Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 1995 Páx. 2.224

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 6 de marzo de 1995 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para a prestación de servicios tecnolóxicos, promoción do sector téxtil e da confección, investigación e desenvolvemento, normalización, homologación e calidade para 1995.

O proceso de cambio tecnolóxico desempeña un papel fundamental no crecemento do sistema productivo polo que, co fin de incentiva-lo investimento en todo o relativo a este, a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia convoca o presente sistema de axudas.

Co fin de acada-la adaptación da industria, tanto ó avance tecnolóxico como ás pautas cambiantes da oferta e da demanda, cómpre despregar un conxunto de medidas dirixidas á mellora e modernización dos procesos productivos, incluíndo a prestación de servicios tecnolóxicos ás empresas ou a creación de agrupacións, locais de empresas que lles permita acadar unha dimensión máis axeitada que mellore a súa competitividade.

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º

Con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.02.711-C.740 «Fomento de servicios a empresas públicas»; 08.02.711-C.770 «Fomento das actividades industriais»; 08.02.711-C.771 «Fomento de servicios a empresas»; 08.02.711-C.772 «Investigación e desenvolvemento, normalización e homologación»; 08.02.711-C.780 «Familias e institucións sen fins de lucro. Fomento de servicios a asociacións», convócanse axudas con destino á innovación tecnolóxica, modernización do sector téxtil e da confección así como a actividades, investimentos ou proxectos en materia de I+D ou N+H.

Artigo 2º

Terán dereito ás axudas reguladas por esta orde as empresas públicas ou privadas, as asociacións de empresas de carácter industrial ou de servicios e as entidades sen ánimo de lucro que realicen as súas actividades dentro da Comunidade Autónoma galega.

CAPÍTULO II

AXUDAS Á INNOVACIÓN TECNOLÓXICA

Artigo 3º

Estas axudas irán destinadas a aqueles proxectos que teñan como finalidade a incorporación a procesos productivos e a operatividade de equipos de

concepción tecnolóxica avanzada ou representen mellora no aproveitamento e utilización de materias primas ou eficiencia enerxética.

Poderase incluír calquera proxecto que, aínda non estando comprendido no apartado anterior, teña un alto contido innovador e impacto no tecido industrial, ben pola súa contribución ó P.I.B, ó desenvolvemento local ou polo seu efecto multiplicador, así como aqueles investimentos de carácter comercial que contribúan a mellora-la competitividade da empresa.

Artigo 4º

Estas axudas poderán acadar ata o 30% do investimento subvencionable.

Excepcionalmente poden chegar a un máximo do 50% do investimento subvencionable no caso de proxectos que poidan considerarse con incidencia significativa na mellora do nivel de competitividade da industria galega.

Artigo 5º

As asociacións de empresas que teñan por obxecto acada-la masa crítica necesaria poderán obter unha subvención que acade o 75% dos gastos derivados da fusión ou asociación de empresas baixo calquera forma xurídica que lles permita potencia-la súa competitividade e o acceso ós mercados.

Artigo 6º

No caso de realización de estudios e traballos técnicos por empresas públicas ou privadas, asociacións empresariais e/ou entidades sen ánimo de lucro, a subvención poderá acadar ata o 100% do custo da súa realización.

Artigo 7º

Para a determinación da contía das subvencións terase en conta, ademais do sinalado no articulado da presente orde, a localización do investimento, así como as actividades que cerren ciclos productivos a partir de materias primas ou productos autóctonos. Non serán subvencionables aqueles proxectos que teñan un contido innovador ou un nivel tecnolóxico insuficiente a xuízo da Consellería de Industria e Comercio.

CAPÍTULO III

AXUDAS Ó SECTOR TÉXTIL

E DA CONFECCIÓN

Artigo 8º

Estas axudas están destinadas á mellora da estructura industrial e comercial, do sector téxtil e da confección das empresas situadas en Galicia que se dediquen a actividades no sector.

Son igualmente investimentos subvencionables:

-Creación de asociacións locais de empresas e outras accións de cooperación que teñan por obxecto

a mellora dos coñecementos técnicos, a difusión acelerada de métodos de producción innovadores e novas formas de organización, I+D, comercialización e difusión de productos, fortalecemento dos vínculos entre as empresas e os seus subministradores e clientes co obxecto de responder ás novas esixencias de flexibilidade e calidade así como a mellora da información sobre tendencias de mercado.

-Creación de equipos de asesoramento que realicen auditorías das empresas e as asesoren na elaboración e realización de plans de modernización.

Artigo 9º

As axudas poderán acadar ata o 75% dos investimentos, sempre que non supoñan aumento de capacidade productiva.

CAPÍTULO IV

AXUDAS A INVESTIGACIÓN

E DESENVOLVEMENTO

Artigo 10º

Entenderase por proxectos I+D subvencionables aqueles que sexan realizados por un equipo humano debidamente cualificado e con medios materiais perfectamente diferenciados do resto das actividades da empresa e que acometan de forma sistemática calquera tipo de acción orientada ó desenvolvemento de novos procesos e/ou productos, ou mellora dos existentes.

As axudas destinadas a proxectos I + D realizados na Comunidade Autónoma de Galicia poderán acadar ata o 70% do investimento subvencionable.

Artigo 11º

Nos proxectos de I + D referidos no artigo anterior serán subvencionables as seguintes fases:

a) Adquisición do coñecemento:

-Os gastos derivados do persoal implicado no proxecto de investigación.

-Os equipos de investigación e control necesario para o desenvolvemento do proxecto.

b) Aplicación dos coñecementos adquiridos:

-Os gastos de definición do proceso de fabricación, ata a elaboración do prototipo.

-No caso de que os resultados da investigación incorporada á empresa se obtiveran a través dun convenio de colaboración con centros públicos de investigación ou departamentos universitarios, será subvencionable o importe da participación da empresa no dito convenio, sendo necesaria a presentación dunha copia deste xunto á documentación da solicitude.

CAPÍTULO V

AXUDAS Á NORMALIZACIÓN,

HOMOLOGACIÓN E CALIDADE

Artigo 12º

Estas axudas van destinadas á promoción de investimentos e actividades en materia de N + H, incluín

do a xestión de calidade, sempre que delas se derive a mellora de productos e a implantación de novos sistemas de calidade.

As axudas para financiar investimentos en normalización e homologación, poderán acadar ata o 50% do investimento.

As actividades de mellora de productos incluíndo novos sistemas de calidade deben ser desenvoltos por entidades ou laboratorios independentes, oficialmente recoñecidos e de probada experiencia, debéndose aporta-la documentación acreditativa conxuntamente coa solicitude de axuda.

CAPÍTULO VI

TRAMITACIÓN ADMINISTRATIVA

Artigo 13º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e, Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4 da Lei 10/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14º

As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar segundo o modelo que figura no anexo desta orde, acompañadas da seguinte documentación:

-Memoria técnica.

-Orzamento desagregado do investimento.

-Prazo de execución do investimento.

-Documentación público acreditativo do poder co que actúa o solicitante, se se trata dunha persoa xurídica.

-Certificado expedido polo delegado provincial de Industria de estar inscrito e actualizado no Rexistro Industrial nos casos que proceda.

-Copia cotexada da licencia fiscal, NIF/CIF e o imposto de actividades económicas (IAE).

-Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía.

-Declaración expresa de que non teñen contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Artigo 15º

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos que sinala o artigo anterior, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días emende a falta ou aporte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, considerarase desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Artigo 16º

Examinada a documentación e logo do correspondente informe técnico, o conselleiro de Industria e Comercio ou, se é o caso, o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 17º

No caso de investimentos plurianuais poderanse establecer excepcionalmente os correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente.

Artigo 18º

Para o libramento da subvención a empresa ou entidade beneficiaria deberá aporta-la documentación acreditativa da realización dos proxectos ou actuacións previstas antes do día 31 de outubro de 1995 na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, consistente nunha memoria na que se detallen os investimentos e gastos realizados xuntando os respectivos xustificantes.

A percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, logo de inspección, que se levou a cabo a realización do investimento de acordo co proxecto presentado.

Se se trata de estudios ou traballos de interese para o sector industrial galego, requirirase a presentación do dito estudio ou traballo, logo do informe favorable do persoal técnico designado pola consellería.

Artigo 19º

Para o libramento e posterior aboamento da subvención unirase á documentación que se sinala no artigo anterior, certificación da conta bancaria onde se debe realiza-lo aboamento, expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 20º

No caso de que o investimento ou a actividade realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto, a subvención que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Cando por concorrencia de subvencións ou, axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que se puideran derivar.

Artigo 21º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas estipuladas, a Consellería de Industria e Comercio instruirá expediente sancionador conforme o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Procederá o reintegro da axuda peícibida e dos xuros de demora nos supostos previstos no apartado 5 do artigo 78 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro. As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 22º

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 23º

Poderanse autorizar pagamentos parciais da subvención cos requisitos sinalados no artigo 35 da Lei 6/1994, do 26 de decembro, de presupostos xerais para a Comunidade Autónoma para 1995, non podendo superar en ningún caso o 80% da subvención concedida.

Con carácter excepcional e por resolución motivada da Consellería de Industria e Comercio poderase autorizar un anticipo de ata o 50% da subvención concedida naqueles casos en que o investimento requira pagamentos inmediatos.

Artigo 24º

Con independencia do disposto nesta orde, en todo caso, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, e Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 1995.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio