Sendo competencia da Consellería de Cultura a protección do patrimonio arqueolóxico de interese para a Comunidade Autónoma, e figurando entre os seus obxectivos a realización do inventario de xacementos arqueolóxicos en concellos galegos, como paso previo á súa protección, cómpre convocar bolsas de colaboración para realiza-la sistematización da documentación que figura nesta consellería, resultado de sucesivas campañas de prospección; por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º
1.-Convócanse catro bolsas para tratamento e posta ó día do inventario de xacementos arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, con cargo á aplicación orzamentaria 010 03 356-A 481, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995. 0 importe total das axudas en ningún caso excederá do crédito asignado para o efecto.
2.-Os bolseiros realizarán os seus traballos na sede do Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais e serán coordinados e dirixidos polo persoal técnico e facultativo do Servicio de Arqueoloxía da devandita Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental.
3.-As bolsas terán unha duración de 8 meses a partir da comunicación da concesión ós bolseiros propostos por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura.
4.-Os bolseiros seleccionados quedarán obrigados a:
-Asistir diariamente durante un mínimo de 5 horas ó centro de destino.
-Segui-las indicacións técnicas dos coordinadores.
-Entregarlles ós coordinadores, ó finaliza-la bolsa, un informe técnico resultado do seu traballo.
Artigo 2º
1.-Os solicitantes das bolsas deberán ser licenciados universitarios con estudios de prehistoria e arqueoloxía.
2.-As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial, que figura como anexo desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.
Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán así mesmo presentarse de calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administraciéns públicas e do procedemento administrativo común.
3.-Os solicitantes deberán xunta-la seguinte documentación:
-Fotocopia do DNI.
-Declaración expresa de non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, situacións que producen incompatibilidades co desfrute da bolsa que nesta orde se convoca.
-Fotocopia compulsada do expediente académico.
-Currículum vitae debidamente xustificado.
-Anexos I e II cubertos.
Artigo 3º
O importe da bolsa non excederá da cantidade de 1.062.500 pesetas cada unha.
Artigo 4º
1.-Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura poderanlles reclamar, se fose necesario, ós solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xuridico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, outorgándose un prazo de 10 días, desde o recibo do escrito de requirimento.
2.-A avaliación dos méritos alegados, que corresponde á Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura, farase segundo o baremo que a seguir se expresa. O mesmo mérito só se valorará unha vez:
1) Título superior (condición imprescindible).
2) Especialidade en prehistoria e arqueoloxía (9 puntos).
3) Traballos de prospección e inventario de xacementos arqueolóxicos (ata un máximo de 20 puntos):
a) Contratos de traballos de prospección e inventario (0,70 puntos/mes).
b) Adxudicación de axudas a traballos de prospección e inventario de xacementos arqueolóxicos (2 puntos por área).
c) Dirección de proxectos de prospección (1 punto por dirección).
d) Codirección de proxectos de prospección (0,5 puntos cada codirección).
e) Bolsas de catalogación (1 punto cada bolsa).
f) Participación en traballos de prospección (0,20 puntos/por participación).
4) Doutoramentos, cursos, congresos, publicacións de arqueoloxía (ata un máximo de 12 puntos).
a) Cursos de doutoramento (1 punto).
b) Tese de licenciatura (1 punto).
c) Tese de doutoramento (2 puntos).
d) Asistencia a cursos e congresos (0,10 puntos por curso).
e) Comunicacións en congresos (0,25 puntos cada comunicación).
f) Relatorios en congresos (0,50 puntos cada relatorio).
g) Publicación de libros (1 punto cada libro publicado).
h) Publicación, artigo en revista especializada ou colaboración na publicación dun libro (0,50 puntos cada artigo ou colaboración).
5) Cursos de galego (ata un máximo de 1 punto).
a) Iniciación (0,50 puntos).
b) Perfeccionamento (0,50 puntos).
c) Outros méritos (ata un máximo de 8 puntos):
a) Dirección de proxectos de intervencións arqueolóxicas (0,50 puntos por dirección).
b) Codirección de proxectos de intervencións arqueolóxicas (0,25 puntos por codirección).
c) Contratos coa Xunta de Galicia como arqueólogo (0,50 puntos/mes).
d)Contratos con outras administracións públicas como arqueólogo (0,50 puntos/mes).
e) Cursos de informática (0,10 puntos cada curso).
3.-A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura por proposta do director xeral do Patrinionio Histórico e Documental. O acordo farase público nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e nos das súas delegacións provinciais.
4.-A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da data da súa notificación efectiva ós interesados.
Artigo 5º
O pagamento das bolsas axustarase á norma orzamentaria de aplicación.
Antes de proceder ó seu cobro, os beneficiarios das bolsas terán que acreditar mediante certificacións expedidas polos organismos competentes, que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e fiscais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Se é o caso, deberá facerse expreso que non proceden as ditas obrigas.
Artigo 6º
1.-No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públi
cas e do procedemento administrativo común e poderá, mesmo, anula-los benericios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas, se as houbese, nos prazos que establece o Regulamento xeral da recadación.
2.-Sen prexuízo do anteriormente sinalado, non se lles concederán as bolsas nesta ou en posteriores convocatorias a aquelas persoas que non teñan debidamente xustificadas axudas percibidas con anterioridade.
3.-O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.
4.-A Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura expedirá, logo do informe valorativo dos coordinadores, ó remata-los traballos, certificación acreditativa da prestación dos servicios.
Artigo 7º
A Consellería de Cultura poderá facer pública unha nova convocatoria en iguais ou diferentes termos, no caso de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito asignado.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase o director xeral do Patrimonio Histórico e Documental para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 1995.
Víctor Manuel Vázquez Portomeñe
Conselleiro de Cultura

