Por Real decreto do 16 de novembro de 1979, Boletín Oficial del Estado do 18 de xaneiro de 1980, foi declarado ben de interese cultural con categoría de monumento histórico artístico a igrexa parroquial de Vilabade, concello de Castroverde-Lugo.
Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, cómpre na actualidade concreta-la delimitación da súa contorna.
En consecuencia, e vistos os informes dos servicios técnicos e órganos consultivos, favorables á incoación do expediente para a delimitación da contorna da igrexa parroquial de Vilabade, concello de Castroverde, Lugo, esta dirección xeral resolve:
Primeiro.-Ter por incoado expediente para a delimitación da contorna da igrexa parroquial de Vilabade, municipio de Castroverde, Lugo.
Protexer este monumento e a zona afectada pola incoación, sendo a súa delimitación a seguinte.
«A liña parte do punto 1 situado no eixe da estrada de Castroverde a Vilabade, fronte ó cruzamento onde parte o camiño de Vilabade a San Pedro de Vilalle. Avanza en dirección nordeste, cara a Vilabade, uns 60 m onde alcanza o punto 2.
No punto 2 xira á esquerda para coincidir co lindeiro que separa as parcelas 19 e 6 do polígono nº 85 do catastro de rústica.
A liña continúa en dirección noroeste coincidindo cos lindeiros oeste das parcelas 19, 17 e 10 do citado catastro, de tal xeito que quedan incluídas na delimitación proposta.
Alcanza así o punto 3 no camiño do Parral, crúzao para continuar coincidindo co límite da zona urbana definida no plano do Catastro e que coincide co lindeiro sur das parcelas 88b, 83a e 84 que quedan excluídas da delimitación, ó mesmo tempo que se inclúe a zona urbana.
No punto 4, vértice SE da parcela 84, a liña xira á esquerda para continuar coincidindo cos lindeiros leste da parcela 84, oeste da parcela 85b e norte da parcela 85a que quedan por tanto incluídas na delimitación.
Chegamos así coa liña ó punto 5, no camiño de Vilabade ás explotacións agrícolas e forestais situadas ó norte da vila. Atravesa o dito camiño e continúa polo lindeiro norte das parcelas 9, l0b e 6c e o lindeiro leste das parcelas 6a e 6e do polígono 88 do citado catastro.
Alcanza a liña o punto 6 no carniño á ermida do Carme, que atravesa para continuar polo eixe do camiño que limitan as parcelas 5a, 5b e 5c do polígono 89.
O punto 7 sitúase no vértice NE desta última parcela (5c); neste punto a liña xira á dereita para deixa-lo camiño e continuar en dirección SO coincidindo co lindeiro SE das parcelas 5c, 7a, 6a, 8c, 8g, 12b e 12a que quedan polo tanto incluídas na delimitación.
Estes lindeiros definen á súa vez o límite entre o agro e a zona forestal, na que se conserva, hoxe en día, unha fraga en bastante bo estado.
Alcanza a liña o punto 8 do camiño que une Vilabade con San Pedro de Vilalle onde xira á dereita para continuar en dirección O e despois N coincidindo co eixe do dito camiño ata chegar á delimitación no punto 1.
Segundo.-Segui-la tramitación do expediente segundo as disposicións vixentes.
Terceiro.-Dar traslado da resolución, ó alcalde do concello de Castroverde-Lugo e notificarlle que «O
outorgamento das novas licencias de obras, e a execución das xa concedidas antes de incoarse o expediente precisarán resolución favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental.
Cuarto.-Notificarlle a presente resolución ó bispo de Lugo, o Rexistro de Bens de Interese Cultural do Ministerio de Cultura, e o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.
Quinto.-Que a presente resolución sexa publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 1995.
Ángel Sicart Giménez
Director xeral do Patrimonio Histórico
e Documental

