Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 1995 Páx. 2.443

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 18 de xaneiro de 1995 pola que se regula a concesión de axudas para o desenvolvemento de programas de educación ambiental sobre o medio mariño.

A crecente preocupación pola deterioración dos ecosistemas mariños, sexa pola contaminación sexa pola explotación abusiva, debe levar a adopta-las medidas que posibiliten a súa recuperación. Dado que, nunha grande parte, o éxito de tales medidas depende da concienciación colectiva, polo que supón de cambio de actitudes e de esixencias sobre as institucións, é conveniente apoiar aquelas accións destinadas a lograr un maior grao de coñecemento do medio ambiente mariño e de concienciación sobre a necesidade de lograr unha explotación non destructiva compatible coa renovación dos recursos. Polo que,

DISPOÑO:

Artigo 1.-Obxecto.

Convocar axudas para o desenvolvemento de programas de educación ambiental sobre o medio mariño, conforme as normas contidas na presente orde garantindo os preceptos legais de igualdade, concurrencia e publicidade.

As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 12.04.480.00 do programa 342.A dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Artigo 2.-Fins.

As actividades que poderán acollerse a estas axudas serán aquelas que teñan por finalidade:

1º.-Realización de xornadas, cursos, seminarios e encontros de estudio sobre o medio mariño ou a súa problemática ambiental.

2º.-Realización de exposicións, proxeccións audiovisuais e outras actividades ambientais sobre o medio mariño dirixidas á xuventude ou á poboación en xeral.

3º.-Preparación e elaboración de orixinais de material didáctico sobre o medio mariño dirixido a educación ambiental e/ou á súa publicación ou realización para distribuír gratuitamente.

Ós beneficiarios poderalles ser concedia a axuda, soamente, para unha das finalidades descritas anteriormente.

Artigo 3.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas:

1º.-As confrarías de pescadores e organizacións de productores pesqueiros recoñecidas.

2º.-As entidades que teñan como fin a defensa da natureza e estean inscritas no rexistro existente para tal efecto na Xunta de Galicia.

3º.-Outras entidades culturais sen fin de lucro.

4º.-As persoas físicas, individualmente ou en colaboración con outras, se a solicitude é para a preparación e elaboración de orixinais de material didáctico recollido no artigo 2º.3.

Tódolos beneficiarios relacionados anteriormente deberán te-lo seu domicilio social, no caso das entidades, ou particular, no caso de persoas fisicas, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4.-Contía e límites de axuda.

As axudas concederanse para as distintas finalidades nas contías e cos límites máximos que se indican:

1º.-Para a finalidade prevista no artigo 2º.1., os gastos derivados da organización, honorarios de conferenciantes e profesorado e outros, excluídos os de adquisición de material inventariable, ata un 80% do orzamento cun máximo de 300.000 pts.

2º.-Para a finalidade prevista no artigo 2º.2., os gastos derivados da organización, realización de material expositivo, alugueiro de equipos e material, realización de material de divulgación do propio acto e outros correspondentes á actividade, excluídos os de adquisición de material inventariable, ata a totalidade do orzamento cun máximo de 1.500.000 pts.

3º.-Para a finalidade prevista no artigo 2º.3., os gastos derivados da preparación do material, como fotografías, ilustracións, e outros necesarios para a elaboración da unidade que se incluirán na memoria e os de imprenta, ata a totalidade do orzamento cun máximo de 500.000 pts, se se inclúe a publicación ou realización do material para a súa distribución gratuíta. Se se solicita unicamente para a preparación e elaboración do orixinal do material o límite fíxase en 100.000 pts.

Artigo 5.-Compatibilidade da axuda.

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o conxunto delas non supere as limitacións establecidas na disposición cuarta desta orde. No caso de que fosen superadas estas limitacións, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura minorará o importe da axuda concedida ata alcanza-los máximos permitidos.

Artigo 6.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo do anexo, que se poderá recoller nos servicios centrais ou nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, debendo ser presentadas nas delegacións territoriais correspondentes, ou ben a través do mecanismo establecido no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará ós 45 días contados a partir do seguinte ó de publicación.

Artigo 8.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

1.-Fotocopia compulsada do DNI do solicitante.

2.-Fotocopia compulsada dos estatutos da sociedade e certificación do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para face-la solicitude ó asinante da mesma. De actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia e xuntando unha certificación do órgano competente na que se acredite o desempeño actual do cargo.

3.-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal, ou NIF, segundo se trate de persoas xurídicas ou físicas.

4.-Fotocopia compulsada do documento que acredite a inscrición no rexistro de asociacións, se é o caso.

5.-Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para efectos do pagamento da axuda.

6.-Memoria que conteña unha descrición detallada do programa de actividades, do calendario, do persoal, dos medios necesarios, do material educativo e calquera outro aspecto que se considere de interese.

7.-Plan económico indicando a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera administración estatal, autonómica, local ou institucional.

Os solicitantes que xa presentaron solicitudes no ano 1994 quedarán eximidos de presenta-la documentación dos puntos 3, 4 e 5, debendo presentar unha certificación do órgano competente na que se indique que non se modificaron en absoluto as circunstancias existentes desde entón.

Artigo 9.-Tramitación e resolución.

Á vista das solicitudes e documentación presentadas, a sección de Formación Pesqueira e Investigación das delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura solicitará a ampliación de datos ou os informes que considere necesarios, e efectuará as comprobacións pertinentes; seguidamente formulará a proposta de resolución favorable ou denegatoria de cada solicitude ó delegado territorial, na contía que se considere oportuna en función das dispoñibilidades do crédito existente.

O delegado territorial correspondente dictará resolución de concesión ou denegación da axuda solicitada, tendo en conta as prioridades e limitacions establecidas nesta disposición, no prazo máximo de

tres meses desde o remate do de presentación de solicitudes. No caso de non recaer resolución expresa de concesión, a solicitude quedará desestimada.

Artigo 10.-Criterios obxectivos de prioridade.

1.-Para establece-las prioridades teranse en conta os seguintes criterios:

a) Terán preferencia as solicitudes presentadas polas entidades do sector pesqueiro sobre as demais, e as entidades para a defensa da natureza sobre o resto de peticionarios.

b) Terán preferencia as solicitudes presentadas para as finalidades previstas nos artigos 2º.2 e 2º.3.

No caso de igualdade de condicións valorarase a orixinalidade da actividade obxeto da axuda e o interese para a zona onde se vaia realizar.

2.-A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación á vista das solicitudes presentadas distribuirá a contía global consignada no concepto orzamentario entre as delegacións territoriais.

Artigo 11.-Prazo de realización.

O prazo no que debe ser realizada a actividade obxecto de axuda será fixado na resolución de concesión de axuda, sen que en ningún caso poida exceder do 31 de decembro do ano en curso. Cando o beneficiario considere que non pode remata-lo proxedo dentro do prazo sinalado, antes de rematar este poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade axudada.

O delegado territorial dictará resolución pola que se aprobe ou denegar a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada non poderá exceder de dous meses a partir do remate do prazo establecido na resolución de concesión da axuda. O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 12.-Control das actividades obxecto das axudas.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a través das súas delegacións territoriais, reserva para si a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controles que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito as datas e horas de realización das actividades obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectua-las comprobacións que se coiden oportunas.

Os beneficiarios das axudas quedarán suxeitos, ademais de ás actuacións de comprobación que acordo a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ás de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

No suposto de que unha vez notificada a resolución de concesión houbera algunha variación no calendario, nos prazos de execución da actividade sinalados na memoria de solicitude, ou calquera outra

modificación, seralle comunicada á delegación territorial coa antelación suficiente para que poida realiza-las comprobacións que considere necesarias, para efectos de aprobar ou denega-la devandita modificación.

As delegacións territoriais establecerán as medidas necesarias para efectos de face-la comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda.

Artigo 13.-Pago das axudas.

Finalizada a execución do proxecto no prazo sinalado, ou no que resultase como consecuencia da prórroga concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar na delegación territorial correspondente dentro do prazo de un mes a seguinte documentación:

a) Facturas orixinais dos gastos realizados, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude. No caso de pagamentos de salarios, gratificacións, etc., deberá consta-la retención correspondiente polo IRPF.

b) Declaración xurada na que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera organismo estatal, autónomo, local ou institucional.

c) Memoria sinxela de realización da actividade indicando datas de realización, número de asistentes e outros aspectos de interese, á que se xuntará documentación relacionada coa actividade, tal como programas, folletos, notas de prensa e outros.

Se a actividade axudada correspondese á fixada no artigo 2º.3, entregarase en lugar do establecido no parágrafo anterior un orixinal do material realizado ou 25 exemplares no caso de que sexa publicado, cunha memoria que indique o seu destino e forma de distribución gratuíta.

A sección de Formación Pesqueira e Investigación de cada delegación territorial certificará a execución completa das actividades obxecto da axuda despois de realiza-las comprobacións oportunas.

Artigo 14.-Pagos con carácter de anticipo.

Os beneficiarios poderán solicitar pagos parciais con carácter de anticipo, ata o 80% da axuda concedida. O seu aboamento farase en dous pagos, o primeiro por un 40% no momento da concesión e outro unha vez xustificado o anterior de acordo co establecido no artigo 13.a).

Para o primeiro pago, á solicitude xuntaráselle unha memoria, así como as facturas proforma, orzamentos ou documentos similares que xustifiquen os gastos nos que se incorra, e a declaración xurada do artigo 13.b).

O resto da axuda librarase unha vez rematada a actividade, segundo o disposto no parágrafo anterior.

Artigo 15.-Outras condicións.

En toda a documentación pública relacionada coas actividades obxecto da axuda, farase constar que estas se realizaron cunha axuda da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Nos exemplares de distribución gratuíta farase constar, impresa neles, a frase «Exemplar gratuíto»

En relación cos orixinais que se realicen segundo o establecido no artigo 2.3, que non leven consigo directamente a súa publicación ou realización, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura reserva para si o dereito de publicación ou de realización durante un ano, contado desde a data de entrega do orixinal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Forma

ción Pesqueira e Investigación para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura