Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 1995 Páx. 2.242

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 21 de febreiro de 1995 pola que se declara de interese galego e se de ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Gallega de Patología Respiratoria.

Con data do 10 de febreiro de 1995 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 27 de xaneiro de 1995, pola que se clasifica como científico-sanitaria a fundación Gallega de Patología Respiratoria adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 4 dos seus estatutos, ten por obxecto destinar e afectar un patrimonio á realización, sen ánimo de lucro, de fins de interese xeral no ámbito profesional a que a súa denominación e fins se contraen.

En xeral son fins da fundación fomentar e divulga-lo coñecemento científico das enfermidades do aparello respiratorio, como medio de conseguir un mellor tratamento delas e a súa máis eficaz prevención, impulsando o estudio dos factores económico-sociais que inflúen no benestar dos enfermos, contribuíndo á formación de médicos especialistas e ó perfeccionamento profesional de tódolos seus membros.

En particular, e con base no sinalado anteriormente, considéranse como actividades importantes para o cumprimento dos fins, a promoción e organización de contactos interprofesionais, congresos, estudios, seminarios, e cantas actividades teñan por obxecto a divulgación, a formación, a especialización e o perfeccionamento dos profesionais médicos desta especialidade.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e seguindo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a fundación Gallega de Patología Respiratoria, ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da fundación Gallega de Patología Respiratoria no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en

especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó Protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento ó Protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do Protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 1995.

José M. Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais