Os éxitos acadados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes nos asuntos concernentes
á xestión dos montes e protección e defensa do medio ambiente non deben ser motivo para non tentar mellorar paulatinamente a eficiencia na utilización dos recursos limitados de que dispón. Peza clave neste obxectivo é garanti-la concorrencia da imprescidible axilidade e celeridade na resposta administrativa ós múltiples problemas que a Consellería debe afrontar no exercicio das súas funcións e na asunción das súas responsabilidades, sen mingua ningunha das garantías legais previstas no noso ordenamento xurídico.
É un principio xeralmente admitido pola ciencia da Administración achegarlles ós órganos administrativos inferiores ó exercicio das competencias propias, como instrumento tendente a dotar de maior transparencia e dilixencia a actuación da Administración. Este principio vén positivado no artigo 12.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, concordante co vello artigo 5.1 da Lei do 17 de xullo de 1958, de procedemento administrativo. Do mesmo xeito, os artigos 6 e 8 do Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, polo que se reorganiza a Administración periférica da Xunta de Galicia e se regulan as competencias dos órganos territoriais, asumen esas previsións.
Polo anteriormente exposto e en virtude das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e as demais disposicións concorrentes de aplicación,
DISPOÑO:
Artigo 1.-Pola presente orde deléganse nos delegados provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes a competencia para contratar en nome da Xunta de Galicia o persoal laboral de carácter temporal destinado a realizar traballos nos servicios de Montes e Industrias Forestais e do Medio Ambiente Natural, dependentes das respectivas delegacións provinciais da consellería.
Artigo 2.-A delegación competencial exercerase nos termos previstos no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na restante normativa laboral, financeira e administrativa ou de calquera outra orde que sexa de aplicación.
Artigo 3.-O persoal contratado será exclusivamente o incluído nas respectivas listas anuais vixentes, con sometemento en todo caso ós principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade.
Artigo 4.-Antes do quinto día hábil de cada mes, os delegados remitiranlle á secretaría xeral da consellería unha relación nominal que inclúa todo o persoal contratado o mes anterior en exercicio da súa delegación. Esta relación deberá incluí-los seguintes datos:
1) Apelidos e nome do traballador.
2) Data na que se fiscalizase o contrato pola intervención territorial.
3) Data de sinatura do contrato.
4) Data de alta na Seguridade Social.
Disposición transitoria
Única.-As listas das que se poderá selecciona-lo persoal contratado ó longo do ano 1995 serán as confeccionadas ó abeiro da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 12 de decembro de 1994 (DOG nº 243, do 20) e segundo o procedemento nela establecido.
Disposición derradeira
Única.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 1995.
Tomás Pérez Vidal
Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

