Este Consello, en uso das facultades conferidas polo art. 10.2.d) do Regulamento de réxime interior (DOG nº 138, do 17 de xullo de 1992) convoca concurso para cubrir un posto de traballo vacante conforme as seguintes bases:
Primeira.
1.1. Poderán tomar parte no concurso os funcionarios de carreira de calquera Administración pública comprendidos no grupo B ós que se refiren o artigo 25 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e no artigo 19 da Lei 4/1988, do 26 de maio, agás o persoal docente, investigador e sanitario, en posesión do título de diplomatura ou equivalente.
1.2. Para participar no presente concurso será necesario que os funcionarios solicitantes permanecesen no último destino definitivo un mínimo de dous anos contados desde a toma de posesión ata a data do remate do prazo de presentación de instancias, agás por supresión do posto de traballo.
Segunda.
O presente concurso consta de dúas fases. Na primeira delas valoraranse os méritos xerais enumerados na base cuarta, e a segunda fase consistirá na comprobación e valoración dos méritos específicos adecuados ás características do posto.
Para poder obte-lo posto de traballo no presente concurso haberá de alcanzarse un mínimo de 4 puntos na primeira fase, e un mínimo de 4 puntos na segunda fase.
Os participantes que na primeira fase non obteñan a puntuación mínima esixida non poderán pasar á segunda.
Terceira.
As características do posto de traballo convocado, segundo a relación de postos de traballo aprobada polo Pleno do Consello son as seguintes:
Denominación: xefe de arquivo.- Grupo B.- C.D.: 25-C.E.: 1.108.571 ptas.- Dependencia: Secretaría Xeral do Consello de Contas.- Localidade de destino: Santiago de Compostela. Requisitos indispensables: diplomado universitario e pertencer a calquera dos corpos medios da Administración do Estado, CC.AA., OO.AA., CC.LL. ou Seguridade Social. Méritos específicos: formación e experiencia en arquivos e bibliotecas.
Cuarta.
A presente convocatoria será resolta pola Comisión de Goberno do Consello, logo de proposta da Comisión de Valoración.
A valoración dos méritos para a adxudicación efectuarase de acordo co seguinte baremo:
1. Primeira fase: a valoración máxima desta fase non poderá ser superior a 12 puntos.
1.1. Méritos xerais:
1.1.1. Valoración do grao persoal: pola posesión de grao persoal adxudicarase ata un máximo de 3 puntos, segundo a distribución seguinte:
Por te-lo grao 16 consolidado: 0,6 puntos. Por cada grao máis consolidado: 0,2 puntos. Cando o funcionario careza de grao consolidado computaranse 0,6 puntos.
1.1.2. Valoración do traballo desenvolvido: polo nivel de complemento de destino de cada un dos postos de traballo nos que o concursante estivese nomeado de forma definitiva nos últimos cinco anos adxudicarase ata un máximo de catro puntos, distribuídos do seguinte xeito:
Por cada ano nun posto de traballo de nivel superior ó do posto ó que se concursa: 0,5 puntos se o posto pertence á mesma área ou 0,20 puntos se pertence a distinta área.
Por cada ano nun posto de traballo de nivel igual ou inferior en un, dous ou tres niveis ó do posto ó que concursa: 0,8 puntos se pertence á mesma área ou 0,4 puntos se pertence a distinta área.
Por cada ano nun posto de traballo inferior en catro ou máis niveis ó do posto ó que se concursa: 0,6 puntos se pertence á mesma área ou 0,3 puntos se pertence a distinta área.
Para estes efectos, para os que non estivesen nomeados nun posto de traballo con nivel de complemento de destino, entenderase que prestaron os seus servicios nun posto de nivel mínimo correspondente ó grupo do seu corpo ou escala. Cando se trate de funcionarios en situación de comisión de servicios o nivel de CD será o do posto de orixe.
En ningún caso se computarán os traballos desenvolvidos con anterioridade ós últimos cinco anos.
1.1.3. Coñecemento da lingua galega: adxudicarase ata un máximo de 2,5 puntos.
Polo cursiño de iniciación con aproveitamento: 1 punto. Polo curso de perfeccionamento con aproveitamento: 2,5 puntos. No caso de acredita-lo curso de perfeccionamento non se valorará o de iniciación.
Só se concederá validez, no que á acreditación do coñecemento do galego se refire, ós cursos ou titulacións homologadas pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
1.1.4. Antigüidade: adxudicarase ata un máximo de 2,5 puntos, a razón de 0,2 puntos por ano completo de servicios. Non se computarán servicios que se prestaran simultaneamente con outros igualmente alegados.
2. Segunda fase: a valoración máxima desta fase non poderá ser superior a 8 puntos.
2.1. Méritos específicos: os méritos específicos incluídos na base terceira serán acreditados documentalmente mediante as pertinentes certificacións, xustificantes ou calquera outro medio admitido, debendo detallarse no modelo que figura como anexo III deste acordo.
2.2. A comisión de valoración valorará os méritos específicos da seguinte forma:
2.2.1. Cursos específicos: impartidos en escolas ou centros oficiais das administracións públicas para a formación de funcionarios, ata un máximo de 3 puntos segundo a distribución seguinte:
a) Cursos superiores a 40 horas, destinados a funcionarios dos grupos A ou B, sobre arquivos: 1 punto.
b) Cursos superiores a 40 horas, destinados a funcionarios dos grupos A ou B, sobre bibliotecas: 0,5 puntos.
2.2.2. Experiencia e coñecementos en arquivos: máximo 3 puntos.
2.2.3. Experiencia e coñecementos en xestión de bibliotecas: máximo 2 puntos.
En concepto de méritos específicos axeitados ás
características do posto de traballo, valoraranse os reseñados nos apartados anteriores como determinantes da idoneidade de quen aspire a desempeña-lo posto. Para este efecto xuntaráselle á solicitude unha memoria na que conste a análise das tarefas, requisitos, condicións e medios necesarios para o desempeño do posto conforme a súa descrición. A comisión de valoración poderá celebrar unha entrevista cos aspirantes para determina-la adecuación dos participantes ás características do posto a través do seu historial profesional e a súa capacidade xeral. Tanto a memoria como a entrevista utilizaranse como elementos de valoración en relación con estes méritos específicos.
Na memoria, cun mínimo de 5 folios e un máximo de 10 mecanografados a dobre espacio e a unha soa cara, faranse consta-los méritos específicos, estudios, traballos desenvolvidos, cursos, etc., e particularmente efectuarase unha análise das tarefas propias do posto de traballo, expresando as razóns polas que o interesado se considera apropiado para o seu desempeño.
A puntuación mínima para superar esta fase será de 4 puntos.
Quinta.
1.-Os requisitos de participación, méritos e calquera outro dato deberán estar referidos á data de remate do prazo de presentación de instancias.
2.-Os méritos xerais dos funcionarios que tomen parte no presente concurso deberán ser acreditados mediante certificación, segundo o modelo que figura no anexo II a esta resolución.
A certificación deberá ser expedida pola unidade de persoal de que dependa o funcionario.
Os méritos específicos alegados polos concursantes serán acreditados documentalmente, mediante as pertinentes certificacións, xustificantes ou calquera outro medio de proba: diplomas, publicacións, estudios, traballos, etc., sen prexuízo de que para os efectos indicados se lles poida solicitar formalmente as aclaracións ou, se é o caso, a documentación adicional que se coide necesaria.
3.-Os concursantes que procedan da situación administrativa de suspensión de funcións acompañarán á súa solicitude a documentación acreditativa de que remataron o período de suspensión.
4.-Os funcionarios procedentes da situación de suspensión de funcións, de excedencia voluntaria do apartado c) do artigo 29.3 da Lei 30/1984, e, de excedencia para o coidado de fillos xuntarán á súa solicitude declaración de non estaren separados do servicio de calquera das administracións públicas nin atoparse inhabilitados para cargo público.
5.-Os funcionarios con algunha discapacidade debidamente acreditada poderán solicitar na propia instancia a adaptación do posto que non supoña unha modificación exorbitante no contexto da organización. A comisión de valoración poderá reclamar do interesado en entrevista persoal a información que coide necesaria para a adaptación requirida, así
como o dictame dos órganos técnicos da Administración competente, respecto da procedencia da adaptación e da compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións do posto en concreto.
Sexta.
As puntuacións outorgadas, así como a valoración final, deberán reflectirse na acta que se levantará para o efecto.
A valoración máxima total non poderá ser superior a 20 puntos.
Sétima.
A orde de prioridade para a adxudicación do posto de traballo virá dado pola suma das puntuacións obtidas nas fases previstas na base segunda e cuarta.
O caso de empate dirimirase pola maior puntuación na fase primeira, e de persistir este, atenderase ó maior tempo de servicios prestados en calquera Administración pública.
Publicada a resolución do concurso, o destino é irrenunciable, agás se con anterioridade ó remate do prazo de toma de posesión se obtivese outro destino mediante convocatoria pública, ben polo procedemento de libre designación ou por concurso. Neste caso poderase optar por un dos dous, estando obrigado o concursante a comunicar por escrito a este consello nos tres días seguintes á opción realizada.
Oitava.
O traslado que se derive da resolución do presente concurso terá a consideración de voluntario.
Novena.
As solicitudes para tomar parte no concurso dirixiranse ó conselleiro maior do Consello de Contas, axustadas ó modelo que se publica como anexo I e acompañadas do currículum vitae e memoria, e presentaranse no prazo de 15 días contados a partir do seguinte ó da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia, no rexistro xeral do Consello de Contas, sito na Rúa Ramón Piñeiro nº 29, Santiago de Compostela.
Décima.
A comisión de valoración estará integrada polo conselleiro maior ou conselleiro de contas en quen delegue en calidade de presidente, tres vocais designados pola Comisión de Goberno, dous vocais en representación do persoal e un secretario con voz pero sen voto.
Tódolos membros da comisión deberán pertencer a un grupo igual ou superior ó esixido para os postos convocados e ademais posuír grao persoal consolidado ou desempeñar postos de igual ou superior nivel ó convocado.
Composición da comisión de valoración:
Presidente, por delegación do conselleiro maior:
-Manuel González Vidal, conselleiro.
Vocais:
*Nomeados pola Comisión de Goberno:
-Manuel Burque Torreira, secretario xeral.
-Víctor Valdés Solís, técnico de auditoría.
-Roberto Carril Bermúdez, técnico de auditoría.
*En representación do persoal:
-Mª Cruz Cancela Blanco, técnica de auditoría.
-José Manuel Pumares Besteiro, técnico de auditoría.
Actuará como secretaria, con voz pero sen voto Mª Eugenia Pascual Grasa, xefa da Sección de Persoal e Material.
Décimo primeira.
O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se o posto de traballo de procedencia se atopa na mesma localidade, ou de un mes se radica en localidade distinta.
O prazo de toma de posesión comezará a contarse a partir do día seguinte ó do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ó da publicación da resolución do concurso no Diario Oficial de Galicia. Se a resolución comporta o reingreso no servicio activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita publicación.
O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando rematen os permisos ou licencias que, se é o caso, fosen concedidos ós interesados.
Nos supostos de baixa temporal ou transitoria o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta.
Décimo segunda.
Contra este acordo poderase interpoñer recurso ordinario ante o Pleno do Consello de Contas no prazo de un mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 1995.
Carlos G. Otero Díaz
Conselleiro maior

