clúster aos correspondentes plans directores dos distintos sectores industriais de Galicia».
Dous. Modifícase o número 2 do artigo 57, que queda redactado como segue:
«2. Na concesión de axudas destinadas a fomentar a creación de clústers empresariais galegos terase en conta, fundamentalmente, a adecuación do proxecto do plan estratéxico do clúster aos correspondentes plans directores dos distintos sectores industriais de Galicia».
Tres. Modifícase o número 2 do artigo 69, que queda redactado como segue:
«2. Para os efectos da súa inclusión no plan, o investimento previsto nestes proxectos industriais deberá ser superior a 800.000 euros en activos fixos, excluídos os terreos, de acordo co proxecto presentado na solicitude a que se refire o artigo seguinte».
Catro. Modifícase a alínea b) do número 3 do artigo 78 bis, que queda redactada como segue:
«b) Que supoñan un investimento no proxecto industrial superior a 2 millóns de euros, en activos fixos, excluídos os terreos, de acordo co proxecto presentado na solicitude».
Cinco. Modifícase a alínea c) do número 3 do artigo 78 bis, que queda redactada como segue:
«c) Que se acredite a titularidade do solo onde se vai implantar o proxecto ou o acordo coas persoas titulares deste, agás que o proxecto se vaia implantar en solo empresarial promovido por entidades do sector público autonómico que teñan entre os seus obxectos a creación de solo empresarial, nas condicións establecidas pola normativa sectorial. Este requisito non será exixible nos casos en que se tramite conxuntamente un proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial e o proxecto industrial estratéxico, de acordo co establecido no capítulo IV deste texto refundido».
Seis. Engádese un número 5 ao artigo 79, coa seguinte redacción:
«5. As iniciativas empresariais susceptibles de ser declaradas como proxectos industriais estratéxicos, de acordo co establecido nos artigos 78 ou 78 bis, pertencerán ao ámbito industrial ou a aqueloutros ámbitos que se consideren conexos e complementarios á actividade industrial, circunstancia que deberá quedar xustificada na proposta prevista no número 3 deste artigo.
Tamén poderán ser declaradas como proxectos industriais estratéxicos aquelas iniciativas empresariais que teñan por obxecto a ampliación de industrias xa existentes, sempre que aquela iniciativa reúna os requisitos exixidos polos artigos 78 ou 78 bis».
Sete. Engádese o artigo 90, coa seguinte redacción:
«Artigo 90. Proxectos cuxa autorización administrativa corresponda á Administración xeral do Estado
1. Aquelas iniciativas empresariais cuxa autorización administrativa corresponda á Administración xeral do Estado tamén poderán ser declaradas como proxectos industriais estratéxicos cando cumpran cos requisitos recollidos nos artigos 78 ou 78 bis.
2. A declaración destas iniciativas como proxectos industriais estratéxicos axustarase ao procedemento establecido neste capítulo, pero coas seguintes especialidades.
3. A declaración como proxecto industrial estratéxico producirá unicamente os efectos previstos nas alíneas e) e f) do artigo 79.4. A declaración tamén producirá o efecto previsto no artigo 79.4.b), pero restrinxido a aquela parte de tramitación que se efectúe no ámbito do sector público autonómico.
4. Unha vez declarada a iniciativa empresarial como proxecto industrial estratéxico, non será aplicable o procedemento de aprobación recollido no artigo 80, por ser outra a administración competente para autorizalo».
Oito. Engádese un capítulo IV ao título III do libro II, coa seguinte redacción:
«CAPÍTULO IV
Tramitación conxunta de proxectos de interese autonómico para a
creación de solo empresarial e proxectos industriais estratéxicos
Artigo 91. Impulso da creación de solo empresarial
Co fin de dar resposta ás demandas urxentes de creación de solo empresarial e de implantación de proxectos industriais, así como para reducir os prazos de inicio das actividades económicas, impulsarase a creación de solo empresarial naquelas áreas en que se promovan iniciativas empresariais que poidan ser cualificadas como proxectos industriais estratéxicos.
Para estes efectos, admitirase, de acordo co previsto nos artigos seguintes, a tramitación conxunta dunha ou varias iniciativas empresariais que pretendan ser aprobadas como proxectos industriais estratéxicos xunto co procedemento de elaboración de instrumentos de ordenación do territorio dirixidos á creación de solo empresarial vinculado a aquelas, sempre que o ámbito territorial destes últimos abranga o daquelas iniciativas.
Artigo 92. Requisitos para acceder á tramitación conxunta
1. Para poder acceder á tramitación conxunta é preciso que concorran os seguintes requisitos:
a) Que as áreas en que se pretenda a creación de solo empresarial non estean incluídas no Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia.
b) Que, consonte o artigo 8.1.c) da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, e as previsións da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, o instrumento de ordenación do territorio aplicable para a creación do solo empresarial sexa un proxecto de interese autonómico, de tipo non previsto.
c) Que as persoas ou entidades promotoras do proxecto de interese autonómico para a creación do solo empresarial vinculado teñan carácter privado, sen prexuízo da posibilidade de participación pública minoritaria prevista no artigo 96.
d) Que o ámbito territorial do proxecto de interese autonómico necesario para a creación do solo empresarial vinculado abranga e exceda o ámbito territorial da iniciativa ou iniciativas que pretendan ser cualificadas como proxectos industriais estratéxicos, e respecto das cales se solicita a tramitación conxunta.
e) Que no ámbito territorial do proxecto de interese autonómico, unha vez excluídos os terreos necesarios para a execución dos amentados proxectos industriais estratéxicos, exista un remanente de solo empresarial susceptible de albergar iniciativas empresariais futuras, así como as dotacións públicas preceptivas.
f) Que na tramitación conxunta das iniciativas de creación de solo empresarial vinculado e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos concorra un interese autonómico, que transcenda o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica ou social, pola súa magnitude ou polas súas singulares características que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado.
2. En particular, considerarase que concorre un interese autonómico na tramitación conxunta para a creación de solo empresarial vinculado cando se cumpra, como mínimo, algún dos seguintes requisitos:
a) Que o resultado da actuación conxunta se poida considerar estratéxico pola súa función no desenvolvemento, na implantación ou na execución da política industrial autonómica e pola súa incidencia económica ou social.
b) Que teñan un interese e unha incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política e o tecido industriais galegos, e que pola súa magnitude ou características teñan unha incidencia territorial, económica e social que transcenda o ámbito municipal, de tal forma que se consideren portadoras dun interese supramunicipal cualificado.
Artigo 93. Requisitos adicionais para o proxecto de interese autonómico
1. Para poder acceder á tramitación conxunta é preciso que o proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado reúna os requisitos adicionais regulados neste artigo.
2. O ámbito do proxecto de interese autonómico deberá prever zonas para a implantación de instalacións e infraestruturas destinadas á produción de enerxía a partir de fontes de enerxía renovables e, de ser o caso, almacenamento enerxético, dirixidas principalmente ás empresas e persoas consumidoras da zona.
3. Poderán delimitarse outras zonas localizadas a menos de 10 quilómetros de distancia do ámbito do proxecto de interese autonómico para a implantación das instalacións e infraestruturas a que alude o número anterior, que poderán conectarse de forma directa coas empresas consumidoras localizadas no devandito ámbito, ou ben conectarse noutro punto da rede eléctrica.
Neste suposto atenderase ás previsións da disposición adicional sétima desta lei, relativa aos proxectos de aproveitamento de recursos naturais.
4. En calquera dos casos previstos nos números anteriores, a produción das citadas instalacións destinarase, como mínimo nun 80 %, ás empresas localizadas no ámbito sobre o cal se pretende actuar e a outras empresas e persoas consumidoras que se atopen a menos de 10 quilómetros das instalacións de produción, de forma que poidan ter prezos máis baixos da enerxía eléctrica que os correspondentes ao mercado.
5. Só se poderá exceptuar a implantación das instalacións previstas nos números anteriores ou o cumprimento das porcentaxes e distancias indicadas no caso de que, por causas debidamente xustificadas por parte da entidade promotora, non sexa posible por motivos técnicos ou de afeccións aos valores naturais ou patrimoniais. Este aspecto será obxecto de valoración específica por parte da consellaría competente en materia de industria ou, de ser o caso, polas consellarías con competencias nas materias referidas.
6. Para os efectos do cumprimento do limiar establecido no artigo 40.6 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, só se terá en conta a superficie e a aceptación das persoas propietarias do ámbito territorial remanente onde non se van implantar os proxectos industriais estratéxicos definidos no artigo 78 deste texto refundido. Esta previsión non será aplicable no caso de que o proxecto de interese autonómico se tramite ao abeiro do artigo 78 bis.
7. Os proxectos de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado poderán afectar calquera clase de solo e mesmo poderán referirse a actuacións previstas no planeamento urbanístico vixente.
Artigo 94. Garantía de coherencia coas áreas empresariais previamente existentes
1. No caso de que o ámbito do proxecto de interese autonómico sexa contiguo a unha área empresarial preexistente, deberá garantirse a coherencia entre a planificación preexistente e as actuacións proxectadas.
2. No marco do establecido no número anterior, a entidade promotora do proxecto de interese autonómico poderá propoñer unha reordenación das zonas dedicadas a espazos libres, zonas verdes, equipamentos e viais ou do solo necesario para a execución dos sistemas xerais e as súas infraestruturas de conexión, tendo en conta o ámbito final resultante tras a execución das actuacións proxectadas.
3. A devandita proposta poderá ser finalmente aprobada para o caso de que, durante a tramitación do procedemento, quede constatada unha mellora na situación final do ámbito, tanto para as necesidades da poboación como para o impulso das actividades económicas na área empresarial resultante.
4. No caso de que a proposta de reordenación sinalada nos números anteriores afecte áreas empresariais incluídas no ámbito de aplicación da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, a aprobación do proxecto de interese autonómico implicará a modificación dos correspondentes instrumentos de planificación e ordenación e de desenvolvemento e execución, sen necesidade de se axustar ás previsións da amentada lei. Para estes efectos, é preciso que, no procedemento de aprobación do proxecto de interese autonómico, a proposta de ordenación sexa obxecto de valoración expresa e se concrete exactamente o seu alcance, determinando como deberán modificarse os instrumentos afectados.
Artigo 95. Persoas solicitantes da tramitación conxunta
1. A tramitación conxunta regulada neste capítulo só poderá ser solicitada pola persoa ou persoas promotoras do proxecto de interese autonómico destinado á creación de solo empresarial vinculado e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos.
2. No caso de que as devanditas iniciativas non sexan promovidas por unha mesma persoa ou entidade, deberá existir un acordo asinado e vinculante entre a persoa ou entidade promotora do correspondente proxecto de interese autonómico, dirixido a crear solo empresarial, e cada unha das persoas ou entidades promotoras do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos.
O citado acordo deberá definir o réxime de dereitos e obrigas de cada unha das partes en relación co desenvolvemento e execución do proxecto de interese autonómico e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos. En particular, este acordo deberá recoller a repartición dos custos de execución das infraestruturas, dos equipamentos e das dotacións da área empresarial, incluída a urbanización, así como do seu mantemento e da súa conservación posteriores.
3. O acordo regulado no número anterior, entre outros compromisos, tamén poderá incluír a obriga de constituír, entre todas as persoas ou entidades promotoras, unha sociedade con personalidade xurídica propia que teña por obxecto o desenvolvemento e a execución conxunta do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos.
Artigo 96. Participación de administracións públicas e de entidades do sector público
1. A consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial, así como o resto de entidades do sector público autonómico, poderán prestar a súa colaboración e asesoramento, nos termos previstos na normativa vixente, ás persoas ou entidades que promovan a tramitación conxunta do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado a un ou a varios proxectos industriais estratéxicos.
2. No marco desta colaboración coas amentadas persoas ou entidades promotoras, as entidades instrumentais do sector público autonómico con competencias en materia de creación de solo empresarial tamén poderán adquirir a condición de promotoras do proxecto de interese autonómico cuxo obxecto sexa a creación do solo empresarial vinculado. Para estes efectos, deberá formalizarse o instrumento xurídico que, consonte a normativa vixente, resulte aplicable.
3. As entidades do sector público local en cuxo ámbito territorial se vaia desenvolver o proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado poderán prestar a súa colaboración e asesoramento nos mesmos termos que os previstos nos números anteriores, consonte, en todo caso, a normativa que lles resulte aplicable.
4. As restantes entidades do sector público con competencias en materia de fomento industrial tamén poderán prestar a súa colaboración e asesoramento ás persoas ou entidades promotoras, nos mesmos termos que os previstos no números 1 e 2.
5. No caso de que unha ou varias administracións públicas ou entidades do sector público actúen como promotoras do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado, a súa participación deberá ser sempre minoritaria. Para estes efectos, a participación de carácter público na iniciativa non poderá exceder do 40 % dos investimentos previstos ou comprometidos.
6. Para os efectos da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, e do artigo 92.1.c) deste texto refundido, as iniciativas en que concorra a eventual participación de administracións públicas ou entidades do sector público a que fan referencia os números anteriores terán a consideración de promocións privadas, sempre que se respecten os limiares establecidos neste artigo.
Artigo 97. Documentación que debe acompañar a solicitude de tramitación conxunta
1. A solicitude de tramitación conxunta incluirá a documentación exixida con carácter xeral para as solicitudes de declaración de interese autonómico do proxecto de creación de solo empresarial vinculado e para as solicitudes de declaración como proxectos industriais estratéxicos. Esta documentación deberá ser individualizada para cada instrumento.
Adicionalmente, deberá achegarse a documentación que xustifique o cumprimento dos requisitos para acceder á tramitación conxunta regulada neste capítulo.
2. En particular, xunto coa solicitude de tramitación conxunta deberá achegarse a seguinte documentación:
a) A documentación exixida polo artigo 79 para a declaración da iniciativa ou iniciativas empresariais como proxectos industriais estratéxicos.
b) A documentación exixida polo artigo 41 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, para a declaración de interese autonómico da actuación que pretende a creación de solo empresarial vinculado.
c) Unha memoria en que se xustifiquen os seguintes aspectos:
1º. A forma en que as propostas, de seren tramitadas e realizadas de xeito conxunto, darán lugar a unha expansión significativa do tecido industrial galego ou á consolidación deste, así como de solo empresarial dispoñible para a realización de actividades económicas, e á implantación dos proxectos industriais.
2º. A motivación da concorrencia do interese autonómico na tramitación conxunta solicitada.
Artigo 98. Admisión a trámite da solicitude
A consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial examinará a solicitude presentada, para os efectos de valorar se concorren os requisitos exixidos para acceder á tramitación conxunta.
No prazo máximo dun mes deberá ditar un acto mediante o cal acorde a admisión ou a inadmisión a trámite da solicitude de tramitación conxunta. O transcurso deste prazo máximo sen se ditar e notificar o correspondente acto expreso permite entender, ás persoas ou entidades promotoras, inadmitida, por silencio administrativo, a súa solicitude de tramitación conxunta.
Artigo 99. Efectos da inadmisión a trámite
A inadmisión a trámite da solicitude de tramitación conxunta será notificada ás persoas ou entidades promotoras, ás cales se lles comunicará que, no caso de non manifestaren a súa oposición no prazo de dez días, se procederá a tramitar de modo separado as solicitudes de declaración de interese autonómico e de declaración como proxecto ou proxectos industriais estratéxicos.
Constando a conformidade das persoas ou entidades afectadas ou transcorrido o prazo anterior sen constar a oposición expresa, á documentación presentada daráselle, por separado, a tramitación que lle corresponda, consonte as previsións do capítulo III do título III desta lei e da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.
Artigo 100. Efectos da admisión a trámite
1. Unha vez admitida a trámite a solicitude de tramitación conxunta, os procedementos aplicables á declaración e aprobación do proxecto de interese autonómico, así como ao proxecto ou proxectos industriais estratéxicos, serán os previstos, respectivamente, na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, e no capítulo III do título III deste texto refundido, tendo en conta as especificidades previstas neste capítulo.
2. Consonte o artigo 27.1 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, unha vez admitida a trámite a solicitude de tramitación conxunta, a consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial asumirá as funcións de coordinación e impulso de todos os trámites administrativos necesarios para a aprobación, de ser o caso, do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos.
3. Serán igualmente aplicables as medidas de axilización procedemental previstas no artigo 25 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro. En particular e sempre que sexa posible, nos casos en que un mesmo órgano sectorial autonómico deba emitir, para varios efectos, un informe con base nas previsións do capítulo III do título III deste texto refundido e da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, emitirá un único informe que abranga os distintos aspectos sobre que deba pronunciarse.
Artigo 101. Especialidades no procedemento de declaración do interese autonómico das iniciativas de creación de solo empresarial vinculado e do carácter estratéxico dos proxectos industriais
1. O acto mediante o cal se acorde a admisión a trámite da solicitude conxunta poderá incluír unha motivación expresa e individualizada sobre a procedencia da declaración de interese autonómico da iniciativa de creación de solo empresarial vinculado. De ser así, este acto substituirá o informe exixido no artigo 42.1, parágrafo segundo, da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro.
2. Sen prexuízo das medidas de axilización procedemental aplicables, o prazo máximo para a emisión dos informes exixidos polo artigo 79.2 deste texto refundido e polo artigo 42.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, será de quince días.
3. O trámite de audiencia regulado no artigo 42.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, será por un prazo máximo de quince días.
4. Se, á vista dos informes emitidos e, de ser o caso, das alegacións presentadas no trámite de audiencia do artigo 42.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, a consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial estima que non concorren os requisitos necesarios para a declaración de interese autonómico da iniciativa de creación de solo empresarial vinculado ou para a declaración do carácter estratéxico do proxecto ou proxectos industriais, acordará, mediante resolución motivada, a finalización do procedemento respecto da iniciativa ou proxectos afectados.
Se, como consecuencia do anterior, deixaren de subsistir as razóns que motivaron a admisión a trámite da solicitude de tramitación conxunta, a consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial, no mesmo acto, disporá que as iniciativas ou proxectos restantes continúen a súa tramitación consonte a normativa que lles corresponda, e non resultarán aplicables, en diante, as especialidades contidas neste capítulo.
5. De non concorreren as circunstancias anteriores, a consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial elevará a correspondente proposta ao Consello da Xunta de Galicia, que poderá declarar conxuntamente o interese autonómico da iniciativa de creación de solo empresarial e o carácter estratéxico do proxecto ou proxectos industriais correspondentes.
Para o caso de que o Consello da Xunta de Galicia estimar que non procede tal declaración respecto dalgunha das iniciativas ou proxectos sometidos á súa consideración, de modo que deixaren de subsistir as razóns que motivaron a admisión a tramite da solicitude de tramitación conxunta, a tramitación posterior das correspondentes iniciativas ou proxectos rexerase pola normativa específica correspondente, e non serán aplicables as especialidades deste capítulo. O acordo do Consello da Xunta de Galicia deberá conter un pronunciamento expreso sobre esta circunstancia, de ser o caso.
6. Unha vez producida a declaración conxunta regulada no número anterior, corresponderá á consellaría competente en materia de industria e solo empresarial a coordinación e impulso dos procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos, xunto coa colaboración das consellarías que, de ser o caso, determine o citado acordo do Consello da Xunta de Galicia.
Artigo 102. Efectos da declaración conxunta do interese autonómico da iniciativa de creación de solo empresarial e do carácter estratéxico do proxecto ou proxectos industriais incluídos no seu ámbito
1. A declaración conxunta do interese autonómico da iniciativa de creación de solo empresarial e do carácter estratéxico do proxecto ou proxectos industriais incluídos no seu ámbito territorial producirá os efectos previstos, respectivamente, na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, e no capítulo III do título III deste texto refundido, xunto coas seguintes especialidades.
2. A devandita declaración conxunta, respecto do proxecto de interese autonómico, implicará, a maiores do resto de efectos previstos na normativa vixente, a xustificación da concorrencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia dos respectivos procedementos necesarios para a aprobación do proxecto, que suporá a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes, recursos e, en xeral, aqueles prazos taxados por normativa estatal básica que non poidan ser obxecto de redución.
A amentada declaración conxunta tamén implicará o carácter prioritario da tramitación por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia dos procedementos administrativos necesarios para a aprobación do proxecto de interese autonómico de creación de solo empresarial vinculado.
3. As persoas ou entidades promotoras deberán presentar conxuntamente a documentación preceptiva, exixida pola normativa aplicable a cada iniciativa, para continuar coa tramitación dirixida a acadar a aprobación definitiva do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado e do proxecto ou proxectos de interese estratéxico.
O incumprimento desta obriga pode determinar a terminación do procedemento de tramitación conxunta, no caso de que a consellaría competente en materia de política industrial e solo empresarial aprecie que deixaron de subsistir as razóns que, no seu día, motivaron a admisión a trámite da solicitude. De ser este o caso, mediante resolución motivada a citada consellaría disporá que as iniciativas ou proxectos afectados continúen a súa tramitación por separado, consonte a normativa que lles corresponda, e non serán aplicables, en diante, as especialidades contidas neste capítulo.
4. Presentada a documentación necesaria para a tramitación do proxecto de interese autonómico e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos, procurarase, sempre que sexa posible, a aplicación das medidas de axilización procedemental recollidas no artigo 25 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. En particular, procurarase a realización simultánea dos trámites correspondentes para a aprobación definitiva do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos, sempre que sexa posible.
5. En relación coa tramitación ambiental, no caso de que os trámites de información pública para a aprobación definitiva do proxecto de interese autonómico e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos se inicien na mesma data, a súa duración será de 45 días hábiles.
6. Fóra do caso anterior, en ningún suposto o prazo de información pública correspondente ao procedemento de aprobación do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos poderá rematar antes da finalización do prazo de información pública correspondente ao procedemento de aprobación do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado.
7. En relación co proxecto ou proxectos industriais estratéxicos incluídos neste procedemento de tramitación conxunta, non será preceptivo o informe da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo exixido polo artigo 80.5 deste texto refundido.
8. De se cumpriren os requisitos exixidos pola Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, e polo capítulo III do título III deste decreto lexislativo, o Consello da Xunta de Galicia poderá aprobar conxuntamente o proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial vinculado e o proxecto ou proxectos industriais estratéxicos.
9. No caso de que as incidencias durante a tramitación conxunta do procedemento impidan a aprobación conxunta a que fai referencia o número anterior, o Consello da Xunta de Galicia poderá aprobar os amentados proxectos por separado. Neste suposto, non se poderá elevar ao Consello da Xunta de Galicia a proposta de aprobación do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos en tanto non estea publicado o acordo mediante o cal se aproba definitivamente o proxecto de interese autonómico de creación de solo empresarial no que se van implantar.
Artigo 103. Efectos da aprobación dos proxectos
1. Os proxectos aprobados consonte o procedemento de tramitación conxunta regulado neste capítulo producirán os efectos previstos, respectivamente, no capítulo III do título III deste texto refundido e na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, xunto coas seguintes especialidades.
2. A aprobación do proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial tamén producirá os efectos previstos no artigo 81 deste texto refundido para os proxectos industriais estratéxicos.
Artigo 104. Execución das obras de urbanización
1. O desenvolvemento das obras de urbanización, conexión coas redes xerais de servizos e subministracións correspondentes poderá preverse e executarse por fases, sempre que se garanta a operatividade e a calidade do servizo prestado polas infraestruturas existentes e futuras, para dar resposta ás necesidades actuais e ás que se prevexan que resulten da aprobación conxunta do proxecto de interese autonómico e do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos.
2. En todo caso, o proxecto de interese autonómico deberá definir, como mínimo, as obras de urbanización, de conexión coas redes xerais de servizos e subministracións e as que, en xeral, resulten precisas para garantir e manter a operatividade e a calidade do servizo prestado polas infraestruturas existentes e, en particular, no ámbito territorial en que se prevexa desenvolver o proxecto ou proxectos industriais estratéxicos. Esta definición deberá ser detallada, de xeito que poida ser executada directamente, unha vez publicado o acordo de aprobación definitiva do proxecto de interese autonómico. Consonte o artigo 48.6 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, a execución das obras previstas neste número non estará suxeita a títulos habilitantes urbanísticos de competencia municipal.
3. As obras de urbanización e conexión a que fai referencia o número anterior deberán executarse previa ou simultaneamente á execución do proxecto ou proxectos industriais estratéxicos incluídos no ámbito territorial do proxecto de interese autonómico».
Nove. Engádese unha disposición adicional novena, que queda redactada como segue:
«Disposición adicional novena. As zonas de implantación prioritaria de proxectos industriais
1. Co fin de facilitar a implantación das iniciativas empresariais na comunidade autónoma, a consellaría competente en materia de industria e solo empresarial poderá delimitar zonas de implantación prioritaria de industrias naquelas áreas que, polas súas características, teñan maiores aptitudes para albergar proxectos industriais.
2. A devandita delimitación poderá ter en conta, entre outros factores, as determinacións do Plan básico autonómico, previsto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, a información incluída no mapa industrial, os avances previos no desenvolvemento de figuras de creación de solo empresarial, a demanda real de solo empresarial nas distintas comarcas de Galicia ou a dispoñibilidade de solo empresarial de acordo cos datos do Censo de solo empresarial de Galicia.
3. A delimitación das zonas de implantación prioritaria de industrias farase pública e manterase actualizada e accesible a través do portal de Internet da consellaría competente en materia de industria, co fin de que as persoas promotoras interesadas en crear e desenvolver solo empresarial, ou en implantar proxectos industriais, poidan coñecer os ámbitos territoriais que, a priori, son máis adecuados para o desenvolvemento de actividades industriais.
4. A delimitación de zonas de implantación prioritaria de industrias farase unicamente con fins informativos, co obxectivo de facilitar ás persoas promotoras de actividades económicas a identificación de zonas susceptibles de albergar novas infraestruturas industriais. En consecuencia, a identificación de tales zonas non suporá dereitos ou obrigas con respecto a posteriores tramitacións para a creación de solo empresarial ou a implantación dos proxectos industriais nelas.
5. Dado o seu carácter informativo, a delimitación de zonas de implantación prioritaria de industrias prevista neste artigo non se considerará como un instrumento de ordenación do territorio para efectos do artigo 22 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, nin do procedemento de aprobación previsto na devandita lei».
Artigo 58. Modificación do Decreto 42/2015, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade
O Decreto 42/2015, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade, queda modificado como segue:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 1, que queda redactado como segue:
«1. O Consello Galego de Economía e Competitividade (no sucesivo, o Consello), creado pola Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, é un órgano colexiado de participación, coordinación, representación e consulta das políticas públicas da Xunta de Galicia en materia de economía e industria, especialmente as que se refiran a apoio a persoas emprendedoras e empresas, innovación, competitividade, internacionalización, comercio interior e exterior, política industrial e desenvolvemento enerxético».
Dous. Modifícase o número 2 do artigo 2, que queda redactado como segue:
«2. As funcións específicas do Consello referiranse ao emprendemento, a innovación, a competitividade, a internacionalización, o comercio interior e exterior, a política industrial e o desenvolvemento enerxético».
Tres. Suprímese o artigo 5, que queda sen contido.
Catro. Modifícase o ordinal 1º da alínea b) do número 2 do artigo 11, que queda redactado como segue:
«1º. O órgano directivo competente en materia de enerxía».
Cinco. Suprímese a alínea ñ) do número 2 do artigo 11.
Seis. Modifícase o número 1 do artigo 12, que queda redactado como segue:
«1. O Pleno é o órgano en que se integran todos os membros do Consello e ao cal lle corresponden todas as funcións xerais que se recollen no artigo 3, sen prexuízo das que, noutra norma de rango legal ou regulamentario, se lle poidan atribuír expresamente a outro órgano colexiado ou unipersoal, nin do que preceptúa a disposición transitoria segunda da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, con respecto aos termos da asunción das funcións e competencias do Consello Galego de Industria e do Consello Galego de Comercio».
Sete. Modifícase o número 2 do artigo 13, que queda redactado como segue:
«2. Con carácter mínimo, deberá existir un comité executivo por cada unha das seguintes materias:
a) Política industrial.
b) Enerxía.
c) Emprendemento, competitividade e internacionalización das empresas galegas.
d) Comercio interior e exterior».
Oito. Suprímese a alínea e) do número 3 do artigo 13.
CAPÍTULO IX
Patrimonio e xogo
Artigo 59. Modificación da Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia
Modifícase a Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia, no seguinte senso:
Un. Modifícase o número 5 do artigo 8, que pasa a ter a seguinte redacción:
«5. O sistema de control de acceso deberá estar operativo en cada unha das entradas das que dispoña o establecemento, que deberá dispoñer dun sistema informático destinado á comprobación dos datos das persoas que pretendan acceder aos citados establecementos de xogo a fin de impedir o acceso a quen o teña prohibido consonte o disposto nas alíneas a) e b) do número 1 do artigo 9. O citado sistema informático deberá permitir dispoñer de información actualizada das persoas inscritas no Rexistro de persoas excluídas de acceso ao xogo de Galicia, para o cal se establecerán mecanismos de conexión e interoperabilidade respecto da información que conste no devandito rexistro e deberá respectar o disposto na normativa en materia de protección de datos».
Dous. Modifícase o número 5 do artigo 14, que pasa a ter a seguinte redacción:
«5. Así mesmo, as autorizacións de explotación de máquinas de xogo cuxo número total para cada tipo se atope limitado na presente lei ou na normativa de desenvolvemento outorgaranse por concurso público, consonte o procedemento que se estableza regulamentariamente».
Tres. Modifícase o número 1 do artigo 37, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. Requirirán autorización previa do órgano autonómico de dirección competente en materia de xogo as modificacións que impliquen unha alteración substancial dos planos achegados no seo do procedemento de autorización de instalación dos establecementos de xogo a que se refire o artigo 29.2, e deberán achegarse coa solicitude correspondente os novos planos de reforma redactados por un técnico ou técnica competente e visados polo colexio oficial correspondente, nos supostos en que proceda».
Catro. Modifícase o número 2 do artigo 38, que pasa a ter a seguinte redacción:
«2. Entenderase que a actividade de xogo resulta meramente marxinal e complementaria cando o número de terminais físicos de xogo instalados no establecemento non supere o número de 2 e non sexan do mesmo tipo».
Cinco. Modifícase a disposición transitoria segunda, que queda redactada do seguinte xeito:
«Disposición transitoria segunda. Vixencia transitoria dos regulamentos de xogo
Ata que o Consello da Xunta de Galicia non faga uso da facultade a que se refire a disposición derradeira cuarta seguirán en vigor as normas regulamentarias sobre xogo en todo o que non se opoñan a esta lei».
Seis. Engádese unha disposición transitoria novena, coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria novena. Réxime transitorio aplicable ás autorizacións de instalación e localización de máquinas de xogo de tipo B en establecementos de restauración e de ocio e entretemento
A limitación da tipoloxía de máquinas de xogo establecida na definición do carácter meramente marxinal e complementario da actividade de xogo recollida no artigo 38.2 non se aplicará ás autorizacións de instalación e localización de máquinas de xogo de tipo B concedidas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2025».
Artigo 60. Modificación da Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia
A Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícanse as alíneas e) e f) do número 2 do artigo 103, que quedan redactadas como segue:
«e) Cando se trate de inmobles inedificables ou predios rústicos que non cheguen á unidade mínima de cultivo e a venda se efectúe a unha propietaria ou a un propietario estremeiro. Cando concorran varias persoas interesadas con igual dereito, resolverase a favor da mellor ofertante, sen prexuízo do posterior dereito de retracto regulado no Código civil. No caso de acordo, a venda poderase efectuar mediante un rateo entre eles.
f) Cando a venda se efectúe a favor de quen posúa un dereito de adquisición preferente recoñecido por unha disposición legal. Ademais, nos inmobles sometidos ao réxime de propiedade horizontal, cando a venda se efectúe a favor da comunidade de propietarios».
Dous. Modifícase o número 2 do artigo 106, que queda redactado como segue:
«2. Nos casos de venda directa, o importe da garantía será equivalente ao vinte e cinco por cento do prezo de taxación do ben ou dereito, agás nas vendas con pagamento aprazado reguladas no artigo 109. Non se requirirá a constitución de garantía cando o valor do ben non exceda de seiscentos euros.
Así mesmo, non requirirán a constitución de garantía as vendas de bens mobles obsoletos, perecedoiros ou deteriorados a que se refire o artigo 130».
Tres. Modifícase a alínea c) do número 2 do artigo 109, que queda redactada como segue:
«c) As cantidades pendentes de pagamento quedarán garantidas mediante unha condición resolutoria explícita ou ben mediante unha hipoteca, un aval bancario, un seguro de caución ou outra garantía suficiente usual no mercado.
No caso de pagamentos anuais, unha vez formalizada a escritura pública de compravenda, comunicaráselle á parte compradora con anterioridade a cada pagamento, para os simples efectos informativos, a contía que deberá aboar nesa anualidade.
Nos supostos de condición resolutoria, a Administración autonómica poderá acordar no contrato, en concepto de indemnización de danos e perdas causados, a non devolución das cotas aboadas en calidade do pagamento aprazado».
Catro. Modifícase o artigo 130, que queda redactado como segue:
«Artigo 130. Venda de bens mobles ou dereitos de propiedade incorporal
1. A venda terá lugar mediante poxa pública por bens individualizados ou por lotes. Porén, cando a Administración autonómica considere de forma razoada que se trata de bens obsoletos, perecedoiros ou deteriorados polo uso ou concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 103.2, a venda poderá efectuarse de forma directa.
2. Consideraranse obsoletos ou deteriorados polo uso, para os efectos do número anterior, aqueles bens cuxo valor no momento da súa taxación para venda sexa inferior ao vinte e cinco por cento do de adquisición.
3. A venda de bens mobles ou dereitos de propiedade incorporal mediante poxa pública ou adxudicación directa seguirá o procedemento previsto para os bens inmobles, coas peculiaridades previstas na presente sección.
4. No ámbito da Administración xeral, a tramitación dos expedientes corresponderá aos órganos directivos das consellarías que dispoñan da adscrición dos bens ou dereitos ou as competentes por razón da materia, de acordo co seu decreto de estrutura.
5. Os expedientes de venda en poxa pública someteranse a informe da Intervención cando o valor do ben ou dereito supere os dez mil euros.
A mesa estará presidida pola persoa titular do órgano directivo que corresponda da consellaría que dispoña da adscrición ou competente en razón da materia, ou persoal funcionario desta en quen delegue. Tamén formarán parte da mesa unha letrada ou letrado da Asesoría Xurídica, unha persoa representante da Intervención e unha persoa funcionaria daquel órgano directivo, designado pola persoa titular, que actuará como secretario ou secretaria con voz e voto.
Nas poxas das entidades públicas instrumentais, a mesa estará formada polos membros previstos no artigo 76.2.
6. A adxudicación da venda de bens mobles ou dereitos de propiedade incorporal implica a súa desafectación no caso de que tiveren natureza demanial».
Cinco. Engádese a alínea m) no número 2 do artigo 232, coa seguinte redacción:
«m) O incumprimento do deber de comunicar a existencia de saldos e depósitos abandonados, conforme o disposto no artigo 89.4».
CAPÍTULO X
Vivenda e infraestruturas
Sección 1ª. Medidas extraordinarias e temporais en materia de vivenda
Subsección 1ª. Disposicións de carácter xeral
Artigo 61. Obxecto
1. Coa finalidade de incrementar o parque de vivenda público e de contribuír á efectividade do dereito de todas as persoas a unha vivenda digna e adecuada, nesta sección recóllense unha serie de medidas extraordinarias e temporais dirixidas a aumentar a oferta de solo e de edificacións con destino a vivenda.
2. As medidas extraordinarias e temporais en materia de vivenda previstas nesta sección serán aplicables ata o 29 de decembro de 2028.
Subsección 2ª. Proxectos de interese autonómico para a planificación e
proxección de actuacións de creación de solo residencial de promoción pública
Artigo 62. Proxectos de interese autonómico para a creación de solo residencial
Co obxecto de atender as necesidades urxentes de solo residencial, a consellaría competente en materia de vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou de entidades integrantes do sector público autonómico participadas por este organismo, poderá promover e desenvolver actuacións de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública, sempre que concorran os seguintes requisitos:
a) Que exista unha forte demanda social demostrada por fontes de datos obxectivas, como pode ser o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que as actuacións de transformación urbanística propostas transcendan o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, pola súa magnitude ou polas súas singulares características que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado.
Artigo 63. Declaración de interese autonómico
1. A tramitación dos proxectos regulados no artigo anterior axustarase ás previsións contidas na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, para os proxectos de interese autonómico, de tipo non previsto, xunto coas especialidades recollidas nesta subsección.
2. Como requisito previo para o inicio do procedemento de aprobación como proxectos de interese autonómico, será precisa a declaración do interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto polo procedemento descrito neste artigo.
3. O Instituto Galego da Vivenda e Solo seleccionará previamente aquelas áreas urbanas en que concorran os requisitos sinalados no artigo 44, identificando, respecto de cada concello ou concellos afectados, as zonas urbanisticamente máis adecuadas para desenvolver as iniciativas de planificación e proxección de actuacións de creación de solo residencial de promoción pública.
4. Constando a conformidade do concello afectado, a Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo aprobará mediante resolución a delimitación dos ámbitos de actuación que serán obxecto de transformación urbanística, xustificando a concorrencia dos requisitos sinalados no artigo 44. A devandita resolución implicará a declaración do interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto e será publicada no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 64. Efectos da declaración de interese autonómico
A declaración de interese autonómico regulada no artigo anterior implicará, a maiores do resto de efectos previstos na normativa vixente, a xustificación da concorrencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia dos procedementos necesarios para a aprobación ou modificación do proxecto, e suporá a redución á metade dos prazos establecidos para os procedementos ordinarios, salvo os relativos á presentación de solicitudes, recursos e, en xeral, aqueles prazos taxados por normativa estatal básica que non poidan ser obxecto de redución.
Artigo 65. Procedemento de aprobación e modificación dos proxectos de interese autonómico
1. A aprobación e a modificación dos proxectos de interese autonómico para a creación de solo residencial, recollidos nesta subsección, rexeranse polas previsións da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, xunto coas especialidades seguintes.
2. Nos procedementos de aprobación e modificación de proxectos de interese autonómico para a creación de solo residencial aplicaranse as medidas de axilización procedemental previstas no artigo 25 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Artigo 66. Determinacións dos proxectos de interese autonómico
Os proxectos de interese autonómico previstos nesta subsección para planificar e proxectar a execución de actuacións de creación de solo destinado a vivendas protexidas poderán implantarse en calquera clase de solo e mesmo poderán referirse a actuacións previstas no planeamento urbanístico vixente.
Artigo 67. Xestión dos proxectos de interese autonómico
1. A xestión dos proxectos de interese autonómico previstos nesta subsección levarase a cabo polo procedemento de expropiación forzosa, de acordo co establecido na normativa vixente en materia de expropiación forzosa.
2. A expropiación forzosa aplicarase por todo o ámbito da actuación ou por unha fase completa desta, de se delimitaren fases de urbanización conforme o previsto nesta subsección, e abranguerá todos os bens e dereitos incluídos no ámbito ou na fase, sen prexuízo do disposto no número 7.
3. Cando para a execución dun proxecto de interese autonómico non sexa necesaria a expropiación do dominio e sexa suficiente a constitución dunha servidume, esta poderá impoñerse de conformidade co procedemento establecido na lexislación en materia de expropiación forzosa. Igualmente, cando deban modificarse ou suprimirse servidumes privadas por estaren en contradición coas determinacións do proxecto, poderán expropiarse segundo o procedemento establecido na devandita lexislación.
4. A declaración de utilidade pública ou interese social e a necesidade de ocupación referiranse aos proxectos que se realicen en execución directa do proxecto de interese autonómico aprobado e tamén aos bens e dereitos comprendidos nas implantacións dos proxectos e nas modificacións de obra que poidan aprobarse posteriormente.
5. Para os efectos indicados nos números anteriores, os proxectos das obras e as súas modificacións deberán comprender a definición da súa localización e a determinación concreta e individualizada dos terreos, construcións ou outros bens ou dereitos que se estime preciso ocupar ou adquirir para a construción, defensa, seguridade ou servizo daquelas.
6. Transcorridos os prazos previstos no proxecto para a execución das correspondentes actuacións, as persoas titulares poderán solicitar a expropiación dos bens da súa titularidade incluídos no ámbito daquela, conforme o previsto na lexislación urbanística.
7. O órgano expropiador poderá, de oficio ou por solicitude da persoa interesada, excluír da expropiación forzosa as parcelas con edificacións compatibles co uso e a ordenación establecidos polo proxecto que se executa, cando iso non dificulte os obxectivos da actuación e a persoa propietaria se comprometa a participar no proceso de execución nas condicións e nos termos que se fixen por acordo da entidade do sector público actuante. Do mesmo xeito, poderá excluír da expropiación a propietarios do solo que queiran participar no desenvolvemento do ámbito mediante a sinatura de convenios de exclusión nos que se recollan as condicións que aseguran a vinculación da propiedade á xestión urbanística.
Artigo 68. Cesións urbanísticas
1. A aprobación definitiva dos proxectos de interese autonómico previstos nesta subsección determinará o réxime de dereitos e deberes aplicable para a súa execución, de conformidade coa clase de solo que determinen e segundo o disposto na normativa urbanística aplicable.
2. Os concellos serán beneficiarios das cesións que deriven da execución dos proxectos de interese autonómico, conforme a normativa urbanística aplicable.
3. O Instituto Galego da Vivenda e Solo ou, de ser o caso, as entidades integrantes do sector público autonómico participadas por este organismo, serán beneficiarios da totalidade do aproveitamento urbanístico que derive da execución dos proxectos de interese autonómico.
Artigo 69. Os instrumentos de desenvolvemento e execución
1. O desenvolvemento e a execución dos proxectos de interese autonómico regulados nesta subsección levarase a cabo mediante os seguintes instrumentos:
a) Proxecto de delimitación de fases de urbanización.
b) Proxecto de urbanización.
c) Proxecto de parcelamento ou proxecto de reparcelamento.
2. Os proxectos de interese autonómico obxecto desta subsección poderán incorporar como anexos independentes calquera dos instrumentos de desenvolvemento e execución enumerados no número 1, o que comportará a súa tramitación e aprobación conxunta.
3. A modificación dos instrumentos de desenvolvemento e execución incorporados como anexos a un proxecto de interese autonómico para solo residencial de promoción pública poderá ser realizada de xeito independente, sen necesidade de proceder á modificación do proxecto.
Artigo 70. Proxecto de delimitación de fases de urbanización
1. Os proxectos de delimitación de fases de urbanización son instrumentos de execución que teñen por obxecto delimitar as fases de execución dun ámbito de solo residencial, co fin de axustar a devandita execución á demanda de solo existente.
2. Os devanditos proxectos deberán comprender a orde de execución das distintas fases en que se divida a actuación e garantir que, unha vez rematada a fase correspondente, todas as parcelas dela dispoñan dos servizos urbanísticos precisos para o pleno funcionamento do ámbito correspondente. Na urbanización de cada fase deberá cumprirse a reserva mínima de prazas de aparcamento que lle correspondería por aplicación dos estándares establecidos na lexislación urbanística en función da superficie de parcelas urbanizadas nela.
3. A aprobación dos proxectos de delimitación de fases de urbanización suxeitarase ao seguinte procedemento:
a) O Instituto Galego da Vivenda e Solo, logo de formular o proxecto de delimitación de fases de urbanización, solicitará os informes pertinentes, que deberán emitirse no prazo dun mes, e someterá o proxecto á audiencia do concello ou concellos afectados por el no prazo dun mes.
b) Á vista dos informes emitidos e do resultado da audiencia prevista na alínea anterior, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, mediante resolución da persoa titular da súa dirección xeral, aprobará o proxecto de delimitación de fases de urbanización coas modificacións que resulten pertinentes e comunicarao ao concello ou concellos a que afecte a actuación.
4. A aprobación dos proxectos previstos neste artigo producirá os seguintes efectos:
a) Permitirá a aprobación do proxecto de parcelamento ou reparcelamento do ámbito correspondente á fase de urbanización que se vaia desenvolver.
b) Permitirá a aprobación e execución de proxectos de urbanización independentes que prevexan a urbanización de cada unha das fases en que se divida o ámbito.
c) Posibilitará a recepción das obras de urbanización da fase, unha vez executadas, por parte do concello respectivo e a súa afección ao uso público, ao se tratar dunha unidade funcional directamente utilizable.
Artigo 71. Proxectos de urbanización
1. Os proxectos de urbanización son proxectos de obras que teñen por obxecto executar os servizos e as dotacións establecidos nos proxectos de interese autonómico regulados nesta subsección. As obras e as instalacións públicas definidas detalladamente nun proxecto de interese autonómico serán cualificadas expresamente como de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas a licenza urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal, sen prexuízo da obrigatoriedade do cumprimento da normativa aplicable exixible.
2. Os proxectos de urbanización poderán comprender a totalidade do ámbito dos proxectos de interese autonómico ou unha fase de urbanización destes das delimitadas no proxecto de delimitación de fases de urbanización correspondente.
3. O contido dos proxectos de urbanización será o establecido na normativa urbanística. Non poderán modificar as determinacións dos proxectos de interese autonómico que executan, sen prexuízo da posibilidade de efectuar as adaptacións exixidas pola execución material das obras, respectando, en todo caso, as condicións de accesibilidade.
4. A aprobación dos proxectos de urbanización suxeitarase aos seguintes trámites:
a) A persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, logo do informe dos servizos técnicos, aprobará inicialmente o proxecto de urbanización e someterao a información pública polo prazo dun mes, mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.
b) Simultaneamente ao trámite de información pública, darase audiencia ao concello ou concellos que resulten afectados e solicitaranse as autorizacións e os informes sectoriais que sexan preceptivos. Transcorrido o prazo dun mes sen que se comunicasen os informes autonómicos e municipais solicitados, entenderanse emitidos con carácter favorable.
c) Á vista do resultado do trámite de información pública e de audiencia, así como das autorizacións e dos informes emitidos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo introducirá as modificacións que procedan no documento e elaborará a proposta final.
d) Cumpridos os trámites anteriores, a persoa titular do Instituto Galego da Vivenda e Solo aprobará definitivamente o proxecto de urbanización, comunicarao ao concello ou concellos afectados e remitiralles un exemplar dilixenciado.
Artigo 72. Proxectos de parcelamento ou proxectos de reparcelamento
1. Os proxectos de parcelamento ou de reparcelamento son instrumentos de execución dos proxectos de interese autonómico de desenvolvemento de solo residencial que teñen por obxecto posibilitar o parcelamento ou o reparcelamento dunha ou varias fases de solo, mediante a segregación ou división de terreos, logo da súa agrupación, de ser o caso, co fin de facilitar os ámbitos de utilización propia do solo residencial.
2. Os proxectos previstos neste artigo realizarán a división ou a segregación dos terreos afectados pola fase de urbanización correspondente, coa previa agrupación, de ser o caso, co obxectivo de levar a cabo ou facilitar os actos de utilización propia do solo residencial e a implantación das obras propias deste solo, por razón das características físicas dos terreos afectados, da súa delimitación por viarios existentes ou de nova creación, da implantación de servizos urbanísticos ou das características das obras descritas na operación de división.
3. A aprobación dos proxectos de parcelamento ou de reparcelamento deberá axustarse aos trámites previstos nesta subsección para os proxectos de delimitación de fases de urbanización.
4. A aprobación definitiva dos proxectos previstos neste artigo permitirá a inscrición do parcelamento ou do reparcelamento no Rexistro da Propiedade de conformidade coa lexislación estatal aplicable, sen necesidade de licenza municipal nin declaración de innecesariedade desta, por se tratar dun acto de desenvolvemento dun instrumento de ordenación ou execución urbanística para os efectos do artigo 65 do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, aprobado polo Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, ou norma que o substitúa.
5. A afección dos predios resultantes do parcelamento ou do reparcelamento como garantía da execución das obras de urbanización quedará unicamente limitada á execución das obras correspondentes á fase de urbanización en que estea situado o predio.
Artigo 73. Obras de edificación e urbanización simultáneas
1. A consellaría competente en materia de vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou organismo que o substitúa, como promotora de proxectos de interese autonómico regulados nesta subsección, poderá executar simultaneamente a urbanización e edificación, cumprindo as seguintes condicións:
a) A autorización da edificación, nos termos previstos no artigo 56, non poderá ser anterior á aprobación definitiva dos instrumentos de xestión e urbanización.
b) A execución da edificación non poderá comezar mentres non se inicie formalmente a execución das obras de urbanización do proxecto de interese autonómico.
c) O uso da edificación deberá ser, en todo caso, posterior á recepción das obras de urbanización polo concello.
2. O Instituto Galego da Vivenda e Solo e as entidades integrantes do sector público autonómico participadas por este organismo quedarán exentas da constitución do aval ou garantía que asegure a execución simultánea da urbanización e da edificación exixidos polos artigos 21.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 28 do Decreto 143/2016, de 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
Subsección 3ª. Medidas para axilizar a construción de vivendas protexidas de promoción pública de titularidade autonómica
Artigo 74. Obras públicas de interese xeral
1. Os proxectos de construción de vivendas protexidas de promoción pública e de aloxamentos compartidos para a mocidade promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou por unha entidade participada maioritariamente por el, incluídas as obras de urbanización que foren necesarias, terán a consideración de obras públicas de interese xeral. Consecuentemente, tales obras non estarán suxeitas a licenza urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal e a aprobación daqueles producirá os mesmos efectos que a obtención da licenza urbanística.
2. O Instituto Galego da Vivenda e Solo ou unha entidade participada maioritariamente por el solicitará, se for o caso, os informes sectoriais preceptivos que, no caso dos informes autonómicos, deberán ser emitidos no prazo dun mes.
Logo de transcorrer o prazo normativamente previsto para a emisión do informe sen que este se realizase, entenderase emitido con carácter favorable e que non existen obxeccións á actuación proxectada.
3. O Instituto Galego da Vivenda e Solo ou a entidade participada maioritariamente por el, con carácter previo ao inicio das obras, aprobará o proxecto de construción e remitirá ao concello correspondente a documentación acreditativa de tal aprobación cun informe sobre o cumprimento da normativa urbanística aplicable, así como toda a documentación técnica que proceda. O concello, no prazo dun mes, deberá emitir informe sobre a súa conformidade ou desconformidade coa ordenación vixente. Transcorrido este prazo sen que o concello se pronuncie expresamente, entenderase que o proxecto é conforme coa ordenación vixente.
4. No caso de que o concello informe que de existe unha desconformidade, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, ou a entidade participada maioritariamente por el, adaptará, se procede, o seu contido e comunicará ao concello as rectificacións efectuadas, e poderá iniciar as obras.
5. Nos proxectos de construción de vivendas protexidas de promoción pública e de aloxamentos compartidos para a mocidade previstos neste artigo, o certificado de fin de obra, acompañado da resolución de conformidade adoptada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, producirá os mesmos efectos que a comunicación previa de primeira ocupación de edificacións.
6. Os notarios e rexistradores, no marco do establecido na lexislación estatal aplicable, exixirán, para outorgar escrituras notariais e inscribir os parcelamentos urbanísticos, as segregacións ou as divisións de terreos vinculados aos proxectos de construción de vivenda protexida referidos neste artigo, a resolución administrativa de aprobación definitiva dos citados proxectos, en substitución da declaración de innecesariedade de licenza prevista no artigo 150.7 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
Igualmente, para os efectos establecidos no artigo 44 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e de acordo co previsto na lexislación estatal aplicable, para outorgar e inscribir escrituras notariais de declaración de obra nova das vivendas e aloxamentos compartidos previstos neste artigo, exixirán a resolución administrativa de aprobación definitiva dos proxectos de construción, a certificación de final de obra e a resolución de conformidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo a que se refire o número anterior.
Artigo 75. Reservas de prazas de aparcadoiros de vehículos
Nas parcelas destinadas a vivenda suxeita a algún réxime de protección pública, o plan que conteña a ordenación detallada non poderá establecer reservas superiores ás previstas no artigo 42.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, sempre que quede garantida unha praza de aparcadoiro de vehículos por vivenda.
Subsección 4ª. Medidas para incrementar a dispoñibilidade de
edificacións con destino a vivenda
Artigo 76. Cambio de uso de locais a vivenda
1. Os locais destinados a uso terciario poderán cambiar o seu uso a residencial cando se cumpran as seguintes condicións:
a) Que estean situados en edificacións existentes de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.
b) Que se sitúen en solo urbano ou de núcleo rural.
2. No suposto de que os locais estean situados nun solo desenvolvido por un promotor público ou destinado polo planeamento a vivenda protexida deberán, adicionalmente, cualificarse como vivendas protexidas e solicitar a pertinente autorización do Instituto Galego da Vivenda e Solo, de conformidade co establecido no artigo 72 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.
3. Con carácter xeral, as novas vivendas deberán cumprir as condicións exixidas pola normativa en materia de edificación e de habilitabilidade que resulte aplicable, coas seguintes excepcións ou especialidades:
a) Exceptúanse os requisitos de altura libre, que poderá ser de 2,40 metros.
b) As novas vivendas poderán ter o seu acceso directamente á vía pública.
c) As ventilacións e extraccións que teñan que saír por cuberta poderanse conducir polas fachadas interiores e situarse máis alá da profundidade edificable, ou superando a ocupación máxima permitida.
d) A extracción de fumes das cociñas poderá substituírse por sistemas de filtración internos homologados.
e) As vivendas resultantes deste cambio de uso estarán exentas do cumprimento de reserva de prazas de aparcadoiros.
4. O cambio de uso regulado neste artigo requirirá o correspondente título habilitante municipal de natureza urbanística e, de ser o caso, as autorizacións e informes sectoriais que procedan, sen que sexa necesario tramitar previamente unha modificación do planeamento urbanístico nin de calquera outro instrumento que o habilite.
5. Este precepto será de aplicación directa no prazo de catro meses a partir da entrada en vigor desta lei. Con todo, os concellos, en calquera momento, poderán adoptar un acordo relativo á súa non aplicación en todo ou en parte do seu termo municipal. Este acordo deberá ser adoptado polo pleno respectivo e deberá fundarse en razóns derivadas da necesidade de manter a actividade comercial nun determinado ámbito territorial.
Artigo 77. Réxime excepcional aplicable ás edificacións non acabadas
1. Para os efectos do establecido neste artigo, terán a consideración de edificacións non acabadas as situadas en solo urbano ou en solo urbanizable que reúnan os seguintes requisitos:
a) Que se trate de edificacións de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.
b) Que as edificacións conten coa estrutura parcialmente executada.
c) Que dispoñan de licenza urbanística outorgada para un uso residencial, de acordo co planeamento vixente no momento do outorgamento.
d) Que as obras parcialmente executadas se axusten á licenza urbanística outorgada no seu día.
e) Que non estean incursas no réxime de fóra de ordenación previsto no artigo 90.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
2. As persoas promotoras das actuacións previstas neste artigo poderán solicitar unha licenza municipal para a completa terminación da edificación e para o seu destino a uso residencial, sempre que, como mínimo, o 50 por cento das vivendas teñan a condición de vivenda protexida conforme o previsto na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.
3. A amentada licenza autorizará as obras necesarias para a total terminación da edificación e para o seu destino a uso residencial, de acordo cos parámetros urbanísticos regulados no planeamento urbanístico consonte o cal foi outorgada a licenza orixinaria. Sen prexuízo do anterior, resultarán de obrigado cumprimento as normas técnicas vixentes sobre seguridade, habitabilidade e accesibilidade, salvo que esta adaptación resulte técnica ou economicamente inviable.
4. No caso de que a edificación non acabada se atope en solo urbanizable, será admisible a urbanización e a edificación simultáneas.
5. Para acollerse ao réxime excepcional previsto neste artigo, será necesario solicitar a licenza prevista neste artigo antes do 29 de decembro de 2028.
Sección 2ª. Outras medidas en materia de vivenda
Artigo 78. Modificación da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia
O artigo 10 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, queda modificado como segue:
«Artigo 10. Xuventude e vivenda
1. A Xunta de Galicia facilitará os procesos de autonomía persoal da xuventude, desenvolvendo políticas transversais que favorezan o acceso da xente nova a unha vivenda digna.
2. Os departamentos da Xunta de Galicia competentes en materia de xuventude e vivenda poderán promover actuacións e programas conxuntos orientados a facilitar a emancipación da mocidade impulsando, entre outras iniciativas, a promoción e a xestión de aloxamentos compartidos para satisfacer as necesidades transitorias de vivenda das persoas mozas».
Artigo 79. Modificación da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia
Modifícase a Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, nos seguintes termos:
Un. Modifícase o artigo 49, que queda redactado como segue:
«Artigo 49. Xestión das vivendas protexidas de promoción pública con fins de inserción ou asistenciais
1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, en cumprimento das políticas de inclusión e cohesión social, poderá establecer liñas concretas de actuación ou formas de colaboración con administracións públicas ou entidades sen ánimo de lucro que leven a cabo actividades e programas de carácter social, para que poidan dispoñer de vivendas e destinalas a persoas que requiran especial atención polas súas circunstancias persoais, económicas ou sociais.
2. Igualmente, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá colaborar con entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan programas de carácter social no eido da vivenda, con acreditada experiencia na procura de vivenda e mediación social, para facilitar a xestión de todas ou parte das vivendas dunha promoción da súa titularidade, incluíndo o cobramento dos alugueiros, gastos de comunidades, taxas e subministracións que lle corresponda pagar á persoa adxudicataria da vivenda, a mediación veciñal e o acompañamento social. A formalización desta colaboración axustarase á normativa que lle resulte aplicable, en atención á natureza xurídica que resulte das obrigas e dereitos que, en cada caso, se recollan no correspondente instrumento xurídico».
Dous. Modifícase o artigo 54, que queda redactado da seguinte forma:
«Artigo 54. Pagamento das vivendas de promoción pública e aprazamentos de pagamento
1. Nos contratos en que se formalice a adxudicación das vivendas de protección pública (VPP) que pertenzan ao parque público de vivendas do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), ademais das cláusulas obrigatorias previstas no artigo 68, figurará a contraprestación que deberá aboar a persoa adxudicataria, que terá a consideración de ingreso de dereito público, así como o prazo en que deberá facerse efectivo o seu ingreso.
Se a contraprestación a que se refire o parágrafo anterior non se fixer efectiva no prazo establecido, o IGVS liquidará a débeda pendente de ingreso xunto cos xuros de mora correspondentes. Os actos administrativos de liquidación da débeda serán debidamente notificados e conterán os medios de pagamento, as consecuencias da falta de pagamento e os medios de impugnación que proceda interpoñer contra eles. Serán susceptibles de reclamación económico-administrativa, no prazo dun mes e de conformidade coa normativa reguladora correspondente, perante a Xunta Superior de Facenda, sen prexuízo do dereito a interpoñer previamente, con carácter potestativo, recurso de reposición previo á vía económico-administrativa perante o órgano que ditou o acto liquidatorio.
2. O cobramento das débedas das persoas adxudicatarias das vivendas do parque público de VPP do IGVS poderá exixirse mediante o procedemento de constrinximento. O procedemento de constrinximento corresponderalle ao órgano ou entidade da Administración tributaria da consellaría competente en materia de facenda.
3. Excepcionalmente, no caso de imposibilidade acreditada de pagamento da vivenda de promoción pública por unha situación transitoria de precariedade económica, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá conceder, logo da petición da persoa interesada, aprazamentos ou fraccionamentos de pagamento no período voluntario de ingreso, consonte as condicións que se determinen regulamentariamente.
4. A resolución mediante a cal se conceda o aprazamento conterá a liquidación da cantidade aprazada, dos xuros que correspondan, o vencemento ou vencementos en que deban realizarse os ingresos dos prazos, os medios de pagamento, as consecuencias da falta de pagamento dos prazos, que serán as reguladas na normativa tributaria, así como os medios de impugnación que procedan contra ela. Contra a resolución poderá presentarse recurso na vía económico-administrativa perante a Xunta Superior de Facenda, sen prexuízo do dereito a interpoñer previamente, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o órgano que ditou o acto. Transcorrido o prazo para a realización do pagamento no período concedido sen que este se producise, produciranse os efectos regulados na normativa tributaria e exixirase a cantidade correspondente pola vía de constrinximento».
Tres. Modifícase o número 3 do artigo 59, que pasa a ter a seguinte redacción:
«3. A Administración deberá ditar resolución expresa tanto sobre a cualificación provisional como sobre a definitiva e notificarlla á persoa interesada no prazo máximo de dous meses, que se contarán a partir da data en que a solicitude entrase nun rexistro do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Transcorrido este tempo sen que se notificase resolución expresa, poderase entender desestimada por silencio administrativo.
No caso de se advertir deficiencias reparables que impidan o outorgamento da cualificación provisional ou definitiva, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá sinalar o prazo e as condicións para proceder á súa reparación, e quedará mentres tanto interrompido o prazo para resolver.
A eficacia das cualificacións provisionais e definitivas das vivendas limítase á verificación e constatación do cumprimento dos requisitos exixidos normativamente para obter, efectivamente, a cualificación de vivendas protexidas, sen que en ningún caso implique a verificación do cumprimento da normativa urbanística e técnica que deba ser revisada polos concellos para outorgar as correspondentes licenzas».
Catro. Modifícase o artigo 60, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 60. Duración do réxime de protección
1. O réxime de protección das vivendas protexidas de promoción pública e das vivendas protexidas de protección autonómica construídas nun solo desenvolvido por un promotor público, así como das vivendas protexidas promovidas ou rehabilitadas por entidades participadas maioritariamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, terá duración permanente.
2. Para o resto das vivendas protexidas, a duración do réxime legal de protección será de trinta anos desde a data da súa cualificación definitiva, salvo que se trate de promocións que se cualifiquen como vivendas de protección autonómica con destino a alugamento, en cuxo caso será de quince anos.
3. No suposto de que as vivendas protexidas se acollan a financiamento ou a axudas estatais en cuxa normativa reguladora se estableza unha duración do réxime de protección superior á prevista no número anterior, aplicarase o que dispoña a citada normativa».
Cinco. Modifícase o artigo 61, que queda redactado como segue:
«Artigo 61. Extinción do réxime de protección e descualificación
1. O réxime de protección das vivendas extínguese polo transcurso do prazo de duración do réxime xurídico de protección.
2. O transcurso do prazo de duración do réxime de protección nas vivendas de protección autonómica determinará a extinción do réxime de protección da vivenda, que, sen necesidade de declaración administrativa, se considerará libre para todos os efectos se, transcorridos seis meses desde o cumprimento do prazo de duración do réxime de protección, non consta no Rexistro da Propiedade ningún asento contraditorio. Nestes casos, as rexistradoras ou rexistradores cancelarán de oficio as notas marxinais relativas ao réxime de protección.
3. As vivendas protexidas non poderán ser obxecto de descualificación mentres dure o seu réxime legal de protección».
Seis. Modifícase o número 1 do artigo 63, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. Poderán acceder a unha vivenda protexida, en réxime de dominio ou dereito de uso ou gozo, inter vivos, en primeira ou ulteriores transmisións, a título oneroso ou gratuíto, voluntariamente ou en vía executiva, as persoas residentes en Galicia, así como as persoas emigrantes retornadas que, carecendo dunha vivenda en propiedade, acrediten os ingresos que se concreten mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia e cumpran os requisitos que regulamentariamente se establezan para o acceso a este tipo de vivendas».
Sete. Modifícase o número 1 do artigo 66, que queda coa seguinte redacción:
«1. Durante o período legal de protección, calquera acto de disposición ou de arrendamento de vivendas protexidas en primeira ou posteriores transmisións, con independencia da súa data de cualificación, estará suxeito a un prezo de venda ou renda máximo que será fixado mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, en atención á localización das promocións, a superficie útil das vivendas e os seus anexos, así como os custos da construción ou a situación do mercado inmobiliario.
No devandito acordo estableceranse os prezos finais de adxudicación das vivendas protexidas de promoción pública e os seus anexos, para o cal poderán fixarse deducións nos prezos de venda e renda en función da situación económico-social das persoas adxudicatarias.
No suposto de promocións de vivendas protexidas de protección autonómica cualificadas para arrendamento, o prezo máximo da renda será o fixado na súa cualificación. Este prezo máximo será actualizado anualmente de acordo co incremento que experimente o IPC, sen que en ningún caso poida superar o 3 % anual».
Oito. Modificase o número 2 e engádense os números 4 e 5 ao artigo 72, co seguinte teor literal:
«2. O prezo de adxudicación dos solos de titularidade do Instituto Galego de Vivenda e Solo e das entidades participadas maioritariamente polo sector público autonómico será o fixado nos correspondentes pregos que rexen o concurso público de adxudicación, garantindo a viabilidade económica da promoción, en atención aos prezos máximos das vivendas protexidas, á súa localización e ao réxime a que se destinen as vivendas que se edifiquen sobre os devanditos solos».
«4. No caso de os concellos cederen gratuitamente ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, ou ás entidades participadas maioritariamente polo sector público autonómico, o solo preciso para a promoción de vivendas protexidas de promoción pública, poderá cederse aos concellos en cuestión, como única contraprestación e sempre que así o solicitaren, a totalidade ou parte dos locais comerciais que, de ser o caso, se constrúan na devandita promoción pública.
Igualmente, neste suposto tamén poderá adxudicarse directamente en venda aos concellos ata un 20 % das vivendas protexidas de promoción pública resultantes e os seus anexos, polo prezo do seu custo de construción. A indicada porcentaxe calcularase para cada concreta promoción en función da situación económico-social das persoas adxudicatarias.
Para proceder a esta adxudicación directa é preciso que o concello o solicite expresamente, acreditando a necesidade de dispor destas vivendas para atender os casos de especial necesidade. Unha vez constatada a conveniencia da medida, corresponderá á Presidencia do Instituto Galego de Vivenda e Solo, ou ao consello de administración da entidade participada polo sector público autonómico, acceder ao alleamento solicitado.
5. No caso de locais comerciais situados nun solo desenvolto por un promotor público ou destinado polo planeamento a vivenda protexida, cando a persoa adxudicataria do local pretenda modificar o uso comercial por un uso residencial deberá, con carácter previo, cumprir cos seguintes requisitos:
a) Deberá solicitar e obter a pertinente autorización de cambio de uso ao Instituto Galego da Vivenda e Solo.
b) A vivenda resultante deberá ser cualificada como vivenda protexida, logo de se constatar o cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa en vigor».
Nove. Modifícase o número 3 do artigo 73, que pasa a ter a seguinte redacción:
«3. Para a inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia será suficiente unha declaración responsable na que a persoa interesada manifeste cumprir cos requisitos exixidos para o acceso a unha vivenda protexida. Con todo, o efectivo cumprimento destes requisitos deberá acreditarse no procedemento de adxudicación das vivendas.
Será obriga da persoa demandante comunicar calquera cambio que se producise nas súas circunstancias durante o período de inscrición. O incumprimento desta obriga, unha vez acreditada, supoñerá a baixa automática no rexistro, coa imposibilidade de realizar unha nova inscrición durante o prazo dun ano.
Así mesmo, supoñerá a baixa automática, coa imposibilidade de realizar unha nova inscrición durante o prazo dun ano, cando a persoa adxudicataria dunha vivenda nun sorteo dunha promoción renuncie a ela sen concorrer ningunha das causas xustificadas recollidas na normativa vixente, de acordo coa normativa de desenvolvemento do rexistro».
Dez. Engádese o número 4 ao artigo 73, co seguinte teor literal:
«4. Estarán exentas da obriga de inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia as persoas que se atopen nalgún dos seguintes supostos:
a) Persoas promotoras de vivendas para uso propio, incluíndo as promovidas por cooperativas de vivendas, comunidades de persoas propietarias ou asociacións legalmente constituídas, cando o número de vivendas coincida co número de persoas promotoras ou adxudicatarias. Noutro caso, deberán solicitar o correspondente sorteo entre as persoas demandantes inscritas no citado rexistro.
b) Nos supostos de realoxamentos urbanísticos en que a persoa promotora solicite a adxudicación de vivendas da promoción a favor das persoas con dereito a realoxamento».
Once. Modifícase a alínea d) do número 1 do artigo 74, que pasa a ter a seguinte redacción:
«d) Familias ou unidades convivenciais cuxa persoa titular teña menos de 36 anos ou máis de 65».
Doce. Modifícase o número 2 do artigo 74, que queda redactado como segue:
«2. A suma de todas as reservas non poderá superar o 30 % das vivendas ofertadas, agás nos supostos especiais derivados de programas específicos de interese público ou de integración social, que se rexerán polo disposto na súa regulamentación propia, así como as excepcións derivadas da atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero ou no suposto de que se destinen vivendas á mocidade».
Trece. Modifícase o número 2 do artigo 82, coa seguinte redacción:
«2. Cando o desafiuzamento se fundamente na causa prevista na alínea a) do artigo precedente, requirirase a persoa arrendataria ou adxudicataria para que aboe o seu importe no prazo de quince días. De non o facer, será apercibida de desafiuzamento e dunha recarga do 10 % sobre a cantidade debida.
Expirado o devandito prazo sen que se aboase na súa totalidade a cantidade debida, ditarase resolución de desafiuzamento con apercibimento de lanzamento e resolución pola que se liquidará a cantidade debida e a recarga que corresponda. As cantidades liquidadas terán a consideración de ingresos de dereito público. As resolucións serán debidamente notificadas. A notificación da liquidación supoñerá a apertura do prazo para a realización do ingreso en período voluntario consonte o artigo 62 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. Contra a resolución liquidatoria poderá presentarse recurso na vía económico-administrativa perante a Xunta Superior de Facenda, sen prexuízo do dereito a interpoñer previamente, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o órgano que ditou o acto. As débedas que non fosen satisfeitas no período aberto coa notificación da liquidación exixiranse polo procedemento de constrinximento consonte o establecido na normativa tributaria, sen prexuízo da posibilidade de lanzamento da persoa non pagadora».
Catorce. Engádese un artigo 89 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 89 bis. Aloxamentos compartidos para a mocidade
1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, coa finalidade de facilitar a emancipación da mocidade, poderá impulsar, en colaboración coa consellaría competente en materia de xuventude, a promoción pública e a xestión de aloxamentos compartidos, destinados a satisfacer necesidades transitorias de vivenda da mocidade.
2. Para os efectos do disposto neste artigo, entenderase por aloxamento compartido a edificación residencial impulsada por un promotor público, apta para ser habitada, destinada a resolver de forma transitoria a necesidade de residencia de persoas ou unidades de convivencia, ofrecendo o espazo e as instalacións adecuadas para a devandita finalidade. Tales aloxamentos deberán dispoñer de espazos comúns de uso compartido que complementen o desfrute dos espazos privativos.
3. Os aloxamentos compartidos poderán ser promovidos en solos urbanos aos cales a ordenación urbanística lles atribúa o uso residencial ou dotacional.
4. Os aloxamentos compartidos serán cualificados como actuacións protexidas pola consellaría competente en materia de vivenda, cunha duración do réxime de protección de carácter permanente.
5. As promocións de aloxamentos compartidos deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Cada espazo privativo do aloxamento non poderá ter unha superficie útil inferior a 30 metros cadrados.
b) A promoción deberá contar con espazos comúns ou complementarios, tales como sala común, comedor ou lavandaría, para a súa utilización por parte das persoas usuarias dos aloxamentos.
6. Cando os aloxamentos compartidos ocupen a totalidade dun edificio, este non se poderá dividir en propiedade horizontal.
7. Poderán adquirir a condición de usuarias dos aloxamentos compartidos as persoas menores de 36 anos e as unidades de convivencia en que, polo menos, unha das persoas que a integran cumpra este requisito de idade.
8. O tempo de permanencia nos aloxamentos non poderá ser superior ao período establecido na oferta pública de prazas ou, de ser o caso, no acto de adxudicación, sen que se poida superar o máximo de tres anos.
Sen prexuízo do anterior, en atención ás circunstancias económicas e laborais das persoas usuarias, poderán concederse prórrogas anuais, sen que en ningún caso o período total da permanencia no aloxamento poida exceder de sete anos.
9. Mediante o instrumento de colaboración que, para estes efectos, se formalice entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e a consellaría competente en materia de xuventude concretaranse todos os aspectos necesarios para a execución desta actuación conxunta de fomento e, en particular, as seguintes circunstancias:
a) O réxime de xestión e mantemento dos aloxamentos.
b) Os límites de ingresos para acceder aos aloxamentos, e demais requisitos para o acceso.
c) Os criterios de selección das persoas usuarias, que poderán incluír a posibilidade de establecer reservas para adxudicar directamente aloxamentos para aquelas persoas ou unidades de convivencia que se atopen en situacións consideradas de atención preferente.
d) A duración máxima de permanencia nos aloxamentos compartidos.
e) Os prezos máximos que se poidan percibir como contraprestación polo uso dos aloxamentos compartidos, así como, de ser o caso, a repercusión do custo real dos servizos de que desfrute a persoa usuaria.
f) Os dereitos e as obrigas das persoas usuarias.
10. Sen prexuízo da posibilidade de adxudicación directa recollida no número anterior, a oferta de prazas efectuarase, con carácter xeral, mediante convocatoria pública publicada no Diario Oficial de Galicia».
Quince. Modifícanse o título e os números 1, 2 e 3 da disposición adicional vixésimo segunda, que quedan redactados como segue:
«Disposición adicional vixésimo segunda. Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción
1. Créase o Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción como un fondo sen personalidade xurídica de seu, para a xestión de instrumentos financeiros de préstamos sen xuros aos concellos para a devandita finalidade.
2. Poderanse acoller ao fondo os concellos que cumpran as condicións que se establezan mediante resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, co obxecto de financiar, mediante un préstamo, sen xuros, concedido por este organismo, a promoción de vivenda protexida de nova construción, directamente ou a través doutros promotores públicos ou privados, incluída a adquisición de solo para a promoción ou de inmobles de nova construción para a súa cualificación como vivendas protexidas.
3. O fondo dotarase a partir dos depósitos procedentes das fianzas de arrendamento, co importe máximo que, logo da autorización por parte da consellaría competente en materia de facenda, se estableza mediante unha resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo. As devolucións efectuadas polos concellos pasarán novamente a formar parte do Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida para que poida ser reutilizado en novas disposicións por parte dos concellos».
Dezaseis. Modifícase a disposición transitoria segunda, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Disposición transitoria segunda. Procedementos de cualificación e réximes de protección pública anteriores á entrada en vigor desta lei
1. Os procedementos de cualificación de vivenda protexida iniciados antes da entrada en vigor desta lei tramitaranse e resolveranse conforme a normativa vixente no momento da presentación da solicitude.
2. As vivendas cualificadas definitivamente conforme calquera réxime de protección pública con anterioridade á entrada en vigor desta lei rexeranse polo disposto na súa normativa específica. Seralles en todo caso aplicable o indicado no artigo 66.
3. A duración do réxime de protección prevista no artigo 60.1 será aplicable ás vivendas protexidas de promoción pública de titularidade do Instituto Galego de Vivenda e Solo que, con independencia da súa data de cualificación, estean adxudicadas en réxime de alugamento ou ocupación temporal, así como ás que se encontren vacantes ou sexan recuperadas polo citado organismo».
Artigo 80. Modificación da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia
Modifícase a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, do seguinte xeito:
Un. Modifícase o artigo 29, que queda redactado como segue:
«Artigo 29. Reposición de servizos e bens afectados
1. No caso de que deban ser expropiados servizos ou bens afectados pola execución das obras, a administración promotora poderá optar, en substitución da expropiación, pola súa reposición.
A titularidade destes servizos e bens repostos, así como as responsabilidades derivadas do seu funcionamento, mantemento, conservación e explotación, corresponderá á persoa que sexa a súa titular orixinaria, sen prexuízo da comprobación da súa finalización e estado e da formalización da súa entrega, e con efectos desde a data que se indique na notificación que para ese efecto realice a administración promotora.
No caso de que a administración promotora opte pola reposición dos servizos ou bens que resulten afectados polas obras de estradas, as persoas titulares están obrigadas a facilitar que as obras de reposición se poidan iniciar no prazo que, considerando as circunstancias concorrentes, lles sexa notificado en cada caso.
2. As persoas titulares de bens ou instalacións para a prestación de servizos de interese xeral que impidan ou entorpezan a execución das obras de estradas están obrigadas á súa retirada ou modificación total e efectiva no prazo máximo de seis meses a partir da notificación da solicitude da administración promotora.
O custo da retirada ou modificación será fixado contraditoriamente entre as partes, agás cando os bens ou instalacións se atoparen situados na zona de dominio público viario, en virtude dunha autorización outorgada en condicións de precariedade. Nese caso, a autorización poderá ser revogada unilateralmente polo órgano que a outorgou en calquera momento por razóns de interese público, sen xerar dereito a indemnización, cando sexa necesario por motivo de calquera obra que vaia realizar na estrada a administración titular desta, quedando nese caso obrigada a persoa titular da autorización a retirar pola súa conta os bens ou instalacións afectados.
3. Transcorrido o prazo máximo para a retirada ou modificación total e efectiva dos bens ou instalacións afectados sen que esta fose realizada por parte da persoa titular deles, a administración promotora poderá proceder de forma subsidiaria á realización das modificacións dos bens ou instalacións afectados, sen prexuízo das sancións e responsabilidades que resulten procedentes.
4. Cando a reposición dos bens ou instalacións se pretenda executar na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección, estará suxeita ao deber de obter a correspondente autorización previa segundo o previsto nesta lei. No caso das reposicións executadas pola administración promotora, a antedita autorización poderá ser tramitada directamente por esta, a nome da persoa titular do servizo, e estará exenta do pagamento das taxas correspondentes á súa tramitación».
Dous. Modifícase o número 1 do artigo 42, que queda redactado como segue:
«1. O establecemento e a delimitación das zonas de protección e da liña límite de edificación, tanto das estradas existentes como das novas que se constrúan, así como as limitacións sinaladas nesta lei e o réxime de usos que se regula nela, non alteran a situación de propiedade preexistente dos terreos que afecta nin a titularidade dos dereitos de terceiros sobre eles. Tampouco xera dereito a ningunha indemnización para as persoas titulares dos dereitos sobre os terreos afectados».
Tres. Modifícase o título do capítulo II do título IV, que pasa a denominarse do seguinte xeito:
«CAPÍTULO II
Réxime de usos»
Catro. Engádese unha sección 1ª ao capítulo II do título IV, antes do artigo 42 bis, co seguinte título:
«Sección 1ª. Clasificación dos usos»
Cinco. Engádese un artigo 42 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 42 bis. Clasificación dos usos
Na zona de dominio público das estradas e nas súas zonas de protección, establécese o seguinte réxime de usos:
a) Usos que requiren dun título habilitante.
1º. Usos autorizables.
2º. Usos suxeitos a declaración responsable.
b) Usos permitidos sen título habilitante.
c) Usos prohibidos».
Seis. Engádese unha sección 2ª ao capítulo II do título IV, antes do artigo 43, co seguinte título:
«Sección 2ª. Usos que requiren dun título habilitante»
Sete. Engádese unha subsección 1ª á sección 2ª do capítulo II do título IV, antes do artigo 43, co seguinte título:
«Subsección 1ª. Usos autorizables»
Oito. Engádese a alínea e) no número 2 do artigo 43, coa seguinte redacción:
«e) Aqueloutras obras, instalacións ou actividades de interese público que non prexudiquen a integridade da estrada, a seguridade viaria ou a súa adecuada explotación».
Nove. Modifícase a alínea b) do número 1 do artigo 44, que pasa a ter a seguinte redacción:
«b) Cultivos e outros labores agrícolas que modifiquen a topografía do terreo sobre o cal se realicen».
Dez. Engádese a alínea g) no número 1 do artigo 44, coa seguinte redacción:
«g) Parcelamentos e segregacións».
Once. Engádese unha subsección 2ª á sección 2ª do capítulo II do título IV, antes do artigo 45 bis, coa seguinte denominación:
«Subsección 2ª. Usos suxeitos a declaración responsable»
Doce. Modifícase o número 1 do artigo 45 bis, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. Son usos suxeitos a declaración responsable, sempre e cando se leven a cabo na zona de servidume ou na zona de afección da estrada:
a) As obras menores de conservación e mantemento das edificacións, instalacións e peches.
b) Aqueloutros que se determinen regulamentariamente».
Trece. Modifícase o número 3 do artigo 45 bis, que pasa a ter a seguinte redacción:
«3. Non estarán suxeitos a declaración responsable os usos que requiran a ocupación da zona de dominio público con calquera elemento auxiliar, tales como andamios, guindastres ou calquera outro. Neses casos será necesario obter a correspondente autorización».
Catorce. Engádense os números 4 e 5 no artigo 45 bis, co seguinte teor literal:
«4. Os usos e actividades a que se refire este artigo non poderán, en ningún caso, prexudicar a integridade da estrada, a seguridade viaria ou a súa adecuada explotación. Regulamentariamente desenvolveranse o resto de condicións en que, en cada caso, deban levarse a cabo.
5. Para os usos suxeitos a declaración responsable, a administración titular poderá aprobar un condicionado xeral para a súa execución, que deberá respectar as condicións que, en cada caso, se desenvolvan regulamentariamente.
Os condicionados xerais a que se refire este artigo serán publicados polas respectivas administracións titulares no Diario Oficial de Galicia, no caso das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma, ou no boletín oficial da provincia correspondente, no caso das estradas de titularidade das entidades locais de Galicia».
Quince. Engádese unha sección 3ª ao capítulo II do título IV, antes do artigo 45 ter, co seguinte título:
«Sección 3ª. Usos permitidos sen título habilitante»
Dezaseis. Engádese un artigo 45 ter, coa seguinte redacción:
«Artigo 45 ter. Usos permitidos na zona de servidume e na zona de afección
1. Para os efectos desta lei, considéranse permitidos na zona de servidume e na zona de afección e, polo tanto, non se atopan sometidos ao réxime de autorización previa nin de declaración responsable en materia de estradas, os seguintes usos e actividades:
a) Cultivos e outros labores agrícolas cando non modifiquen a topografía do terreo sobre o cal se realicen.
b) Aqueloutros que se establezan regulamentariamente.
2. Non estarán permitidos os usos que requiran a ocupación da zona de dominio público con calquera elemento auxiliar, tales como andamios, guindastres ou calquera outro. Neses casos será necesario obter a correspondente autorización.
3. Os usos e as actividades a que se refire este artigo non poderán, en ningún caso, prexudicar a integridade da estrada, a seguridade viaria ou a súa adecuada explotación. Regulamentariamente desenvolveranse o resto de condicións en que, en cada caso, deban levarse a cabo».
Dezasete. Engádese unha sección 4ª ao capítulo II do título IV, antes do artigo 46, co seguinte título:
«Sección 4ª. Usos prohibidos»
Dezaoito. Modifícase o artigo 46, que queda redactado como segue:
«Artigo 46. Usos prohibidos
1. Na zona de dominio público da estrada e nas súas zonas de protección están prohibidas todas aquelas obras, instalacións ou calquera outra actividade que prexudiquen a integridade da estrada, a seguridade viaria ou a súa adecuada explotación.
Tamén están prohibidos todos aqueles usos que, segundo o establecido nesta lei, non se atopan sometidos ao réxime de autorización previa nin de declaración responsable en materia de estradas e, ao mesmo tempo, non se consideran usos permitidos sen título habilitante.
En particular, entre a estrada e a liña límite de edificación prohíbese calquera tipo de construción de nova planta, por encima ou por debaixo da rasante do terreo, os peches non diáfanos ou de fábrica, así como a instalación, agás cruzamentos, dos apoios das redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos, coas excepcións establecidas nesta lei ou no seu regulamento, no caso de elementos que non teñan carácter edificatorio.
2. O réxime establecido nesta lei non modificará, en ningún caso, o disposto na normativa urbanística para os edificios fóra de ordenación».
Dezanove. Modifícase o título do capítulo III do título IV, que queda redactado como segue:
«CAPÍTULO III
Títulos habilitantes»
Vinte. Modifícase o artigo 47, que queda redactado como segue:
«Artigo 47. Réxime xeral e competencia
1. A execución de obras e instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección deberá suxeitarse ao réxime de usos establecido nesta lei, que implica o cumprimento do disposto en materia de títulos habilitantes.
O título habilitante será a autorización previa ou a declaración responsable, segundo proceda. Non se requirirá título habilitante ningún no caso de usos expresamente permitidos na presente lei.
2. A competencia para autorizar a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección, así como para realizar as actividades de comprobación daquelas, e das suxeitas a declaración responsable, no que á lexislación sectorial en materia de estradas se refire, correspóndelle á administración titular da estrada, excepto na corta de arboredo, que terá que ser autorizada unicamente polo órgano competente en materia forestal, de acordo co disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou norma que a substitúa, logo de informe preceptivo e vinculante do órgano competente da administración titular da estrada.
3. No outorgamento de títulos habilitantes impoñeranse as condicións necesarias para evitar danos e perdas á estrada, ás zonas de protección, aos seus elementos funcionais, á seguridade da circulación viaria ou á adecuada explotación da estrada.
4. Os títulos habilitantes a que se refire este precepto son independentes e enténdense sen prexuízo doutras licenzas, autorizacións ou declaracións responsables que sexan necesarias para a execución das obras, instalacións ou actividades de que se trate.
5. Considérase que os accesos á estrada ou aos seus elementos funcionais afectan directamente as súas calzadas e, en consecuencia, sempre requirirán de autorización, cuxo outorgamento lle corresponde, en todos os casos, á administración titular da estrada, incluso cando se realicen nos seus treitos urbanos.
Do mesmo xeito, como consecuencia da súa relación cos anteditos accesos ás estradas, os parcelamentos e segregacións de todas as parcelas lindeiras coas estradas requirirán a autorización da administración titular da estrada, incluso nos treitos urbanos».
Vinte e un. Modifícase o número 3 do artigo 49, que pasa a ter a seguinte redacción:
«3. Finalizadas as obras ou instalacións para as que se dispoña de título habilitante, a administración titular da estrada comprobará a súa terminación, o seu estado e a súa conformidade cos termos do correspondente título habilitante. De ser o caso, faranse constar as obxeccións de xeito pormenorizado e concederase un prazo proporcionado para a súa corrección.
Será preceptivo o levantamento dunha acta de terminación no caso de todas as obras ou instalacións levadas a cabo na zona de dominio público. Nos demais supostos, só será exixible cando a administración titular da estrada condicione, no título habilitante, o uso das obras ou instalacións ao seu levantamento. De non establecerse tal condición, o levantamento da acta poderá ser substituído polos mecanismos de comprobación que se establezan regulamentariamente.
Nos casos en que esta sexa exixible, a acta de terminación implicará o permiso de uso das obras ou instalacións cuxa conformidade se acredite.
A acta de terminación das obras ou instalacións será elaborada pola administración titular da estrada, nos casos en que sexa exixible, e será posta á disposición da persoa titular, quen poderá manifestar o que considere oportuno, de ser o caso».
Vinte e dous. Modifícase o número 1 do artigo 55, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. A administración competente poderá dispoñer, sen máis trámites, en resolución motivada, a inmediata paralización das obras e a suspensión dos usos non permitidos e daqueles que non dispoñan do título habilitante para a súa realización ou que non se axusten ás condicións establecidas ou, de ser o caso, declaradas nel».
Vinte e tres. Modifícase o número 5 do artigo 55, que pasa a ter a seguinte redacción:
«5. Se as actuacións non permitidas, que non dispoñan do título habilitante para a súa realización ou que non se axusten ás condicións establecidas ou, de ser o caso, declaradas nel, supoñen un risco grave para a seguridade viaria, a administración competente poderá adoptar, por conta da persoa responsable e sen máis trámites, as medidas que considere oportunas para garantir a seguridade da circulación».
Vinte e catro. Engádese a alínea g) no número 3 do artigo 61, coa seguinte redacción:
«g) Incumprir o prazo máximo para a retirada ou modificación total e efectiva de bens ou instalacións para a prestación de servizos de interese xeral que impidan ou entorpezan a execución das obras de estradas, sen que a retirada ou modificación fose realizada por parte da súa persoa titular nin existise acordo coa administración promotora para a súa execución por esta».
Vinte e cinco. Engádese a alínea c) no número 1 do artigo 63, coa seguinte redacción:
«c) No caso do incumprimento do prazo máximo para a retirada ou modificación total e efectiva de bens ou instalacións para a prestación de servizos de interese xeral que impidan ou entorpezan a execución das obras de estradas, a persoa titular do servizo».
Vinte e seis. Modifícase o artigo 64, que queda redactado como segue:
«Artigo 64. Obriga de reparación, indemnización e restitución
1. Sen prexuízo da sanción que se impoña, a persoa ou as persoas responsables dunha infracción das previstas nesta lei teñen a obriga de reparar os danos, de indemnizar polos danos non reparables e polas perdas que fosen causadas pola infracción e de proceder a restituír e repoñer as cousas ao seu estado anterior.
2. No caso do incumprimento do prazo máximo para a retirada ou modificación total e efectiva de bens ou instalacións para a prestación de servizos de interese xeral que impidan ou entorpezan a execución das obras de estradas, a obriga de reparación implica, para as persoas responsables da infracción, a obriga de proceder á antedita retirada ou modificación.
3. A obriga de reparación, restitución e reposición das cousas ao seu estado anterior exixiráselles ás persoas responsables da infracción en calquera momento, independentemente da eventual prescrición desta ou das sancións que deriven dela.
4. No caso de que a administración titular da estrada considere urxente a devandita reparación, restitución ou reposición, procederase á súa execución con cargo á persoa infractora, sen necesidade de requirimento nin audiencia previa, e sen prexuízo da liquidación definitiva logo da audiencia para estes efectos».
Vinte e sete. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 68, que pasan a ter a seguinte redacción:
«1. Cando a resolución dun expediente de reposición da legalidade viaria ou a dun procedemento para a imposición de sancións, incluídos os supostos de prescrición, lle impuxer á persoa responsable a obriga de reparación ou de restitución e reposición das cousas ao seu estado anterior e esta non cumprir o prazo fixado naquela ou nun requirimento posterior, unha vez transcorrido o devandito prazo poderán impoñérselle multas coercitivas, conforme o establecido na lexislación en materia de procedemento administrativo.
Tamén se poderán impoñer multas coercitivas, sen que recaese resolución do correspondente expediente de sanción, no caso do incumprimento do prazo máximo para a retirada ou modificación total e efectiva de bens ou instalacións para a prestación de servizos de interese xeral que impidan ou entorpezan a execución das obras de estradas. Neste caso, as multas coercitivas poderán impoñerse, con carácter mensual, desde o momento en que se incumpra o antedito prazo e ata que se realice a retirada ou modificación total e efectiva, e a súa contía acumularase, de ser o caso, á da sanción correspondente que se impoña na resolución do expediente de sanción.
2. As multas coercitivas poderán ter natureza periódica, ata que se leve a cabo a reparación ou a restitución e reposición das cousas ao seu estado anterior.
No caso do incumprimento do prazo máximo para a retirada ou modificación total e efectiva de bens ou instalacións para a prestación de servizos de interese xeral que impidan ou entorpezan a execución das obras de estradas, a contía mensual das multas coercitivas será de ata o 10 % do orzamento de execución material das unidades de obra afectadas.
Cando as multas coercitivas veñan derivadas dun procedemento para a imposición de sancións, incluídos os supostos de prescrición, a súa contía mensual será de ata o 10 % da sanción máxima correspondente á infracción cometida.
No resto dos casos, a contía das multas coercitivas será de entre 100 e 1.000 euros. No caso de multas coercitivas periódicas, ese valor será o da súa máxima contía mensual.
Para a gradación das multas coercitivas teranse en conta as mesmas circunstancias establecidas nesta lei para a gradación das sancións».
Artigo 81. Modificación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia
A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, queda modificada como segue:
Un. A alínea d) do número 2 do artigo 8 pasa a ter a seguinte redacción:
«d) A Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo».
Dous. O artigo 9 pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 9. Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo
1. A Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo é o órgano de carácter consultivo en materia de ordenación do territorio e urbanismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A súa composición, organización e funcionamento serán establecidos regulamentariamente, garantindo a representación das administracións públicas con competencias urbanísticas».
Tres. Modifícase o número 4 do artigo 21, que pasa a ter a seguinte redacción:
«4. Non poderá ser edificado nin parcelado ningún terreo que non reúna a condición de soar, agás que se asegure a execución simultánea da urbanización e da edificación mediante aval, que deberá alcanzar o custo estimado das obras de urbanización e as demais garantías que se determinen regulamentariamente.
No suposto de que a promoción da urbanización, da edificación ou de ambas corresponda a entidades do sector público autonómico, quedarán exentas da constitución das indicadas garantías».
Catro. Modifícase o número 5 do artigo 24, que queda redactado como segue:
«5. Para edificar no ámbito dos núcleos rurais deberá dispoñerse de acceso rodado de uso público e executarse a conexión coas redes de servizo existentes no núcleo rural ou nas súas proximidades. No caso das redes de abastecemento de auga e saneamento, esta conexión só será exixible cando existan redes públicas ou pertencentes ás comunidades de usuarios reguladas pola lexislación sectorial de augas, autorizadas e con capacidade de servizo suficiente.
No caso de non se exixir a conexión coas redes de servizo, deberán resolverse estas por medios individuais con cargo ao promotor ou promotora da edificación. Cando non se trate de novas edificacións, a instalación de medios individuais de depuración poderá executarse sen gardar distancia ningunha aos bordos da parcela, sempre que se xustifique tecnicamente a imposibilidade da localización noutra zona do propio inmoble e se respecten as limitacións recollidas na normativa sectorial en materia de augas».
Cinco. O número 3 do artigo 34 pasa a ter a seguinte redacción:
«3. Os concellos que, durante a elaboración do seu planeamento e como consecuencia do estudo detallado, observen ámbitos que, pese a non contar con protección sectorial, conteñen valores merecentes de especial protección, poderán outorgarlles tal categorización, coa previa xustificación adecuada e informe favorable da administración que teña a competencia sectorial».
Seis. Modifícase a condición 5ª da alínea d) do artigo 39, que pasa a ter a seguinte redacción:
«5ª) Os recuamentos das construcións aos lindes da parcela deberán garantir a condición de illamento e non poderán ser inferiores a 5 metros, agás que se trate de parcelas da mesma titularidade e se inscriba no Rexistro da Propiedade a súa indivisibilidade.
Cando non se trate de novas edificacións, a instalación de medios individuais de depuración poderá executarse gardando unha distancia mínima de 3 metros aos bordos da parcela, sempre que se xustifique tecnicamente a imposibilidade da localización noutra zona do propio inmoble e se respecten as limitacións recollidas na normativa sectorial en materia de augas».
Sete. Modifícase o número 1 do artigo 41, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. En solo urbano non consolidado de uso residencial ou hoteleiro no que sexan necesarios procesos de urbanización que afecten os terreos definidos no artigo 17.b.1), o planeamento non poderá conter determinacións das que resulte unha superficie edificable total superior aos seguintes límites:
a) En municipios con poboación igual ou superior a 50.000 habitantes: 1,50 metros cadrados edificables por cada metro cadrado de solo.
b) En municipios con poboación igual ou superior a 20.000 habitantes e inferior a 50.000 habitantes, e en municipios pertencentes a áreas metropolitanas ou considerados cabeceiras do sistema urbano intermedio nas Directrices de ordenación do territorio: 1 metro cadrado edificable por cada metro cadrado de solo.
c) En municipios con poboación igual ou superior a 5.000 habitantes e inferior a 20.000 habitantes, e en municipios considerados nodos para o equilibrio do territorio nas Directrices de ordenación do territorio: 0,85 metros cadrados edificables por cada metro cadrado de solo.
d) No resto dos municipios: 0,50 metros cadrados edificables por cada metro cadrado de solo».
Oito. A alínea a) do número 4 do artigo 41 queda redactada como segue:
«a) Computaranse todas as superficies edificables de carácter lucrativo, calquera que sexa o uso a que se destinen, incluídas as construídas no subsolo e os aproveitamentos baixo cuberta, coa única excepción das superficies construídas no subsolo con destino a rochos de superficie inferior a 10 metros cadrados vinculados ás vivendas do edificio, a aparcadoiros ou a instalacións de servizo como as de calefacción, electricidade, gas ou análogas.
Así mesmo, exceptúase do citado cómputo a superficie correspondente a espazos exteriores abertos, balcóns ou terrazas, vinculados ás vivendas con superficie útil de ata 5 metros cadrados nos que se poida inscribir horizontalmente un círculo de 1,5 metros de diámetro. Estes espazos en ningún caso poderán pecharse nin ser incorporados ás vivendas.
Tampouco se computará o espesor dos muros de cerramento que exceda de 25 centímetros coa finalidade de aumentar o illamento térmico e acústico e a eficiencia enerxética do edificio mediante calquera tecnoloxía homologada».
Nove. A alínea c) do número 2 do artigo 78 pasa a ter a seguinte redacción:
«c) Os concellos con poboación inferior a 50.000 habitantes remitirán o expediente á consellaría competente en materia de urbanismo para que resolva sobre a súa aprobación definitiva no prazo de tres meses, contado desde a recepción do expediente completo no rexistro da consellaría. Transcorrido este prazo sen resolución expresa, entenderase aprobado por silencio administrativo.
Nos demais casos, a devandita remisión será para os efectos da emisión, no mesmo prazo e condicións, de informe preceptivo e vinculante previo á aprobación definitiva polo órgano municipal competente. Transcorrido o prazo sen emisión do referido informe, o concello remitente poderá proseguir as actuacións».
Dez. Os números 5, 6 e 7 do artigo 83 pasan a ter a seguinte redacción:
«5. As modificacións do planeamento urbanístico poderán ser substanciais e non substanciais.
Consideraranse modificacións non substanciais do plan aquelas de escasa entidade e de alcance reducido que cumpran os requisitos seguintes:
a) Que non supoñan aumento do aproveitamento lucrativo.
b) Que non modifiquen a clasificación do solo.
c) Que non incrementen a edificabilidade global do ámbito.
d) Que non incidan negativamente na funcionalidade das dotacións públicas.
6. A revisión do planeamento e das súas modificacións suxeitarase ás mesmas disposicións establecidas para a súa tramitación e aprobación, agás nos seguintes supostos:
a) Tramitación simultánea e aprobación dun instrumento de ordenación do territorio e da modificación do instrumento de planeamento urbanístico, que se tramitará mediante o procedemento previsto na normativa vixente en materia de ordenación do territorio.
b) Modificacións non substanciais do planeamento ás que se refire o número anterior, que se tramitarán mediante o procedemento simplificado previsto nos artigos 16 a 18 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.
7. No caso das modificacións do planeamento xeral que teñan por obxecto a delimitación do solo de núcleo rural de acordo co establecido no artigo 23, tramitaranse seguindo o procedemento establecido no artigo 78».
Once. Modifícase o número 5 do artigo 96, que queda redactado como segue:
«5. A recepción polo concello de obras de urbanización realizadas en execución do planeamento rexerase polo disposto na lexislación de contratos do sector público cando a súa execución corresponda á Administración local.
Nos demais supostos, no caso de que a Administración non resolva expresamente sobre a recepción de obras de urbanización no prazo de tres meses desde que fose solicitada xuntándose certificación expedida pola dirección técnica das obras, estas entenderanse recibidas.
En todo caso, e sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, entenderanse recepcionadas tacitamente as obras de urbanización sempre que existan actos propios da administración receptora que, valorados no seu conxunto, de modo inequívoco e concluínte, acrediten esta recepción e denoten o uso público das obras».
Doce. O número 2 do artigo 143 pasa a ter a seguinte redacción:
«2. A competencia para outorgar as licenzas correspóndelles aos municipios, segundo o procedemento previsto na lexislación de réxime local. As peticións de licenza resolveranse no prazo de tres meses, contados desde a presentación da solicitude coa documentación completa no rexistro do concello.
Para o outorgamento da licenza solicitada serán preceptivos os informes técnicos e xurídicos municipais sobre a súa conformidade coa legalidade urbanística, sen prexuízo do indicado no número 3 do artigo 146 bis».
Trece. Engádense os números 4 e 5 ao artigo 143, co seguinte teor literal:
«4. No suposto de que a licenza urbanística fose outorgada con base nun proxecto básico, o inicio das obras autorizadas exixirá a presentación dunha comunicación previa, acompañada do correspondente proxecto de execución e da documentación complementaria que proceda.
Coa devandita comunicación previa xuntarase, ademais, un documento asinado pola persoa técnica que redactase o proxecto de execución, onde sinale que este se axusta e desenvolve as determinacións do proxecto básico que serviu para a concesión da licenza sen introducir modificacións substanciais.
Se o proxecto de execución modifica de forma substancial o proxecto básico autorizado, a persoa interesada deberá solicitar previamente a modificación da licenza outorgada coa documentación exixida, e non poderá iniciar a obra en tanto non a obteña.
Para estes efectos, terán a consideración de modificacións substanciais do proxecto básico os cambios de uso, así como aquelas que afecten as condicións de volume e forma dos edificios, a posición e ocupación do edificio na parcela, a edificabilidade, as alturas, os recuamentos e a separación a lindeiro, o número de vivendas, as condicións de seguridade e outras de análoga incidencia.
5. No caso de que a licenza fose outorgada con base no proxecto básico e de execución, as obras poderán iniciarse desde a data dos efectos da devandita licenza».
Catorce. Modifícase o artigo 146 bis, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 146 bis. Solicitudes de licenza e comunicacións presentadas con certificación de conformidade
1. As solicitudes de licenza e as comunicacións que teñan por obxecto actos de edificación ou de uso do solo ou do subsolo poderán presentarse acompañadas dunha certificación de conformidade coa legalidade urbanística e o planeamento aplicable, emitida por unha entidade de certificación de conformidade municipal debidamente acreditada nos termos que se establezan regulamentariamente, e inscrita no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia, dependente da consellaría competente en materia de urbanismo.
2. Cando unha solicitude de licenza urbanística se presente acompañada dunha certificación de conformidade nos termos establecidos por este artigo, a devandita certificación terá a mesma validez e efectos que os informes técnicos e xurídicos municipais, que se entenderán substituídos pola devandita certificación.
3. O prazo de resolución do procedemento será dun mes, contado desde a presentación da solicitude coa documentación completa, incluída a certificación de conformidade, no rexistro do concello.
4. O órgano municipal competente outorgará a licenza asumindo a certificación de conformidade coa legalidade urbanística e o planeamento aplicable da entidade de certificación de conformidade municipal que acredite expresamente que o proxecto foi sometido a esa verificación favorable.
O outorgamento da licenza so poderá ser denegado se, dentro do prazo previsto no número anterior, lle constar ao órgano municipal a inadecuación da certificación á realidade examinada ou á legalidade vixente.
5. A presentación dunha comunicación urbanística, acompañada da documentación exixida nesta lei e no resto da normativa aplicable e dunha certificación de conformidade nos termos establecidos no presente artigo, habilitará, con efectos inmediatos desde a súa presentación no rexistro do concello, para a realización do acto de uso do solo ou do subsolo que constitúa o seu obxecto.
6. As entidades de certificación de conformidade municipal serán as únicas responsables fronte ao concello do contido das certificacións emitidas e a súa actuación substitúe á responsabilidade das demais persoas interesadas.
7. Os concellos, mediante ordenanza, poderán excluír expresamente a intervención das ECCOM tanto na tramitación dos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística como na verificación, a inspección e o control do cumprimento da normativa aplicable en cada caso.
A exclusión poderá ser total ou parcial e limitarse a actuacións específicas e ámbitos territoriais concretos.
Non obstante o anterior, para os supostos de actuacións suxeitas a licenza urbanística, as persoas interesadas poderán facer uso dos servizos das entidades certificadoras unha vez vencido o prazo máximo do procedemento sen que se notificase resolución expresa, resultando entón de aplicación o disposto nos números 2, 3 e 4 deste artigo».
Quince. Engádese un número 5 á disposición transitoria primeira co seguinte contido:
«5. Excepcionalmente, para os efectos do previsto no artigo 18.1 desta lei, e sempre que se acredite a imposibilidade técnica ou económica da acometida ás redes públicas, as dotacións poderán resolverse temporalmente por medios individuais que acaden un nivel de protección medioambiental equivalente ao público, con cargo á persoa promotora e co compromiso formal de conexión ás redes públicas cando se implanten».
Dezaseis. Engádese unha disposición transitoria novena coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria novena. Recepción de obras de urbanización
O réxime previsto no artigo 96.5 será aplicable ás obras de urbanización que se encontren pendentes de recepción con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2025».
Dezasete. Engádese unha disposición transitoria décima coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria décima. Rexistro das ECCOM
En tanto non se desenvolva regulamentariamente o Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia previsto no artigo 48 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, aplicarase o réxime establecido no Decreto 144/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos».
Artigo 82. Modificación da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia
Modifícase a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, nos seguintes termos:
Un. O número 1 do artigo 40 pasa a ter a seguinte redacción:
«1. As determinacións previstas nesta sección serán aplicables aos edificios incluídos nalgunha das categorías de bens definidas na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e aos situados no ámbito, contorno de protección ou zona de amortecemento dos citados bens. Tamén serán aplicables a aqueloutros edificios incluídos en ámbitos sobre os cales exista a obriga legal de redactar un plan especial de protección do patrimonio cultural, estea ou non aprobado. Porén, non serán aplicables aos inmobles individualmente declarados bens de interese cultural nin aos catalogados que teñan un nivel de protección integral».
Dous. O número 3 do artigo 40 queda redactado como segue:
«3. En todo caso, para a aplicación do previsto nesta sección 1ª, en tanto os concellos non aprobaren un catálogo de protección adaptado ás determinacións da Lei 5/2016, do 4 de maio, aplicarase o previsto na disposición transitoria primeira sobre a súa homoxeneización».
Tres. Modifícase o título do artigo 41, que pasa a ser:
«Artigo 41. Edificios non catalogados ou con nivel de protección ambiental ou asimilable».
Catro. O número 1 do artigo 41 queda redactado como segue:
«1. Nos edificios non catalogados ou con nivel de protección ambiental ou asimilable estará permitida calquera actuación no interior que non afecte a imaxe exterior do edificio, incluídos os baleirados parciais e totais, sempre que non incida sobre elementos singularmente protexidos nin sobre a estrutura parcelaria orixinaria, agás que se trate dalgunha das intervencións permitidas por aplicación do artigo 43».
Cinco. Modifícase o número 1 do artigo 42, que pasará a ter a seguinte redacción:
«1. Nos edificios con nivel de protección estrutural ou asimilable, estarán permitidas as mesmas actuacións establecidas no artigo anterior para os edificios con nivel de protección ambiental, sempre que non afecten os elementos ou as características singulares do edificio que deban ser conservados ou repostos, e non entren en contradición con eles.
Para estes efectos, entenderase por elementos ou características singulares do edificio que deben ser conservados ou repostos aqueles que de maneira expresa se recollan no planeamento en que se estableceu o nivel de protección do ben, na resolución de declaración de ben de interese cultural ou no catálogo ou acordo de catalogación do ben.
Entenderase que unha actuación non entra en contradición cos elementos ou características singulares que deban ser conservados cando cumpra as seguintes condicións:
a) Que non figure expresamente prohibida no planeamento en que se estableceu o nivel de protección do ben, na resolución de declaración de ben de interese cultural ou no catálogo ou acordo de catalogación do ben.
b) Que non implique unha imposibilidade de contemplación ou altere de forma significativa o modo en que se percibe o elemento protexido no contexto do inmoble.
c) Que non se interveña sobre os elementos especificamente protexidos e non se alteren as características do ben especificamente protexidas».
Seis. Os números 1 e 2 do artigo 44 quedan redactados como segue:
«1. As actuacións que non afecten a envolvente exterior dos edificios incluídos no ámbito dos bens de carácter territorial das categorías definidas na Lei 5/2016, do 4 de maio, ou no contorno de protección ou na zona de amortecemento destes bens ou dos de inmobles singulares declarados ben de interese cultural ou catalogados, exista ou non plan especial de protección, ou con independencia do disposto neste, poderán ser obxecto dunha licenza directa por parte do concello, sen necesidade de autorización da consellaría competente en materia de protección do patrimonio cultural, sempre que non afecten inmobles especificamente protexidos polo seu valor cultural e sen prexuízo, se for o caso, do cumprimento das exixencias que poidan derivar da protección arqueolóxica a que poida estar afecto.
2. Malia o sinalado no número anterior, poderán ser obxecto de licenza directa por parte do concello, sen necesidade da autorización da consellaría competente en materia de protección do patrimonio cultural, os supostos previstos no artigo 45.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, así como as intervencións no contorno de protección ou na zona de amortecemento de inmobles singulares declarados ben de interese cultural ou catalogados, ou con protección ambiental ou estrutural ou nivel de protección asimilable, que consistan en actuacións no interior, nas carpintarías exteriores, en acabados de fachada ou en cambios de cuberta, sempre que non afecten os seus valores culturais nin os seus elementos especificamente protexidos».
Sete. Modifícase a disposición transitoria primeira, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Disposición transitoria primeira. Homoxeneización dos catálogos de protección
1. Para a aplicación do establecido na sección 1ª do capítulo V do título I, en tanto os concellos non teñan aprobado un catálogo de protección adaptado ás determinacións da Lei 5/2016, do 4 de maio, a homoxeneización dos niveis de protección realizarase mediante unha resolución da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural, por solicitude do concello correspondente.
2. En tanto non se dite a resolución a que se refire o número anterior, as persoas propietarias de edificios incluídos no ámbito previsto no artigo 40.1, ou as promotoras de intervencións neles, poderán solicitar, a través do respectivo concello, a homoxeneización específica da edificación sobre a cal teñan interese. Para estes efectos, deberán acompañar a súa solicitude dunha proposta de homoxeneización do nivel de protección da edificación de referencia na que se analice e contextualice o ámbito urbano en que estea situada.
A resolución da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural deberá aprobar ou, de ser o caso, modificar a proposta de homoxeneización e deberá emitirse no prazo máximo dun mes. Transcorrido este prazo sen que se ditase a correspondente resolución, entenderase desestimada a solicitude de homoxenización por silencio administrativo».
CAPÍTULO XI
Sanidade
Artigo 83. Modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia
Modifícase o número 2 do artigo 115 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que queda redactado como segue:
«2. A selección do persoal do Sistema público de saúde de Galicia realizarase de conformidade cos requisitos e sistemas establecidos pola normativa básica vixente e a autonómica de desenvolvemento.
Malia o anterior, en virtude da previsión contida no artigo 57.5 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, por razóns de interese xeral e necesidades obxectivas poderá eximirse do requisito da nacionalidade para o acceso á condición de persoal estatutario das categorías profesionais de licenciado sanitario e diplomado sanitario».
Artigo 84. Modificación da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde
Modifícase o artigo 4 da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, que queda redactado comoa segue:
«Artigo 4. Valoración da experiencia profesional
Nos procesos selectivos por concurso baseados nesta lei os servizos prestados nos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés computarán o triplo da puntuación que se estableza, con carácter xeral, por cada mes de servizos prestados. Así mesmo, nos futuros procesos selectivos ou concursos de traslados de persoal facultativo especialista convocados polo Servizo Galego de Saúde, os servizos prestados nos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés computarán o triplo da puntuación que se estableza, con carácter xeral, por cada mes de servizos prestados».
Artigo 85. Modificación do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde
Modifícase o número 2 do artigo 16 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, que pasa a ter a seguinte redacción:
«2. Na mesma resolución que publique o acordo a que se refire o número anterior habilitarase un prazo non inferior a dez días hábiles para que as persoas aspirantes seleccionadas presenten a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.
Os/as aspirantes que non presenten a documentación acreditativa no prazo indicado non poderán ser nomeados/as, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións».
CAPÍTULO XII
Patrimonio cultural
Artigo 86. Modificación da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia
A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 39, que queda redactado como segue:
«1. As intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento, terán que ser autorizadas pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen nesta lei e no artigo 44 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia respecto das licenzas directas.
A utilización dos bens declarados de interese cultural ou catalogados quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural».
Dous. Modifícase o número 2 do artigo 45, que pasa a ter a seguinte redacción:
«2. Aínda que, en todo caso, deberán ser coherentes cos valores xerais do contorno, non precisarán autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural as seguintes intervencións nos contornos de protección dos bens de interese cultural ou catalogados:
a) As reparacións de cubertas que afecten só o material de cubrición, repoñendo o mesmo tipo de material tradicional existente, e as substitucións de cubertas, incluído o recambio da estrutura de soporte, sempre que como acabado se utilice tella cerámica, curva ou plana, ou lousa nos casos onde sexa característica; e se garanta que as capas intermedias da cubrición non queden vistas en ningún punto do perímetro da cuberta e que os encontros entre vertentes nos cumes se resolvan co propio material de cubrición.
Estas intervencións non poderán incluír apertura de ocos, construción de chemineas, modificación da solución dos beirís introducindo cornixas ou voos, nin calquera outra modificación da forma do tellado, que si precisarán de autorización.
b) A pintura das fachadas e das carpintarías exteriores nunha das cores que, para a área xeográfica en que se atope o inmoble, se defina ou oriente desde a Administración autonómica. En caso contrario, será necesaria a autorización co obxecto de determinar a cor e os acabamentos apropiados.
c) A reparación de carpintarías sempre que se manteña o material, a solución formal e construtiva e os acabamentos existentes, agás nos casos en que estea establecido por algunha condición xeral de protección do ámbito a necesaria adaptación a algún tipo orixinal característico deste.
d) A reparación de revestimentos se se mantén a solución formal e construtiva existente e as súas cores e acabamentos están definidos ou orientados desde a Administración autonómica, para a área xeográfica en que se atope o inmoble.
Non se aplicará este criterio ao mantemento de materiais construtivos deseñados para empregarse revestidos cando permanezan vistos ou sen rematar, como as fábricas de bloque de formigón ou ladrillo visto, ou o emprego de materiais de construción en sistemas ou funcións para os cales non estean deseñados, como os forros de fachadas con materiais de cobertura de cubertas, ou os peches de leiras e edificios con elementos de mobiliario ou refugallos industriais.
Admitiranse as reparacións das impermeabilizacións de medianís e fachadas secundarias con forros de placa de fibrocemento minionda sempre que como remate se pinten da mesma cor que o resto das fachadas do inmoble.
e) Os traballos de reforzo ou mellora estrutural, sempre que non produzan ningún efecto visible ou aparente desde o exterior e non exista unha protección, aínda con carácter xeral, que estableza algunha determinación concreta de protección estrutural para os inmobles localizados no devandito contorno.
Cando este tipo de traballos afecten o subsolo, no caso de contornos de bens do patrimonio arqueolóxico, deberán ser sometidos a autorización.
f) As reparacións e reposicións de peches de leiras que empreguen os materiais, técnicas e solucións construtivas tradicionais orixinais dos elementos en que se intervén ou a construción de novos peches segundo os modelos que sexan definidos pola Administración autonómica, agás no caso dos contornos de protección dos bens do patrimonio arqueolóxico.
g) A reposición de tendidos de instalacións de subministración de enerxía, voz e datos, ou outros servizos públicos existentes, sempre que se realicen sen alterar a traza, posición e características ambientais dos tendidos de redes, liñas e instalacións existentes e non afecten o rexistro arqueolóxico dos bens.
Deberán someterse a autorización as actuacións deste tipo nos ámbitos en que existan determinacións concretas sobre as características dos tendidos ou cando fosen identificadas como un elemento deturpador dos valores culturais dos bens ou do seu contorno.
h) A reparación de materiais de pavimentación de vías ou espazos públicos mantendo os existentes, sen alterar a sección do viario nin os peches que o delimitan.
i) A mellora do trazado actual de redes de instalacións soterradas, sempre e cando aquel non se manifeste ao exterior e na pavimentación se empregue o mesmo material que o existente, agás no caso dos contornos de protección dos bens do patrimonio arqueolóxico, e sen prexuízo do indicado nos artigos 99.2 e 100.1.
j) A reparación do mobiliario urbano mantendo o material, a solución formal e construtiva e os acabamentos existentes.
k) Os traballos de limpeza de bens inmobles, espazos libres, vías públicas ou bens artísticos localizados neles que non conten cunha protección cultural individualizada.
l) Os traballos de poda e tratamento de silvicultura sobre árbores e arbustos de relevancia ambiental, sempre que non se altere o seu carácter en relación coa escena urbana e a paisaxe natural en que se encadran.
m) Os cambios de actividade sen reforma dos locais ou cando a reforma non afecte o aspecto exterior. Os rótulos e a sinalización si deberán someterse á autorización, agás nos casos en que se empreguen os mesmos soportes e dimensións que os existentes e xa fosen autorizados previamente.
n) As obras de reforma ou rehabilitación que só afecten o interior das edificacións existentes nos casos en que se sigan os criterios recollidos nas alíneas anteriores.
ñ) A realización de actividades e eventos efémeros, sempre que se produzan de forma illada e sen instalacións de carácter permanente, ligadas a actividades públicas periódicas como festas, actividades lúdicas, culturais, romarías, encontros ou concertos e se dispoña dos medios para a normal vixilancia e cautela dos bens que poidan verse afectados e que, con carácter xeral, non permanezan montadas un prazo maior de 72 horas, sempre que non se afecten materialmente os bens protexidos, en especial coas ancoraxes, instalacións, medios auxiliares ou apoios en inmobles protexidos.
o) As probas deportivas atléticas, non consistentes en actividades de lanzamento, e as probas ciclistas ou en vehículos motorizados que transcorran por vías públicas calquera que sexa a titularidade destas, coas reservas establecidas na alínea anterior.
p) As actuacións de investigación e mantemento que, realizadas sobre os inmobles localizados no contorno, non afecten os propios bens protexidos. Estas intervencións deben interpretarse de xeito estrito segundo a definición do artigo 40.a) e c) e non implicarán efectos sobre a conservación dos materiais tradicionais, a integración volumétrica e os aspectos cromáticos do conxunto, aplicando os criterios definidos no artigo 46».
CAPÍTULO XIII
Medio rural
Artigo 87. Modificación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia
A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 4 do artigo 77, que queda redactado como segue:
«4. Os montes públicos, os montes protectores e os de xestión pública, coa excepción do suposto do artigo 123 para os montes de xestión pública, así como todos os montes de particulares superiores a 25 hectáreas en couto redondo para unha mesma propiedade, deberán dotarse dun proxecto de ordenación. O prazo para dotarse do correspondente proxecto de ordenación non poderá superar o establecido na lexislación básica».
Dous. Modifícase o número 1 do artigo 80, que queda redactado como segue:
«1. Os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal serán elaborados por instancia da persoa propietaria ou da titular de dereitos de uso e desfrute sobre o monte, da entidade que teña a responsabilidade da súa xestión ou, nos casos desenvolvidos regulamentariamente, da Administración forestal, e contarán coa conformidade expresa da persoa propietaria ou da titular dos dereitos sobre o monte. En caso de existencia de comunidade ou cotitularidade sobre o monte, esta conformidade entenderase outorgada pola maioría necesaria que, conforme as normas que resulten aplicables á comunidade de que se trate, requiran os actos e negocios de administración ordinaria».
Tres. Modifícase o número 1 do artigo 81, que queda redactado como segue:
«1. A aprobación dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal corresponde ao órgano forestal da Comunidade Autónoma e comportará a súa inclusión de oficio no Rexistro Galego de Montes Ordenados. O proceso de aprobación será iniciado pola persoa propietaria ou pola titular dos dereitos do predio ou, nos casos desenvolvidos regulamentariamente, pola Administración forestal».
Catro. Modifícase o artigo 91, que queda redactado como segue:
«Artigo 91. Destino dos rendementos dos alleamentos de madeira en corta final
Nos montes a que se refire esta sección, os alleamentos de madeira en cortas de rexeneración deberán financiar a reforestación da superficie de corta nun prazo máximo de dous anos, agás que motivos técnicos, como a rexeneración natural, non o fagan aconsellable ou non estea prevista a devandita reforestación no instrumento de ordenación ou xestión forestal. Para este fin, poderanse realizar dentro do mesmo procedemento administrativo de contratación pública o alleamento da madeira e os traballos de reforestación».
Cinco. Modifícase o artigo 122, que queda redactado como segue:
«Artigo 122. Agrupacións forestais de xestión conxunta
1. As agrupacións forestais de xestión conxunta son organizacións nas que se integran persoas propietarias ou titulares de dereitos de aproveitamento de terreos forestais que teñen por obxectivo promover a rendibilidade da actividade silvícola, así como a consecución doutros obxectivos que poidan establecer en relación coa actividade forestal e a promoción da xestión forestal sustentable desde o punto de vista económico, ambiental e social.
Ademais, as agrupacións son un instrumento para recuperar as áreas rurais e impedir o seu abandono; favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta; servir como instrumento para a conservación do medio ambiente, a prevención e defensa contra os incendios forestais, a protección fronte a catástrofes e a mitigación e adaptación contra o cambio climático; e a creación de emprego endóxeno, colaborando no aumento da calidade de vida e en expectativas de desenvolvemento da poboación rural.
2. Unicamente poderán solicitar o recoñecemento como agrupacións forestais de xestión conxunta as seguintes entidades cuxa actividade se desenvolva en terreos forestais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia:
a) As asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, o apoio e o asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, sempre que estean compostas por persoas titulares dos indicados dereitos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) As sociedades civís e as comunidades de bens.
c) As cooperativas e outras entidades de economía social.
d) As sociedades agrarias de transformación.
e) As sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital.
f) As sociedades de fomento forestal.
g) Calquera outra persoa xurídica que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.
3. As agrupacións forestais de xestión conxunta poderán ser de dous tipos:
a) Agrupación forestal de xestión conxunta básica.
b) Agrupación forestal de xestión conxunta con base territorial.
4. As agrupacións forestais de xestión conxunta básicas son aquelas que desenvolven unha ou varias das seguintes actividades:
a) Compartir información, técnicas, experiencias, asesoramento ou representación.
b) Comercializar os aproveitamentos forestais para acadar unha mellor eficacia no desenvolvemento destas actividades.
c) Outras actividades que sexan relevantes para a persoa propietaria forestal ou titular do dereito de aproveitamento activa no desenvolvemento da súa actividade forestal.
5. As agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial son aquelas que, alén de poderen desenvolver algunhas das actividades indicadas no número anterior, fan unha xestión conxunta no plano territorial e temporal en terreos postos á disposición por persoas propietarias ou titulares de dereitos de aproveitamento de terreos forestais, tomando decisións de manexo e xestión tendo en conta o contorno natural, económico e social no marco dun instrumento de ordenación ou xestión forestal.
6. A superficie da iniciativa de actuación de xestión forestal conxunta con base territorial é a área máxima en que se pretende levar a cabo a xestión conxunta da agrupación, e deberá enmarcarse dentro dun ou varios perímetros de xestión conxunta, entendendo por perímetro de xestión conxunta aquela superficie onde se pretende levar a cabo unha xestión forestal conxunta, que deberá estar situada na mesma parroquia ou en parroquias estremeiras, pertenzan ou non estas ao mesmo concello. Mediante orde da persoa titular da consellaría competente en materia de montes poderán determinarse as superficies mínimas que deberá cumprir cada un destes perímetros de xestión conxunta.
7. De acordo co expresado no número 1, poderá declararse de interese xeral a xestión conxunta realizada polas agrupacións forestais de xestión conxunta, por transcender os seus fins e obxectivos exclusivamente do interese particular.
8. Tendo en consideración as finalidades sociais e de interese xeral que perseguen coa súa actuación as agrupacións forestais de xestión conxunta, a Administración forestal poderá executar accións directas de recuperación e desenvolvemento das formacións arbóreas, con cargo ao seu orzamento. Estas accións serán demostrativas dos modelos de xestión forestal e do fomento dunha xestión forestal activa».
Seis. Modifícase o número 1 do artigo 122 bis, que queda redactado como segue:
«1. O obxecto das agrupacións forestais de xestión conxunta será, de forma exclusiva, un ou varios dos seguintes:
a) A mobilización de terreos forestais por medio dunha actuación de xestión conxunta.
b) A explotación e o aproveitamento conxunto dos terreos forestais mediante unha xestión sustentable e multifuncional dos produtos e servizos forestais, contribuíndo a aumentar a rendibilidade e a calidade dos recursos forestais. Para estes efectos, entenderanse por recursos e servizos forestais aqueles definidos polo artigo 84.
c) A comercialización, prestación e/ou produción conxunta de produtos e servizos forestais, a realización de melloras no medio rural, a promoción e desenvolvemento agrarios e a prestación de servizos comúns que sirvan a aquela finalidade.
d) A xestión activa e a valorización das masas consolidadas de frondosas autóctonas, tendo en conta os beneficios sociais e ambientais que achegan á sociedade galega.
e) O apoio á xestión forestal sustentable no marco das estratexias de mitigación e adaptación fronte ao cambio climático e nas políticas activas de descarbonización, sen esquecer o seu papel como refuxio da biodiversidade e a importancia que presenta en servizos fundamentais para a vida.
f) A restauración e conservación de ecosistemas forestais.
g) A loita integrada contra pragas e enfermidades.
h) A promoción da certificación forestal.
i) Calquera outro que redunde na mellora do medio rural e que sexa compatible coa potencialidade e utilización forestal dos montes e terreos forestais».
Sete. Modifícase o artigo 122 ter a), que queda redactado como segue:
«Artigo 122 ter a). Requisitos, facultades e obrigas das agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial
1. As agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Dispor da xestión dunha superficie mínima de 10 hectáreas.
b) As persoas ou entidades que formen parte da agrupación forestal de xestión conxunta con base territorial deberán acordar a cesión dos dereitos de uso da superficie das terras de natureza forestal para permitir a planificación da xestión forestal durante un prazo mínimo de dez anos, ou o prazo que permita completar a quenda de corta do aproveitamento principal, no caso de que esta sexa maior, e a representación para a xestión e comercialización conxunta.
2. As agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial poderán asinar acordos de cesión coas persoas titulares de terreos forestais ou titulares de dereitos de aproveitamento sobre eses terreos para o uso e o aproveitamento do seu predio mediante calquera negocio xurídico válido en dereito, e non será necesaria a súa integración como socios na devandita agrupación. Estes acordos incluirán expresamente a obriga da persoa cesionaria de cumprir cos prazos de cesión dispostos no número 1.
A Administración forestal facilitará ás persoas titulares de predios forestais ou dos dereitos de aproveitamento sobre eles modelos tipo para a constitución dun dereito de uso e aproveitamento a favor de terceiras persoas.
3. Os estatutos da agrupación de xestión conxunta con base territorial recollerán, sempre que pola súa natureza mercantil sexan aplicables, entre outras, as seguintes previsións:
a) A maioría dos dereitos de voto deberá corresponder ás persoas socias que acheguen a propiedade ou os dereitos de uso de parcelas forestais.
b) Os dereitos económicos das persoas membros da agrupación. Para tales efectos, de ser o caso, os estatutos sociais poderán prever a posibilidade de que cada participación ou acción social implique unha diferente participación nos beneficios da sociedade.
c) A obrigatoriedade de reservar, dos ingresos que obteñan pola xestión dos aproveitamentos forestais, cando menos:
1º) A contía necesaria para facer fronte aos custos previstos nas actuacións obxecto de planificación dispostas nos instrumentos de ordenación ou xestión forestal.
2º) O cen por cento dos ingresos xerados a partir dos produtos resultantes de incendios forestais, pragas ou temporais, agás que se xustifique documentalmente ante a consellaría competente en materia de montes que é suficiente a reserva dunha porcentaxe menor.
4. As agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial deberán presentar ante a Administración forestal, sobre os terreos que teñan a condición de monte, un instrumento de ordenación ou xestión forestal para a devandita superficie de acordo co previsto nesta lei, no prazo de tres anos desde a súa inscrición na división correspondente do Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta con base territorial. Este prazo poderá prorrogarse por causas xustificadas.
5. As agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial deberán dispor dos servizos para a xestión profesionalizada mediante persoal técnico competente en materia forestal. Este persoal técnico deberá elaborar o preceptivo instrumento de ordenación ou xestión e prestar o apoio técnico que asegure unha xestión forestal sustentable e o cumprimento das obrigas normativamente aplicables. Porén, non será necesario que a administración dunha agrupación forestal de xestión conxunta con base territorial sexa desempeñada por unha empresa de servizos forestais.
6. Por orde da persoa titular da consellaría competente en materia de montes poderán determinarse requisitos adicionais relativos a superficies mínimas que deberán ter cada un dos diferentes perímetros de xestión conxunta das agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial e a necesidade de plans específicos para diferentes actuacións, alén doutros requisitos necesarios para garantir a viabilidade destas agrupacións».
Oito. Engádese un artigo 122 ter b), que queda redactado como segue:
«Artigo 122 ter b). Requisitos das agrupacións forestais de xestión conxunta básicas
1. As agrupacións forestais de xestión conxunta básicas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Todas as persoas ou entidades que formen parte da agrupación forestal deberán ser persoas propietarias ou titulares de dereitos de aproveitamento de terreos forestais.
b) O tempo mínimo de integración das persoas socias nas agrupacións básicas será de tres anos, co fin de garantir a viabilidade da actividade destas agrupacións.
c) Dispor dos servizos para a xestión profesionalizada mediante persoal técnico competente en materia forestal.
2. Mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de montes poderán determinarse requisitos adicionais relativos ao número mínimo de persoas propietarias ou titulares de dereitos de aproveitamento, a superficies mínimas e á necesidade de plans específicos para diferentes actuacións, alén doutros requisitos necesarios para garantir a viabilidade destas agrupacións».
Nove. Modifícanse os números 1, 2 e 3 do artigo 122 quater, que quedan redactados como segue:
«1. As solicitudes das persoas interesadas que pretendan o recoñecemento da agrupación forestal de xestión conxunta deberán, ademais dos requisitos xerais establecidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, presentar a seguinte documentación:
a) Identificar a tipoloxía da agrupación proposta.
b) Xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos nesta lei e, en particular, a constitución, achegando os seus estatutos.
c) No caso das agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial, identificar a superficie da iniciativa de actuación de xestión forestal conxunta.
d) No caso das agrupacións de xestión conxunta con base territorial, achegar a documentación que acredite a disposición dos dereitos de uso da superficie das terras de natureza forestal incluídas no ámbito da iniciativa de xestión ou comercialización conxunta. Deberase acreditar a disposición dos dereitos de uso dunha porcentaxe superior ao 70 % da superficie das terras incluídas no ámbito da iniciativa. Respecto da xustificación dos dereitos de uso, para os efectos desta lei, salvo proba en contrario, a Administración considerará a persoa que con tal carácter conste en rexistros públicos que produzan presunción que só poida ser destruída xudicialmente, ou a quen apareza con tal carácter en rexistros fiscais ou, finalmente, a quen o sexa pública e notoriamente, aínda que careza do oportuno título escrito.
e) No caso das agrupacións de xestión conxunta básicas, a xustificación de que as persoas socias son propietarias ou titulares de dereitos de aproveitamento de terreos forestais. Isto poderá acreditarse mediante unha declaración responsable da persoa representante da agrupación xunto cunha relación das referencias catastrais das que se declaran propietarias ou titulares as persoas socias.
f) Acreditar a dispoñibilidade dos medios persoais e técnicos precisos e a obriga de os manter durante toda a actividade.
g) Achegar, de ser o caso, a solicitude da declaración de utilidade pública e interese social para a actuación de xestión conxunta.
2. Os terreos incluídos dentro do ámbito dunha iniciativa de xestión conxunta con base territorial non poderán formar parte doutra agrupación co mesmo obxecto.
3. No caso das iniciativas de xestión conxunta con base territorial, o órgano forestal, logo da remisión a este da documentación requirida, comunicará a devandita solicitude á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o seu coñecemento e solicitará, de ser o caso, a emenda e mellora da solicitude, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En particular, poderá solicitar, de acordo co indicado neste precepto, a aclaración da documentación presentada e a modificación do ámbito da actuación».
Dez. Modifícase o número 5 do artigo 122 quater, que pasa a ter a seguinte redacción:
«5. Unha vez recoñecida a agrupación, esta inscribirase de oficio na división correspondente do Rexistro de Agrupacións Forestais regulado no artigo 126. As devanditas resolución e inscrición serán comunicadas á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a súa inscrición na sección forestal do Rexistro Público de Agrupacións Agroforestais da Comunidade Autónoma de Galicia».
Once. Modifícase o número 1 do artigo 122 quinquies, que queda redactado como segue:
«1. Para os efectos desta lei, serán consideradas como sociedades de fomento forestal aquelas agrupacións de xestión conxunta con base territorial constituídas por entidades que teñan a forma de sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital ou de sociedades reguladas pola lexislación civil. Para mellorar a sustentabilidade das agrupacións, tamén se poderán incluír na agrupación persoas propietarias ou titulares de dereitos de uso de parcelas non forestais».
Doce. Modifícase o número 2 do artigo 122 sexies, que queda redactado como segue:
«2. No caso de que, tras a declaración de abandono ou infrautilización, as persoas titulares das parcelas opten por incorporalas ao Banco de Terras, esta incorporación deberá efectuarse a través dun arrendamento pactado a favor da agrupación de xestión conxunta con base territorial, segundo o disposto na lexislación en materia de recuperación da terra agraria».
Trece. Modifícanse os números 3 e 4 do artigo 123, que quedan redactados como segue:
«3. A xestión forestal sustentable dos montes con contrato de xestión pública realizarase a través dun proxecto de ordenación forestal, que estará inscrito no Rexistro Galego de Montes Ordenados. A xestión estará avaliada, polo menos, por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente e validado polas correspondentes entidades de certificación.
De xeito excepcional, no caso dos montes con contrato de xestión pública, poderán empregarse outros instrumentos de ordenación e xestión forestal, segundo se determine regulamentariamente, caso en que non será exixible a certificación forestal.
4. En calquera caso, manterase informada a entidade propietaria da execución das actuacións recollidas no instrumento de ordenación ou xestión forestal, así como das incidencias que poidan xurdir na xestión das súas propiedades».
Catorce. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 124, que quedan redactados como segue:
«1. Crearase un fondo de melloras para a realización de investimentos de carácter forestal, que se dividirá en tres seccións:
a) Sección de montes catalogados de dominio público.
b) Sección de montes patrimoniais pertencentes á Comunidade Autónoma.
c) Sección de montes que presentan un contrato temporal de xestión pública.
2. O fondo terá carácter finalista e destinarase á xestión forestal sustentable dos montes ou grupos de montes de acordo co proxecto de ordenación forestal aprobado, tendo en conta a excepción prevista no artigo 123».
Quince. Modifícase o número 7 do artigo 124, que queda redactado como segue:
«7. Os traballos anuais programados nos instrumentos de ordenación ou xestión forestal ou nos plans anuais de melloras teranse que desenvolver con cargo a este fondo ou mediante outras partidas habilitadas para o efecto. Estas partidas poderán ter un tratamento equiparable aos investimentos realizados ao abeiro dos contratos de xestión pública».
Dezaseis. Modifícase a alínea j) do número 1 do artigo 126, que queda redactada como segue:
«j) Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, no cal se inscribirán as agrupacións forestais de xestión conxunta que voluntariamente se constitúan de acordo cos requisitos establecidos nesta lei. Esta sección terá dúas divisións: a división de agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial e a división de agrupacións forestais de xestión conxunta básicas».
Dezasete. Modifícase a disposición adicional cuarta, que queda redactada como segue:
«Disposición adicional cuarta. Rexeneración de masas arbóreas preexistentes
A rexeneración forestal logo dun aproveitamento forestal ou das masas afectadas por incendios, pragas ou outros desastres naturais, que deberá cumprir en todo caso as distancias establecidas nesta lei, terá a consideración de nova plantación para os efectos da lexislación ambiental cando non se manteña o xénero da especie arbórea principal, cando supoña a transformación de piñeirais en eucaliptais ou, en todo caso, cando supoña a transformación de masas de frondosas do anexo 1 en piñeirais, eucaliptais ou noutras formacións de especies arbóreas non incluídas no anexo 1.
En todo caso, a rexeneración forestal logo dun aproveitamento forestal ou das masas afectadas por incendios, pragas ou outros desastres naturais non terá a consideración de nova plantación para os efectos da lexislación ambiental cando se creen masas de frondosas do anexo 1, aínda que se produza un cambio de especie».
Dezaoito. Engádese unha disposición adicional décimo segunda coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo segunda. Inclusión na división de agrupacións de xestión conxunta con base territorial
Tanto as sociedades de fomento forestal como as demais agrupacións forestais de xestión conxunta xa inscritas no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta serán incluídas na división de agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial».
Dezanove. Modifícase a disposición transitoria décimo sexta, que queda redactada como segue:
«Disposición transitoria décimo sexta. Aproveitamentos polas persoas propietarias en montes que conten cun convenio asinado coa Administración forestal
1. Ata a entrada en vigor do novo contrato de xestión pública, que deberá prever o procedemento de alleamento de madeira nos montes de xestión pública, no caso de que un incendio ou unha catástrofe natural afectar o arboredo dos montes de xestión pública xerando a necesidade de cortar un volume excepcional de madeira nun curto período incompatible cos prazos necesarios para o seu alleamento pola Administración, co fin de axilizar o procedemento de retirada da madeira e previr problemas fitosanitarios ou de perda do valor da madeira, mediante resolución motivada da persoa titular do departamento territorial correspondente competente en materia forestal en que se sitúe o monte afectado poderá autorizarse o alleamento directo da madeira polas persoas propietarias. A resolución deberá ser motivada, xustificar a excepcionalidade do episodio causante do dano ás masas forestais e conter as condicións que garantan o cumprimento das porcentaxes de reinvestimento que correspondan.
2. Ata a entrada en vigor do novo contrato de xestión pública e por instancia de parte, a dirección territorial competente en materia forestal correspondente en que se sitúe o monte poderá autorizar a adxudicación de todos os rareos previstos no instrumento de ordenación ou xestión forestal dos montes de xestión pública directamente polas persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento dos devanditos montes.
Na resolución de autorización figurarán os pregos que rexerán os aproveitamentos e as condicións que garantan o cumprimento das porcentaxes de reinvestimento e devolución da débeda xerada polos investimentos da Administración que correspondan.
No caso de que o monte ou terreo forestal non dispoña de instrumento de ordenación ou xestión forestal deberá presentarse cartografía dixital da zona que se vai rarear, polo cal será preciso tramitar individualmente cada aproveitamento».
Artigo 88. Modificación da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia
A Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícanse os números 1, 2, 3 e 4 do artigo 20, que quedan redactados como segue:
«1. Para cada zona de reestruturación parcelaria redactarase, previamente á aprobación das bases, un plan de ordenación de predios de especial vocación agraria, de acordo co definido no artigo 4.
2. Este plan seguirá as directrices establecidas no Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia para o ámbito da reestruturación parcelaria, aínda que poderán precisarse para adaptalas a unha escala espacial de maior detalle. No suposto de non estar desenvolto o Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia, poderase ter en conta o contido dos instrumentos de ordenación urbanística e as Directrices de ordenación do territorio de Galicia, así como as limitacións legais que eventualmente poidan afectar os diferentes cultivos e aproveitamentos en áreas específicas. Así mesmo, poderase ter en conta calquera iniciativa que incida na mitigación e adaptación para os efectos do cambio climático.
3. Unha vez elaborado, o plan será sometido ao informe do comité técnico asesor e a un procedemento de exposición pública na forma sinalada no número 1 do artigo 42, por un período dun mes, durante o cal se poderán presentar alegacións, que serán estudadas e resoltas polo servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria.
4. Unha vez finalizado ese proceso e, se for o caso, incorporadas a este as modificacións pertinentes, a dirección xeral competente ditará a resolución mediante a cal se aprobarán tanto as bases de reestruturación como o plan de ordenación de predios de especial vocación agraria. Esta resolución será notificada e publicada, conforme o establecido no número 2 do artigo 42, e será susceptible de recurso de alzada no prazo dun mes desde a súa notificación ou, de ser o caso, publicación.
Desde a súa aprobación, independentemente das modificacións que teñan lugar, o plan terá carácter vinculante para todos aqueles aspectos relativos á ordenación de usos agrarios».
Dous. Modifícase o número 6 do artigo 20, que queda redactado como segue:
«6. Aprobado o plan e ata a firmeza do acordo de reestruturación parcelaria, cando as circunstancias así o determinaren, poderá ser modificado pola dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural, co previo informe do servizo provincial competente en materia de reestruturación parcelaria».
Tres. Suprímese o número 7 do artigo 20, que queda sen contido.
Catro. Modifícase o número 1 do artigo 21, que queda redactado como segue:
«1. Durante o prazo de exposición pública do plan, as explotacións agrarias, as agrupacións de titulares, as iniciativas singulares e as iniciativas de aproveitamento en común interesadas en integrarse no plan de ordenación de predios de especial vocación agraria poderán solicitar a inscrición provisional nel».
Cinco. Modifícase o número 3 do artigo 21, que pasa a ter a seguinte redacción:
«3. A inscrición e o compromiso deberán ser confirmados expresamente durante o prazo sinalado no número 4 do artigo 29, e pasarán entón a ter carácter definitivo».
Artigo 89. Modificación da Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas
Na Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, engádese un número 6 ao artigo 25, coa seguinte redacción:
«6. Así mesmo, en aplicación do previsto na alínea a) do artigo 17 da Lei 32/2007, do 7 de novembro, o órgano autonómico competente para resolver o expediente sancionador no caso de comisión de infraccións graves e moi graves, ou cando exista reiteración, poderá acordar a inhabilitación da persoa titular da explotación ou da persoa titular ou responsable dos animais para o exercicio da profesión, oficio ou comercio relacionado cos animais, así como para a súa tenza, por un período máximo de tres anos, segundo criterio técnico motivado, como medida de corrección, seguridade ou control, que impida a continuidade na produción do dano».
Artigo 90. Modificación da Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, de calidade alimentaria de Galicia
Modifícase a Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, de calidade alimentaria de Galicia, do seguinte xeito:
A alínea b) do número 2 do artigo 116 pasa a ter a seguinte redacción:
«b) A persoa titular da dirección xeral que teña as atribucións en materia de calidade alimentaria da consellaría competente en materia de agricultura, gandaría e montes, no caso de infraccións graves, excepto no caso das infraccións graves relativas a incumprimentos relacionados con figuras de protección da calidade diferenciada do ámbito dos produtos mariños, para as cales será competente a persoa titular da dirección xeral con competencias en comercialización pesqueira».
Artigo 91. Modificación do Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural
Modifícase o Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural, que queda modificado como segue:
Modifícase o artigo 2, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 2. Órganos sancionadores en materia de calidade alimentaria e en materia de viños
Os órganos competentes para a imposición de sancións pola comisión de infraccións en materia de calidade alimentaria e en materia de viños serán os seguintes:
a) A persoa titular do departamento territorial da consellaría competente en materia de agricultura, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.
b) A persoa titular da dirección xeral correspondente en materia de calidade alimentaria da consellaría competente en materia de agricultura, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.
c) A persoa titular da consellaría competente en materia de agricultura, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves».
Artigo 92. Modificación do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia
Modifícase a alínea a) do artigo 7 do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, que queda redactada como segue:
«a) Os montes públicos, os montes protectores e os montes de xestión pública, coa excepción do suposto do artigo 123 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no caso dos montes de xestión pública».
CAPÍTULO XIV
Mar
Artigo 93. Modificación da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia
A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 2 do artigo 10, que queda redactado como segue:
«2. Constitúen os recursos das confrarías:
a) As contas ou derramas que por conta dos seus membros se establezan.
b) Os arrendamentos dos bens e dereitos que integran o seu patrimonio.
c) As cantidades recadadas como consecuencia da prestación dalgún servizo.
d) As transferencias de calquera clase recibidas da Xunta de Galicia, da Administración central do Estado ou de calquera outra institución, así como as asignacións que se establezan anualmente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) As doazóns, legados ou calquera atribución de bens a título gratuíto realizados no seu favor, unha vez que fosen aceptados polo órgano de goberno correspondente.
f) As cantidades recadadas na primeira venda dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira, segundo as condicións que se establezan regulamentariamente.
Para tal fin, enténdese por excedente o exceso na cantidade dun recurso marisqueiro, que se pode orixinar nun punto de control tras os procesos de selección e clasificación, con respecto ás cantidades totais acordadas que se van extraer, para unha especie e nunha zona de produción concretas, polo conxunto das persoas mariscadoras que participen nese día determinado nos labores de extracción. En ningún caso estes excedentes poderán superar os topes establecidos no propio plan de xestión ou nas autorizacións mensuais emitidas pola consellaría con competencias en materia de marisqueo.
g) Calquera outro recurso que, conforme a lexislación ou os seus propios estatutos, lles puider ser atribuído».
Dous. Engádese unha disposición derradeira cuarta, que queda redactada como segue:
«Disposición derradeira cuarta. Cantidades recadadas na primeira venda dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira
As confrarías de pescadores non poderán recadar o recurso previsto no artigo 10.2.f) desta lei en tanto non se proceda, mediante orde da consellaría con competencias en materia de pesca, á determinación dos requisitos técnicos e das condicións e límites en que se ten que producir a primeira venda dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira».
Artigo 94. Modificación da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia
A Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícanse as alíneas a) e b) do número 2 do artigo 67, que quedan redactadas como segue:
«a) Cando no título de outorgamento se prevexa expresamente a posibilidade dunha ou varias prórrogas, caso este en que, por petición da persoa titular e a xuízo de Portos de Galicia, poderá ser prorrogado, sen que o prazo inicial unido ao das prórrogas poida superar o prazo máximo de cincuenta anos.
A suma dos prazos das prórrogas non poderá ser superior á metade do prazo inicial.
b) O prazo de vencemento poderá ser prorrogado, igualmente, aínda que no título de outorgamento non se prevexa a posibilidade de prórroga, ou aínda que estiver xa esgotada, cando o concesionario leve a cabo un investimento relevante, non previsto inicialmente na concesión, que, a xuízo de Portos de Galicia, sexa de interese para a explotación portuaria de cara a mellorar a produtividade, a eficiencia enerxética ou a calidade ambiental das operacións portuarias ou supoña a introdución de novas tecnoloxías ou procesos que incrementen a competitividade e, en todo caso, sexa superior ao dez por cento do valor actualizado do investimento inicialmente previsto no título concesional.
O investimento relevante poderá ser realizado, de ser o caso, na concesión modificada por ampliación da súa superficie sempre que formen unha unidade de explotación».
Dous. Engádese a alínea c) ao número 2 do artigo 67, que queda redactada como segue:
«c) Excepcionalmente, Portos de Galicia poderá autorizar prórrogas non previstas no título concesional que, unidas ás anteriormente outorgadas e ao prazo inicial, superen en total o prazo de cincuenta anos ou cando, non superando este prazo, a suma das prórrogas xa outorgadas supere unha vez e media o prazo inicial, naquelas concesións que sexan de interese estratéxico ou relevante para o porto ou para o desenvolvemento económico da súa zona de influencia, ou que supoñan o mantemento no porto da competencia no mercado dos servizos portuarios, cando a persoa ou entidade concesionaria se comprometa a levar a cabo:
1ª. Un novo investimento adicional que supoña unha mellora da eficacia global e da competitividade da actividade desenvolta, nos termos sinalados na alínea b) anterior.
2ª. Unha contribución económica, que non terá natureza tributaria. Esta contribución económica estará destinada ao financiamento dalgún dos seguintes supostos, para mellorar a posición competitiva dos portos na súa área de influencia:
• Construción e mellora de infraestruturas portuarias básicas, consistentes en obras de abrigo, dragaxe, obras de atracada, explanadas ou viarios de uso xeral.
• Construción ou mellora de infraestruturas e instalacións básicas para a subministración de combustibles alternativos ou de electricidade aos buques durante a súa estadía no porto.
• Actuacións que melloren a posición competitiva, a seguridade, a capacidade ou a accesibilidade marítima ou terrestre dos portos.
3ª. Unha combinación das prestacións fixadas nas alíneas c 1ª e c 2ª.
Nos tres supostos, o importe da prestación económica deberá ser superior ao cincuenta por cento do valor actualizado do investimento inicial previsto no título concesional, sen incluír os investimentos comprometidos en reposición, e, igualmente, ser superior a 500.000 euros en base impoñible.
No suposto de se comprometer unha contribución económica, incluirase esta obriga na concesión modificada e deberá satisfacerse na súa totalidade no prazo máximo de seis meses desde o outorgamento da prórroga extraordinaria da concesión, e, en todo caso, antes da entrada en vigor da prórroga, se esta tiver lugar nun prazo inferior a seis meses.
No suposto de investimentos adicionais, estes deberán estar executados no prazo máximo de catro anos desde o outorgamento da prórroga.
No caso de que o investimento adicional ou a contribución económica comprometida non se satisfagan en prazo na súa totalidade, non adquirirá eficacia a prórroga outorgada e extinguirase a concesión pola finalización do seu prazo».
Tres. Engádense os números 6, 7, 8, 9 e 10 ao artigo 67, coa seguinte redacción:
«6. Nas concesións que se prorroguen pola vía dos supostos previstos nas alíneas b) e c) do número 2 será precisa a aceptación expresa da persoa ou entidade concesionaria con anterioridade á resolución de outorgamento da prórroga, que determinará a modificación substancial da concesión e das condicións desta, incluíndose, entre outras cláusulas, os novos compromisos adquiridos, o prazo máximo da súa execución, así como o da caducidade da concesión en caso de incumprimento das condicións establecidas para o outorgamento da prórroga e aqueloutras que estime necesarias a Administración portuaria en aplicación da lexislación vixente.
7. O prazo da prórroga prevista no número 2.b) fixarase tendo en consideración o importe do investimento relevante en relación cos criterios establecidos no número 1 deste artigo.
Cada prórroga que se outorgue neste suposto non poderá ser superior á metade do prazo inicial e a suma dos prazos destas non poderá ser superior a unha vez e media o prazo inicial da concesión.
O prazo inicial unido ao das prórrogas non poderá exceder de cincuenta anos.
8. O prazo de prórroga extraordinaria recollida no número 2.c) fixarase ponderando os criterios establecidos no número 1 deste artigo e segundo os seguintes intervalos en función da contribución económica ou o investimento comprometidos, ou a suma de ambos:
| Compromiso económico (base impoñible) |
Incremento de prazo |
| Maior de 500.000 € e menor ou igual a 1 M€ |
Ata dez anos |
| Maior de 1 M€ e menor ou igual a 2 M€ |
Ata vinte anos |
| Maior de 2 M€ |
Ata vinte e cinco anos |
En ningún caso o prazo total da concesión unido ao da suma das súas prórrogas poderá superar os setenta e cinco anos.
9. Para o outorgamento das prórrogas previstas no número 2 deste artigo será necesario que transcorrese, polo menos, unha terceira parte do prazo da concesión inicial, e que a persoa ou entidade concesionaria se atope ao corrente do cumprimento das obrigas derivadas da concesión.
As prórrogas outorgadas en aplicación das previsións do número 2 deste artigo non poderán ser superiores á metade do prazo máximo de vixencia establecido na lexislación estatal para as concesións sobre dominio público portuario nos portos de interese xeral.
10. Nos supostos das prórrogas non previstas no título de outorgamento, as persoas ou entidades titulares da concesión deberán presentar unha solicitude na que, ademais de identificar aquela concesión respecto da cal se formula a petición de prórroga, indicarán o prazo e o investimento ou achega económica que comprometen como presuposto condicionante do outorgamento da prórroga.
Igualmente, deberase incorporar a xustificación de que as actuacións comprometidas cumpren os requisitos establecidos nas alíneas b) e c) do número 2, desagregando cada unha delas e indicando a tipoloxía da actuación a que pertence, o orzamento e o prazo comprometido de execución.
A referida solicitude deberá ir acompañada da documentación indicada no artigo 69.1, e tramitarase conforme o indicado no artigo 73.
A solicitude deberá presentarse, en todo caso, con doce meses de antelación ao vencemento da concesión».
Catro. Modifícase o número 2 da disposición transitoria primeira, que queda redactado como segue:
«2. Considérase en todo caso incompatible cos criterios de ocupación do dominio público portuario establecidos nesta lei o mantemento de concesións outorgadas a perpetuidade, por tempo indefinido ou por prazo superior a trinta e cinco anos, que haberá que contar desde a entrada en vigor da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da Mariña Mercante. En todos estes casos, as concesións vixentes entenderanse outorgadas por un prazo máximo de trinta e cinco anos, contados desde a entrada en vigor desa lei».
Cinco. Modifícase o número 3 da disposición transitoria primeira, que queda redactado como segue:
«3. O réxime de prórrogas previsto no artigo 67.2 desta lei, segundo a redacción establecida pola Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, será aplicable ás concesións vixentes, independentemente da data en que fosen outorgadas, así como aos expedientes de prórroga do prazo concesional que se atopen en tramitación no momento da entrada en vigor desta modificación.
Seis. Suprímese o número 4 da disposición transitoria primeira.
Artigo 95. Modificación do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións
Modifícase o Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, que queda redactado como segue:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 53, que queda redactado como segue:
«1. A confraría disporá dos seguintes recursos económicos:
a) As cotas ordinarias e extraordinarias que deben satisfacer os seus membros.
b) Os dereitos e exencións que lle sexan legalmente establecidos.
c) Os produtos e as rendas do seu patrimonio.
d) As doazóns, os legados e as achegas que reciba.
e) As contías percibidas en concepto de sancións impostas polas confrarías aos seus membros.
f) Os ingresos procedentes da prestación de servizos por parte da confraría.
g) As subvencións e demais consignacións orzamentarias que reciban con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia ou do Estado.
h) Os retornos.
i) As cantidades recadadas na primeira venda dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira.
j) Calquera outro recurso obtido, de conformidade coas disposicións legais e preceptos estatutarios».
Dous. Engádese un número 3 ao artigo 53, que queda redactado como segue:
«3. Para os efectos previstos na alínea i) do punto anterior, enténdese por excedente o exceso na cantidade dun recurso marisqueiro, que se pode orixinar nun punto de control tras os procesos de selección e clasificación, con respecto ás cantidades totais acordadas que se van extraer, para unha especie e nunha zona de produción concretas, polo conxunto das persoas mariscadoras que participen nese día determinado nos labores de extracción. En ningún caso estes excedentes poderán superar os topes establecidos no propio plan de xestión ou nas autorizacións mensuais emitidas pola consellaría con competencias en materia de marisqueo».
Tres. Engádese unha disposición derradeira terceira, que queda redactada como segue:
«Disposición derradeira terceira. Cantidades recadadas na primeira venda dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira
Consonte a disposición derradeira cuarta da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, as confrarías de pescadores non poderán recadar o recurso previsto no artigo 53.1.i) en tanto non se proceda, mediante unha orde da consellaría con competencias en materia de pesca, á determinación dos requisitos técnicos e das condicións e límites en que se ten que producir a primeira venda dos excedentes procedentes do marisco obtido durante a actividade marisqueira».
CAPÍTULO XV
Emprego público, organización e funcionamento da Administración autonómica
Artigo 96. Modificación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia
A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 2 do artigo 25, que queda redactado como segue:
«2. Son órganos de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia as secretarías xerais técnicas, as direccións xerais e equivalentes, as vicesecretarías xerais, as subdireccións xerais, as delegacións territoriais, as secretarías territoriais e os departamentos territoriais».
Dous. Modifícase o artigo 35, que queda redactado como segue:
«Artigo 35. Departamentos territoriais
1. As delegacións territoriais estruturaranse en departamentos territoriais, que, sen prexuízo da súa integración nelas para os efectos de coordinación, dependerán orgánica e funcionalmente das consellarías que correspondan por razón da materia.
2. Os departamentos territoriais son os órganos de exercicio das competencias administrativas de cada unha das consellarías, co alcance que se lles atribúa na estrutura orgánica da consellaría e demais normativa aplicable ou que se lles delegue, e estarán integrados por aqueles servizos, áreas ou unidades que sexan necesarios para unha maior eficacia da xestión administrativa.
3. Á fronte dos departamentos territoriais estarán os directores ou directoras territoriais, que, ademais das funcións que deriven do establecido no número anterior, asumirán as seguintes competencias, sen prexuízo das atribuídas aos delegados territoriais:
a) Representar oficialmente a consellaría ante as autoridades, os organismos e as entidades provinciais e locais.
b) Dirixir, coordinar e impulsar a política da consellaría na provincia.
c) Dirixir e exercer a supervisión, a coordinación e o seguimento das actividades dos servizos do departamento territorial.
4. Agás que unha norma dispoña o contrario, os actos dos directores ou directoras territoriais non poñen fin á vía administrativa e serán impugnables en alzada perante os conselleiros ou conselleiras de que dependan.
5. O director ou directora territorial será substituído/a, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, pola persoa que designe o conselleiro ou conselleira de que dependa.
6. O nomeamento e a separación dos directores ou directoras territoriais efectuarao libremente a persoa titular da consellaría respectiva, entre funcionarios e funcionarias de carreira dos grupos A1 ou A2, ou, atendendo a criterios de competencia profesional ou experiencia, entre persoas que reúnan os requisitos que en cada caso se consideren adecuados para o desenvolvemento da función.
7. Será aplicable ás persoas titulares dos departamentos territoriais o réxime de incompatibilidades establecido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.
8. O persoal funcionario de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia e o persoal funcionario das entidades locais galegas que sexa nomeado para desempeñar un posto de director/a territorial quedará en situación de servizos especiais no corpo ou escala a que pertenza. O persoal laboral fixo será declarado na situación que corresponda segundo o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, e o convenio colectivo aplicable».
Artigo 97. Modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia
A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, queda modificada do seguinte xeito:
Un. Modifícase o número 2 do artigo 24, que pasa a ter a seguinte redacción:
«2. O primeiro nomeamento como persoal funcionario interino nun determinado corpo, escala ou especialidade estará suxeito a un período de proba. Este período terá unha duración de tres meses para os corpos, escalas ou especialidades do grupo A; dous meses para o grupo B; e un mes para os corpos, escalas ou especialidades do grupo C e da agrupación profesional de persoal funcionario. A non superación do período de proba implicará o cesamento da persoa nomeada como persoal funcionario interino e a baixa na lista correspondente ao grupo, corpo e/ou escala ou especialidade en que se realizou o chamamento durante un período de seis meses. O regulado neste artigo con respecto ao período de proba non será aplicable para as persoas nomeadas funcionarias interinas que acrediten discapacidade intelectual».
Dous. Modifícase o número 6 do artigo 38, que queda redactado como segue:
«6. As relacións de postos de traballo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e os instrumentos de ordenación do persoal das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico poderán prever a clasificación dos postos co rango de subdirección xeral ou xefatura de servizo que garden relación directa coas competencias en materia de sanidade, educación e xustiza para a súa provisión por persoal sanitario, docente ou da Administración de xustiza, respectivamente, atendendo á especificidade das funcións que se deban desempeñar».
Tres. Modifícase o cadro do número 1 da disposición adicional oitava, respecto á escala de letrados, nos apartados de funcións e titulación, que quedan redactados como segue:
| «Denominación |
Especialidades |
Subgrupo |
Funcións |
Titulación |
| Escala de letrados |
A1 |
Asesoramento en dereito e representación e defensa en xuízo en todo tipo de procesos xudiciais, así como perante órganos administrativos e en procedementos arbitrais, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades instrumentais do sector público autonómico e dos órganos estatutarios, nos termos establecidos pola Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público. |
Licenciatura ou grao en Dereito, de conformidade co artigo 37 da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público». |
Catro. Modifícase o cadro do número 2 da disposición adicional novena, respecto ás titulacións exixidas na especialidade de educador/a social da escala de técnicos facultativos no corpo facultativo de grao medio (subgrupo A2), que queda redactado como segue:
| «Denominación |
Especialidades |
Subgrupo |
Funcións |
Titulación |
| Escala de técnicos facultativos |
Educador social |
A2 |
–Participación no seguimento e na avaliación do proceso recuperador ou asistencial das persoas usuarias. –Relación cos familiares das persoas usuarias, proporcionándolles orientación e apoio. –Coordinación das actividades da vida diaria das persoas usuarias. –Programación e participación nas áreas de ocio e tempo libre. –Programación e execución das actividades formativas das persoas usuarias que o requiran en centros ocupacionais e CAPD. –Participación, cando foren requiridos, no equipo mulidisciplinar para a realización de probas ou valoracións relacionadas coas súas funcións. –Participación nas xuntas e sesións de traballo no centro. –En xeral, todas aquelas actividades non especificadas anteriormente incluídas dentro da súa profesión ou preparación técnica. |
–Mestre ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de mestre en educación primaria ou diplomado ou graduado en Educación Social, ou primeiro ciclo da titulación de licenciado en Pedagoxía, da titulación de licenciado en Psicoloxía ou da titulación de licenciado en Psicopedagoxía, ou graduado nunha titulación da rama de ciencias sociais e xurídicas ou da rama de ciencias da saúde equivalente a calquera das anteriores». |
Cinco. Engádese o número 3 na disposición adicional décimo sétima, coa seguinte redacción:
«3. Ao persoal que mude o seu vínculo xurídico coa Administración de conformidade con esta disposición seralle aplicable o preceptuado no Decreto 165/2019, do 26 de decembro».
Seis. Modifícase o número 1 da disposición transitoria terceira, que queda redactado como segue:
«1. Mentres non se desenvolva regulamentariamente o réxime xurídico específico do persoal directivo profesional funcionario de carreira conforme as previsións do capítulo II do título III, na Administración xeral terán a consideración de postos directivos as vicesecretarías xerais, as subdireccións xerais e as secretarías territoriais. No ámbito das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, terán a consideración de postos directivos os equivalentes aos indicados anteriormente para a Administración xeral da Comunidade Autónoma que figuren nos instrumentos de ordenación do persoal».
Artigo 98. Modificación da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público
A Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o artigo 34, que queda redactado como segue:
«Artigo 34. Nomeamento e funcións da persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral
1. A dirección, coordinación e inspección da asistencia xurídica, tanto consultiva como contenciosa, regulada nesta lei, corresponde á persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral.
2. A persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral será designada entre persoal funcionario pertencente á escala de letrados/as da Xunta de Galicia. Tamén se poderá designar entre os/as funcionarios/as públicos/as do subgrupo A1 pertencentes a corpos ou escalas da Administración pública que teñan expresamente encomendadas funcións de asesoramento xurídico, así como de defensa e representación da Administración en xuízo, ou ben entre xuristas de recoñecido prestixio con máis de quince anos de exercicio profesional.
3. Durante o desempeño do seu cargo a persoa titular da Secretaría Xeral estará habilitada para exercer as funcións de letrado/a da Xunta de Galicia e, en particular, poderá asinar como tal os escritos procesuais.
4. Corresponde á persoa titular da Secretaría Xeral garantir o principio de unidade de criterio no exercicio das funcións de asistencia xurídica. Para estes efectos correspóndelle:
a) Fixar os criterios xerais de interpretación do ordenamento xurídico, co fin de homoxeneizar as actuacións da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades do seu sector público.
b) Impartir aos/ás letrados/as da Xunta de Galicia as ordes e as instrucións particulares ou xerais que sexan convenientes para o servizo e para o exercicio das súas funcións.
5. A persoa titular da Secretaría Xeral poderá reservar para si o coñecemento de calquera asunto consultivo ou contencioso, ou de calquera materia ou conxunto delas, así como dispoñer a actuación conxunta ou individual dos/as letrados/as en determinados asuntos ou categorías deles, por razóns de coordinación, repartición ou distribución do traballo, ou pola natureza ou complexidade das materias, calquera que sexa a unidade a que estiver organicamente atribuído o coñecemento do asunto».
Dous. Engádese un artigo 34 bis coa seguinte redacción:
«Artigo 34 bis. Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo
1. Correspóndenlle á persoa titular da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo as seguintes funcións:
a) Dirixir e coordinar as funcións de asuntos constitucionais e desenvolvemento lexislativo atribuídas á Asesoría Xurídica Xeral.
b) Representar a Asesoría Xurídica Xeral na Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Coordinar o asesoramento e o seguimento da normativa do Estado ou doutras comunidades autónomas para os efectos do cumprimento do bloque de constitucionalidade e, en especial, da distribución de competencias derivada del.
d) Coordinar os informes en dereito e, se é o caso, a elaboración dos anteproxectos e proxectos de disposición cando afecten ou poidan afectar a Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia e a súa organización, funcionamento e réxime de actuacións.
e) Organizar actividades que teñan por obxecto a formación e o perfeccionamento do persoal letrado da Xunta de Galicia.
f) Levar os asuntos administrativos, de organización, de persoal e de réxime interior.
g) Apoiar a persoa titular da Asesoría Xurídica Xeral no exercicio das súas funcións, así como levar, dirixir, supervisar ou coordinar aqueles ámbitos da prestación de asistencia xurídica e contenciosa ou asuntos concretos que lle foren encomendados.
2. A persoa titular da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo será designada de acordo co disposto para a designación da persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica no artigo 34.2.
3. Durante o desempeño do seu cargo a persoa titular da Dirección Xeral estará habilitada para exercer as funcións de letrado/a da Xunta de Galicia e, en particular, poderá asinar como tal os escritos procesuais.
4. Nos supostos establecidos no artigo 13.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a persoa titular da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo será substituída pola persoa titular da Xefatura do Gabinete de Asuntos Constitucionais ou do Gabinete de Desenvolvemento Lexislativo que teña maior antigüidade na escala de letrados da Xunta de Galicia».
Artigo 99. Modificación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia
O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, queda modificado no seguinte senso:
Un. Modifícase o número 2 da alínea a) do artigo 9 bis, que queda coa seguinte redacción:
«2. Por cada mes completo de servizos efectivamente prestados en concellos ou mancomunidades de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia ou demais entidades instrumentais na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables: 0,15 puntos, ata un máximo de 20 puntos».
Dous. Modifícase o número 1 do artigo 14, que queda redactado como segue:
«1. De acordo co disposto no artigo 41.1.b), parágrafo 3º, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obriga para os integrantes das listas de aspirantes ao nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios, e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, do emprego de medios electrónicos para a emisión e recepción das notificacións dos seus chamamentos para o desempeño dos correspondentes postos de traballo.
Para tales efectos, a notificación de cada chamamento farase ás persoas interesadas empregando o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
As persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de se relacionaren por medios electrónicos.
As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dous días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se accedese ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Adicionalmente, realizarase unha comunicación mediante SMS con aviso de recepción, que poderá completarse mediante o envío dun correo electrónico ás persoas aspirantes. O aviso de recepción proporcionará información da recepción polo teléfono da persoa citada.
Na mensaxe da notificación mediante Notific@ e da comunicación vía SMS e, se é o caso, correo electrónico, incluirase o código individual da citación e un enlace que permitirá ás persoas seleccionadas ao chamamento accederen directamente, a través do portal web da Xunta de Galicia, ao contido íntegro da citación enviada.
As persoas seleccionadas, no prazo máximo de dous días naturais desde a posta á disposición da notificación en Notific@, deberán acceder ao sistema de elección de prazas e establecer a orde de prelación de todos os postos ofertados e validar a súa elección.
A validación da súa elección suporá a aceptación do chamamento por parte da persoa aspirante nos termos seleccionados.
No caso de que o aspirante ao chamamento non acceda ou non valide a súa elección de postos no prazo indicado, suporá o rexeitamento do chamamento por parte do aspirante, coas consecuencias en cada caso establecidas neste decreto.
No suposto de que a persoa seleccionada reciba varios chamamentos consecutivos durante o prazo previsto no parágrafo anterior, deberá atender por orde de recepción as citacións enviadas, ás cales lles serán aplicables as regras precedentes, e os chamamentos serán por estrita orde de citación.
A acreditación da notificación efectuada ou, se for o caso, o rexeitamento incorporarase ao expediente».
Tres. Engádese a disposición adicional sexta, coa seguinte redacción:
«O baremo aplicable nas listas elaboradas para o nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais será o establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.
Non obstante, no procedemento de inclusión nesta lista valoraranse por unha soa vez os servizos prestados ata o 30 de maio de 2023 como persoal laboral das categorías equivalentes segundo o Decreto 165/2019, do 26 de decembro, nos termos do artigo 9 bis a) do Decreto 37/2006, do 2 de marzo».
Artigo 100. Modificación dos estatutos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, aprobados polo Decreto 118/2016, do 4 de agosto
Modifícase o número 2 do artigo 28 dos estatutos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, aprobados polo Decreto 118/2016, do 4 de agosto, que queda redactado como segue:
«2. O nomeamento da persoa titular da Presidencia será por un período de seis anos renovable. Ao rematar o prazo do seu mandato, continuará no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión do novo presidente ou presidenta».
Artigo 101. Modificación do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico
O Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, queda modificado no seguinte senso:
Un. Modifícase o número 2 do artigo 15, que pasa a ter a seguinte redacción:
«2. As comisións de valoración adecuaranse ao criterio de paridade entre homes e mulleres, a súa composición responderá aos principios de profesionalidade e especialización, serán nomeadas polo órgano convocante e estarán formadas na Administración da Xunta de Galicia por:
a) Presidencia, por proposta da consellaría competente en materia de función pública.
b) Dúas persoas por proposta da consellaría competente en materia de función pública.
c) Dúas persoas propostas polas organizacións sindicais presentes na correspondente mesa sectorial.
d) Secretaría, con voz pero sen voto, que deberá ser unha persoa funcionaria de carreira designada pola consellaría competente en materia de función pública.
Todas as persoas que actúen nesta comisión deberán ter a condición de funcionarias de carreira e deberán pertencer a un grupo de titulación igual ou superior ao exixido para os postos convocados.
As comisións de valoración poderán solicitar do órgano convocante a designación de persoas expertas, que, en calidade de asesoras, actuarán con voz pero sen voto».
Dous. Modifícanse os números 3 e 4 do artigo 38, que quedan redactados como segue:
«3. O persoal funcionario de carreira que se encontre á disposición do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo está obrigado a participar nos concursos ordinarios de provisión que se convoquen para postos adecuados ao seu corpo ou escala e a solicitar todos os postos situados en localidades que se atopen a unha distancia de ata 30 quilómetros respecto da localidade do último posto que ocupou con carácter definitivo ou, á súa elección, da localidade do posto a que estea adscrito provisionalmente. O incumprimento destas obrigas determinará a declaración da situación de excedencia voluntaria por interese particular.
Exceptúase do establecido no parágrafo anterior o persoal funcionario de novo ingreso que non teña unha antigüidade mínima de dous anos desde o nomeamento como persoal funcionario de carreira.
4. As correspondentes bases de convocatoria dos concursos ordinarios poderán establecer que ao persoal funcionario de carreira que, cumprindo a obriga de conformidade co artigo 97.5 da Lei 2/2015, do 29 de abril, non obteña praza como consecuencia da resolución do concurso, lle será adxudicado polo órgano competente en materia de función pública, de oficio e con carácter definitivo, un posto de traballo correspondente ao seu corpo, escala ou especialidade de entre aqueles que quedaron vacantes.
A devandita adxudicación, atendendo á puntuación obtida pola persoa funcionaria segundo o baremo aplicable, realizarase seguindo o criterio contido no número 3 polo cal non optase. No caso de que tampouco obtiver un posto de acordo co citado criterio, a adxudicación realizarase ao posto vacante na provincia do último que ocupou con carácter definitivo ou do posto a que estea adscrito provisionalmente. Finalmente, en defecto do anterior, e para unha adecuada cobertura de postos con carácter definitivo, seguirase a orde de prelación dos postos ofertados que quedasen vacantes na correspondente convocatoria, a excepción dos de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia».
Disposición adicional primeira. Fomento do Polo de investigación e desenvolvemento da biotecnoloxía de Galicia
1. Atendendo ao carácter estratéxico da biotecnoloxía para o desenvolvemento do sistema produtivo de Galicia e a súa innovación e mellora, así como ao seu carácter estratéxico para a mellora da saúde humana, a agricultura e a gandaría, a preservación da biodiversidade e a sustentabilidade medioambiental, a Administración xeral da Comunidade Autónoma, a través da Axencia Galega para a Innovación e das consellarías con competencias nas materias concernidas, promoverá un Polo de investigación e desenvolvemento da biotecnoloxía de Galicia, baseado no concepto de innovación nas fases temperás.
2. O Polo de investigación e desenvolvemento da biotecnoloxía de Galicia entenderase como o fomento e a coordinación de medios, recursos e infraestruturas que permitan desenvolver algunha ou todas as fases dos procesos de investigación e as temperás de innovación en biotecnoloxía que se pretenden fomentar.
3. Os fins xerais do Polo serán os seguintes:
a) Fomentar a investigación básica e aplicada, o desenvolvemento tecnolóxico, as transferencias de resultados da investigación e a innovación nas fases temperás en Galicia no ámbito da biotecnoloxía.
b) Favorecer a mellora tecnolóxica, no sector da biotecnoloxía, sobre a base da transferencia e valorización dos resultados da investigación.
c) Potenciar a implantación na área de influencia do Polo de novas iniciativas baseadas na capacidade tecnolóxico-industrial, a transferencia e a valorización de resultados da investigación que contribúan a impulsar unha cultura baseada na investigación e no desenvolvemento e que acheguen riqueza sustentable ao territorio.
d) Estimular e apoiar a formación de persoal científico, investigador e xestor da innovación e transferencia en Galicia e contribuír á creación dun ambiente adecuado para o desenvolvemento das súas carreiras profesionais.
e) Favorecer a coordinación das políticas, dos plans e dos programas en materia de investigación, transferencia de resultados, valorización da investigación da Administración xeral e do resto do sector público autonómico de Galicia cos da Administración xeral do Estado, así como cos emanados da Unión Europea.
f) Favorecer a internacionalización da investigación científica, do desenvolvemento tecnolóxico e da innovación nas súas fases temperás, especialmente no ámbito da Unión Europea.
4. Con base nos indicados fins, poderanse realizar, en particular, as seguintes actuacións:
a) Formalización de convenios coas administracións públicas, as universidades públicas e os organismos públicos de investigación e con axentes privados que realicen actividades de investigación científica e técnica, ao amparo do establecido no artigo 34 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, para a realización conxunta de proxectos e actuacións de investigación científica; creación ou financiamento de centros, institutos, consorcios ou unidades de investigación e transferencia de resultados, e infraestruturas científicas; formación de persoal científico e técnico; divulgación científica e tecnolóxica; uso compartido de inmobles, de instalacións e de medios materiais para o desenvolvemento de actividades de investigación científica, desenvolvemento e transferencia dos resultados da investigación.
b) Atracción e fomento de investimentos para o desenvolvemento tecnolóxico do sistema galego de investigación, especialmente no eido da biotecnoloxía.
c) Mellora dos servizos públicos mediante o uso da biotecnoloxía.
d) Aquelas tendentes a imbricar o Polo no sistema da biotecnoloxía europeo e mundial.
Disposición adicional segunda. Modificacións realizadas da programación dos servizos de comunicación audiovisual radiofónicos
Calquera modificación que fose realizada con anterioridade á entrada en vigor desta lei por un titular dun servizo de comunicación audiovisual radiofónica que supoña un cambio substancial na programación comunicada á Administración no momento da adxudicación da licenza debe notificarse á autoridade audiovisual no prazo de dous meses desde a entrada en vigor da presente lei. A modificación só poderá ser autorizada logo de valorar a pluralidade radiofónica existente na localidade correspondente.
Disposición adicional terceira. Ampliación de prazos en materia de licenzas dos servizos de comunicación audiovisual televisiva
O prazo para responder das obrigas e condicións para materializar os compromisos asumidos nas ofertas presentadas e para acreditar o cumprimento das obrigas contidas no prego de bases e na normativa reguladora para a posta en marcha das emisións e o pagamento da taxa do servizo, de comunicación audiovisual de televisión correspondente ás adxudicacións transformadas en licenzas, queda ampliado ata o final do prazo da vixencia das licenzas, que se contará desde a finalización do prazo anterior. En caso de incumprimento das citadas obrigas no prazo sinalado, non se renovarán as correspondentes licenzas, de acordo co previsto no artigo 29 da Lei 13/2022, do 7 de xullo, xeral de comunicación audiovisual.
Igualmente, queda ampliado ata o final do prazo de vixencia das licenzas, que se contará desde a finalización do prazo anterior, o prazo para materializar os compromisos asumidos nas ofertas presentadas e para acreditar o cumprimento das obrigas e das condicións contidas no prego de bases e na normativa reguladora para a posta en marcha das emisións dos servizos de comunicación audiovisual de televisión local correspondentes ás licenzas outorgadas mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26 de decembro do 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 15 de xaneiro de 2015). En caso de incumprimento das citadas obrigas no prazo sinalado, non se renovarán as correspondentes licenzas, de acordo co previsto no artigo 29 da Lei 13/2022, do 7 de xullo.
Disposición adicional cuarta. Coeficiente gradual de implantación do canon por perdas nas redes correspondente aos anos 2023 e 2024
O coeficiente gradual de implantación establecido na disposición adicional décimo sexta da Lei 9/2010, de 4 de novembro, de augas de Galicia, será aplicable ás perdas en redes de abastecemento rexistradas nos anos 2023 e 2024. Durante os devanditos períodos este coeficiente tomará o valor de 0.
Disposición adicional quinta. Coordinación en materia de emisión dos informes previstos no artigo 64 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia
Os informes de compatibilidade cos obxectivos de calidade e ambientais serán emitidos de forma conxunta e coordinada polos órganos competentes previstos nos artigos 12.3 e 12.5 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, sen prexuízo de que, nos termos previstos no artigo 24.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, se poida acudir á colaboración técnica externa.
Disposición adicional sexta. Proxectos estratéxicos de investigación de iniciativa pública
Na medida en que son factores que contribúen á atracción de investimentos no tecido empresarial galego e a evitar a deslocalización empresarial, a aquelas iniciativas das entidades instrumentais do sector público autonómico que supoñan a implantación de infraestruturas ou instalacións dirixidas á investigación e á aplicación da computación e comunicacións de altas prestacións, así como, en xeral, doutros recursos facilitadores das tecnoloxías da información e da comunicación, seralles aplicable o procedemento de declaración e de aprobación e efectos establecidos para os proxectos industriais estratéxicos, cando reúnan os requisitos establecidos nos artigos 78 ou 78 bis, agás os relativos á creación de emprego do artigo 78.b) e do artigo 78 bis.3.a) do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro. Para estes efectos, as referencias realizadas á consellaría competente en materia de industria entenderanse realizadas á consellaría competente en materia de investigación.
Estes proxectos serán, se é o caso, declarados e aprobados, logo da correspondente tramitación, como proxectos estratéxicos de investigación de iniciativa pública.
Disposición adicional sétima. Constitución do Consello da Minaría de Galicia
No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, procederase á constitución e posta en funcionamento do Consello da Minaría de Galicia. A data da efectiva constitución deste órgano colexiado será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional oitava. Medidas especiais en materia de listas de contratación de persoal laboral temporal ou de persoal funcionario interino durante o ano 2025
Para os efectos de garantir a dispoñibilidade de persoal de perfil sanitario, de persoal vinculado aos servizos sociais ou de persoal vinculado aos centros educativos (agás o persoal docente e o persoal de administración) nas listas de contratación de persoal funcionario interino ou de persoal laboral temporal que presta servizos de atención directa ás persoas usuarias, adóptanse as seguintes medidas:
1. No suposto de non existiren persoas aspirantes nas listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, nas categorías profesionais 2 do grupo I (titulado/a superior médico/a), 2 do grupo II (ATS, enfermeiro/a, practicante, DUE), nas categorías profesionais 65 (oficial 1ª cociña, oficial 1ª cociñeiro, xefe/a de cociña, cociñeiro/a 1ª), 69 (oficial de servizos técnicos, oficial 1ª mantemento, oficial 1ª de oficios varios, oficial de primeira) do grupo III, nas categorías profesionais 3 (auxiliar sanitario, auxiliar de clínica, auxiliar psiquiátrico, auxiliar de enfermaría, coidador/a xeriátrico, coidador/a), 4 (auxiliar fogar, coidador/a auxiliar, auxiliar coidador/a, auxiliar de internado), 5 (oficial 2ª de cociña, cociñeiro/a 2ª) e 6 (axudante/a de servizos técnicos, oficial 2ª de mantemento) do grupo IV e categoría profesional 1 (camareiro/a- limpador/a, axudante/a de cociña, pasador/a de ferro-lavandeiro/a, costureiro/a, cortador/a, pasador/a de ferro e lavandeiro/a) do grupo V do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia ou, de ser o caso, para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario na escala de facultativos especialidade de medicina (subgrupo A1), na escala de técnicos facultativos especialidade de enfermaría (subgrupo A2), na escala técnica de cociña (subgrupo C1), na escala técnica de mantemento (subgrupo C1), na escala de auxiliares de clínica (subgrupo C2), na escala auxiliar de coidadores (subgrupo C2), na escala auxiliar de cociña (subgrupo C2), na escala auxiliar de mantemento (subgrupo C2) e na especialidade de persoal de limpeza e cociña da agrupación profesional, poderase solicitar persoal directamente do Servizo Público de Emprego.
2. O período de penalización nas listas para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación de persoal laboral da Xunta de Galicia terá unha duración de seis meses.
3. Cando, pola inexistencia de persoal integrante das listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, nas categorías profesionais 2 do grupo I, 2 do grupo II, e 3 do grupo IV, ou para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes, non existan candidatos que estean en posesión do certificado acreditativo do nivel de coñecemento da lingua galega correspondente, poderán ser seleccionados candidatos que carezan del, sempre que cumpran os restantes requisitos exixidos para o acceso á categoría de que se trate.
4. A solicitude de reincorporación formulada polas persoas integrantes das listas que solicitasen previamente a suspensión das citacións, por non estaren prestando servizos a través delas, producirá efectos ao día seguinte da súa presentación.
5. O establecido nesta disposición ten vixencia limitada ao ano 2025.
Disposición adicional novena. Exención do requisito de nacionalidade para o acceso á condición de persoal funcionario na escala de facultativos, especialidade de medicina, e na escala de técnicos facultativos, especialidade de enfermaría, no ámbito do Sistema público de servizos sociais de Galicia
A selección do persoal do Sistema público de servizos sociais de Galicia realizarase de conformidade cos requisitos e cos sistemas establecidos pola normativa básica vixente e a autonómica de desenvolvemento.
Malia o anterior, en virtude da previsión contida no artigo 57.5 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, por razóns de interese xeral e necesidades obxectivas, poderá eximirse do requisito da nacionalidade para o acceso á condición de persoal funcionario no corpo facultativo superior de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de facultativos, especialidade de medicina (subgrupo A1) e no corpo facultativo de grao medio de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de técnicos facultativos, especialidade de enfermaría (subgrupo A2).
Disposición adicional décima. Cancelación e devolución de garantías en promocións públicas de urbanización ou edificación
Os avais ou garantías constituídos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2025 por entidades do sector público que sexan promotores da urbanización ou edificación, para asegurar a execución simultánea de ambas, exixidos ata a data no artigo 21.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, enténdense cancelados coa entrada en vigor da presente lei, aínda que nesa data non estean rematadas ou recepcionadas as obras da urbanización que aseguren, debendo adoptarse o acordo de devolución no prazo de dous meses desde a devandita cancelación legal.
Disposición transitoria primeira. Aplicación da extensión do prazo para cumprir o fito ás concedidas antes da entrada en vigor desta lei
Aplicarase o disposto no artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia, na redacción dada por esta lei, e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, ás extensións do prazo para cumprir co fito de obtención da autorización administrativa de explotación definitiva concedidas antes da entrada en vigor desta lei.
Disposición transitoria segunda. Réxime de medición de distancias
Atendendo á súa natureza de norma interpretativa e aclaratoria, o establecido no número 2 da disposición adicional quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na redacción dada por esta lei, en canto á forma de medición das distancias, será aplicable a todas aquelas solicitudes de autorizacións de parques eólicos e autorizacións xa concedidas ás que lles sexa aplicable o réxime de distancias establecido nesa disposición.
Disposición transitoria terceira. Consello da Minaría de Galicia
En tanto non se proceda á constitución do Consello da Minaría de Galicia, as súas funcións, definidas na Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, continuarán a ser desempeñadas polo Consello Galego de Economía e Competitividade, a través do comité executivo de desenvolvemento mineiro.
Disposición transitoria cuarta. Modificación da natureza das débedas das persoas adxudicatarias de vivendas de promoción pública de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo
O establecido no artigo 54 e no número 2 do artigo 82 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, na redacción dada por esta lei, só será aplicable ás contraprestacións derivadas de contratos de venda, arrendamento ou calquera outro modo de acceso a unha vivenda de promoción pública do parque do Instituto Galego da Vivenda e Solo que foren formalizados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2025. As débedas derivadas de contratos anteriores a esta data terán a consideración que resulte da normativa vixente no momento da súa formalización.
Disposición transitoria quinta. Reserva de prazas de aparcadoiros para vivendas
A reserva de prazas de aparcadoiros de vehículos para edificios de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública establecida no artigo 57 resultará aplicable aos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados con anterioridade á entrada en vigor desta lei.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta lei e, en particular, as seguintes:
a) O Decreto 307/1995, do 13 de xullo, polo que se crea o Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia e se establece a súa composición e o seu réxime de funcionamento.
b) O Decreto 276/1999, do 21 de outubro, polo que se regula a composición e as funcións do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.
c) A Orde do 17 de novembro de 1999 pola que se aproba o Regulamento de funcionamento do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.
d) O Decreto 592/2005, do 29 de decembro, polo que se modifica o Decreto 276/1999, do 21 de outubro, polo que se regula a composición e as funcións do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Modificacións regulamentarias
As previsións contidas nos seguintes decretos, que son obxecto de modificación por esta lei, poderán ser modificadas por unha norma do rango regulamentario correspondente á norma en que figuran:
a) Decreto 81/2005, do 14 de abril, polo que se regula o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.
c) Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.
d) Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural.
e) Decreto 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación.
f) Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións.
g) Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia.
h) Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar.
i) Decreto 42/2015, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade.
j) Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos.
k) Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico.
l) Decreto 142/2023, do 21 de setembro, polo que se regulan o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.
m) Decreto 135/2024, do 20 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.
Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento normativo
1. Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.
2. Autorízase á consellaría competente en materia de facenda a aprobar as disposicións regulamentarias necesarias para a aplicación do imposto galego sobre as estadías turísticas na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. A Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia poderá modificar calquera elemento do imposto sobre as estadías turísticas na Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
1. Esta lei entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2025.
2. Exceptúase do previsto no número anterior o disposto no artigo 35.8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na redacción dada por esta lei, que producirá efectos desde a data de entrada en vigor do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellarías da Xunta de Galicia.
3. Exceptúase do previsto no número 1 o disposto nos artigos 11 bis, 14, 15 e 16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico de Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na redacción dada por esta lei, que producirá efectos e entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2026. Desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de decembro de 2025 manterase en vigor e aplicarase a regulación recollida nos artigos 14, 15 e 16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na redacción vixente inmediatamente anterior á data de entrada en vigor da presente lei.
Santiago de Compostela, vinte e sete de decembro de dous mil vinte e catro
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
