Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 13 de decembro de 1994, adoptou o seguinte acordo:
Reunido na data 13 de decembro de 1994 o Xurado Provincial de Montes en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, con asistencia do vicepresidente, José Luis Núñez Vide, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Ramón Olano Callejo, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do
Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e do secretario, Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo
Expediente nº 271.
Monte: Corzón
Sito en: lugares de Lugarnovo, Cacheiros, Vilar, Abeleiroas e Busto.
Parroquia: Corzón.
Concello: Mazaricos.
1º Resultando que diversos veciños dos lugares de Lugarnovo, Cacheiros, Vilar e Abeleiroas, parroquia de Corzón, concello de Mazaricos, solicitaron con data 18-10-1988 deste xurado a declaración como veciñal do expresado lugar do monte arriba citado e que ten as seguintes características;
Superficie: 226,4 ha.
Lindeiros:
Coincide exactamente co monte denominado Corzón, nº 103-F do CUP.
Norte: termo do concello de Dumbría e común de Vaos.
Leste: río Vacarreiro, que o separa da parroquia de Vaos, leiras do lugar de Lago e propiedades particulares de veciños do lugar de Abeleiroas.
Sur: leiras particulares de veciños de Quintáns e Lugarnovo.
Oeste: leiras particulares dos lugares de Corzón e Busto.
2º Resultando que, á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión de 27-1-1989, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor del a José Antonio García Caridad, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos a tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Mazaricos, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no BOP (nº 66 de 21-3-1989), taboleiro de anuncios do concello, Cámara Local Agraria, lugares de costume e parroquia.
O cambio na composición do Xurado, debido á promulgación da actual Lei de montes veciñais 13/1989, do 19 de outubro, e o traslado polo motivo do seu ascenso do instructor do expediente, interromperon a tramitación deste.
En sesión do xurado de data 28-6-1994 acordouse a reanudación do expediente nomeándose como instructor a Federido Sánchez Rodríguez, o cal aceptou o dito cargo. Novamente se expediron mandamentos ó alcalde presidente do Concello de Mazaricos e ó rexistrador da propiedade de Muros para anotación preventiva, recolléronse informes do Servicio de
Montes e I.F., e remitíronse edictos ó concello para a súa publicación no taboleiro de anuncios e nos lugares de costume.
3º Resultando que os veciños de Lugarnovo, Cacheiros, Vilar e Abeleiroas fundamental a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento desde tempos inmemoriais de madeiras, esquilmos, leñas, na práctica de cultivos na forma e modo que por costume o fan os labregos, nos aproveitamentos de pastos en réxime extensivo, presentando acta de manifestación dos maiores do lugar no que se declara tal condición desde tempo inmemorial, así como escrituras con referencia á existencia de tal monte veciñal.
4º Resultando que os veciños do lugar de Abeleiroas alegan que parte do monte é de pertenza exclusiva do citado lugar, presentando para iso copia dun documento privado de deslinde do ano 1946, realizado entre os veciños de tódolos lugares propietarios e en tal sentido aceptado e respectado por todos. Esta circunstancia deu lugar ó escrito de data 6-3-1989 con rexistro de entrada nesta delegación do 27-3-1989, no que se solicita do Xurado de Montes a exclusión da cota que lle foi asignada ó citado lugar e en virtude da cal a comunidade de Abeleiroas vén explotando comunalmente a dita parcela con fins forraxeiros en atención á numerosa gandería coa que contan. Na actualidade a dita parcela vena posuíndo en virtude dun contrato de ocupación temporal con pago de canon anual ó Concello de Mazaricos, tramitándose o oportuno expediente conforme o establecido nos artigos 20 e 21 da vixente Lei de montes, e artigo 168 e seguintes do regulamento que regula a citada lei.
5º Resultando que a comunidade de Abeleiros, en escrito de data 5/11/1994, volve interesar do Xurado a exclusión do anaco de monte ó que se fai referencia no parágrafo anterior, e de non ser posible esta petición, que se proceda na declaración do xurado a recoñece-lo feito posesorio do mesmo, orixinado na partición de 1946, e que se lle recoñeza esta posesión como unha cota indivisible afecta ós integrantes da comunidade de Abeleiroas.
6º Resultando que veciños do lugar de Busto solicitan a inclusión do dito lugar entre as comunidades solicitantes da cualificación, alegando o aproveitamento que fan do citado monte desde tempo inmemorial.
7º Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.
Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación,
1º Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos arts. 9 e 10
da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
2º Considerando que, de conformidade co contido do art. 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/92, do 4 de setembro, os vecinos de Lugarnovo, Cacheiros, Vilar e Abeleiroas, parroquia de Corzón, municipio de Mazaricos, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.
3º Considerando que o exposto nos resultandos 3º e 4º relativos á petición que formulan os veciños do lugar de Abeleiroas non debe ser tratado no presente trámite, xa que este se contrae por razóns de congruencia á procedencia, ou non, da clasificación do monte de referencia como veciñal, sen prexuízo de que, conforme a legalidade vixente, poida tramitarse outro expediente, para resolver, a forma que proceda, á vista do artigo 22 e demais concordantes da Lei 13/1989, do 10 de outubro, respecto ó pedido polos referidos veciños.
4º Considerando o alegado polos veciños de Busto, pedindo a súa inclusión entre as comunidades solicitantes, así como o recoñecemento que da mesma fan os propios promotores do expediente.
5º Considerando que o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas: 2) que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con «casa aberta» dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (arts. 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).
6º Considerando que das actuacións que conforman o expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no 3º resultando, se deduce de forma indiscutible que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente ás comunidades veciñais dos lugares de Lugarnovo, Cacheiros, Vilar, Abeleiroas e Busto, parroquia de Corzón, no que se cumpren os aludidos requisitos.
Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data,
Acorda cualificar como monte vecinal en man común, das comunidades veciñais de Lugarnovo, Cacheiros, Vilar, Abeleiroas e Busto, parroquia de Corzón, termo municipal de Mazaricos, o denominado Corzón, cos lindeiros, superficie e características que resultan do primeiro resultando. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estiver inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común da Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.
Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.
A Coruña, 13 de decembro de 1994.
Vº e Pr.
Rogelio Aramburu Núñez
Presidente do xurado
Manuel Puente Araújo
Secretario

