Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 1995 Páx. 2.219

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 6 de marzo de 1995 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas a industrias que realicen investimentos, estudios e xestión de refugallos industriais encamiñados a mellorar e controla-lo medio ambiente industrial, así como a empresas mineiras ou asociacións de empresas para o desenvolvemento de accións encamiñadas a diminuí-la deterioración que as actividades mineiras causan no medio ambiente para 1995.

No ámbito industrial, o desenvolvemento económico motivado pola instalación de industrias na nosa Comunidade Autónoma levou implicitamente á producción dunha ampla gamma de contaminantes. Teñen especial importancia as emisións á atmosfera de contaminantes, os aceites usados, a producción de refugallos industriais que, en ocasións, son vertidos ó medio físico de xeito incontrolado e o impacto producido polas actividades mineiras no medio ambiente.

Dentro das competencias que ten asignadas a Consellería de Industria e Comercio figuran a avaliación e control de niveis de emisións e inmisións das industrias reguladas no Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, e o control ou xestión dos refugallos tóxicos e perigosos, regulados polo Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, así como a Orde do 28 de febreiro de 1989, do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente, pola que se regula a xestión dos aceites usados.

Así mesmo, coa incorporación de España á Comunidade Europea, as industrias deben adaptarse ós controles esixidos pola lexislación comunitaria. Tendo en conta que as industrias na nosa Comunidade Autónoma están altamente sensibilizadas no control da contaminación industrial, faise necesario un apoio eficaz e selectivo por parte da Consellería de Industria e Comercio para que nos seus procesos industriais non emitan á atmosfera gases contaminantes e refugallos tóxicos e perigosos que prexudiquen o medio natural e atenten contra a saúde humana ou contra o medio que o rodea.

No ámbito mineiro a conservación do medio natural debe ser unha aspiración irrenunciable. Nesa liña parece axeitado o establecemento de axudas económicas que incentiven a execución de investigacións encamiñadas á mellora do medio ambiente mineiro, tanto máis necesarias canto supoñen actividades de escasa rendibilidade e atractivo investidor, que permite, sen embargo, entre outros beneficios, a creación dunha desexable tecnoloxía propia.

Un dos problemas de carácter ambiental que ocasiona a minería, fundamentalmente a de ceo aberto, é a deterioración dos terreos da zona en actividades e os cincundantes a ela. Por iso a Lei de minas, do 21 de xullo de 1973, está imbuída dunha filosofía conservadora do ambiente, coa idea de conxuga-la obtención de recursos naturais mineiros coa preservación do espacio natural afectado pola dita actividade, o que deu orixe á promulgación do Real decreto 2.994/1982, do 15 de outubro, sobre restauración do espacio natural afectado polas actividades mineiras. Sen embargo, o citado real decreto

non obriga a restaura-las superficies afectadas antes da súa entrada en vigor senón a partir daquel momento.

Co fin de paliar no posible tales situacións en beneficio dunha preservación do espacio natural, o que en definitiva redunda nunha mellor calidade de vida que a sociedade demanda, faise preciso que as empresas mineiras acometan as citadas investigacións e rehabilitación de zonas explotadas con anterioridade á entrada en vigor do real decreto aludido, así como as de gran concentración de explotacións onde o impacto se multiplica.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º

Con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.02.342-A.770.00 e 08.02.342-A.770.04. «Subvencións en materia de medio ambiente», establécense axudas económicas para aquelas industrias que estean situadas ou se implanten na nosa Comunidade Autónoma e realicen investimentos en procesos industriais nos que os obxectivos sexan a minimización, corrección da contaminación de orixe industrial e descontaminación de solos; actividades de xestión de residuos industriais; proxectos de I+D e estudios encamiñados a diminuír e controla-la contaminación procedente dos citados procesos.

Estas axudas tamén irán destinadas a aquelas empresas ou asociacións de empresas explotadoras de dereitos mineiros en Galicia que realicen investigacións e estudios encamiñados á mellora do medio ambiente mineiro e traballos de restauración do espacio natural.

CAPÍTULO II

AXUDAS EN MATERIA DE MEDIO

AMBIENTE INDUSTRIAL

Artigo 2º

As axudas para a mellora e control do medio ambiente industrial están destinadas a aquelas empresas que realicen actividades encadradas dentro do presente capítulo.

Artigo 3º

1. Son subvencionables os investimentos seguintes:

a. Instalacións de xestión (almacenamento, transporte e eliminación) de residuos industriais que se encontren dentro dos obxectivos da Comunidade Autónoma de Galicia.

b. Instalacións de reciclaxe e/ou reutilización e/ou minimización de refugallos tóxicos e perigosos, en adiante RTPs.

c. Descontaminación e restauración de solos contaminados por actividades industriais, sempre que estean incluídos no inventario nacional de solos contaminados.

2. As axudas establecidas poderán alcanzar ata o 75% do investimento subvencionable.

Artigo 4º

1. Entenderase por proxectos de I+D subvencio

nables aqueles que sexan realizados por un equipo humano debidamente cualificado e con medios materiais perfectamente diferenciados do resto de actividades da empresa, dirixidos á mellora dos procesos productivos para reduci-lo seu poder contaminante e para o deseño e implantación de tecnoloxías limpas, así como aqueles proxectos referentes a novas tecnoloxías nas que prime a minimización e o reciclado dos refugallos.

2. Serán subvencionables as seguintes fases:

a) Adquisición do coñecemento:

-Gastos de persoal implicado no proxecto de investigación.

-O instrumental de investigación e control necesario para o desenvolvemento do proxecto.

b) Aplicación dos coñecementos adquiridos:

-Gastos de definición do proceso de fabricación ata a elaboración do prototipo.

-Nos casos en que os resultados de investigación incorporada á empresa se obtivesen a través dun convenio de colaboración con centros públicos de investigación ou departamentos universitarios, será subvencionable o importe da participación da empresa no dito convenio, sendo necesaria a presentación dunha copia deste xunto coa solicitude de subvención.

3. As axudas destinadas ós proxectos de I+D definidos no presente artigo poderán alcanzar ata o 70% do investimento subvencionable.

Artigo 5º

No ámbito da xestión de residuos industriais subvencionaranse as seguintes actividades:

a. Eliminación de aceites usados, ata 7 pts./kg de aceite analizado, tratado, desclasificado e controlado ambientalmente de acordo co establecido no punto 2 do apartado 2º da orde do Ministerio de Obras Públicas, Transporte e Medio Ambiente do 28 de febreiro de 1989.

b. Transporte e eliminación de pneumáticos usados, ata 6 pts./kg.

c. Transporte e eliminación de RTPs prioritarios dentro dos obxectivos da Comunidade Autónoma de Galicia, ata o 75% do investimento subvencionable.

Artigo 6º

1. Enténdese por estudios subvencionables os encadrados nas seguintes materias:

-Realización de ecoauditorías medioambientais.

-Residuos industriais: tratamento e eliminación de refugallos «in situ». Tecnoloxías limpas. Reciclaxe. Minimización dos RTPs.

-Estudios nos que os obxectivos sexan o inventario, recuperación ou eliminación dos espacios contaminados polas actividades industriais.

-Estudios que sirvan de apoio ós futuros plans galegos de refugallos industriais e de solos contaminados de Galicia.

2. As axudas destinadas ós estudios definidos no

apartado anterior poderán alcanzar ata o 100% do investimento subvencionable.

CAPÍTULO III

AXUDAS EN MATERIA DE MEDIO

AMBIENTE MINEIRO

Artigo 7º

1. As axudas establecidas para a mellora e control do medio ambiente mineiro estarán destinadas a aquelas empresas privadas ou asociacións de empresas explotadoras de dereitos mineiros en Galicia que realicen investigacións e estudios dirixidos á mellora do medio ambiente mineiro e traballos de restauración do espacio natural afectado en zonas explotadas con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto 2.994/1982, do 15 de outubro, así como nas de gran concentración de explotacións onde o impacto ambiental é considerable.

2. Os traballos de restauración mineira deberán contar, na data de solicitude da axuda, co dictame favorable da Comisión Galega de Medio Ambiente.

Artigo 8º

A contía máxima das subvencións no ámbito mineiro poderá alcanza-las seguintes porcentaxes:

a) Investigacións e estudios: ata o 100%.

b) Restauración: ata o 25%.

CAPÍTULO IV

TRAMITACIÓN ADMINISTRATIVA

Artigo 9º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º

1. As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar, acompañadas dos seguintes documentos:

-Memoria técnica explicativa da acción que se vai desenvolver.

Nas solicitudes referentes ós estudios definidos no artigo 6º desta orde indicarase a metodoloxía do equipo de traballo e obxectivos, enxeñería ou ECA (Entidade colaboradora da Administración) que realizará o estudio.

-Orzamento detallado do investimento.

-Copia compulsada do NIF ou CIF.

-Declaración expresa de non tener contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó corrente nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

-Certificado expedido polo delegado provincial da Consellería de Industria e Comercio de inscrición no rexistro industrial e a súa actualización, nos casos en que proceda.

-Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para a mesma actividade en calquera outra institución, organismo ou Administración pública.

Artigo 11º

As solicitudes ás que fai referencia o artigo 3º irán acompañadas, ademais do previsto no artigo anterior, dos seguintes documentos:

-Proxecto do investimento.

-Autorización de productor ou xestor (segundo os casos) para RTPs.

-Acreditación de estar ó día no cumprimento do programa de autocontroles de emisións á atmosfera, cando proceda.

Artigo 12º

As solicitudes referentes á xestión de RTPs irán acompañadas, ademais do previsto no artigo 10, dos seguintes documentos:

-Indicación da cantidade de RTPs que se prevé transportar, almacenar e eliminar en 1995 e a contía xustificada de subvención que se solicita.

-Autorización de xestor outorgada polo órgano competente da Comunidade Autónoma.

-Estudio económico-financeiro e de estructuras de custos da actividade relacionada especificamente coa xestión do refugallo, de tal forma que a Administración poida precisa-los custos reais da xestión que non estean cubertos realmente pola actividade. O dito estudio deberá estar debidamente autorizado polo apoderado ou representante da empresa.

Artigo 13º

As solicitudes encadradas no ámbito mineiro deberán vir acompañadas, ademais do previsto no artigo 10º desta orde, dos seguintes documentos:

a) Os proxecto de investigación deberán contar polo menos cos seguintes epígrafes:

-Memoria, con indicación dos fins que se pretenden.

-Medios técnicos e humanos para a súa realización.

-Orzamento detallado.

-Toda aquela información que o solicitante crea de interese para xuntarlle ó proxecto.

b) Os proxectos de restauración deberán contar, como mínimo, cos seguintes epígrafes, dos cales se omitirán os non aplicables segundo se trate de explotacións antigas ou grandes concentracións en actividades:

-Descrición do medio físico, con referencia á xeoloxia, á hidroloxía, á superficie vexetal, á paisaxe e ós demais elementos que permitan defini-la configuración do medio.

-Definición do medio socioeconómico que inclúa a relación de usos e aproveitamentos preexistentes, as propiedades, a obra de infraestructura, as instalacións e réximes xurídicos especiais, se é o caso, aplicables á zona.

-Descrición das características do aproveitamento

mineiro previsto, así como do seus servicios e instalacións.

-Planos e documentación relativos ós aspectos previstos nos parágrafos anteriores.

-Acondicionamiento da superficie do terreo, xa sexa vexetal ou doutro tipo.

-Medidas para evita-la posible erosión.

-Estudio do impacto ambiental da explotación, sobre os recursos naturais da zona e sobre as medidas previstas para a súa protección.

-Proxecto de almacenamento dos refugallos mineiros que se xeren e sistemas previstos para palia-la deterioración ambiental por este concepto.

-Calendario de execución e orzamento detallado dos traballos de restauración.

-Toda aquela información que o solicitante da subvención crea de interese xuntarlle ó proxecto.

Artigo 14º

1. Os criterios que servirán de base para avalia-la prioridade das peticións no ámbito industrial serán os seguintes:

a) Investimentos.

-Industrias que cos seus investimentos eliminen ou minimicen a producción de refugallos tóxicos e perigosos.

-Instalación de industrias con novas tecnoloxías para a eliminación dos refugallos industriais e que pola importancia da actividade de xestión sexa de interese para a mellora do medio ambiente galego.

b) Estudios.

-Estudios que propoñan solucións de tratamento «in situ» dos refugallos tóxicos e perigosos.

-Estudios de novas tecnoloxías limpas nos diferentes procesos industriais.

2. Terán prioridade aquelas solicitudes das industrias que, cumprindo cos límites establecidos na lexislación, presenten proxectos de investimentos que reduzan a súa carga contaminante.

Artigo 15º

No ámbito mineiro, a avaliación das solicitudes seguirá a seguinte orde de prioridades:

a) Proxectos formulados para zonas de gran deterioración ambiental e os de recuperación de refugallos mineiros para o seu uso económico.

b) Calidade dos proxectos e a súa adecuación ó medio obxecto de protección.

c) Proxectos que poidan ter unha aplicación e un desenvolvemento inmediatos.

Artigo 16º

1. Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos sinalados no articulado desta orde, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días emende a falta ou aporte os documentos pre

ceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

2. Examinada a documentación e unha vez emitido o informe técnico que proceda, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución que proceda.

3. Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de quince días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

Artigo 17º

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 18º

Para acredita-lo devengo das axudas indicadas será indispensable a presentación, antes do 31 de outubro de 1995, ante a delegación provincial correspondente ou ante a Dirección Xeral de Industria, de tres exemplares da memoria final e do custo dos traballos realizados, para o seu exame e análise, así como dos xustificantes debidamente acreditados do investimento realizado.

No caso de xestión de refugallos, o prazo previsto no apartado anterior amplíase ata o 30 de novembro de 1995, debendo presenta-lo beneficiario da axuda os correspondentes documentos de control e seguimento, mediante os cales se xustifique a xestión realizada.

No caso de que os investimentos sexan traballos propios para o inmobilizado, estes deberán ser comprobados e certificados por persoal técnico da consellería.

Os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio analizarán a memoria xustificativa e, se ó seu xuízo se realizou cos niveis de calidade esixidos e os investimentos están debidamente acreditados, proporá o pago da subvención, que será proporcionalmente inferior á subvención outorgada se non se xustifica a totalidade do proxecto.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita- las aclaracións ou informes que consideren convenientes e, no caso de non seren remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, considerarase que renuncia á subvención.

Artigo 19º

Para o libramento e posterior aboamento da subvención unirase á documentación que se sinale no artigo anterior, certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pago, expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó corrente nas obrigas tributarias e sociais

e de non ter pendente de pago ningunba débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 20º

No caso de xestión de refugallos poderanse efectuar pagos trimestrais sempre e cando, para cada partida pola que se solicite o pago, xustifique mediante os documentos acreditativos os residuos recollidos nos intervalos de data do período solicitado.

Artigo 21º

1. No caso de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a subvención que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

2. Cando por concorrencia de subvencións ou axudas, o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que se vaia desenvolver polo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 22º

No caso de que o beneficiario da subvención incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Industria e Comercio instruirá un expediente sancionador, conforme o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, e adoptará a decisión que proceda.

Procederá o reintegro da axuda percibida e dos xuros de demora nos supostos previstos no apartado 5 do artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 23º

No caso de que o beneficiario renuncie ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo anterior.

Artigo 24º

Con independencia do disposto nesta orde, en todo caso será de aplicación o disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995 e Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 1995.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio