A artesanía, como sistema tradicional de producción e creación, contribuíu historicamente ó desenvolvemento económico de Galicia. Actualmente o fomento das actividades artesanais constitúe un elemento dinamizador para o aproveitamento dos recursos económicos do territorio e para a creación de riqueza.
En Galicia, desde o punto de vista industrial e económico, o sector artesanal resulta ser importante, tanto desde a realidade do número de postos de traballo que supón como desde as perspectivas de futuro, moi especialmente polo que se refire ás súas posibilidades de exportación.
A importancia da actividade artesanal e a necesidade de promocionala comercialmente, tanto no interior do país como nos mercados internacionais, xustifican plenamente o apoio da Xunta de Galicia que, co seu concurso, pode coadxuvar e intensifica-la consecución dos obxectivos da promoción comercial.
Na súa virtude, e en uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Con cargo á partida orzamentaria 08.02.711-D.770.00 convócanse axudas destinadas á creación, mellora e acondicionamento de talleres artesáns, así como para a realización dos estudios necesarios para tal fin.
Artigo 2º
Poderán ser beneficiarios destas axudas os artesáns individuais, empresas artesás, asociacións ou cooperativas de producción artesanal, sempre que estean radicados en Galicia e inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
Artigo 3º
A contía da subvención poderá acadar ata o 75% do investimento subvencionable, agás no caso dos estudios, que poderá acadar ata o 100%.
Artigo 4º
As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 5º
As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar, conforme o modelo que se xunta como anexo, acompañadas da seguinte documentación:
-Fotocopia do documento de cualificación de taller artesanal ou da carta de artesán.
No caso de asociacións artesanais, certificación ou documento acreditativo da súa constitución legal.
-Memoria detallada do investimento a realizar, con copia do proxecto elaborado pola empresa ou particular que o realice, ou factura proforma de maquinaria ou bens que se pretenden adquirir, elaborada pola empresa subministradora.
En calquera dos casos, o proxecto ou a factura proforma irá dirixida ó solicitante da axuda e contará coa sinatura e DNI ou CIF/NIF do orzamentante.
-Memoria das actividades profesionais realizadas, asinada polo solicitante.
-Documentos que acrediten a propiedade do terreo ou inmoble no que se pretende face-la obra, ou autorización expresa asinada polo propietario, con fotocopia do seu DNI.
-Copia autenticada do último recibo do imposto de actividades económicas que ampara a actividade de que se trate e do NIF/CIF do solicitante.
-Declaración doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou administración pública, indicando a súa contía.
-Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó corrente nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.
-Documento, público acreditativo do poder co que
actúa o solicitante, se se trata dunha persoa xurídica.
Artigo 6º
Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos que sinala o artigo anterior, o solicitante será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, se considerará desistido na súa petición, que se arquivará sen máis trámites.
Artigo 7º
Para a concesión das axudas valoraranse as circunstancias que concorran no proxecto e, especialmente, a súa contribución a impulsa-la promoción das produccións artesanais.
Artigo 8º
Analizada a documentación e logo do correspondente informe técnico, o conselleiro de Industria e Comercio ou, se é o caso, o delegado provincial correspondente, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.
Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.
A non notificación da resolución no prazo de tres meses contados desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.
Artigo 9º
Para o libramento da subvención o beneficiario deberá achegar, por duplicado, a documentación acreditativa do investimento realizado antes do día 31 de outubro de 1995, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, detallando os investimentos e gastos realizados cos respectivos xustificantes.
Para o aboamento da subvención unirase á documentación que se sinala no apartado anterior certificación da conta bancaria onde se debe realiza-lo aboamento, expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó corrente nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pago ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Artigo 10º
No caso de que o investimento ou a actividade realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto a axuda reducirase nunha porcentaxe proporcional.
Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia realiza-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que se puideran derivar.
Artigo 11º
No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas estipuladas, a Consellería de Industria e Comercio instruirá expediente sancionador conforme o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.
Nos supostos previstos no apartado 5º do artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, procederá o reintegro da axuda percibida e dos xuros de demora correspondentes, tendo as cantidades a reintegra-la consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.
Artigo 12º
No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.
Artigo 13º
Con independencia do disposto nesta orde, en todo caso estarase ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia; na Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995; Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa aplicable.
Disposición derradeira
Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para o mellor desenvolvemento desta orde.
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 1995.
Antonio Couceiro Méndez
Conselleiro de Industria e Comercio

