Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 1995 Páx. 2.427

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 27 de marzo de 1995 pola que se regula o procedemento para a resolución das solicitudes de percepción do complemento específico do persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde.

O Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro (DOG nº 17, do 25 de xaneiro), regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde e establece os prazos para formular solicitudes e renuncias.

O artigo 4º outórgalles ós directores xerentes dos respectivos centros a competencia para a resolución das solicitudes tanto de percepción como de renuncia ó complemento específico.

Como queira que a normativa vixente liga a percepción deste complemento á prestación de servicios en réxime de exclusividade ó sector público, de tal xeito que quen o perciba non poida desempeñar outra actividade lucrativa, nin pública nin privada, agás as excepcións legalmente previstas e previa, en todo caso, a autorización de compatibilidade, resulta adecuado establece-las medidas necesarias que garantan que o órgano competente pode contar, en todo momento, coa información necesaria para dictar unha resolución conforme a dereito ou para se é o caso, deixala sen efecto.

Por todo o anterior, en uso das facultades que lle concede o Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, antes citado, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Os directores das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde poderán, en calquera momento, solicita-la información necesaria que permita verificar que o réxime de dedicación do persoal con complemento específico se axusta á legalidade vixente.

Cando da información obtida se desprenda que a prestación de servicios en réxime de dedicación exclusiva e a conseguinte percepción do complemento específico non se acomoda á lexislación en materia de incompatibilidades, procederase a denega-la solicitude, se se encontra en fase de resolución á que alude o artigo 4.1 do Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, ou, nos demais casos, a inicia-lo correspondente expediente administrativo para deixar sen efecto o dito réxime de dedicación.

Segundo.-En particular, e para os efectos da resolución mencionada no artigo 4.1 do Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, os directores dos centros sanitarios solicitaranlles, deixando constancia del no expediente, ós interesados que optasen á percepción do complemento específico que no prazo máximo de 15 días presenten xustificación de baixa da declaración censual (modelo 037 ou o que no futuro o substitúa) ou, se é o caso, certificado da axencia tributaria de non estar incluído en ningún epígrafe do imposto de actividades económicas profesionais.

Se no prazo indicado, no apartado anterior non fose presentada a documentación requirida, procederase a denegar por resolución expresa a percepción do complemento específico solicitada.

Disposición adicional

Sen prexuízo da facultade de información a que fai referencia o artigo primeiro da presente orde, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais facilitaralles ós directores das institucións sanitarias relación actualizada de todo o persoal facultativo do Servicio Galego de Saúde que presta servicios nos centros concertados.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais